Vicepresidencia da Xunta de Galicia
A vicepresidencia da Xunta de Galicia é un antigo cargo político dentro do organigrama da Xunta e que a miúdo serviu como coordinación do traballo doutras consellerías. Ao longo da historia da Xunta de Galicia houbo gobernos que contaron cun vicepresidente, con dous vicepresidentes ou con ningún.
O vicepresidente é tamén o encargado de substituír o presidente nas súas funcións en caso de falecemento, dimisión ou viaxe ao estranxeiro, e ata a elección dun novo presidente, de ser o caso. De non existir vicepresidente, esas funcións recaen na persoa que ocupe o cargo de conselleira de Presidencia.
A vicepresidencia pode rer funcións políticas claramente definidas ou actuar como consellería sen carteira, na asistencia do cargo do presidente.
Historia
editarO primeiro vicepresidente da Xunta foi José Manuel Romay Beccaría, que aínda que se ocupou das tarefas relacionadas coas relacións coa administración estatal e coa Xustiza non tivo esa denominación. A partir de 1983 créanse dúas vicepresidencias, unha de perfil político, encabezada por Xosé Luís Barreiro Rivas e outra de perfil económico, encabezada por Carlos Mella, que á súa vez detentaban o cargo de conselleiros de áreas específicas. Este modelo mantívose durante uns poucos meses, ata que Mella dimite debido ás súas friccións con Barreiro, e este último queda como único vicepresidente coordinando a área política.
Logo da dimisión de Barreiro Rivas en 1986 pasa a ocupar o cargo de vicepresidente da Xunta Mariano Rajoy, pero sen levar aparellada a xestión dunha consellería. Logo da moción de censura presentada en 1987 por Fernando González Laxe (PSdeG), a vicepresidencia volve ser de novo de Barreiro Rivas, pero ten que dimitir como consecuencia dun proceso xudicial. Nin Barreiro nin o seu substituto Xavier Suárez-Vence xestionaron ademais outras consellerías.
Logo da vitoria de Manuel Fraga en 1989 desapareceu a figura do vicepresidente ata que foi recuperada quince anos máis tarde, en 2004 baixo a figura dunha dobre vicepresidencia, a de Alberto Núñez Feijóo como vicepresidente primeiro e a de Xosé Manuel Barreiro como vicepresidente segundo. Estas vicepresidencias presentáronse como unha preparación para a sucesión política de Fraga e non tiñan competencias específicas, fóra das que cada un deles, como conselleiros, xa tiña.
Tras a formación do goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas en 2005, Anxo Quintana asumiu a vicepresidencia única, que levaba aparelladas as competencias de relacións institucionais e de Igualdade e Benestar. O vicepresidente encargábase ademais da coordinación da actividade das consellerías gobernadas polos nacionalistas.
Vicepresidentes
editarNotas
editar- ↑ Gago, Xosé (15 de maio de 2022). "Diego Calvo, a la Xunta como vicepresidente tras pasar por la política local, provincial y el Parlamento". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ Gago, Xosé (18 de xuño de 2023). "Ángeles Vázquez, nova vicepresidenta da Xunta: «Non ten sentido un adianto electoral en Galicia, temos total estabilidade»". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ RAC (14 de abril de 2024). "Alfonso Rueda anuncia la nueva composición del Gobierno de la Xunta". laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ Europa Press (14 de abril de 2024). "Rueda elimina as vicepresidencias e nomea catro novos conselleiros". europapress.es (en castelán). Consultado o 17 de abril de 2024.