Ñu azul
Connochaetes taurinus

Rango fósil: plistoceno - actuialidade
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Connochaetes
Especie: C. taurinus
Nome binomial
Connochaetes taurinus
(Burchell, 1823)
Subespecies
  • C. t. albojubatus (Thomas, 1912)
  • C. t. cooksoni (Blaine, 1914)
  • C. t. johnstoni (Sclater, 1896)
  • C. t. mearnsi (Heller, 1913)
  • C. t. taurinus (Burchell, 1823)

O ñu azul, Connochaetes taurinus, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

Ñu azul.
Migración dos ñus no Serengueti.

É unha das dúas especies que compoñen o xénero Connochaetes, sendo de tamaño lixeiramente maior que a outra especie, o ñu negro (Connochaetes gnou).

Distribuído por varias zonas da África oriental e meridional, no ñu azul distínguense cinco subespecies.

Este grande antílope ten un aspecto musculoso, coa cabeza pesada, cun distintivo fociño robusto. As crías nacen cunha coloración parda avermellada e comezan a tomar a cor dos adultos á idade de dous meses. A capa dos adultos varía desde un gris lousa ou azulado profundo, a plena luz, á parda agrisada ou gris.

Ambos os sexos posúen un par de grandes cornos curvados.

O ñu azul é herbívoro, alimentándose principalmente de pastos de herbas curtas. Forma mandas que se moven en grupos soltos. Estes animaos son corredores rápidos e extremadamente precavidos.

O apareamento comeza ao final da temporada de chuvias e normalmente nace unha soa cría por parto despois dun período de xestación duns oito meses e medio. A cría permanece coa s´´ua nai durante oito meses, tras o cal se une a unha manda de xuvenís.

O ñu azul habita nas chairas herbáceas que bordean as sabana arboradas con acacias e matogueiras (bush) na África meridional e oriental, e prosperan en áreas que non son nin demasiado húmidas nin demasiado áridas.

Cada ano, algunhas poboacións de África oriental toman parte dunha gran migración a longa distancia, aparentemente programada para coincidir cos padóns locais de precipitacións e de herba en crecemento.

O ñu azul é nativo de Angola, Botswana, Eswatini, Kenya, Mozambique, Suráfrica, Tanzania, Zambia e Zimbabue. Hoxe está extinto en Malaui, pero foi reintroducido con éxito en Namibia. O límite meridional da área de dispersión do ñu azul está no río Orange, mentres que o límite occidental está delimitado polo lago Victoria e o monte Kenya.

Este antílope está amoplamente difundido e está introducíndose en granxas privadas, reservas e zonas protexidas. Por esta razón, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) clasifica hoxe ao ñu azul como especie LC (pouco preocupante).

A súa poboación estímase en ao redor dun millón e medio de individuos, a súa tendencia é estábel.

Taxonomía

editar

A especie foi descrita por primeira vez en 1823 polo naturalista, ilustrador e explorador británico William John Burchell nunha nota ao pé da páxina 278 do segundo volume da súa obra Travels in the interior of southern Africa editada en Londres en 1824.[2][3]

Clasificouse dentro do xénero Connochaetes, descrito polo alemán Lichtenstein en 1812, e déuselle o nome científico Connochaetes taurinus.[4]

O nome xenérico Connochaetes deriva das palabras do grego antigo κόννος kónnos, "barba", e χαίτη, chaítē, "pelo que flue", "melena".[5] O nome específico latino taurinus, que significa "de touro", "de boi", deriva de taurus, "touro" que, á súa vez, deriva do grego ταυροσ taûros, co mesmo significado, "touro".

O "azul" do nome común, ñu azul, fai referencia á conspicua tonalidade azul prateada da súa capa. En canto a "ñu" é a adaptación de t'gnu,[6] o nome que lle dan a estes animais os khoikhoi, pequeno grupo étnico nómade da África do suroeste, especificamente de Botswana e Namibia, que se separou da tribo dos hotentotes ou khoisan.

Aínda que ambos os ñus, o azul e o negro, se clasifican actualmente no mesmo xénero, o ñu azul anteriormente foi situado nun xénero separado, Gorgona.[7] Pero un estudo dos cromosomas mitóticos e de ADN mitocondrial permitiu saber máis das relacións evolutivas entre as dúas especies, encontrándose que as dúas tiñan unha estreita relación filoxenética, e que diverxeron hai un millón de anos.[8]

Subespecies

editar
 
Distribución das subespecies de Connochaetes taurinus:
     C. t. taurinus     C. t. cooksoni     C. t. johnstoni     C. t. albojubatus     C. t. mearnsi

A maioría dos autores recoñecen na especie Connochates taurinus as seguintes cinco subespecies:[2][9][10]

  • C. t. albojubatus Thomas, 1912 — Ñu de barba branca oriental, que se encontra no Val do Rift ao sur do Ecuador, desde o centro de Kenya até o norte de Tanzania.
  • C. t. cooksoni Blaine, 1914 — Ñu de Cookson, que está restrinxido no val de Luangwa, en Zambia, aínda que ás veces estes animais poden deambular pola rexión da meseta central de Malawi.
  • C. t. johnstoni Sclater, 1896 — Ñu de Niasa, que se estende desde Mozambique (ao norte do río Zambeze) até o centro-leste de Tanzania. A pesar do seu nome (Niasalandia hoxe denomínase Malaui) esta subespecie está acualmente extinguida na República de Malaui.
  • C. t. mearnsi (Heller, 1913) — Ñu de barba branca occidental, que se encontra no norte de Tanzania e en Kenya meridional. A súa área de dispersión esténdese desde o oeste do Val do Rift até a baía de Speke, no lago Victoria.
  • C. t. taurinus (Burchell, 1823) — Ñu azul, ñu común ou ñu alistado, que se encontra na África meridional, desde Namibia e Suráfrica a Mozambique (ao norte do río Orange) e desde o suroeste de Zambia (ao sur do río Zambeze) até Angola meridional.

Hibridación

editar

Sábese que o ñu azul pode hibridarse co ñu negro.[11] As diferenzas en comportamento social e hábitats historicamente impediron a hibridación interespecífica, porén pode ocorrer cando ambas as especies están confinadas dentro da mesma zona, e a descendencia é xeralmente fértil. Un estudo destes animais híbridos na Spioenkop Dam Nature Reserve en KwaZulu-Natal, Suráfrica, revelou que moitos tiñan anormalidades conxénitas nos dentes, nos cornos e nos ósos wormianos (ósos suturais) do cranio.[12] Outro estudo revelou un aumento no tamaño dos híbridos en comparación co do dos seus pais. Nalgúns animais híbridos as bullas timpánicas do óso temporal aparecen moi deformadas e, nuotros, o radio e o cúbito aparecen fusionados.[13]

Características

editar

As principais característyicas morfolóxicas do ñu azul son:[14][15][16]

 
Primeiro plano dun ñu azul. Obsérvese a similitude dos cornos cos do búfalo.
 
Ñu azul adultol e xuvenil.
  • Antílope grande e de aspecto inconfundíbel, e robustamente constituído; visto de fronte ten aparencia bovina, coas agullas macizas, só lixeiramente máis altas que as ancas (ao contrario que outuros alcelafinos); os cuartos traseiros son de constitución delgada, moi desproporcionados; as patas son longas e delgadas; a cabeza é grande, moi maciza, co fociño ancho deprimido e con serdas, e a cara cuberta por unha guedella de pelos negros, debaixo da garganta e do pescozo presenta unha barba de pelos negros, tesos e, sobre os ombros e o pescozo, unha crina negra e longa; a cola é longa, negra e peluda, rematada nunha borla ou "pincel" que chega até o chan.
  • Estas características fixeron que antigamente se ecribira aos ñus (tamén ao negro) como animais que estaban constituídos polos cuartos dianteiros dun boi, os cuartos traseiros dun antílope e a cola dun cabalo. Esrta descrición fixo que se cualificara como "o vello pallaso da pradería".
  • Dimensións:
    • Lonxitide de cabeza e tronco: de 180 a 240 cm nos machos, e de 170 a 230 cm nas femias.
    • Lomnxitude da cola: de 65 a 100 cm nos machos, e de 60 a 90m cm nas fermias.
    • Altura na cruz: de 125 a 145 cm nos macuos, e de 115 a 142 cm nas femias.
    • Peso: de 165 a 290 kg os machos, e de 140 a 260 kg as femias.
  • Cornos, presentes en ambos os sexos, de 64 a 86 cm, nos machos; nas femnias, moito menores (de entre os 30 e os 40 cm). Os cornos teñen un ensanchamento relativamente pequeno na base, e cúrvanse cara a abaixo e despois cara a arriba, cara a adiante e cara a dentro, e están dispostos transversalmente na cabeza (de xeito parecido aos do búfalo africano).
  • Coloración xeral gris lousa apagada, máis ou menos arteravesada por listas máis escuras no pescozo e os cuartos duianteiros. Os indiviudos xuvenís teñen a capa de cor parda amarelada arrubiada, coa cara máis escura e presentan unha raia escura ao longo da cabeza, o pescozo e o dorso.

Bioloxía

editar

Hábitat e distribución

editar
Hábitat
 
Ñu azul na sabana.
 
Cebras e ñus azuis pastando no cráter de Ngorongoro.

A especie encóntrase en chairas de herbas curtas con arbustos espiñentos, bordeando sabanas arboradas e zonas de matogueiras, penetrando tamén en e bosques abertos de zonas secas.[10][15]

No Serengueti os ñus azuis prosperan en pasteiros en solos alcalinos e volcánicos durante a estación das chuviaa, retirándose a pastos das zonas de maior precipitación e con augas permanentes durante a estación seca.[10]

A súa mesta pelaxe permítelle acceder a zonas frías en zonas montañosas, aínda que raramente se encontran por riba dos 1.800-2.100 m (por exemplo, no cráter de Ngorongoro).[10][15]

Distribución

Antigamente o ñu azul distribuíase desde o sur de Kenya até o norte leste de Namibia, Botswana, e o río Orange en Suráfrica e Mozambique. Ultimamente foi introducido fóra da súa área de distribución natural, tales como as terras altas do leste de Zimbabue e en granxas privadas en Namibia.[10]

Na actualidade encóntrase en Angola, Botswana, Eswatini, Kenya, Mozambique, Namibia Suráfrica, Tanzania, Zambia e Zimbabue. Recentemente extinguiuse en Malaui, pero foi reintroducido con éxito en Namibia.[10]

Costumes

editar

Os ñus azuis son moi gregarios e viven xeralmente en granes mandas. Durante os seus desprazamentos poden verse en grupos de decenas de millares de individuos. Poden encontrtarse asociados a cebras e gacelas de Thomson e, ás veces, con outros herbívos das praderías.[15]

 
Loita entre machos.

Durante a época de celo forman grupos pequenos, desde dúas a tres até máis de 150 femias e xoves que son congregados por dun a tres machos.
Estes machos comparten aparenemente o rabaño sen ningunha xerarquía definida entre eles.
Trotan ao redor del cun paso balanceante, coa cabeza alta, forzando ao rabaño a agruparse nun grupo máis mesto.[15]

Pero os machos son agresivos e defenden unha zona ao redor do seu rabaño,[15] incluso durante os desprazamentos, que marcan coas secrecións das glándulas que teñen na cabeza, defendéndoo contra outros machos rivais.[16] e loitan entre si na época de celo.[15]

Despois da época de celo, os rabaños de cría intégranse en mandas maiores e, nestas, non se observa ningunha estutura social. Nos seus desprazamentos seguen as condicións favorábeis de alimento e auga, sendo os seus extensos movementos (ás veces os desprazamentos destes animais superan os 1.600 km). Andan e corren a miúdo en fila india e, ao igual que outros moitos animais das chairas, disgréganse durante as chuvias concentrándose durante a estación seca ao redor das pozas ou das correntes, buscando herbas frescas apetecíbeis. Tenden a pacer en formacións dispersas. Son activos a todas as horas do día e da noite, agás ao mediodía nas xornadas cálidas.[15]

Os ñuis azuis son moi ruidosos. A súa voz é un sonoro bufido e un grave gruñido. O olfacto é unha forma moi importante de comunicación intraespecífica.[15]

 
Ñus azuis atravesando un río nunha migración.

Alimentación

editar

Os ñus azuis a son herbívoros puros.[10] A herba constitúe o 90 % da súa dieta, e parecen ter preferencia por certas especies cando brotan despois da chuvia (en África oriental, Themeda triandra é, con moita diferenza, a máis importante, seguida de Pennisetum mezianum).[15]

 
O ñu azul habita en lugares con dispoñinilidade de auga.

O tempo de pastoreo aumenta un 100 % durante a estación seca. Aínda que a elección da dieta segue a ser a mesma na estación seca que na temporada de chuvias, os animais son máis selectivos durante esta última.[17]

Beben cada día se teñen auga dispoñíbel, pero poden pasar até 5 días sen beberen. Durante a estación seca poden desprazarse até 50 km diarios para beberen. Ás veces poden complementar a inxesta de auga comendo plantas suculentas e melóns silverstres. Os ñus azuis presentan requirimentos hídricos máis estritos que outros animais que viven nas mesmas zonas, particularmente os órices e as gacelas de Grant.[15]

Reprodución

editar

Os ñus azuis machos alcanzan a madurez sexual aos dous anos de idade, mentres que as femias poden concibir aos 16 meses se se alimentaronadecuadamente.[18][19] Porén, a maioría das femias non comenzan a reproducirse até un aho despois. O apareamento, que dura tres semanas, coincide con final da temporada de chuvias. Isto significa que os animais están en bo estado de saúde, xa que se alimentaron de pastos altamente nutritivos de herbas acabadas de crecer, e a taxa de concepción a miúdo é tan alta como o 95 %. A tempada de apareamento típicamente comenza nunha noite de lúa chea, o que suxire que o ciclo lunar inflúe na reprodución. Nese momento, o pico de produción de testosterona nos machos é o máximo, o que dá por resultado un aumento da chamada ao comportamento territorial. As actividades destes machos sexualmente excitados tamén poden estimular ás femias para entraren no estro.[18]

 
Dous machos loitando pola dominancia.

Os machos marcan os seus territorios e compiten entre eles polas femias. Trucan e empuxan cos cornos, dobrando os xeonllos, bramando e bufando, ás veces, cravando os cornos no chan. Unha vez que se estableceu a dominación, cada macho intenta atraer á femias ao seu territorio.[20] O macho intenta montar á femia. As femias receptivas manteñen a súa cola desviada cara a un lado, e permanecen parados mentres dura a cópula. Os apareamentos poden repetirse varias veces, e poden levarse a cabo dúas veces ou máis nun minuto. Os machos nin comen nin descansan cando unha femia está presente no seu territorio e, durante este tempo, a femia mantense cerca do macho, a miúdo fregando a súa cabeza sobre o torso do macho e cheirando o seu pene. Na temporada de cría, unha femia pode visitar varios territorios e aparearse con varios machos diferentes.[18]

Inimigos

editar

O seu principal depredadolr é o león (nalgunhas zonas os ñus azuis constitúen a metade da súa dieta), o guepardo, os licaóns e os crocodilos. En África oriental as hienas pintas cazan gran número de exemplares acabados der nacer. Na terra dos masais (África oriental) os ñus azuis son quizais os herbívoros máis cazados.[14][15][19]

Enfermidades e parasitos

Aínda que a peste bovina é probabelmente a enfermidade máis grave que padece o ñu azul, tamén é susceptíbel de enfermidades das patas e a boca, como o carbúnculo, a sarna e a gangrena nos cascos.[21] O herpesvirus foi illado por primeira vez nos ñus azuis en 1960 polo veterinario Walter Plowright.[22] Aínda que as causas de morte varían de ano en ano, nunha época de seca en Botswana, os tenreiros xoves, ad femias e os adultos vellos foron os máis propensos a morrer. Noutra ocasión estimouse que o 47 % das mortes foron causadas por enfermidades, o 37 % eran debidas á depredación e o resto eran resultado de accidentes.[21]

O animal pode ser hóspede de gran número de diferentes parasitos. Nun estudo encontrouse que os ñus azuis eran hospedeiros de trece especies de nematodos, trematodos, larvas de cinco moscas da familia dos éstridos, tres especies de piollos, sete especies de carrachas da familia dos ixódidos e de larvas dun verme da lingua (pentastómidos). Destes, a maioría foron máis prevalentes nalgunhas épocas do ano que noutras.[23] Xeralmente, as larvas de Gedoelstica e Oestrus viven nas fosas nasais e as cavidades respiratorias e, ás veces, migran cara ao cerebro.[21] En comparación con algúns outros bóvidos, os ñus azuis son resistentes á infestación por varias especies de carrachas.[24]

Estado de conservación

editar

Os ñus azuis sofren a depredación por parte de leóns, leopardos, licaóns, hienas e crocodilos, sendo asúa caza por estes a principal causa de morte. Así mesmo son susceptíbeis a varias enfermidades que tamén poden levar a unha diminución dos seus efectivos.[19] Os principais factores humanos que afectan ás súas poboacións inclúen a deforestación a grande escala, o desecamento das fontes de auga, a expansión dos asentamentos humanos e a caza furtiva. Ademais, doenzas do gando doméstico como a enfermidade do sono poden ser transmitidas a estes animais.[10] A construción de valados que interrompen as rotas migratorias tradicionais entre as zonas húmidas e as secas tradúcense na morte masiva cando os animais quedan illados de fontes de auga cando buscan áreas de pasto mellores durante as secas.[10] Un estudo dos factores que inflúen nas poboaciones de ñus no ecosistema do Masai Mara revelou que a poboación sufrira unha drástica diminución de ao redor do 80 % duns 119.000 cabezas en 1977, até chegar a uns 22.000 vinte anos máis tarde. A principal causa disto pénsase que foi a expansión da agricultura, que conduciu á perda do pasto tradiconal nas zonas de partos e cría na estación chuviosa.[25]

A poboación total de ñus azuis estímase actualmente en ao redor de 1.550.000 individuos. A tendencia da poboación xeral é estábel, e no Parque Nacional de Serengueti (Tanzania) incrementouse ultimamente até as 1.300.000 cabeza. A densidade da poboación é de 0,15 animais por km 2 no Parque Nacional Hwange e nos Parques Nacionais de Etosha, de 35/km 2 no cráter do Ngorongoro e no Parque Nacional de Serengueti, onde son máis abundantes. O ñu azul tamén se introduciu en gran número de granxas privadas, coutos de caza, reservas e áreas de conservación.[26] Por estas razóns, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) clasifica o status do ñu azul como LC (pouco preocupante). Porén, o número de espécimes de ñus de barba branca orientais (C. t. albojubatus) viu un forte descenso nos tempos actuais da orde de probabelmente de 6.000 a 8.000 animais, e isto está causando certa preocupación.[10]

Usos e interacción cos humanos

editar

Como un dos grandes herbívoros de África meridional e oriental, o ñu azul desempeña un papel importante no ecosistema e é un elemento principal como presa dos grandes depredadores como o león. É un dos animais que atrae a turistas á zona para observar o gran xogo da vida e a morte e, como tal, é de grande importancia económica para a rexión.[19] O ñu azul foi tradicionalmente cazado pola súa pel e a súa carne; a pel para fabricar un coiro de boa calidade, aínda que a carne é de pouca calidade, seca e moi dura.[24]

Porén, o ñu azul tamén pode afectar negativamente aos seres humanos. Pode competir co gando doméstico polo pasto e a auga, e poden transmitir enfermidades mortais como a peste bovina e causar epidemias. Tamén poden tansmitir varios parasitos, como trematodos, tenias, moscas e carrachas.[27]

Descubriuse unha antiga lousa tallada representando un animal moi similar ao ñu azul, que data de ao redor do ano 3.000 a.C., en Nekhen (Exipto), hoxe Kom el-Ahmar, a antiga Ἱεράκων πόλις (Hierákōn pólis ou Hieracómpole), cidade que era daquela a capital política e relixiosa do Alto Exipto. Isto podería indicar que o animal se encontraba no norte de África en tempos dos antigos exipcios.[21]

  1. IUCN SSC Antelope Specialist Group (2008). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World.
  3. Pickering, J. (October 1997). "William J. Burchell's South African mammal collection, 1810–1815". Archives of Natural History 24 (3): 311–26. ISSN 0260-9541. doi:10.3366/anh.1997.24.3.311. 
  4. Grubb, P. (2005): "Genus Cionnochaetes", en "Order Artiodactyla". En Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. p. 676. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  5. Benirschke, K. "Wildebeest, Gnu" Arquivado 15 de marzo de 2012 en Wayback Machine.. Comparative Placentation (en inglés).
  6. gnou no Merriam Weobster Dictionary online.
  7. Connochaetes taurinus Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine. en Wildpro - the electronic encyclopaedia and library for wildlife.
  8. Corbet, S. W. & Robinson, T. J. (1991): "Genetic divergence in South African Wildebeest: comparative cytogenetics and analysis of mitochondrial DNA". The Journal of Heredity 82 (6): 447–452.Resumo.
  9. Connochates taurinus no SIIT.
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 Connochates taurinus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.3
  11. J. Paul Grobler, Ian Rushworth, James S. Brink, Paulette Bloomer, Antoinette Kotze, Brian Reilly & Savvas Vrahimis (2011): "Management of hybridization in an endemic species: decision making in the face of imperfect information in the case of the black wildebeest — Connochaetes gnou". European Journal of Wildlife Research 57 (5): 997-1006 Resumo.
  12. Rebecca R. Ackermann, James S. Brink, Savvas Vrahimis & Bonita De Klerk (2010): "Hybrid wildebeest (Artiodactyla: Bovidae) provide further evidence for shared signatures of admixture in mammalian crania" South African Journal of Science 106 (11/12): 1–4. Resumo Arquivado 30 de maio de 2015 en Wayback Machine..
  13. De Klerk, B. (2008): "An osteological documentation of hybrid wildebeest and its bearing on black wildebeest (Connochaetes gnou) evolution" Tese Doutoral.
  14. 14,0 14,1 Connochaetes taurinus en Ultimateungulate.
  15. 15,00 15,01 15,02 15,03 15,04 15,05 15,06 15,07 15,08 15,09 15,10 15,11 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 232-234.
  16. 16,0 16,1 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), pp. 84-86.
  17. Ego, W. K.; Mbuvi, D. M.; Kibet, P. F. K. (March 2003). "Dietary composition of wildebeest (Connochaetes taurinus), kongoni (Alcephalus buselaphus) and cattle (Bos indicus), grazing on a common ranch in south-central Kenya". African Journal of Ecology 41 (1): 83–92. doi:10.1046/j.1365-2028.2003.00419.x. 
  18. 18,0 18,1 18,2 Estes, R. D. (2004): The Behavior Guide to African Mammals: Including Hoofed Mammals, Carnivores, Primates 4th ed. Berkeley: University of California Press. pp. 150–156. ISBN 0-520-08085-8.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Connochaetes taurinus en ADW.
  20. Moss, C. Portraits in the Wild: Behavior studies of East African mammals. Boston: Houghton Mifflin Company. p. 167. ISBN 978-0-226-54233-1. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Kingdon, Jonathan (1989): East African Mammals: An Atlas of Evolution in Africa (Vol. 3, Part D:Bovids ed.). London: Academic Press. pp. 525–538. ISBN 0-226-43725-6.
  22. O. A. Ryder & Byrd, M. L. (1984): One Medicine: A Tribute to Kurt Benirschke, Director Center for Reproduction of Endangered Species Zoological Society of San Diego and Professor of Pathology and Reproductive Medicine University of California San Diego from his Students and Colleagues. Berlin, Heidelberg: Springer. pp. 296–308. ISBN 978-3-642-61749-2.
  23. Horak, I. G.; De Vos, V & Brown, M, R, (1983); "Parasites of domestic and wild animals in South Africa. XVI. Helminth and arthropod parasites of blue and black wildebeest (Connochaetes taurinus and Connochaetes gnou)" Arquivado 16 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. The Onderstepoort Journal of Veterinary Research 50 (4): 243–255.
  24. 24,0 24,1 Horak, I. G.; H. Golezardy & A. C. Uys (2006): "The host status of African buffaloes, Syncerus caffer, for Rhipicephalus (Boophilus) decoloratus" The Onderstepoort Journal of Veterinary Reseach 73 (3): 193-198. doi Resumo.
  25. Ottichilo, Wilber K.; de Leeuw, Jan; Prins, Herbert H.T. (February 2001). "Population trends of resident wildebeest (Connochaetes taurinus hecki (Neumann)) and factors influencing them in the Masai Mara ecosystem, Kenya". Biological Conservation 97 (3): 271–82. doi:10.1016/S0006-3207(00)00090-2. 
  26. East, R.; Group, the IUCN/SSC Antelope Specialist (1999). African Antelope Database 1998. Gland, Switzerland: The IUCN Species Survival Commission. p. 212. ISBN 2-8317-0477-4. 
  27. Talbot, L. M. & Talbot, M. H. (1963): Wildlife Monographs: The Wildebeest in Western Masailand, East Africa. National Academies. pp. 20–31.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 55–72.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: Rhe Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
chat 3
Intern 3
iOS 10
mac 28
multimedia 1
OOP 1
os 315
todo 4