Bienio Progresista

Bienio Progresista é o nome co que se coñece o breve período da Historia de España transcorrido entre xullo de 1854 e xullo de 1856, durante o cal o Partido Progresista pretendeu reformar o sistema político do reinado de Isabel II, dominado polo Partido Moderado dende 1844, afondando nas características propias do réxime liberal, tras o fracaso dos gobernos moderados da década anterior.

Historia

editar

Ao final da Década moderada apreciábase que había corrupción entre os políticos, pois sempre eran os mesmos os que dirixían a política e a economía do país. Por outra parte, ao cabo de dez anos de moderantismo, os que non tiñan rendas altas non tiñan dereito ao voto e por suposto non tiñan dereito a ser elixidos para formar parte das Cortes, pois a Constitución de 1845 impedíallelo, xa que o sufraxio censatario limitaba o dereito de voto, exclusivamente, para os máis ricos.

Esta situación provocou protestas e movementos subversivos en resposta a estas inxustizas. Estes movementos eran liderados polos propios liberais que non estaban de acordo coa forma de actuar do goberno; a maioría destes grupos liberais eran progresistas, pero tamén había grupos de moderados descontentos pola situación política, como é o caso do moderado xeneral Leopoldo O'Donnell.

Decadencia

editar

A partir da dimisión de Bravo Murillo a finais do ano 1852 xa comezara a decadencia gobernamental con disposicións por decreto que vulneraban o ordenamento constitucional. As principais figuras moderadas, descontentas co gabinete, foran apartadas pola nai da raíña, María Cristina de Borbón, que exercía o control sobre as filas moderadas. Así Francisco Martínez de la Rosa, Alejandro Mon y Menéndez e Leopoldo O'Donnell, homes de gran peso e que desexaban formar parte dun gabinete que restaurase a confianza na Coroa sen deixar en mans do Partido Progresista o Goberno, quedando excluídos de calquera iniciativa política.

Primeiras protestas

editar

En febreiro de 1854 producíronse as primeiras protestas na rúa en Zaragoza, que até xullo estendérense por toda España. O 28 de xuño de 1854, o xeneral Leopoldo O'Donnell, que se ocultara en Madrid durante as persecucións contra liberais e diferentes sectores moderados de toda España, uniuse a diversas forzas e enfrontouse as tropas leais ao goberno en Vicálvaro esixindo un goberno novo e que se acabase coa corrupción. Respectan á Raíña pero denuncian o mal goberno. Este pronunciamento militar recibe o nome de "La Vicalvarada", sen que resultara un vencedor claro. Ao largo de xuño e xullo uníronse ao alzamento outras tropas en Barcelona. O 17 de xullo, en Madrid, pero tamén en Alzira, Cuenca, Logroño, Valencia e Zaragoza, civís e militares saíron á rúa nunha sucesión de actos violentos, poñendo en perigo a vida da mesma nai da Raíña, que debeu de buscar refuxio.

Manifesto

editar

Ante esta situación o xeneral O'Donell e as súas tropas retiráronse cara ao sur, onde conectaron co xeneral progresista Serrano e xuntos lanzaron o 7 de xullo de 1854 o Manifesto de Manzanares, ao país para mobilizar a poboación civil:

 
Retrato de Leopoldo O'Donnell
Españois: A entusiasta acollida que vai atopando nos pobos o Exército liberal; o esforzo dos soldados que o compoñen, tan heroicamente mostrado nos campos de Vicálvaro; o aplauso con que en todas partes foi recibida a noticia do noso patriótico alzamiento, aseguran desde agora o triunfo da liberdade e das leis que xuramos defender.

Dentro de poucos días, a maior parte das provincias terán sacudido o xugo dos tiranos; o Exército enteiro virá poñerse baixo as nosas bandeiras, que son as leais; a nación gozará os beneficios do réxime representativo, polo cal derramou ata agora tanto sangue inútil e soportou tan custosos sacrificios. Día é, pois, de dicir o que estamos resoltos a facer no da vitoria.

Nós queremos a conservación do trono, pero sen camarilla que o deshonre; queremos a práctica rigorosa das leis fundamentais, mellorándoas, sobre todo a electoral e a de imprenta; queremos a rebaixa dos impostos, fundada nunha estrita economía; queremos que se respecten nos empregos militares e civís a antigüidade e os merecimentos; queremos arrincar os pobos da centralización que os devora, dándolles a independencia local necesaria para que conserven e aumenten os seus intereses propios, e como garantía de todo isto queremos e suscitaremos, baixo sólidas bases, a Milicia Nacional. Tales son os nosos intentos, que expresamos francamente, sen impoñerllos por iso á nación.

As Xuntas de goberno que deben irse constituíndo nas provincias libres; as Cortes xerais que logo se reúnan; a mesma nación, en fin, fixará as bases definitivas da rexeneración liberal á que aspiramos. Nós temos consagradas á vontade nacional as nosas espadas, e non as envainaremos ata que ela estea cumprida.
Cuartel xeral de Manzanares, a 6 de xullo de 1854. O xeneral en xefe do Exército constitucional, Leopoldo O'Donnell, conde de Lucena.


Este manifesto difundiuse entre a poboación invitando ao pobo a levantarse en apoio destas ideas. A reacción popular foi inmediata, pois proliferaron as axitacións e revoltas populares por todo o país apoiando o Manifesto, de modo que se converteu nunha revolución á que se uniron os obreiros cataláns.

Á vista dos acontecementos Isabel II tivo que atender e conceder o que o manifesto lle esixía. Comezaba o Bienio Progresista. Este novo período estaba cheo de ilusión e esperanza para grandes sectores do pobo. O novo goberno, liderado por Espartero aplicouse a poñer en práctica o prometido conforme ao Manifesto do Manzanares.

Textos constitucionais

editar

Os progresistas querían unha Constitución progresista, polo que anularon a Constitución moderada de 1845 e sobre as bases da Constitución do 37 trataron de elaborar un novo texto constitucional. Ao final non chegou a aprobarse debido ao desacordo entre as forzas políticas. Non obstante outorgáronse dereitos aos cidadáns, tales como a liberdade de expresión, liberdade de imprenta e liberdade de asociación política. Xurdiron outros partidos como o Partido Democrático e o Partido republicano no que militaban socialistas e federalistas. O panorama político complicouse moito. Aproveitando as liberdades, o movemento obreiro pasou a acción, sobre todo a través das folgas xerais. Os campesiños tamén se uniron as protestas para mellorar a súa situación.

Os concellos xa estaban descentralizados polo que os cargos municipais elixidos polo pobo, exercían presión sobre o goberno. Por outra parte os elementos moderados nas Cortes acusaban constantemente ao goberno, atacándoo a través dos medios de comunicación.

O goberno, en medio de toda esta inestabilidade política, levou a cabo unha reforma económica importante. Por unha parte a desamortización civil de Madoz, pola cal se poñían a venda, despois de ser expropiados, os bens dos municipios, ordes militares, hospitais, hospicios e casas de misericordia, co obxecto de obter beneficios para o Estado. As consecuencias negativas non só as sufriron os axentes destas institucións senón que tamén as sufriron os aldeáns de baixas rendas, xa que empregaban as terras comunais dos municipios para subsistir e ao quedar estas terras en propiedade privada non as poderían empregar.

Por outra parte levouse a cabo a Lei de Ferrocarrís, pola que se daban grandes beneficios e privilexios a quen investiran na construción do ferrocarril, posto que o medio de transporte era imprescindible ao proceso de industrialización que se estaba desenvolvendo en España. Con esta lei os investidores estranxeiros, especialmente Francia e o Reino Unido, empregaron capitais na construción de vías férreas realzando ademais a actividade dos bancos. Finalmente reguláronse as leis liberalizadoras das Sociedades Anónimas e dos bancos que permitiran a expansión do sistema financeiro para o desenvolvemento industrial.

Golpe de Estado e fracaso

editar

A pesar destas medidas, o país estaba sumido no caos, polo que ante esta inestabilidade e conflitividade existente, o Xeneral O'Donell deu un golpe de Estado en xullo de 1856. O Bienio Progresista fracasou.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 5