Verismo (literatura)
O verismo ("realismo", do italiano vero, "verdade") foi un movemento literario italiano que chegou ao seu cumio entre 1875 e comezos do século XX.[1] Os seus máximos expoñentes foron Giovanni Verga e Luigi Capuana, autores do manifesto verista.[1] Capuana publicou a novela Giacinta (1879), considerada a máis representativa do verismo.[2] A diferenza do naturalismo francés, baseado nos ideais positivistas, Verga e Capuana rexeitaron calquera defensa da natureza científica e utilidade social do seu movemento.
Historia
editarO verismo literario comezou entre o 1875 e o 1895, da man dun grupo de escritores, principalmente novelistas e dramaturgos. Non constituíron unha escola formal, pero si se baseaban nuns principios específicos. O seu nacemento estivo influenciado polo clima positivista da época, que confiaba na ciencia, o empirismo e mais a investigación racional. Tamén foi influenciado polo naturalismo, un movemento literario que se estendera dende Francia no século XIX. Para o naturalismo, a literatura debía reflectir con obxectividade a sociedade e a humanidade, como unha fotografía, representando de maneira estrita incluso as clases sociais máis baixas nos seus aspectos máis desagradables, coma unha análise científica da realidade da vida moderna. Entre os escritores naturalistas, destacan Émile Zola e Guy de Maupassant.
O verismo desenvolveuse na florecente cultura urbana de Milán, que reunía intelectuais de distintas áreas; porén, os autores veristas representaban a vida do sur e o centro de Italia. As obras de Verga, Capuana e Federico de Roberto describen Sicilia; as de Matilde Serao e Salvatore di Giacomo, Nápoles; as de Grazia Deledda, Sardinia; as de Cesare Pascarella, Roma; e as de Renato Fucini, Toscana.
O primeiro autor en teorizar o verismo foi Capuana, que analizaba a "poesía do real".[2] Posteriormente, Verga, que comezara como un escritor do Romanticismo, publicou as escolmas de relatos verista Vita dei campi ("A vida no campo") e Novelle rusticane ("Novelas rústicas"), así como a novela I Malavoglia (1881), a primeira do seu "ciclo dos vencidos". Nado en Sicilia, Verga viviu en Florencia durante o auxe dos pintores veristas (entre 1865 e 1867), e o seu relato máis coñecido, "Cavalleria rusticana", contén paralelismos coas representacións veristas da Toscana. O verismo de Verga difire do naturalismo no seu desexo de introducir o punto de vista do lector sobre as temáticas tratadas, sen revelar as opinións persoais do autor.
O verismo tivo tamén detractores, coma o xornalista e dramaturgo florentino Luigi Alberti, quen afirmou que o verismo contaminaba as mentes da mocidade coa vulgaridade e a fealdade da vida real.[3]
A escritora verista Grazia Deledda recibiu o premio Nobel de Literatura no 1926.[4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Verismo - Verismo, Naturalism, Realism - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-01-23.
- ↑ 2,0 2,1 Madrignani, Carlo A. (1970). Capuana e il naturalismo (en italiano). Laterza.
- ↑ "SIUSA - Archivi di personalità - Alberti Luigi". siusa.archivi.beniculturali.it. Consultado o 2024-01-23.
- ↑ "The Nobel Prize in Literature 1926". NobelPrize.org (en inglés). Consultado o 2024-01-23.