Burkholderia
Burkholderia é un xénero de proteobacterias no que hai algunhas especies patoxénicas como Burkholderia mallei, responsable de producir o mormo, unha doenza que aparece principalmente nos cabalos e outros équidos; Burkholderia pseudomallei, axente causante da melioidose; e Burkholderia cepacia, que é un patóxeno importante que causa infeccións pulmonares en persoas con fibrose quística. Esta última foi modernamente dividida en varias especies. Anteriormente as especies de Burkholderia formaban parte de Pseudomonas.
O xénero Burkholderia está formado por un grupo de especies de bacterias virtualmente ubicuas, gramnegativas, mótiles, aeróbicas obrigadas e con forma de bacilo. Entre elas hai patóxenos de animais (como os mencionados máis arriba) e de plantas, e algunhas especies importantes no medio ambiente. En particular, B. xenovorans (previamente chamada Pseudomonas cepacia e despois B. cepacia e B. fungorum) é coñecida pola súa capacidade de degradar pesticidas orgánicos e bifenilos policlorados (PCBs).
O uso de especies do xénero Burkholderia en agricultura (para a biodegradación, biocontrol e como rizobacterias que promoven o crecemento das plantas) está suxeito a discusión polos seus posibles efectos patoxénicos en persoas inmunocomprometidas (especialmente nos pacientes de fibrose quística), por exemplo en infeccións contraídas en hospitais. Porén, sábese que as especies patoxénicas animais e as especies de plantas ou do solo pertencen a diferentes grupos, e propúxose separalas en diferentes xéneros para evitar malas interpretacións.[1]
Debido á alta taxa de mortalidade das doenzas asociadas a Burkholderia mallei e Burkholderia pseudomallei e á súa resistencia a antibióticos, estas especies considéranse potenciais axentes de guerra biolóxica, que servirían para atacar o gando e os seres humanos, respectivamente.
O xénero recibe o seu nome por Walter H. Burkholder, un patólogo de plantas da Universidade Cornell.
Notas
editar- ↑ Estrada-De Los Santos, P.; Vinuesa, P.; Martínez-Aguilar, L.; Hirsch, A. M.; Caballero-Mellado, J. S. (2013). "Phylogenetic Analysis of Burkholderia Species by Multilocus Sequence Analysis". Current Microbiology 67 (1): 51–60. doi:10.1007/s00284-013-0330-9. PMID 23404651.
Ligazóns externas
editar- Burkholderia: xenomas e información relacionada en PATRICArquivado 14 de xullo de 2010 en Wayback Machine., un centro de recursos bioinformáticos do NIAID
- Recursos Pathema-Burkholderia
- Base de datos xenómicos de Burkholderia