A caza de bruxas[1] é a procura de bruxos, meigas ou probas de bruxaría, que levaba a acusar a persoa afectada de bruxaría, a un xuízo e finalmente a unha condena. Moitas culturas, tanto antigas como modernas, reaccionaron de forma puntual ás acusacións de bruxaría con medo supersticioso e castigaron, ou mesmo asasinaron, ós presuntos ou presuntas practicantes.

Folla relatando a queima dunha muller en 1531, acusada de queimar a cidade alemá de Schiltach con axuda do Demo.

A caza de bruxas como fenómeno xeneralizado é característico da Europa central a comezos da Idade Moderna. A base para a persecución masiva de mulleres (puntualmente tamén menores e homes e mesmo animais) pola Igrexa e sobre todo pola xustiza civil, foi a idea, estendida entre teólogos e xuristas, dunha conspiración do Demo para acabar coa Cristiandade.

As cazas de bruxas aínda ocorren no presente e adoitan clasificarse dentro do chamado pánico moral. De forma xeral, o termo chegou a denotar a persecución dun inimigo percibido (habitualmente un grupo social non conformista) de forma extremadamente nesgada e independente da inocencia ou culpabilidade real.

Antecedentes

editar

A Antigüidade

editar

A crenza en magos pódese documentar nas grandes culturas do pasado. As artes máxicas eran observadas de preto na época e a miúdo temíase que fosen maxia negra. Tanto no Código de Hammurabi (a proba da auga) de Babilonia como no Antigo Exipto castigábase ós magos. Porén, nunca chegou a unha persecución masiva de presuntas bruxas, como se realizaría máis tarde a comezos da Idade Moderna.

A Biblia, sobre todo o Antigo Testamento, prohibe a maxia: «Non realizaredes adiviñación nin maxia» (Levítico 19:26). Ademais chama á persecución da maxia: «Os magos non os deixarás vivir» (Éxodo 22:17). Esta formulación foi traducida, de forma gramaticalmente correcta, máis tarde por Lutero como «As magas non as deixarás vivir». Pero bruxas, no sentido moderno, non aparecen na Biblia, o que non evitou que os teóricos da bruxaría usasen estas mencións como proba da súa existencia e para a súa condena.

Noutros lugares da Biblia, encontros con magos e adiviños relátanse de forma algo máis positiva. O rei Saúl busca consello na Bruxa de Endor (I Samuel 28,5-25), malia que el mesmo prohibira a adiviñación, pola súa desesperación ante os filisteos. En troques, os Reis Magos que renden homenaxe ó neno Xesús (Evanxeo de Mateu 2,1-2) non son realmente feiticeiros ou adiviños; o orixinal grego utiliza a palabra magi, que nese entón designaba máis ben a sabios e científicos, máis que a bruxos.

A Igrexa primitiva en xeral non participa nestas persecucións, aínda que xa a Igrexa primitiva rexeitaba as prácticas e o pensamento da bruxaría ó velos como unha superstición (Canon episcopi).

A Idade Media

editar

Os xermanos, antes da súa conversión ó cristianismo, coñecían a queima dos magos que facían encantamentos prexudiciais. Porén, na Baixa Idade Media carolinxia non houbo caza de bruxas. De feito, o Concilio de Paderborn do ano 785 castigaba tanto a crenza en bruxas como a súa persecución. Carlomagno validouno cunha lei, probablemente relacionada coas prácticas pagás dos saxóns contra as que o rei loitaba na década dos anos 80 do século VIII.

En Hungría refírense a elas en latín como strigis, e a principios da Baixa Idade Media, o rei Colomán de Hungría (1095-1116) sancionou nunha das súas recompilacións de leis un artigo que rezaba: "De strigis vero, quae non sunt, nulla quaestio fiat" ("Sobre as bruxas, xa que estas non existen, non se farán examinacións indagando por elas". Tras isto, o reino cristián e católico húngaro foi unha das excepcións durante a época medieval onde a bruxaría non foi perseguida. De feito, os posteriores monarcas húngaros foron en extremo flexibles cos xudeus, cumanos e uzbekos musulmáns, así como coas outras etnias croatas, serbias e eslovacas que habitaban dentro das fronteiras do reino, respectando os seus idiomas e particularidades culturais.

Inquisición

editar

Durante o século das Luces apareceron historiadores europeos que acusaban á Igrexa e á Inquisición da caza de bruxas porque as persecucións foran en nome de Deus e foran sacerdotes os que inventaron a imaxe da bruxa maléfica. Autores católicos, posteriormente, reivindicaron o papel da Igrexa aducindo que a crenza nas bruxas non foi unha invención da Igrexa e que foi a xustiza dos príncipes a que asasinara a miles de homes e mulleres coa acusación de bruxaría. A controversia mantense.[2]

As primeiras condenas de bruxos e bruxas realízanse no século XIII, coa aparición da Inquisición, cuxa actividade principal non é contra a bruxaría, senón contra a herexía. Nas instrucións do Papa Alexandre IV do 20 de xaneiro de 1260 ós inquisidores, as bruxas non debían ser perseguidas de forma activa, senón só baixo denuncia. O motivo é que calquera podía denunciar ó seu veciño por calquera motivo e as denuncias eran algo cotián. A loita contra as bruxas confúndese coa loita contra o paganismo e as herexías.

Ó comezo, a caza de bruxas foi dirixida polos tribunais eclesiásticos, é dicir, os xuíces inquisidores, pero no século XVI estes son substituídos polos tribunais laicos, ou sexa, os xuíces civís.[3]

Non foi senón até 1657, cando xa morreran miles de persoas, que a Igrexa condenou as persecucións, na Bula Proformandis.

A caza de bruxas na Europa moderna

editar
 
Voo das bruxas de Vaud. Miniatura nun manuscrito de Martin Le France, Le champion des dames, 1451.

A chamada caza de bruxas por excelencia levouse a cabo a comezos da Idade Moderna sobre todo na Europa central. Baseábanse na denuncia a supostos seguidores da chamada ciencia das bruxas. A persecución de 1450–1750 (cun máximo entre 1550 e 1650) era só en parte unha acción eclesiástica contra a herexía, principalmente tratábase dun fenómeno de histeria colectiva contra a maxia e a bruxaría, que converteu a maxia nun delito e tivo como consecuencia recriminacións, denuncias, procesos públicos en masa e execucións.

Investigacións recentes amosan que adoitaba sospeitarse de bruxaría en mulleres vellas e nas persoas socialmente máis débiles. A miúdo bastaban rumores ou denuncias para pór en marcha a maquinaria xudicial, que levaba a conseguir confesións falsas a través da tortura.

De parte das igrexas católica e protestantes houbo críticas illadas á caza de bruxas: Johannes Brenz, Johann Matthäus Meyfart, Anton Praetorius, Friedrich von Spee.

Silvia Federici (Italia, 1948), no seu libro Caliban e a bruxa[4] defende a teoría segundo a cal "A caza de bruxas está relacionada co desenvolvemento dunha nova división sexual do traballo que confinou as mulleres ó traballo reprodutivo" e en concreto cos inicios do capitalismo que requiría acabar co feudalismo e aumentar o mercado de traballo, eliminando a agricultura de subsistencia e calquera outra práctica de supervivencia autónoma ligada en ocasións a tarefas agrícolas en terreos comunais. Federici sostén que a irrupción do incipiente capitalismo foi "un dos períodos máis sanguentos da historia de Europa", ó coincidir a caza de bruxas, o inicio do comercio de escravos e a colonización do Novo Mundo. O tres procesos estaban relacionados: tratábase de aumentar a calquera custo a reserva de man de obra.[5]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para caza de bruxas.
  2. "Capítulo 3: La bruja". Las cuatro mujeres de dios. Montevideo, editorial Zeta. ISBN 978-84-96778-78-8. 
  3. La bruja en Historia de las mujeres, tomo 3. Del Renacimiento a la Edad Moderna. Madrid, Taurus. ISBN 84-306-0390-5. 
  4. "Caliban y la bruja, de Silvia Federicci, en Traficantes.net". Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2017. Consultado o 18 de xullo de 2017. 
  5. Capitalistas contra brujas, Público, 18/10/2010

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 4