Asemblea Lexislativa de Porto Rico
A Asemblea Lexislativa de Porto Rico (en español, Asamblea Legislativa de Puerto Rico; e en inglés, Legislative Assembly of Puerto Rico) é a institución que exerce o poder lexislativo do Estado Libre Asociado de Porto Rico. Está composta polo Senado e a Cámara de Representantes e o Capitolio, na cidade de San Xoán, é a súa sede.
Asemblea Lexislativa de Porto Rico | |
---|---|
Tipo | parlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo |
Sede | Capitólio de Porto Rico |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://senado.pr.gov e http://www.tucamarapr.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Antecedentes
editarDisposicións españolas
editarA finais do século XIX o independentismo de Porto Rico e as presións dos Estados Unidos, levaron a España a modificar a súa política con respecto ás súas colonias das Antillas. Así en 1897, o goberno do liberal Práxedes Mateo Sagasta aprobou unha serie de decretos que extendían os dereitos individuais consagrados na Constitución de 1876 e o sufraxio universal masculino para os habitantes de Porto Rico.[1] Nesta liña, que pretendía conter as pulsións independentistas, o 25 de novembro de 1897 a raíña rexente, María Cristina de Habsburgo-Lorena sancionou a Carta Autonómica de Porto Rico.
A Carta Autonómica confírelle ás "cámaras insulares" a facultade de "lexislar sobre asuntos coloniais".[2] Estas cámaras, iguais en funcións, eran o Consello de Administración e a Cámara de Representantes. A primeira estaba integrada por 15 membros dos que 8 eran escollidos por sufraxio, mentres que os 7 restantes eran designados polo Gobernador en nome do rei de España. A Cámara de Representantes contaría cun deputado por cada 25 000 habitantes. Aínda que se fixaron eleccións para o 27 de marzo de 1898, a invasión estadounidense da illa deixou sen efecto a Carta Autonómica.[1]
Disposicións estadounidenses
editarLogo da vitoria dos Estados Unidos sobre España, o Congreso dos Estados Unidos fixo leis para a administración de Porto Rico. O senador por Ohio Joseph Foraker propuxo a lei que estableceu un goberno civil na illa, é a Organic Act de 1900 ou Lei Foraker. Nela determinouse que o lexislativo estaría conformado por unha Asemblea Lexislativa integrada polo Consello Executivo (integrado por 11 membros, dos que 5 debían ser portorriqueños, escollidos polo presidente dos Estados Unidos para un período de 4 anos) e a Cámara de Delegados (formado por 35 membros escollidos cada dous anos).[3] Malia a que a Asemblea Lexislativa contaba con autonomía para os asuntos internos da illa, as leis aprobadas por ela debían ser remitidas ao Congreso dos Estados Unidos, institución que poderían anular a lexislación portorriqueña.
En 1917, o presidente Woodrow Wilson asinou a Lei Jones-Shafroth que viña de ser aprobada polo Congreso. Esta lei supuxo un cambio significativo pois establecía unha separación de poderes efectiva. O lexislativo foi outorgado a un parlamento propio de Porto Rico que mantiña a denominación de Asemblea Lexislativa, composta polo Senado, de 19 interantes, e a Cámara de Representantes, de 39 deputados. Tanto os representantes como os senadores eran escollidos cada catro anos polos portorriqueños.[4]
Composición
editarA Constitución do Estado Libre Asociado de Porto Rico, aprobada o 25 de xullo de 1952, determina no seu artigo 3º a composición e atribucións da Asemblea Lexislativa:[5]
- O Senado: con 27 membros electos cada catro anos.
- A Cámara de Representantes: de 51 membros electos cada catro anos.
Os lexisladores deben saber ler e escribir en inglés ou en castelán e deben ser cidadáns dos Estados Unidos e de Porto Rico, residindo na illa durante, polo menos, os dous anos previos á súa elección. Existen uns requirimentos de idade, así para ser representante cómpre ter 25 anos e 30 para senador.
En 2005 levouse a cabo un referendo no que se consultou á cidadanía sobre se a Asemblea Lexislativa debía conservar a súa bicameralidade ou se debía ser unicameral. O resultado mostrou unha posición favorable á unicameralidade co 83,8% fronte o 16% de votos que defenderon a estrutura bicameral. No plebiscito participou o 22,6% do censo.[6] Malia a isto, non se desenvolveu lexislación para aplicar o resultado da consulta.
Procedemento lexislativo
editarOs lexisladores deben presentar o seu proxecto de lei, baixo o seu nome, na oficina de trámites (rexistro) da cámara á que pertenzan. Alí é enviado á comisión parlamentaria correspondente e tamén é lida por primeira vez ante o plenario. A comisión, valorado o texto, elabora un informe que pode recomendar a aprobación con ou sen emendas, a súa substitución por outro proxecto, ou que sexa rexeitado. Posteriormente, o proxecto pasa á cámara para o seu debate, modificación e voto. No caso de ser aprobada, o texto pasa á outra cámara colexisladora onde o procedemento é o mesmo.
Unha lei aprobada pola Asemblea Lexislativa portorriqueña debe ser asinada polo gobernador para entrar en vigor. Se é rexeitada, a Asemblea Lexislativa pode revogar o veto co voto favorable de dous terzos dos seus integrantes.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "La Carta Autonómica de Puerto Rico, 1897". EnciclopediaPR (en inglés). Consultado o 2022-08-25.
- ↑ "Carta Autonómica de 1897 de Puerto Rico en LexJuris.com". www.lexjuris.com. Consultado o 2022-08-25.
- ↑ "1900 Foraker Act [31 Stat. 77 (1900)] · PRCAP (PR Citizenship Archives Project)". scholarscollaborative.org. Consultado o 2022-08-25.
- ↑ "Acta Jones, Carta Orgánica de 1917 de Puerto Rico en LexJuris.com". www.lexjuris.com. Consultado o 2022-08-25.
- ↑ "Constitución del Estado Libre Asociado de Puerto Rico - Wikisource". es.wikisource.org (en castelán). Consultado o 2022-08-25.
- ↑ "Referéndum sobre el sistema cameral de la Asamblea Legislativa - 2005" (PDF). Comisión Estatal de Elecciones - Estado Libre Asociado de Puerto Rico.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Páxina web da Oficina dos Servizos Lexislativos da Asemblea Lexislativa(en castelán)
- Páxina web do Senado (en castelán)
- Páxina web da Cámara de Representantes(en castelán)