En histoloxía vexetal, as traqueidas[1] ou traqueides[2] son un dos tipos de células do xilema condutoras do zume bruto na planta. O outro tipo de vasos condutores xilemáticos son os elementos dos vasos, que se conectan uns a continuación dos outros formando vasos ou traqueas (que non se deben confundir coas traqueidas). En conxunto, as células condutoras xilemáticas (traqueidas e elementos dos vasos) denomínanse "elementos traqueais".[3]

Traqueidas con puntuacións areoladas de Abies concolor.
Detalle das traqueidas e puntuacións de Picea abies.
Traqueidas de Psedotsuga menziesii.

As traqueidas son células longas e estreitas con paredes secundarias lignificadas e sen protoplasto na madurez, polo que son células mortas e ocas. A parede das traqueidas está imperforada (o que as diferencia dos elementos dos vasos), pero ten, tanto no extremo coma nas partes laterais, puntuacións pares, onde a parede está adelgazada. Polas puntuacións pasa a auga atravesando a parede adelgazada e chega á traqueida seguinte. Xeralmente o tabique de conexión entre elas é moi oblicuo.[3] As paredes laterais teñen diversos tipos de engrosamentos con forma de anel, en espiral ou reticulados.[4]

Como as traqueidas teñen unha razón superficie/volume moito maior cós elementos dos vasos, poden manter a auga por adhesión ás súas paredes contra a gravidade con facilidade, evitando embolismos de aire cando non está funcionando a transpiración.

A función principal das traqueidas é o trasporte de auga e sales da raíz ao resto da planta. Ademais, como están lignificadas son tamén un elemento de sostén, e son as principais células que lle dan resistencia a madeiras brandas como a de piñeiro.

Nas ximnospermas o xilema tardío axial presenta traqueidas longas (0,5 a 11 mm de lonxitude) con paredes engrosadas e 14 caras ou máis. As traqueidas das ximnospermas actuais están conectadas por pares puntuacións areoladas circulares ou ovais, máis frecuentes nos extremos onde se solapan. Poden presentar engrosamentos na parede dos extremos chamados crásulas, ou trabéculas, que son barras que unen unha parede tanxencial con outra.

Evolución e distribución

editar

As traqueidas son evolutivamente máis primitivas cós membros dos vasos. Son as únicas células condutoras xilemáticas atopadas nas pteridospermas fósiles e na maioría das peteridófitas actuais e ximnospermas, e ademais algunhas anxiospermas teñen células similares a traqueidas na madurez. Os membros dos vasos evolucionaron a partir de traqueidas e son as células que normalmente se atopan nas monocotiledóneas, na maioría das dicotiledóneas e en certas pteridófitas e nas Gnetales.[3] No protoxilema xeralmente atópanse traqueidas.

  1. Traqueida no bUSCatermos, que dá como referencia "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991.
  2. Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redactores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. (2010). Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. (PDF). Xunta de Galicia. p. 164. ISBN 978-84-453-4973-1. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 251-262. ISBN 84-282-0169-2.
  4. Strassburger, E. Tratado de Botánica. 7ª edición. Omega, Barcelona, Páxinas 128-130. ISBN 84-7102-990-1.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
orte 2