Bandeira dos saamis

bandeira do pobo saami

A bandeira dos saamis[1] é a bandeira étnica do pobo saami, un pobo indíxena que habita na rexión coñecida como Laponia, nos países nórdicos, así como na península de Kola, en Rusia. Foi oficialmente recoñecida en 1986 pola Conferencia Saami (Pohjoismainen saamelaiskongressi, Nordiska Samekonferensen) para ser empregada en contextos saamis.

Bandeira dos saamis
Bandeira dos saamis
Características
Uso
Proporción75:101
Adopción15 de agosto de 1986
Cores     Azul      Vermello     Verde      Amarelo

Historia

editar

Primeira bandeira dos saamis

editar
 
  Primeiro deseño non oficial da bandeira saami.

A primeira bandeira non oficial dos saami foi deseñada pola política e activista saami Máret Stueng, de Kárašjohka en 1962, e foi o deseño usado como elemento visual de diversas publicacións saami (como a portada do "Catálogo 1971" publicado pola Biblioteca de Karasjok para a literatura saami)[2] e manifestacións a finais dos 60 e principios dos 70. Ademais, este deseño foi empregado en manifestacións contra o previsto encoro de Alta, un evento que desencadeou unha nova era na política saami e que acadou un forte significado simbólico. A bandeira eran tres bandas estruturadas dun xeito que suxire a cruz nórdica aplicada nas bandeiras dos países nórdicos. As cores (azul, vermello e amarelo) úsanse habitualmente nos gáktis, o traxe tradicional saami.

No marco das citadas manifestacións, a artista saami da costa Synnøve Persen de Porsáŋgu realizou as obras de arte “Forslag til Samisk flagg” (Proposta de bandeira saami) e “Sámilandia para saami” (incluíndo 5 banderíns), ambas con deseño similar ao realizado por Máret Stueng. Independentemente de se isto foi unha coincidencia, unha inspiración ou un simple acto de plaxio propio das prácticas artísticas, a bandeira de Persen contribuíu á visibilización da bandeira e dos seus conceptos implícitos sobre a autonomía saami. As obras de arte de Persen foron adquiridas polo Museo Nacional en 2018, despois de ser presentadas a nivel local e internacional en diversos medios e exposicións, sempre presentadas como "a primeira bandeira saami" sen referencia a Máret Stueng.

Segunda bandeira dos saamis

editar
 
A bandeira saami ondeando fóra dunha cabana.

A primeira bandeira saami oficial foi recoñecida e adoptada o 15 de agosto de 1986 pola XIII Conferencia Saami Nórdica en Åre, Suecia. A bandeira foi o resultado dun concurso patrocinado polo xornal Sámi Áigi para o que se presentaron máis de setenta propostas. Ao final, considerouse un novo deseño en contraste coa bandeira non oficial xa existente e saíu gañadora a nova. O deseño foi presentado pola artista saami da costa Astrid Båhl de Ivgubahta/Skibotn, no condado de Tromssa/Troms, Noruega.

Mantívose a estrutura básica da bandeira de Máret Stueng, mais Båhl engadiu a cor verde, que é popular en moitos gáktis sasmis do sur. Estas catro cores coñécense desde entón como "as cores (nacionais) saami". Tamén engadiu un motivo derivado dun símbolo do Sole a Lúa que aparece nos tambores de moitos xamáns saamis. Mentres que os debuxos dos tambores de xamán só se facían en vermello (usando un extracto do ameneiro sagrado), o motivo da bandeira usa tanto o azul como o vermello: o primeiro representa a Lúa, o segundo o Sol. A fórmula da cor Pantone é: vermello 485C, verde 356C, amarelo 116C e azul 286C.[3][4]

Fillos do Sol

editar

O motivo escolleuse tendo en conta o poema "Päiven Pārne'" ("Fillos do Sol"). O poema foi escrito polo sacerdote protestante saami do sur Anders Fjellner (1795-1876), a partir dun joik baseado en elementos da mitoloxía saami. O poema describe aos saami como "fillos e fillas do sol",[3] a través da unión entre unha muller "xigante" (unha entidade mitolóxica non identificada) que vive nunha "Casa da Morte" moi lonxe do Norte, e a descendencia masculina do Sol coa que ela foxe. Os saami tamén son denominados "descendentes dos Fillos do Sol" no himno nacional saami.[3]

Status oficial

editar

Dezasete anos despois da súa adopción polo Consello Saami, en 2003, a bandeira saami recibiu o status oficial en Noruega, o país con maior poboación saami. Agora é obrigatorio para os concellos de Noruega ondear a bandeira o 6 de febreiro, Día Nacional Saami.

O Consello Saami tiña anteriormente a propiedade total da bandeira e outros símbolos nacionais, pero dende a XVIII Conferencia Saami comparte esa propiedade co Consello Parlamentario Saami. O comité mixto de símbolos nacionais tamén ten o deber de determinar novos símbolos nacionais de acordo cos principios internacionais de heráldica.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para saami.
  2. "Nasjonalbiblioteket". 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Saamiraddi". www.saamicouncil.net. 
  4. "Regeringens webbplats om mänskliga rättigheter". www.manskligarattigheter.se. Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2011. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
INTERN 2
todo 1