Aladino
Aladino e a lámpada marabillosa,[1] ou simplemente Aladino (transcrición do nome árabe علاء الدين 'Alā 'ad-Dīn, literalmente ‘nobreza ou gloria da fe’) é unha das historias de orixe siria d'As mil e unha noites e unha das máis sonadas na cultura occidental.
Aladino e a lámpada marabillosa | |
---|---|
Aladino no Xardín Máxico: ilustración de Max Liebert para Aladdin und die Wunderlampe, de Ludwig Fulda. | |
Título orixinal | علاء الدين |
Autor/a | Anónimo |
Lingua | Árabe, farsi (persiano) |
Colección | As mil e unha noites |
Xénero(s) | Conto de fadas, literatura infantil |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sinopse
editarA historia trata dun mozo pobre nunha vila da China chamado Aladino (por veces Aladín), que é recrutado por un mago, facéndose pasar por irmán do seu falecido pai, para que lle axude a recuperar unha lámpada de aceite marabillosa dunha cova máxica que apresa a quen entra nela. Despois de que o mago intenta traizoalo, Aladino queda coa lámpada e descobre que ao fretala pode invocar un fusco xenio que está obrigado a servir á persoa que posúa a "lámpada marabillosa". Coa súa axuda, Aladino faise rico e poderoso e casa coa princesa Badrulbudur. O mago volve e logra facerse coa lámpada enganando á dona de Aladino, que ignora a importancia da mesma. Aladino descobre logo que un xenio menor e educado pode ser invocado cun anel que lle emprestara o mago pero que esqueceu durante a súa traizón inicial. Axudado por este divino obxecto, Aladino recupera a súa dona e a lámpada enganando ao mago.
Significado
editarO tema dun trampón burlado por outro trampón de condición máis modesta, é moi frecuente nas fábulas.
Unha interpretación de Carl Gustav Jung da historia de Aladino consideraríaa un exemplo clásico de historia de pobreza a riqueza. Este tipo de historia presenta tres partes: dende uns comezos baixos, o protagonista logra un primeiro éxito na vida, atravesa despois unha crise importante na que parece telo todo perdido, e finalmente triunfa sobre a adversidade logrando un éxito máis estábel e duradeiro. Este éxito definitivo só é posíbel grazas a que o heroe obtivo certo grao de madureza interior trala experiencia da crise. O primeiro éxito de Aladino chegou facilmente e non estivo baseado nos seus propios esforzos, senón no xenio que o axudou. A súa desesperación ao perder o palacio e a princesa a mans do mago pérfido lévao a un lugar espiritual ao que necesitaba chegar antes de poder desenvolver a auténtica forza e enteireza facendo que os seus propios esforzos triunfen. A enteireza que termina acadando está simbolizada polo restablecemento da relación coa princesa. Baixo este punto de vista, unha das razóns do interese duradeiro da historia de Aladino é o noso a miúdo inconsciente recoñecemento da importancia do seu significado subxacente: recoñecemos o noso propio esforzo por medra e desenvolver a viaxe de Aladino.
Fonte
editarNon se ten localizado fonte árabe medieval ningunha para esta historia, que foi incorporada ás Mil e unha noites polo seu tradutor francés, Antoine Galland, quen a ouviu dun contista sirio de Alepo. O diario de Gallard (25 de marzo de 1709) rexistra que se atopou cun investigador maronita chamado Youhenna Diab («Hanna»), que fora levado desde Alepo a París por Paul Lucas, un célebre viaxeiro francés. O diario de Gallard tamén conta que a súa tradución de Aladino foi realizada no inverno de 1709 a 1710. Foi incluída nos seus volumes IX e X d'As mil e unha noites, publicados en 1710.
John Payne dá en Alaeddin and the Enchanted Lamp and Other Stories (Londres 1901) detalles do encontro de Galland co home chamado «Hanna» e do achado na Bibliothèque Nationale de París de dous manuscritos árabes contendo Aladino e dous máis das historias «interpoladas». Un é unha embarullada versión siria de finais do século XVIII. A máis interesante, nun manuscrito que pertenceu ao pescudador Armand-Pierre Caussin de Perceval, é unha copia dun manuscrito feita en Bagdad en 1703. Foi adquirido pola Bibliothèque Nationale a finais do século XIX.
No Reino Unido a historia de Aladino é un tema popular para as pantomimas. A pantomima tradicional de Aladino (a diferenza de moitas adaptacións da historia) é a fonte da coñecida personaxe de pantomima da viúva Twankey.
Advírtase que malia considerármolo un conto árabe por mor da súa fonte, ou porque foi incluído n'As mil e unha noites, os personaxes da historia non son nin árabes nin persianos, senón máis ben do Extremo Oriente. O conto, coma outros d'As mil e unha noites, sitúanse na China, o que é probabelmente só unha licenza literaria para situalo nun lugar afastado, xa que polo demais a acción transcorre nun escenario totalmente islámico onde a maioría da xente é musulmá. Hai unha comunidade xudía, tratada polos demais con prexuízos, e non se menciona a budistas nin confucianistas. Todo o mundo leva neste país do Extremo Oriente nomes árabes e ao seu rei semella ser máis un gobernante árabe ca un emperador chinés real. O país da historia era un lugar afastado mítico, definitivamente oriental.[2]
Para un narrador descoñecedor da existencia das Américas, a terra de Aladino representaría «o Extremo Oriente» mentres o país natal do mago, Marrocos, representaba «o Extremo Occidente». Magreb significa ‘poñente’ en árabe, e o nome tradicional de Marrocos nesta lingua é Al-Magreb al-Aqsà, que significa ‘o extremo poñente’. No imaxinario árabe oriental, o Magreb, tanto pola súa situación no outro extremo do mundo coñecido como por ser o lugar onde se puña o sol (e polo tanto estar relacionado coa noite e as tebras), era un territorio propicio para ser o lugar de procedencia de seres misteriosos coma os magos.
Ao comezo da historia, o esforzo do mago por facer a viaxe máis longa concebíbel no mundo do narrador, subliña a súa determinación para lograr a lámpada e polo tanto o enorme valor desta. En posteriores episodios, coa axuda dos xenios, o mesmo percorrido de ida e retorno realízase de súpeto, dando mostra dos seus extraordinarios poderes.
Na literatura e o cinema
editarAdam Oehlenschläger escribiu o seu drama Aladdin en 1805. Carl Nielsen compuxo música incidental para esta obra.
A historia foi adaptada en filmes animados en varias ocasións, incluíndo Aladino e a súa lámpada marabillosa, unha curtametraxe de Popeye de 1939. Posibelmente a versión máis recoñecida sexa a da Disney Aladdín (1992), un filme musical con cancións compostas por Alan Menken, Howard Ashman e Tim Rice. A historia respecta moitos elementos do conto inicial aínda que o argumento difira bastante. Non está ambientada na China, senón nun contorno árabe; salienta o personaxe do xenio azul, de gran simpatía.
En 1960 Bollywood produciu Aladino e Simbad, moi vagamente baseado no orixinal, no que ambos os dous heroes se atopaban e partillaban as súas respectivas aventuras. Nesta versión, o xenio da lámpada era feminino e Aladino casaba con ela no canto da princesa (para o cal se convertía en mortal).
Unha das moitas reelaboracións da historia aparece en A Book of Wizards e A Choice of Magic, de Ruth Manning-Sanders.
É tamén o protagonista do manga Magi.
Notas
editar- ↑ Anónimo. Contos das 1001 noites. Carmen Torres París (tradución). Edicións Xerais. ISBN 9788483026847.
- ↑ Compárese con «Catai». Véxase Hugh Honour, Chinoiserie: The Vision of Cathay (1961). Sección I, The Imaginary Continent.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aladino |
Outros artigos
editar- Fyrtøiet (O isqueiro) (conto de Andersen)
- As mil e unha noites
- Aladino e a lámpada marabillosa (ópera).
Ligazóns externas
editar- Texto en Wikisource
- LANG, Andrew: Aladino e a lámpada marabillosa (Aladdin and the Wonderful Lamp), do Libro azul dos contos de fadas (The Blue Fairy Book), Texto inglés en Wikisource; con son.
- Edición electrónica de The Arabian Nights, de acceso libre no Proxecto Gutenberg (en inglés).
- Versión do conto de Aladino