Gabriel (en hebraico גַּבְרִיאֵל, no hebraico moderno Gavriʼel, no hebraico tiberiano Gaḇrîʼēl; en latín Gabrielus; en grego Γαβριήλ, transl. Gabriēl; en árabe جبريل, trans. Jibrīl ou جبرائيل, transl. Jibrail; todos do aramaico Gabri-el, "home forte de Deus"[1]), é, nas relixións abrahámicas, un anxo que serve como mensaxeiro de Deus. Aparece por vez primeira nunha mención no Libro de Daniel, na Biblia hebraica. Nalgunhas tradicións é considerado un dos arcanxos, noutras como anxo da morte.

A Anunciación (1475–1480), Leonardo da Vinci

Como santo cristián, a súa festa celébrase o 18 de marzo (vetus ordo) ou o 29 de setembro (novus ordo). Venérase tanto por cristiáns, coma xudeus e musulmáns. Os seus atributos son as vestimentas azuis ou brancas, un lirio, unha lámpada, unha póla do Paraíso, un rolo de pergamiño, e un cetro, en actitude de saúdo ou beizón. É padrón da diplomacia e a comunicación (traballadores das telecomunicacións, radio, mensaxeiros, correo, cregos, diplomáticos, coleccionistas de selos...) Tamén é padrón de Portugal.

Con base en dúas pasaxes do Evanxeo segundo Lucas, diversos cristiáns e musulmáns Gabriel tería anunciado os nacementos de Xoán o Bautista e Xesús Cristo. O islam, alén diso, cre que Gabriel tería sido o medio polo cal Deus optou por revelar o Corán a Mahoma, e que a través del tería enviado unha mensaxe aos profetas revelándolles as súas obrigas. Coñécese coma o xefe dos catro anxos favorecidos, e o espírito da verdade, e en certas crenzas sería unha personificación do Espírito Santo.[2][3] Gabriel menciónase tamén na fe Bahá'í, especificamente na obra mística de Bahá'u'lláh, Sete Vales.

Anxo Gabriel, por Giotto di Bondone

Cítase varias veces na Biblia; como en Daniel 8:16 e 9:21.[4]

Ao anxo Gabriel confióuselle a misión máis importante confiada a alguén: anunciar o nacemento do fillo de Deus. O xeito de presentación cando se apareceu a Zacarías para lle anunciar que ía ter por fillo a Xoán o Bautista foi este: "O anxo respondeu: Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus e mandoume para falar contigo e darche esta boa nova.[5]

Lucas o Evanxelista dixo: "Os seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. Entrando onde estaba ela, díxolle: ‑Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo. Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou: ‑Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.[6]

Segundo a tradición, os arcanxos son os mensaxeiros (en grego "archangélos") de Deus das Boas Novas, axúdannos a dar bo rumbo e dirección á nosa vida, dannos comprensión e sabedoría. É a el que recorren os que precisan deses dons.

Segundo a relixión islámica, ao anxo Gabriel foille atribuída a revelación do Corán ao profeta Mahoma, que tería ocorrido cando este estaba a pregar e meditar nunha montaña da Meca. Con base nas revelacións dese episodio, Mahoma tería comezado a súa saga de divulgacións das obras de Deus, no que viría a ser o islamismo.

  1. Butler, Trent C. Editor, Holman Bible Dictionary, Broadman & Holman, 1991, verbete Gabriel
  2. Nader, M. The Holy Spirit in the Quran Arquivado 23 de xuño de 2011 en Wayback Machine.. Submission.org. visitado o 11 de agosto de 2009.
  3. Abdo, Lil. "Female Representations of the Holy Spirit in Bahá'í and Christian writings and their implications for gender roles" Arquivado 18 de abril de 2016 en Wayback Machine.. Bahá'í Studies Review Volume 4.1, 1994. visitado o 11-8-2009.
  4. "Capítulos 6-10: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2020-01-12. 
  5. "Capítulos 1-5: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2020-01-12. 
  6. "Capítulos 1-5: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2020-01-12. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
todo 2