Teixos

xénero de plantas

Taxus é un xénero de árbores coníferas da familia Taxaceae, chamados teixos.

O teixo de Bermiego (Asturias), considerado por algúns autores coma o teixo máis vello de Europa.
Arilo do teixo.

Hábitat e distribución

editar

Propios das zonas montañosas, con ambientes frescos e húmidos. Prefiren terreos calcarios.

En Galiza atopamos só a especie Taxus baccata, hoxe moi escasa polas abundantes tallas durante a Idade Media, o mesmo ocorreu en Inglaterra. Con todo, aínda atopamos algún teixedal nas serras ourensás. Sete individuos de teixo común aparecen recollidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Descrición

editar

Poden acadar unha altura de até 20 metros. Aínda que con frecuencia se desenvolve de xeito desigual, a súa copa é piramidal con abundantes pólas que saen do toro de xeito horizontal. O toro é groso e cunha casca magra de tiras miúdas de cor parda avermellada ou cinsenta, acadando diámetros de 1,5 metros. Son moi lonxevos, podendo superar os 1.500 anos de vida.

Teñen follas perennes de 10 a 30 mm dispostas en dúas ringleiras opostas, de cor verde escura pola face superior e amarelenta ou glabra pola inferior. Son árbores dioicas, con pés masculinos ou femininos. Froitifica en xeito de arilo carnoso que arrodea a semente, de intensa cor vermella. Madurecen no outono e cada seis ou sete anos a árbore ten unha produción abundante de froitos. Raramente forman bosques, sendo o común encontrar os exemplares illados.

Case todas as partes da planta son ricas en alcaloides tóxicos: taxina, taxol, e baccatina, sendo o primeiro o máis perigoso, pois pode levar á morte en poucos minutos. O arilo ou baga é a única parte libre de taxina, podendo ser inxerido coa precaución de retirar a semente.

A madeira é moi dura, de gran fino e apertado, o que a fai moi apta para a ebanistaría e talla, aínda que a escaseza de pezas de suficiente grosor por mor do seu lento crecemento, limita o seu uso.

Usos e tradicións

editar

Silio Itálico, Lucio Anneo Floro e Santo Isidoro de Sevilla sinalan o uso destas sementes por parte dos antigos galaicos, cántabros e ástures. Din que os poboadores da Gallaecia empregábanas como veleno para se suicidar cando se atopaban sitiados polo inimigo ou presos deste.

Estes pobos celtas veneraban o teixo dado que formaba parte dalgúns dos seus rituais ao ser considerado unha árbore sagrada, probabelmente por mor á extraordinaria lonxevidade da planta, que a fai semellar inmortal. Por esta mesma razón ten sido plantado profusamente na Cornixa Cantábrica ou nas Illas Británicas ao abeiro de ermidas, igrexas e cemiterios dende tempos remotos, como símbolo da transcendencia da morte. Véxase artigo Santo André de Teixido (Teixido de teixo).

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 2