Xainismo

relixión da India

O xainismo[1] é unha das relixións máis antigas da India, xuntamente co hinduísmo e o budismo, compartindo con este último a ausencia da necesidade de Deus como creador ou figura central. Considérase que a súa orixe antecede o Brahmanismo, aínda que sexa máis probábel que xurdira na súa forma actual o século V a.C., en resultado da acción relixiosa do Mahavira.

Bandeira xainista.
Símbolo do Xainismo.

Esta doutrina pregoa unha vía salvadora filosófica non centrada no culto de ningún deus. A súa práctica é a de realizar esforzos para encamiñar a alma-conciencia cara a un estado divino e de liberación (mokṣa). Aquel ser que vence aos seus inimigos interiores e alcanza o estado superior pasa a ser denominado 'vencedor' ou 'conquistador' (yina). O estado máis elevado coñécese como siddha.

O xainismo é coñecido nos textos antigos tamén como śramaṇa dharma (deber do que confía en si mesmo) ou o camiño dos nirgranthas (aqueles sen apegos nin aversións).

Trátase dunha relixión nastika (non teísta), que non recoñece a autoridade dos textos sacros hinduístas nin dos sacerdotes brahmáns.

Na actualidade, o xainismo está presente en Bengala (leste da India), Rayastán, Majarastra e Guyarat (centro occidental da India) e Karnataka (sur da India), ademais dalgunhas comunidades no estranxeiro.

A doutrina xainista ensina que o xainismo existiu sempre e sempre existirá,[2][3][4] a pesar diso os historiadores datan a fundación e organización da forma actual do xainismo nalgún momento entre os séculos IX e VI a. C., polo reformador relixioso indio Parsuá.[5][6]

Hai unha hipótese que di que -como moitas tradicións hinduístas-, o xainismo podería ter a súa orixe na cultura do val do río Indo, sendo unha mostra da espiritualidade nativa desa zona anterior á chegada á India da migración indoaria.[7][8][9] Outros estudosos suxiren que as tradicións shramana eran contemporáneas e distintas ás prácticas relixiosas da relixión védica.[10]

Actualmente, o xainismo é unha relixión minoritaria pero influente cuns 4,2 millóns de seguidores na India,[11] ademais dunha exitosa e crecente comunidade emigrada a América do Norte, Europa Occidental, o Oriente de Asia, Australia e outros lugares.[12]

Os xainistas influíron e contribuíron de maneira significativa nas esferas éticas, políticas e económicas da India. Ademais os xainistas teñen unha longa tradición ilustrada e son a comunidade relixiosa con maior grao de alfabetización da India[13][14] e as súas bibliotecas son as máis antigas do país.[15]

Historia

editar

Vista durante algún tempo polos investigadores occidentais como unha seita do hinduísmo ou unha herexía do budismo, debido á repartición de elementos comúns con estas relixións, o xainismo é con todo un fenómeno orixinal. Ao contrario do budismo, o xainismo nunca tivo un espírito misionario, permanecendo na India, onde os xainas constitúen hoxe cerca de catro millóns de crentes. Pequenas comunidades xainas existen tamén na América do Norte e na Europa, en resultado de movementos migratorios.

A palabra xainismo ten as súas orixes no verbo sánscrito jin que significa "conquistador". Os seus adeptos deben combater, a través dunha serie de estaxios, as paixóns de modo a alcanzar a liberación do mundo.

Súa visión básica é dualista. A materia e a mónada vital ou jiva son de natureza distinguida, e durante súa vida o ser vivente (sexa humano ou animal) tinxe súa mónada como resultado das súas accións. Para se purificar, esta relixión propón un extremo ascetismo e o colocar en práctica da doutrina da non-violencia ou ahimsa.

Orixes

editar
 
Estatua do Bahubali, alvo de homenaxe cada doce anos polos xainas.

Segundos os historiadores da relixión, o xainismo estabeleceuse na India a mediados do primeiro milenio a.C.. O seu fundador foi o Mahavira, existindo dúas propostas para o período en que viviu: 599 a.C. - 527 a.C (data tradicional apuntada polo xainismo) ou 540 a.C - 470 a.C. (segundo os académicos). Naceu preto de Patna, naquilo que é hoxe o estado do Bihar. Foi un contemporáneo do Buda, pregando na mesma rexión xeográfica, aínda que non conste que os dous mestres se teñan algunha vez encontrado. Pertencía á casta dos guerreiros (kshatriya), casou, viviu no luxo até que ao redor dos trinta anos tornouse un mendigo errante.

Entregouse a longos procesos ascéticos até obter a iluminación, consagrando os restantes trinta ou corenta anos da súa vida a pregar a súa doutrina. Faleceu en Pavapuri, no Bihar, que é desde entón un dos principais locais de peregrinación xaina.

De acordo cos xainas, a súa relixión é eterna, sendo a doutrina revelada ao longo de varias eras polos Tirthankaras, palabra que significa "facedores de vao", ou sexa, alguén que ensinou o camiño. Os Tirthankaras foron almas nacidas como seres humanos que alcanzaran a liberación (moksha) do ciclo dos renacementos a través da renuncia e que transmitiron as súas ensinanzas aos homes. Na presente era existiron 24 Tirthankaras. O último deses Tirthankaras foi o Mahavira, que os xainas non consideran como o fundador do xainismo, mais antes aquel que lle deu a súa forma actual. O 23º Tirthankara foi Parshva, que os historiadores[Cómpre referencia] consideran probabelmente unha figura histórica que viviu cerca de tres séculos antes do Mahavira. Os xainas cren que Parshva pregou os 4 grandes principios do xainismo, a saber: non-violencia (ahimsa), evitar a mentira, non se apropiar do que non foi dado e non se apegar á posesións materiais; o Mahavira engadiu o principio da castidade.

Doutrinas

editar
 
Cúpula interior do templo de Ranakpur.

A relixión xainista ten unha cosmoloxía e crenzas elaboradas; ateigadas de nomes, categorías, clases, xerarquías, graos, ordes, entre outros.

  • Transteísmo: eles cren que o mundo é eterno e carece de principio. Non existe unha divindade persoal, e todas as posibles divindades -as almas dos perfectos arjat ('adorables', divindades humanas) por exemplo- non son emanación nin manifestación de ningunha divindade apofática nin de ningunha Unidade (o Todo ou Absoluto), conceptos e realidades que son igualmente negadas e rexeitadas no xainismo xunto coa dun deus creador.
  • Ateísmo: o universo non foi creado por ningún Deus ou ser supremo, é o resultado inexorable das leis da natureza autoimposta. Non hai ningún creador (kartā) do universo, lexislador, gobernador ou axente externo sobrenatural. Aínda que se fai mención a certos seres (devas), en xeral os xainas son indiferentes a estes seres, a crenza nestas entidades non é necesaria: aparecen na cosmoloxía xaina só para facer referencia á roda das reencarnacións dos seres vivos.
  • Pananimismo: toda a realidade é vida. Para o xainismo o universo é unha totalidade vivente; todo ser posúe unha alma, máis ou menos complexa, diáfana ou pesada. Desde a terra ou o vento, aos insectos ou os mamíferos, todos os seres reflicten o universo e son dignos de respecto. O maior pecado para o xainismo é causar dano a un ser vivo, aínda que tamén hai que evitar danar á terra ou ás almas da auga ou do ar.

En coherencia co anterior, os xainistas practican a non violencia, o xaxún e a mortificación do propio corpo. A través destas actividades esperan descargar a súa alma do peso da materia kármica e evitar posteriores reencarnacións.

A relixión xainista presenta unha perspectiva igualitaria das almas, sen importar as diferenzas nas forma física: humanos, animais, e organismos viventes microscópicos. Os humanos son os únicos posuidores dos seis sentidos: vista, oído, gusto, olfacto, tacto e pensamento; polo tanto dos humanos espérase que actúen con responsabilidade cara a toda a vida sendo compasivos, sen egoísmo, sen medo, racionais e misericordiosos.

Desde o punto de vista epistemolóxico, o xainismo é relativista, defende que o coñecemento do mundo só pode ser aproximado e que, co tempo, até a súa propia relixión acabará por desaparecer.

A comunidade xainista distingue entre monxes e segrares. Os monxes sométense a unha disciplina ascética superior á dos laicos, aínda que non exercen o monopolio da relixión. Viven nun jina-sadman (mosteiro xainista). Un jina-rshi (asceta xainista) asume catro votos: a non violencia, a sinceridade, a rectitude e a renuncia ás cousas e ás persoas.

Código de conduta

editar
 
Os catorce soños propicios da nai de Jina (páxina dun kalpa sutra ou "libro de rituais" dispersado; ca. 1465)

Os jina-kalpa son as ordenanzas practicadas polos jinas (opostas a aquelas dos sthaviras). Consiste en cinco votos:

  • ahimsa (non violencia)
  • satya (veracidade)
  • asteya (non roubar),
  • brahmacharya (castidade) e
  • aparigraha (desapego do material).

A relixión xainista pon moita atención no aparigraha, o desapego das cousas materiais a través do control dun mesmo, penitencia, abstención da indulxencia, limitación voluntaria das necesidades e consecuente diminución da agresividade.

Non violencia

editar

A orixe última deste principio está no rexeitamento aos rituais que levaban a cabo os brahmáns e que adoitaban implicar o sacrificio de animais. O sacrificio do período védico estaba asociado a moita vivencia e os propios brahmáns comezaran a transformar os sacrificios pero é no período sramana cando os que renunciaran a estas prácticas enfróntanse radicalmente aos sacrificios. Para os ascetas, o sacrificio estaba nun mesmo e produciuse unha internalización do ritual que non incluía propiamente ritos e que salientaba o principio da non violencia dunha forma moi ampla.[16] Ao parecer, foi Majavira quen expuxo un sistema coherente con conceptos comúns a outros sistemas sramánicos como o ciclo de renacementos samsara ou a liberación moksa integrados na idea de respecto por todos os seres vivos.[17]

 
Estatua de elefante no interior do templo de Ranakpur.

A idea de non violencia ou ahimsa é central no xainismo e aínda que leva ao límite na vida dos ascetas condiciona desde os hábitos alimenticios dos laicos até os sistemas de pensamento e a filosofía xainista. Por exemplo, ten as súas consecuencias filosóficas no anekantava ou non absolutismo.[18] Igualmente o principio de ahimsa está tamén detrás da renuncia ao material por canto ao posuír podemos danar a outros seres. Desde as súas orixes, os xainas dedicaron tratados a cualificar os tipos de violencia, a súa orixe e quen ou que pode ser vítima dela, realizando un estudo de tipo psicolóxico moi pronto. Igualmente, aínda que o concepto de ahimsa ou non violencia non só debe exporse de forma negativa, no sentido de non matar, senón que ten unha formulación positiva. É dicir, tamén debe entenderse como o deber de ser compasivo ou de cultivar a amizade.

A compaixón por toda vida, xa sexa humana ou non humana, é central no xainismo. A vida humana valórase como unha oportunidade única e rara para alcanzar a iluminación. Matar a unha persoa, independentemente do crime que cometese, é considerado polo xainismo como algo extremadamente horrendo. Nesta mesma liña, o xainismo require tanto de laicos como de monxes de todas as súas seitas e correntes a práctica do vexetarianismo. Nalgunhas rexións indias como en Rayastán ou Karnataka a influencia dos xainas foi tan forte que a maioría dos hindús da zona convertéronse tamén en vexetarianos.[19]

No entanto, ao longo da historia os xainistas foron nobres, reis ou guerreiros de importancia.[20] Os filósofos xainas chegaron a integrar o principio de non violencia coa guerra e o goberno dos reinos. Esta aparente contradición solucionouse de varias maneiras, por exemplo plantexando a necesidade de manter a salvo o propio xainismo ou defendendo a idea de que é posible ir á guerra practicando a mínima violencia necesaria.[20] Pódese afirmar por iso que ahimsa non equivale a pacifismo. O sabio xainista Hemachandra, que viviu no século XII xunto ao rei xainista Kumara Pa, expuxo un ideal de realeza xainista que non era en absoluto pacifista e entroncaba coas numerosas referencias e metáforas militares que se atopan nos Agamas xainistas. A súa formulación apela a que o deber ou dharma dun rei implica violencia a condición de que esta non se exerza cun odio ou fixación persoal e estea dirixida á protección dos ascetas entregados ao ahimsa.[21]

Vexetarianismo

editar

O vexetarianismo é un modo de vida para un xainista, tendo a súa orixe no concepto de jīva dāya (compaixón polos seres vivos) e o a-himsá (a non violencia). A práctica do vexetarianismo é vista como un instrumento para a práctica da non violencia e a coexistencia pacífica e cooperativa.

Os xainistas son vexetarianos estritos (dieta vegana) que consomen soamente seres sen sentidos (sen sistema nervioso), principalmente do reino vexetal. Aínda que a dieta xainista implica o aniquilamento das plantas, isto vese como a forma de sobrevivir que causa o mínimo de violencia cara aos seres vivos (moitas formas vexetais como froitas ou raíces son mellor vistas polo Xainismo por comportar simplemente a extracción dunha parte da planta e non a súa total destrución).

Meditación

editar
 
Monxe xaina en meditación.

A meditación xaina pretende levar a alma a un estado de completa liberdade das ataduras.[22]

Os textos xainas ofrecen unha guía detallada sobre técnicas de meditación para alcanzar un coñecemento e conciencia plenos. As técnicas de meditación xaina están deseñadas para axudar ao que as practique a permanecer apartado dos apegos e os odios e así conseguir unha liberación das ataduras do karma mediante a percepción correcta, o coñecemento correcto e a conduta correcta.[23]

Estes tres puntos coñécense como ratna-traia ('as tres xemas' do xainismo), e son imprescindibles para lograr que a alma se eleve.[24]

O concepto de karma no xainismo transmite un significado totalmente diferente ao que adoita entenderse na relixión hinduísta e na civilización occidental.[25] Non se trata dunha forza inaccesible que controla o destino dos seres vivos de forma inexplicable. Non se refire simplemente a 'acto', 'traballo' nin tampouco unha forza mística invisible (adrishta) senón máis ben un material delicado, imperceptible para os sentidos que interactúa coa alma cunha calidade e intensidade proporcional ás accións, pensamentos realizados e as palabras ditas que se guiaron por aversións e apegos causando novas ataduras.

O karma no xainismo é algo material (karma-paudgalam) que produce certas condicións como un medicamento ten múltiples efectos.[26] Os efectos do karma que se contemplan no xainismo son máis un conxunto de leis físicas que de leis morais. É un dos puntos de vista que difiren do Budismo que considera a teoría do Karma como acto volitivo, e non como partículas sub-atómicas que se atopa por todo o Universo.

Os karmas agrúpanse en «karmas daniños», que obstrúen a verdadeira natureza da alma e «karmas non destrutivos». Por mor de que existen karmas daniños, a alma está encerrada nun corpo e deberá experimentar dor e sufrimento de maneiras diferentes. O xainismo realiza unha extensa clasificación sobre os tipos de karma a partir destas dúas categorías principais. Para os xainas, as persoas que matan seres vivos xeran mal karma, e máis aínda cando o fan por diversión e pracer (hartā): terán que reencarnar en lugares de tormento durante kalpas (eóns), como animais ou mesmo insectos.

A liturxia xaina explica a forma de conter a influencia do karma así como librarse dos karmas acumulados. O proceso que permite a liberación das partículas de karma dunha alma denomínase nirjara e inclúe prácticas como o xaxún, o retiro a locais illados, a mortificación do corpo e a meditación.

Moksha

editar

No xainismo o moksha é o mesmo que o nirvana. [27][28] Cando unha persoa alcanza o moksha libérase do ciclo de nacementos e mortes (samsara) conseguindo a súa máxima pureza. Entón convértese en siddha, literalmente 'aquel que conseguiu o seu obxectivo último'.

O tempo

editar

Os xainas consideran que o tempo é infinito e cíclico. É visto como unha gran roda dividida en dúas partes idénticas: unha realiza un movemento ascendente (Utsarpini), mentres que a outra un movemento descendente (Avasarpini). Cada unha destas partes divídese en seis eras (ara). Durante o período ascendente os seres humanos progresan ao nivel do saber, estatura e felicidade, mentres que o período descendente caracterízase pola degradación Segundo os xainas, vivimos actualmente nun período de movemento descendente, nunha era de infelicidade (Dukham Kal), que comezou hai 2500 anos e que durará 21 mil anos.

O universo e os cinco mundos

editar

Segundo o xainismo, o universo divídese en cinco mundos, sendo cada un deles habitado por determinado tipo de seres. O universo é eterno, non sendo creado por ningún ser superior.

No cume do universo está a morada suprema (siddhashila), que é o local onde habitan as almas que alcanzaran a liberación (estas almas son denominadas Siddhas). Abaixo encóntranse trinta ceos, habitados por seres celestiais, algúns dos cales camiñan para a morada suprema.

O mundo medio (madhyaloka) inclúe varios continentes separados por mar. No centro deste mundo encóntrase o continente Jambudvipa, considerado o único continente no cal as almas poden alcanzar a liberación. Os seres humanos habitan este continente, ben como un segundo continente ao lado deste e parte do terceiro continente.

O mundo inferior (adholoka) consiste en sete infernos, onde os seres son atormentados por demos e onde se atormentan uns aos outros. Abaixo do sétimo inferno encóntrase a base do universo (nigoda), habitada por moitas formas inferiores de vida.

Comunidade xaina

editar

Os membros da comunidade xaina divídense en catro grupos. Monxes (muni), monxas (aryika), homes xainas laicos (Sravaka) e mulleres laicas sravika. Esta orde coñécese como sangha.

Monacato xaina

editar
 
Acharya Vidyasagar, monxe dig-ambara ('vestido coas direccións' [norte, sur, leste e oeste], espido).

No xainismo adoita empregarse o termo yain muni (sánscrito: जैन मुनि) ou muni para referirse tanto aos monxes como ás monxas.[29] Tamén se lles chama sadhus e sadhuís, respectivamente na tradición da seita svetambara.

As dúas correntes principais dentro do xainismo (Digambara e Svetambara) mostran certas diferenzas nos hábitos monacais. Os monxes Digambara non visten roupas en absoluto como forma de practicar o rexeitamento aos apegos. Os monxes e monxas Svetambara levan roupas brancas pois consideran que deben levar roupas sinxelas e anchas mentres non desenvolvan un apego por elas. Os monxes e monxas xainas viaxan a pé e rexeitan mesmo o transporte sanitario.

Como se prescribe en textos antigos como o Acharanga, as condicións do monacato son bastante estritas e xorden das ensinanzas de Mahāvīra. Os cinco mahavrata son os cinco votos principais que deben observar os monxes xainas

  1. Non violencia (ahimsa).
  2. Verdade (satiá).
  3. Non roubar (asteia).
  4. Castidade (brahmacharia).
  5. Non posesión, ou desapego (aparigraja).

Para os xainas laicos que poden casar e posuír propiedades existe un equivalente de cinco votos chamados anu-vratas (pequenas promesas). O monacato entre os xainas leva aparellada unha vida mendicante e nómade que só se detén por razóns como: a idade, unha enfermidade ou algún interese erudito.[30] Ocasionalmente empregouse o termo yati para referirse aos monxes en xeral e tamén a aqueles que adoptaban unha vida sedentaria.

Arte xaina

editar
 
Imaxe que mostra a adoración do tirthankara Kunthunatha de principios do século XIX.

O xainismo contribuíu notablemente á arte da India e á arquitectura da India. Normalmente céntrase en mostrar aos tirthankara ou outras figuras importantes ou eventos relevantes da tradición xaina.Yakshas e yakshinis, espíritos protectores, adoitan aparecer con eles.[31] As mostras máis temperás de imaxinaría atópanse no museo de Patna e datan do século III antes de Cristo[31]. Algunhas imaxes de bronce de Parsuá que se atopan en Bombai e neste mesmo museo datan tamén do século II antes de Cristo.[32]

 
Ayagapata, placa votiva do século III a.C, Kankali Tila.
 
Inscricións nunha rocha en Udaygiri-Khandagiri do século I despois de Cristo, Odisha.[33]

Os Ayagapata son unhas táboas votivas empregadas polo xainismo para a adoración e a doazón presentan imaxes e símbolos. Estas pezas de pedra foron atopadas en lugares como Kankali Tila preto de Mathura en Uttar Pradesh, India. A práctica de doar estas táboas está documentada desde o século III antes de Cristo.[34][35][36].

Outro elemento recorrente é o Samavasarana, lugar de predicación dos tirthankaras, que presenta varios círculos ao redor da figura predicando.[37]

Exemplos da arquitectura son os templos ou estruturas como a torre da Fama en Rajasthan.[38] Tamén existen manuscritos decorados que se conservan en bibliotecas xainas e conteñen diagramas que explican a cosmoloxía xainista.[39] A maioría das pinturas mostran eventos históricos ou relevantes para o xainismo. Cada un dos tirthankaras aparece asociado a uns elementos distintivos.[40] Por exemplo Rishabha aparece na posición do loto ou de pé e xunto ao seu símbolo, o touro.[41]

Templos

editar
Artigo principal: Templo xaina.

O templo é a institución xaina de maior importancia e os laicos dedicaron as súas riquezas ao seu mantemento e construción. Os fieis non permiten que os templos teñan estatuas mutiladas nin danos de ningún tipo e son, por iso, considerados como os máis pulcros da India. O templo adoita conter un sitio de retiro para ascetas.

O templo máis antigo coñecido atópase en Mathura (norte da India), e pode situarse entre os séculos II e I a. C.[42] Anteriormente os templos deberon ser retiros para ascetas ou simples covas.[43] Existen tamén templos fóra da India que reproducen a arquitectura dos que si se atopan alí. Os templos xainas adoitan ter manastambhas (columnas) á entrada. Algunhas das ramas do xainismo non teñen templos como os taranapanthi que rexeitan o culto a imaxes dos tirthankaras.

  1. Xainismo no DIGALEGO
  2. Os xainas consideran que a relixión é eterna e imperecedeira. Non tivo un comezo e nunca deixará de existir. A escuridade que comprende ao erro e envolve á verdade con certa periodicidade, despéxase unha e outra vez de forma tal que a claridade da fe xainista poida brillar novamente con toda a súa potencia.
  3. Os xainistas cren que o xainismo non ten nin comezo nin final.
    Dundas (2002, p. 12)
  4. Jinendra Varni (ed.) prof. Sagarmal Jain, T. K. Tukol, e Dr. Narendra Bhandari: Samaṇ-suttaṁ. Nova Deli: Bhagwan Mahavir Memorial Samiti.
    Os historiadores puideron determinar de forma certa que Tirthankara Mahavira non foi o fundador da relixión. Antes del precedérono numerosos tirthankaras. El limitouse a reiterar e rexuvenecer a relixión. Os estudos de historia non lograron establecer o principio da relixión xainista; pero a evidencia histórica dispoñible na actualidade e o resultado de investigacións sistemáticas da literatura determinaron que o xainismo é indubidablemente unha relixión antiga.
    páxs. xii-xiii da introdución, escrita por Justice T. K. Tutkol, e o Dr. K. K. Dixit.
  5. Non só que non hai nada desde un punto de vista filosófico ou histórico, que avale a suposición de que o xainismo foi creado por Parsva cara ao 800 AdC, pero está razoablemente confirmado por todo o que se sabe da vida espiritual dese período.
  6. Jainism, then, was in origin merely one component of a north indian ascetic culture that flourished in the Ganges basin from around the eighth or seventh centuries BCE.
    Dundas (2002, p. 17)
  7. Existen algunhas evidencias de que as tradicións xainistas poden ser aínda máis antigas que as tradicións budistas, posiblemente remontándose á época da civilización do val do Indo, e que Vardhamana máis que ser un "fundador" per se foi, máis ben, simplemente un voceiro principal dunha tradición máis antiga.
    Larson (1995, p. 27)
  8. Orixinaria do sub-continente indio, o xainismo é unha das máis antigas relixións da súa terra natal e de feito do mundo, con orixes prehistóricas antes de 3000  aC e a propagación da cultura india.
  9. Guseva, Mrs. N. R.: Jainism (páx. 44).
  10. Long 2009, pp. 45-56.
  11. "Indian Census". Censusindia.gov.in. Consultado o 1 de setembro de 2010. 
  12. As estimacións para a poboación de xainistas difiren de algo máis de catro millóns a doce millóns debido ás dificultades de identificación xain, con algúns xainistas contados como seita hindú. Moitos xainistas non indican o xainismo como a súa relixión nas formas censuais por diversas razóns, como certas castas de xainistas considéranse tanto hindús como xainistas. O censo da India de 1981 indicou que había 3.19 millóns de xainistas. No seu momento estimábase como mínimo a metade do número indicado no censo. Estímase que hai 25.000-30.000 en Europa (principalmente en Gran Bretaña), 20.000 en África, 45.000 máis en América do Norte e 5.000 no resto de Asia.Dundas (2002, p. 271)
  13. "Press Information Bureau, Government of India". Pib.nic.in. 6 de setembro de 2004. Consultado o 1 de setembro de 2010. 
  14. "Census of India 2001". Censusindia.net. Consultado o 1 de setembro de 2010. 
  15. John E. Cort: «The jain knowledge warehouses: traditional libraries in India», na revista Journal of the American Oriental Society, vol. 115, n.º 1, páxs. 77-87, xaneiro-marzo de 1995.
  16. Pániker 2001, pp. 160-163.
  17. Pániker 2001, p. 162.
  18. Pániker 2001, pp. 492-494.
  19. Titze, Kurt: Jainism: a pictorial guide to the religion of non-violence. Motilal Banarsidass, 1998.
  20. 20,0 20,1 Chidanand Murthy 1975.
  21. Pániker 2001, pp. 258-259.
  22. Tulsi 2004, «blessings».
  23. Mahapragya 2004, «Foreword».
  24. Tattua-artha-sutra.
  25. Hermann Kuhn (2001): Karma, the mechanism: create your own fate. Nevada: Crosswind Publishing, 2001.
  26. Glasenapp & Kapadia 2003, p. 2.
  27. Moksa and nirvana are synonymous in jainism.
    Jaini (2000, p. 168)
  28. Nirvana: a synonym for liberation, release, moksa.
  29. John E. Cort: Jains in the world: religious values and ideology in India. Oxford University Press, 2001.
  30. Dundas 2002, pp. 152.
  31. 31,0 31,1 Shah 1998, p. 184.
  32. Shah 1987, p. 95.
  33. Udaygiri and Khandagiri Caves Arquivado 29 de outubro de 2015 en Wayback Machine., Archaeological Survey of India, Government of India
  34. Kishore, Kanika (16 de xuño de 2015). "Symbol and Image Worship in Jainism". Indian Historical Review (en inglés) 42 (1): 17–43. doi:10.1177/0376983615569814. 
  35. "Ayagapata". Encyclopædia Britannica. Consultado o 18 de abril de 2012. 
  36. Jain & Fischer 1978, pp. 9-10
  37. Wiley 2009, p. 184.
  38. Owen 2012, pp. 1-2.
  39. Shah 1998, p. 183.
  40. Shah 1998, p. 187.
  41. Shah 1998, p. 113.
  42. Pániker 2001, p. 224.
  43. Pániker 2001, pp. 418-419.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Done 1
eth 1
orte 8
Todos 2