Tronco do encéfalo
O tronco do encéfalo ou tronco cerebral é a estrutura nerviosa que se atopa na fosa cerebral posterior, situado caudal aos hemisferios cerebrais, por diante do cerebelo. Está composto polo bulbo raquídeo, a Ponte de Varolio (ou protuberancia anular) e o mesencéfalo. É a maior ruta de comunicación entre o cerebro anterior, a medula espiñal e os nervios periféricos. Tamén controla varias funcións incluíndo a respiración, regulación do ritmo cardíaco e aspectos primarios da localización do son. Formado por substancia gris e branca.
Tipos
editarA substancia gris forma núcleos dentro da substancia branca, que se poden subdividir en tres tipos:
- Centros segmentarios que representan a orixe real dos nervios craniais.
- Núcleos do tronco cerebral que inclúen:
- Estacións de relé de vías sensitivas.
- Orixe das vías de asociación do tronco cerebral.
- Orixe de vías motoras involuntarias (vía extrapiramidal).
- Formación ou substancia reticular: conxunto de neuronas que exercendo un efecto facilitador ou inhibidor intervén en varios procesos como, por exemplo, o estado de soño-vixilia. A formación reticular vese alterada nos síndromes de hiperactividade.
Centros segmentarios
editarRepresentan a orixe real dos nervios craniais e correspóndense coa actividade somatomotora, somatosensitiva, visceromotora e viscerosensitiva.
Os núcleos somatomotores divídense en dúas columnas:
- Unha dorsal, próxima á liña media que é a encargada da innervación motora dos músculos de orixe somática (músculos motores extrínsecos do ollo e músculos da lingua) e inclúe os núcleos:
- Nervio motor ocular común (MOC) ou III par: localizado na parte alta do mesencéfalo, próximo ao acueduto de Silvio. Deste núcleo sairá o nervio MOC ou III par cranial.
- Patético ou IV par: na parte baixa do mesencéfalo. Del sairá o nervio patético ou IV par cranial cuxas febras serán contralaterais.
- Motor ocular externo (MOE) ou VI par: localizado a nivel da protuberancia.
- Hipogloso maior ou XII par: na parte inferior da protuberancia e parte superior do bulbo; del sae o XII par cranial ou nervio hipogloso que innerva músculos da lingua.
- Unha ventral, situada por fóra e cara a adiante da previa e que brinda innervación ás estruturas derivadas dos arcos e fendiduras branquiais e comprende os núcleos:
- Motor do trixémino ou núcleo mastigador: é o máis superior da protuberancia. Del saen febras nerviosas que compoñen o nervio mastigador que se incorporará ao trixémino ou V par cranial.
- Facial ou VII par: na parte baixa da protuberancia. De aquí sae o nervio facial ou VII par cranial. Ao saír, o seu axón diríxese primeiro á liña media, rodea ao núcleo do MOE e forma así o primeiro xeonllo do facial (hai que ter en conta que este feito dáse no lado esquerdo e no dereito). Tras isto sae do tronco do encéfalo lateralmente.
- Ambiguo: constituído por dous núcleos unidos. Esténdese ao longo do bulbo e a protuberancia (menos neste última). É a orixe das febras somatomotoras, de arriba cara a abaixo, do glosofarínxeo, pneumogástrico.
- Accesorio ou espiñal: é o máis inferior. Del sae o nervio accesorio ou espiñal (XI par cranial). Algúns autores considérano como constituínte do núcleo ambiguo. Continuarase na medula espiñal cervical co núcleo do nervio espiñal.
Os núcleos somatosensitivos, que do mesmo xeito que nos anteriores tamén se poden describir dúas columnas,
- Unha dorsal que comprende os núcleos
- Estatoacústicos que poden ser subdivididos en núcleos vestibulares, relacionados co equilibrio, están localizados no ángulo externo do chan do cuarto ventrículo onde forma a eminencia ou trígono acústico, descríbense principalmente 3 (Schwalbe ou núcleo principal, Deiters e Bechterw) e núcleos cocleares, son dous o núcleo coclear dorsal e o núcleo coclear ventral e representan o primeiro relevo das vías auditivas.
- Núcleo do fascículo solitario, correspóndese a á branca externa do chan do cuarto ventrículo e é a orixe real do intermediario de Wrisber (VII bis); do glosofarínxeo (IX) e para rematar do nervio vago (X). A parte superior, onde se orixinan as febras do VII bis e o IX, forma o núcleo gustativo.
- e unha ventral, que comprende o núcleo do trixémino (V par) ou núcleo xelatinoso de Rolando. Esténdese ao longo do tronco do encéfalo, desde o sector inferior da calota dos pedúnculos cerebrais ata a parte inferior do bulbo onde se continúa coa substancia xelatinosa de Rolando. Ten unha parte media de maior diámetro a nivel da protuberancia estreitándose cara aos extremos. É a primeira substitución das fibras sensitivas do V par.
Os núcleos visceromotores forman unha columna que se atopa cara a fóra das columnas previas e engloba a:
- Os núcleos da motilidade intrínseca do ollo que son o núcleo mediano de Perlia (converxencia da mirada) e os núcleos de Edinger (acomodación e contracción pupilar).
- O núcleo lacrimomuconasal dá febras que se suman ás do VII par e controlan a secreción lagrimal e mucosa das fosas nasais.
- Os núcleos salivais:
- Superior, é a orixe das febras viscerais do nervio intermediario de Wrisberg (VII bis) que innervan as glándulas submaxilar e sublingual.
- Inferior, súmanse ás febras do glosofarínxeo (IX) que innervan á glándula parótide.
- O núcleo cardioneumoentérico é a orixe das febras cardíacas, respiratorias e dixestivas do X par.
E, para rematar, os núcleos vescerosensivos, dos cales o único ben diferenciado é o núcleo dorsal do vago que se corresponde coa á gris do piso do cuarto ventrículo.
Vías de asociación do tronco do encéfalo
editarSon febras que conectan diferentes núcleos entre si dentro do tronco cerebral, aínda que algunhas delas poden chegar ata a medula ou ata o cerebelo. Existen vías que interconectan os centros dereitos e esquerdos que son transversais:
- 1. Internucleares oculocefalóxiras transversais que asocian aos núcleos dos nervios motor ocular común e externo dereito e esquerdo permitindo o movemento conxugado dos ollos.
- 2. Febras arciformes do bulbo que pertencen ás vías cerebelosas, e vías verticais, estas últimas representadas principalmente por dous grupos de febras chamados:
- 1. Cintilla Lonxitudinal Posterior ou Fascículo Lonxitudinal Medial: que comprende febras que van desde as proximidades do chan do terceiro ventrículo ou o extremo superior do acueduto de Silvio, máis precisamente do núcleo de Darkschewitsch, ata a medula cervical e está especialmente relacionado co control reflexo dos movementos da cabeza e os ollos. Transcorre pola liña media, a nivel peduncular faio inmediatamente por diante do acueduto de Silvio e a nivel bulboprotuberancial atópase por diante da substancia gris do chan do 4º ventrículo. Comprende:
- Febras que nacen nos núcleos vestibulares superior ou de Bechterew e medial ou de Schwalbe formando o que se coñece como Fascículo Vestibulomesencefálico de Van Gehuchten ou Fascículo Vestibulooculóxiro. As febras que se orixinan do núcleo vestibular superior ascenden polo Fascículo Lonxitudinal Medial homolateral cara aos núcleos oculomotores (III, IV e VI), algunhas febras cruzan a liña media cara ao complexo oculomotor contralateral na parte caudal do mesencéfalo; mentres as que nacen do núcleo vestibular medial proxéctanse de xeito bilateral cara aos núcleos dos músculos extraoculares con predominio contralateral, dando ademais febras descendentes que son directas e se dirixen cara ao núcleo do XI par cranial e a substancia gris da hasta anterior dos primeiros segmentos cervicais. Deste xeito queda constituída unha vía reflexa de coordinación dos movementos oculares cos da cabeza e o pescozo e de resposta oculocefalóxira a estímulos nerviosos orixinados nos condutos semicirculares do oído interno. As febras cruzadas exercen un efecto excitatorio e as directas un efecto inhibitorio.
- Feixe de febras orixinadas nas neuronas internucleares do VI par cranial, cruzan a liña media e finalizan no núcleo do III par cranial contralateral, máis precisamente, nas neuronas que innervan o músculo recto interno, brindando a conexión neural que permite os movementos conxugados dos ollos en forma lateral. Algunhas das febras ascendentes continúan máis aló dos núcleos oculomotores para terminar no núcleo intersticial de Cajal
- Febras que nacen nos núcleos vexetativos hipotalámicos (da porción medial e periventricular) e terminan na substancia gris periacuedutal do mesencéfalo e o teito. Algunhas febras poden acadar núcleos vexetativos bulboprotuberanciais, como o núcleo dorsal do rafe e os núcleos tegmentarios laterodorsal e dorsal (fascículo de Schütz ou lonxitudinal dorsal).
- Febras que parten dos tubérculos mamilares e distribúense pola substancia reticular da calota (núcleos dorsal e ventral da calota) e da protuberancia (fascículo de Gudden ou mamilotegmental).
- E para rematar, febras que nacen no núcleo de Darkschewitsch e terminan no núcleo do VI par
- 2. Fascículo central da calota: Forma parte das vías extrapiramidais. Atópase por diante e por fóra da cintilla lonxitudinal medial. Contén febras descendentes que se dirixen desde os núcleos mesencefálicos (núcleo vermello) e, probablemente, dos núcleos optoestriados ata a substancia reticular do bulbo, o complexo olivar inferior e a medula cervical alta; e ascendentes que parten da formación reticular bulbar (núcleo reticular xigante celular) e finalizan nos núcleos intralaminares rostrais talámicos. Son estas últimas as que intervirían no espertar.