Xeración
En xenealoxía coñécese como xeración ao total de seres que forman parte da liña de sucesión anterior ou posterior dun individuo de referencia. Ao tomarse como punto de partida a un determinado individuo considérase como a primeira xeración; os seus sucesores denomínanse a segunda xeración, e os sucesores destes considéranse terceira xeración, e así sucesivamente. Nas listas xenealóxicas é frecuente designar as xeracións cun número romano.
Tamén se utiliza o termo xeración para denominar ao conxunto de persoas que, por ter nacido en datas próximas e recibido educación e influxos culturais e sociais semellantes, compórtanse de maneira afín ou comparable nalgúns sentidos. Así, referímonos a a xeración xuvenil. a xeración da guerra, a xeración do 98.
Outra acepción usual do termo xeración corresponde a cada unha das fases dunha técnica en evolución, en que se achegan avances e innovacións respecto á fase anterior. Así, dicimos ordenadores de quinta xeración.
Diferenza xeneracional en demografía
editarA diferenza xeneracional, duración xeneracional ou intervalo xeneracional é a media da diferenza de idade de todos os fillos con respecto ao pai ou nai. Con respecto ás diferenzas de idade entre a muller e o home nun enlace familiar, adoita ser a diferenza xeneracional con respecto ao pai maior que con respecto á nai.
En demografía a diferenza xeneracional é unha das variables para a descrición do comportamento xerativo, o cal tamén xoga un papel importante nos prognósticos de poboación.
Xeracións en socioloxía
editarO sociólogo alemán Karl Mannheim realizou en 1928 contribucións importantes á socioloxía do coñecemento co seu concepto de xeración, que non comprendía 30 anos como se consideraba ata entón, senón que se caracterizaba por acontecementos xeneracionais, é dicir, feitos que marcaron a nenez e a mocidade e que terán unha influencia no resto da vida. Para a súa análise sociolóxica do problema das xeracións Mannheim sérvese por un lado da dirección positivista de David Hume e Auguste Comte, que intentou buscar intervalos fixos e cuantificados de 30 anos, que se sucedían; pero por outro lado faise tamén eco da interpretación de xeración das escolas históricas do Romanticismo, que se baseaban nos movementos intelectuais que se experimentaban interiormente, como é o caso da historia da arte.[1]
Mannheim diferenciou entre situación xeneracional, contexto xeneracional e unidade xeneracional. A situación xeneracional é un termo xeral que se refire ao nacemento nun determinado período histórico social[2] e é un requisito para poder falarse de contexto xeneracional ou unidade xeneracional. Denomínase contexto xeneracional á unión que se dá ao participar nun destino común e nas correntes intelectuais do momento.[3] Un contexto xeneracional agrupa varias unidades xeneracionais. Os membros das unidades xeneracionais están unidos de forma máis próxima, dado que experimentan as correntes intelectuais da mesma maneira: comparten as intencións fundamentais e os principios de formación, que os socializan dentro dun grupo e son causantes de que a reacción nas correntes do tempo sexa idéntica.[4]
Tensión xeneracional
editarComo xa se comentou, as diferenzas na forma de vivir ou pensar entre as xeracións poden ser moi distintas se os influxos culturais e socias que lles afectaron tamén o foron.
Norman Ryder (1965) estudou a socioloxía das discordancias entre xeracións ao suxerir que a sociedade "persiste a pesar da mortalidade dos seus membros individuais, por procesos de metabolismo demográfico e particularmente a infusión anual de cohortes de nacementos". Argumentou que as xeracións poden ás veces ser unha "ameaza á estabilidade" pero ao mesmo tempo representan "a oportunidade das transformacións da sociedade".[5] Ryder tratou de comprender as dinámicas que actúan entre as xeracións.
Amanda Grenier (2007) ofreceu outras posibles explicacións de por que existen as tensións xeneracionais. Grenier afirma que as xeracións desenvolven os seus propios modelos lingüísticos que contribúen á falta de comprensión entre as cohortes de idade: "existen diferentes modos de falar exercidos polas persoas vellas e novas, e pode ser parcialmente explicada polos puntos de referencia históricos sociais, as experiencias culturalmente determinadas, e as interpretacións individuais".[6]
Como xa se mencionou, Karl Mannheim (1952) cría que a xente era modelada polas experiencias vividas como resultado do cambio social. Howe e Strauss tamén escribiron sobre as semellanzas das persoas dunha mesma xeración que as atribuían ao cambio social. Baseándose no modo en que estas experiencias vividas dan forma a unha xeración en canto aos valores, o resultado é que a nova xeración cambiará os valores das vellas xeracións, o que ten como resultado a creación dunha tensión. Este desafío entre xeracións e a tensión que xorde é definitorio para comprender as xeracións e o que as separa.[7]
Xeracións de copias
editarTamén se utiliza o termo para técnicas de reprodución, onde unha copia se crea a partir doutra orixinal, por exemplo no caso de películas, fitas de casete ou fotocopias. A primeira xeración é a orixinal, a copia desta é a segunda xeración, a copia da copia a terceira xeración, e así sucesivamente. Dado que a calidade diminúe polos procesos de copia dunha xeración a outra, é importante manter a calidade de xeracións o mellor posible.
Xeracións en bioloxía
editarIgual que en xenealoxía, fálase de xeración en bioloxía para referirse aos membros dunha liña de sucesión. Porén, neste caso pódese dar un alternancia de xeracións, cando a unha xeración con ambos os sexos con reprodución sexual, lle sucede unha xeración asexual, e a esta, de novo unha con ambos os sexos. Pódese falar tamén de nova xeración cando esta é asexual e se produce a partir doutra por reprodución asexual, o que desde o punto de vista xenético se denominaría clon. As características xenéticas das sucesivas xeracións van cambiando debido a diversos procesos, o que é a base da evolución. Nos cruzamentos xenéticos fálase de xeración parental ou P, que é a inicial no exemplo considerado, que despois enxendra a 1ª xeración filial ou F1, e esta a 2ª xeración filial ou F2 (netos de P) etc.
Notas
editar- ↑ Vgl. Mannheim: Generationen, S. 509-522.
- ↑ Mannheim: Generationen, S. 542.
- ↑ Mannheim: Generationen, S. 542 f.
- ↑ Mannheim: Generationen, S. 544–547. Zur dreigliedrigen Unterscheidung vgl. insgesamt Mannheim: Generationen, S. 541–555.
- ↑ Ryder, Norman (1965). "The cohort as a concept in the study of social change". American Sociological Review 30 (6): 843–861. doi:10.2307/2090964.
- ↑ Grenier, Amanda (2007). "Crossing age and generational boundaries: Exploring intergenerational research encounters". Journal of Social Issues 63 (4): 718. doi:10.1111/j.1540-4560.2007.00532.x.
- ↑ Mannheim, Karl. (1952) 'The problem of generations', in K. Mannheim, Essays on the Sociology of Knowledge, London: RKP
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xeración |
Bibliografía
editar- Karl Mannheim: Das Problem der Generationen. In: Karl Mannheim: Wissenssoziologie. Auswahl aus dem Werk. Hg. von Kurt H. Wolff, Luchterhand, Neuwied/Berlín 1964, S. 509–565.
- Elisabeth Noelle-Neumann, Edgar Piel (Hrsg.): Eine Generation später. Bundesrepublik Deutschland 1953–1979. Saur, Múnic u.a. 1983, ISBN 3-598-10475-8, (zum Symposium „Eine Generation Später“ Bonn 1981).
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Generations and Population Doublings". optusnet.com.au. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2016. Consultado o 07 de xuño de 2016.
- "Resources on the Generations". McCrindle.com.au. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2009. Consultado o 07 de xuño de 2016.
- "What is Generation Jones?". Wisegeek.com.