Virginia Woolf
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Adeline Virginia Stephen, coñecida como Virginia Woolf, nada en Londres o 25 de xaneiro de 1882[1] e finada en Rodemell o 28 de marzo de 1941, foi unha escritora e ensaísta británicaautora de novelas, contos, obras teatrais e demáis obras literarias; considerada unha das más salientables figuras do vanguardista modernismo anglosaxón do século XX e do feminismo internacional.[2]
Traxectoria
editarVida persoal
editarFilla de sir Leslie Stephen, distinguido crítico e historiador,[1] Virginia Woolf creceu nun ambiente frecuentado por literatos, artistas e intelectuais. Tralo falecemento do seu pai, en 1905, estableceuse coa súa irmá Vanessa (pintora que casaría co crítico Clive Bell) e os seus dous irmáns no barrio londiniense de Bloomsbury, que se converteu en centro de reunión de antigos compañeiros universitarios do seu irmán máis vello, entre os que figuraban intelectuais do talle do escritor E. M. Forster, o economista John Maynard Keynes e os filósofos Bertrand Russell e Ludwig Wittgenstein, e que sería coñecido como o grupo ou círculo de Bloomsbury. En 1912, cando contaba trinta anos, casou con Leonard Woolf, economista e membro tamén do grupo, con quen fundou en 1917 a soada editorial Hogarth Press, que editou a obra da propia Virginia e a doutros relevantes escritores, como Katherine Mansfield, T. S. Eliot ou Sigmund Freud.
Novelística
editarAs súas primeiras novelas, Viaxe de ida e Noite e día, poñen xa de manifesto a intención da escritora de romper os moldes narrativos herdados da novelística inglesa anterior, en especial a subordinación de personaxes e accións ao argumento xeral da novela, así como as descricións de ambientes e personaxes tradicionais; con todo, estes primeiros títulos apenas mereceron consideración por parte da crítica. Só trala publicación de A señora de Dalloway e Ao faro os críticos comezaron a eloxiar a súa orixinalidade literaria. Nestas obras chaman xa a atención a mestría técnica e o afán experimental da autora, quen introducía ademais na prosa novelística un estilo e unhas imaxes ata entón máis propios da poesía. Desaparecidas a acción e a intriga, as súas narracións esfórzanse por captar a vida cambiante e inasible da conciencia. Influída pola filosofía de Henri Bergson, Woolf experimentou con especial interese co tempo narrativo, tanto no seu aspecto individual, no fluxo de variacións na conciencia do personaxe, como na súa relación co tempo histórico e colectivo. Así, Orlando constitúe unha fantasía libre, baseada nalgunhas pasaxes da vida de Vita Sackville-West, amiga e tamén escritora, en que a protagonista vive cinco séculos da historia inglesa. En As ondas presenta o «fluxo de conciencia» de seis personaxes distintos, é dicir, a corrente preconsciente de ideas tal como aparece na mente, a diferenza do lóxico e ben trabado monólogo tradicional. Escribiu así mesmo unha serie de ensaios que viraban en torno da condición da muller, nos que destacou a construción social da identidade feminina e reivindicou o papel da muller escritora, como n'Un cuarto de seu. Destacou á súa vez como crítica literaria, e foi autora de dúas biografías: unha divertida recreación da vida dos Browning a través dos ollos do seu can (Flush) e outra sobre o crítico R. Fry (Fry). Nun dos accesos dunha enfermidade mental que obrigara a ingresala en varias ocasións ao longo da súa vida, o 28 de marzo de 1941 desapareceu da súa casa de campo, ata que días despois o seu corpo foi achado no río Ouse, no que se supón foi un suicidio, xa que se guindara ao río cun abrigo cargado de pedras.
Obra
editarVarias das obras de Virginia Woolf foron xa traducidas ao galego.
- The Voyage Out (1915).
- Night and Day (1919).
- Jacob's Room (1922).
- A señora Dalloway (Mrs Dalloway, 1925). Tradución de Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné: 2018).
- Cara ó faro (To the Lighthouse, 1927). Limiar, tradución e notas de Manuela Palacios e Xavier Castro (Sotelo Blanco Edicións: 1993).
- Orlando. Unha biografía (1928). Tradución de Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné: 2014).
- Un cuarto de seu (A Room of One's Own, 1929) Tradución de Iria Sobrino, con prólogo de Manuela Palacios (Sotelo Blanco Edicións: 2005).
- As ondas (The Waves, 1931). Tradución de María Cuquejo (Editorial Galaxia: 2004).
- Flush: A Biography (1933).
- The Years (1937).
- Three Guineas (1938).
- Roger Fry: A Biography (1940).
- Entre os actos (Between the Acts, 1941). Tradución de Elisa Alfaya (Editorial Urutau, 2022)
- Ruar: unha aventura londiniense (The London Scene, 1975), Tradución de Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné: 2015).
Ademais, foron traducidos ao galego os relatos Retrato dunha londiniense (Portrait of a Londoner), A marca na parede (The Mark on the Wall), Kew Gardens, Unha novela non escrita (An Unwritten Novel) e A muller no espello: un reflexo (The Lady in the Looking-Glass), publicadas en De espellos, trens e outros velenos, traducidos, prologados e anotados por Begoña R. Outeiro (Ir Indo: 2006)[3].
Obras da crítica galega
editar- Doce ensaios arredor de Virginia Woolf. Coordinado por Belén Fortes. (Sotelo Blanco, 2003).
Filmografía
editar- The Hours, 2002. Director: Stephen Daldry. Tres historias de tres mulleres en diferentes épocas entramadas a partir da novela do mesmo nome do autor Michael Cunningham, inspirada na obra de Woolf Mrs Dalloway.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 López, Alberto (2018-01-26). "Virginia Woolf, la escritora premonitoria inagotable". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-06-27.
- ↑ "Virginia Woolf - Quotes, Books & Life". Biography (en inglés). 2022-09-12. Consultado o 2024-10-13.
- ↑ Ficha do libro Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Ir Indo.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Virginia Woolf |
A Galicitas posúe citas sobre: Virginia Woolf |