Teatro de cámara

Antes do comezo do teatro independente en Galicia, durante os anos de 1950 e o primeiro lustro da década de 1960, os espectadores de teatro en Galiza contaban con dúas opcións perfectamente compatíbeis, as cales consistían en asistir ás representacións das compañías de repertorio chegadas desde Madrid ou en ir ás postas en escena dos grupos de Teatro de Cámara. Isto era debido a que os grupos desde tipo de dramática, dado o seu carácter elitista e a súa ausencia de reivindicación social, non supoñían ningún tipo de perigo para o réxime ditatorial do xeneral Francisco Franco, polo que non só non eran prohibidos senón que incluso contaban un certo fomento por parte das institucións públicas. A isto habería que engadirlle a cuestión lingüística, posto as obras que poñían sobre o taboado estaban escritas en lingua española.

De todos os xeitos, o valor do Teatro de Cámara para a dramática galega non pode ser nunca negado. Alén de ofrecerlle ao espectador galego un tipo de dramática diferente, valeu este tipo de teatro de resorte e/ou período formativo para moitas das personalidades da escena galega. As orixes teatrais de nomes como Agustín Magán, Euloxio R. Ruibal ou Dorotea Bárcena residen precisamente no Teatro de Cámara.

Dos moitos grupos de cámara que coñeceu Galiza, destacan (entre outros) o compostelán Ditea e os vigueses Teatro Popular (de Maximino Queizán) e Esperpento (de Xulio Lago e Dorotea Bárcena) ou o ourensán Valle Inclán.

  NODES
orte 1
Todos 1