Caspar Friedrich Wolff
Caspar Friedrich Wolff, nado en Berlín o 18 de xaneiro de 1734 e finado en San Petersburgo o 22 de febreiro de 1794, foi un precursor da embrioloxía.
Nome orixinal | (de) Kaspar Friedrich Wolff |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de xaneiro de 1734 Berlín, Alemaña |
Morte | 22 de febreiro de 1794 (60 anos) San Petersburgo, Rusia |
Educación | Universidade de Halle-Wittenberg |
Actividade | |
Campo de traballo | Psicoloxía |
Ocupación | médico militar, fisiólogo, anatomista, profesor universitario, zoólogo, botánico |
Empregador | Academia de Ciencias de Rusia (1767–) Collegium Medicum (en) |
Membro de | |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | C.F.Wolff |
Descrito pola fonte | Allgemeine Deutsche Biographie Obálky knih, Medvik >>>:Wolff, Kaspar Friedrich, 1733-1794, |
Traxectoria
editarFillo dun mestre xastre procedente de Prenzlau, Johann Wolff, e da súa muller, Anna Sophie. Da súa infancia e xuventude non se sabe nada, ata que en 1753 visita o Colexio médico cirúrxico de Berlín, o lugar de adestramento médico castrense da Real Academia de Ciencias. Alí recibe instrución de diferentes disciplinas médicas, dende botánica ata microscopía ou anatomía e coñece a numerosos científicos da época[1]. Desta escola fora director Maupertuis, quen xa escribira contra as teses preformacionistas e os seus escritos estaban daquela en boca de moitos estudantes, polo que se supón que sería unha das máis importantes influencias que o levaría a defender as teses epixenetistas.
En 1759, Wolff leu na Universidade de Halle a tese titulada Theoria Generationis, unha das súas principais obras.[2]
Exerceu como médico castrense do exército prusiano durante a Guerra franco-prusiana. Á volta da guerra non se incorporou de inmediato á vida académica, soamente o conseguiu en 1767 por mediación do matemático Leonhard Euler, que tiña moita influencia na Academia de Ciencias de San Petersburgo, onde obtivo a cátedra de anatomía. Destacou no estudo dos embrións animais, considerándose o pai da embrioloxía científica, e na botánica, estudando tamén o seu desenvolvemento.
Obra
editarNa súa obra Theoria Generationis (1759), Wolff defende a teoría epixenética seguindo a Aristóteles e Harvey, opoñéndose á teoría predominante na época: o preformacionismo, de connotacións mecanicistas por non admitir ningún fenómeno vital non estudable, e tamén cunha ambivalencia mística por supoñer mundos previos e futuros nos que os seres serían eternos, como o preformacionismo do tardío Bonnet.
É precursor da morfoloxía de Goethe, pois Wolff defendía na súa tese que gran parte das plantas poden explicarse pola metamorfose das follas noutras estruturas especializadas noutras funcións, fundamentalmente a reprodución en forma de flores e outras estruturas.
Para el e os epixenetistas, un fluído homoxéneo daría lugar a un conxunto de órganos diferenciados, o cal apoiaba por estudos embriolóxicos: ante el aparecían vasos sanguíneos no blastoderma do polo, despois de repetidas observacións. Tamén anticipou a futura teoría das capas xerminativas mediante a descrición da aparición de follas embrionarias que se repregaban en túbulos e diversos órganos.
A forza que daba forma a estes órganos diferenciados seguía sendo un misterio, e chamouna vis essentialis, algo que entraba en contradición filosófica co mecanicismo imperante e que non foi completamente asimilado no mecanicismo aplicado á vida ata o descubrimento do ADN como depositario da información xenética, xa no século XX.
Influencia
editarA súa obra tivo moito impacto a finais do século XVIII e primeira metade do século XIX tanto en ciencia como en filosofía[3]. Blumenbach, Herder e Goethe foron destacados intelectuais que empregaron os seus descubrimentos para desenvolver as súas propias ideas. Goethe incluso reeditará a súa obra máis destacada en 1817. Karl Erns von Baer dixo dos seus traballos que eran "a maoir obra mestra da observación científica"[4].
Algúns dos seus puntos de vista non foron ben recibidos, especialmente por Albrecht von Haller.[5]
Legado
editarTaxonomía botánica
editarA abreviatura C.F.Wolff emprégase para indicar a Caspar Friedrich Wolff como autoridade na taxonomía científica das plantas.
Epónimos
editar- Condutos de Wolff: no aparato xenital embrionario, dexeneran nas femias dos mamíferos e consérvanse nos machos como condutos espermáticos.
- Corpo de Wolff ou Mesonefros: corpo embrionario que permanece en vertebrados inferiores e transfórmase en mamíferos e aves para dar o ril.
- Illotes de Wolff & Pander: primordios sanguíneos externos ao embrión, que conectarán a circulación embrionaria co corion.
Libros
editar- Theoria Generationis (1759)
- De Formatione Intestinorum (1768)
Notas
editar- ↑ "Embriología – Caspar Friedrich Wolf". especialidades.sld.cu. Consultado o 2022-05-19.
- ↑ "Caspar Friedrich Wolff (1734-1794) ; The Embryo Project Encyclopedia". embryo.asu.edu (en inglés). Consultado o 2022-05-19.
- ↑ "Teoría de la Generación, Kaspar Friedrich Wolff". criticadelibros.com (en castelán). Consultado o 19 de maio de 2022.
- ↑ "Caspar Friedrich Wolff". www.whonamedit.com. Consultado o 2022-05-19.
- ↑ "Caspar_Friedrich_Wolff". www.quimica.es (en castelán). Consultado o 2022-05-19.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Caspar Friedrich Wolff |
Ligazóns externas
editar- Wolff y la atracción por la monstruosidad humana - (en castelán). Podcast do programa "A hombros de gigantes" RTVE.es