Axóuxere (obxecto)
Un axóuxere é unha ou varias esferas ocas que poden servir como obxecto sonoro que serve para entreter aos cativos[1], como peza sonora que adoita poñerse nos gatos ou noutros animais domésticos para avisar de onde se moven[2] ou como instrumento musical[3]. Pode ser de plástico, metal ou madeira e ao movelo fai ruído debido a unha boliñas no seu interior. Adoitan seren de cores moi vivas para estimular os sentidos do neno. Debido a que a capacidade cognitiva dos pequenos aínda non está desenvolvida, este xoguete obriga ao neniño a forzar as súas capacidades visuais e auditivas para comprender o que ten diante cando o xoguete está no seu poder. Ademais vai obtendo estímulos táctiles que o relacionan co mundo exterior. A existencia de obxectos que chamen a súa atención resulta moi importante como xeito de:
- fomentar o crecemento do cerebro na etapa de maior plasticidade;
- comprobar se sofre algunha discapacidade auditiva ou visual;
- desenvolver as capacidades sensoriais;
- buscar unha pronta reacción e comprensión do seu contorno para ilo integrando nas redes sociais;
Noutro aspecto non lúdico e máis funcional, este obxecto utilízase como sinal de movemento: coma os badais nas igrexas ou os chocallos nas vacas, pónselle ás veces aos gatos ou cans para saber onde están ou para saber se se están movendo.
Consiste nun recipiente no que introducen axóuxeres ou campaíñas e un mango por onde agarra o cativo. Os máis pequenos axítano instintivamente e divírtense co son que eles producen. Actualmente, existe unha gran cantidade de modelos no mercado, fabricados de moi diversos materiais. A maioría están decorados con cores rechamantes e figuriñas infantís. Os axóuxeres foron utilizados polos cativos durante milleiros de anos. Os primeiros que se coñecen datan da época exipcia, antes do comezo do Imperio Novo.
Notas
editar- ↑ Neste contexto tamén se denomina ruxerruxe. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ruxerruxe.
- ↑ Neste contexto tamén se pode denominar cascabel ou arouxo. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arouxo.
- ↑ Neste contexto recibe tamén o nome de cascabel. Definición de cascabel no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Axóuxere |