A dos colúmbidos[1] (Columbidae) é unha familia de aves da subclase dos neornites, infraclase dos neognatos, superorde nas neoaves e granorde dos columbimorfos, que comprende todas as especies, viventes e extintas, da monotípica orde das columbiformes, que inclúe as chamadas pombas,[2] o pombo,[3] as rulas,[4] e outras especies afíns.

Colúmbidos
Columbidae
Pombas, pombo, rulas e afíns

Rango fósil: MiocenoActualidade

Columba livia voando
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
(sen clasif.): Columbimorphae
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Illiger, 1811
Distribución xeográfica dos colúmbidos
Distribución xeográfica dos colúmbidos

Distribución xeográfica dos colúmbidos
Subfamilias

As pombas distribúense por toda a Terra, agás a Antártida e o Ártico, e con centro de dispersión en América Central.[5] A maior diversidade de especies téñena as ecozonas Indomalaia e de Australasia.

A especie máis coñecida é a pomba brava (Columba livia) que deu orixe ás diferentes razas de pombas domésticas que se ven en cidades e vilas de todo o mundo. Quizais a característica máis sorprendente deste animal é a súa capacidade para volver ó seu niño desde os lugares máis remotos. Por iso, o ser humano empregouna para enviar mensaxes. A estas Pombas chámaselles pombas mensaxeiras e constituíu un eficaz medio de comunicación antes de que se inventara o teléfono ou o telégrafo.

Esta ave sóubose adaptar ó contorno urbano ata tal punto que se converteu nun tremendo problema en cidades como Venecia ou Santiago de Compostela, onde tiveron que tomar medidas porque a corrosión provocada polas defecacións deste animal están deteriorando gravemente o patrimonio artístico e arquitectónico da dita cidade.

Características

editar

As pombas son aves dotadas de grande intelixencia se se comparan con outras aves e monógamas. Esta característica permítelles un gran coidado das súas crías. A monogamia entre as pombas parece facilitar en gran medida unha alta taxa reprodutiva, a pesar de que, como outros animais silvestres, as pombas sofren dunha gran mortandade infantil. As crías de pombas ao pouco de estaren listas para sustentarse e suficientemente desenvolvidas para voar son expulsadas do territorio en que aniña a parella proxenitora, xa que a mesma xeralmente volve procrear nun intervalo de tempo curto outros dous pichóns nos que a parella inverte gran cantidade de tempo en coidado: a nai adoita quedar gran parte do seu tempo nun sinxelo niño chocando os ovos e logo coidando os pichóns mentres o pai busca alimentos para nutrir a familia.

Os niños, normalmente débiles, están elaborados con pequenas pólas, e os ovos, habitualmente dous, son incubados por ambos os sexos. As pombas aliméntanse de sementes e froitos. Ambos os sexos alimentan as súas crías cunha secreción moi nutritiva que se segrega por células especiais.

Á parte de ter un gran sentido da orientación, a pomba é unha das aves que voa máis rápido: alcanza os 56 km/h.[6] Tamén caracteriza as pombas o seu agudo sentido da vista: entre finais da década de 1970 e principios da de 1980 a Garda Costeira dos Estados Unidos desenvolveu un sistema experimental de rescate con pombas adestradas en recoñeceren cores brillantes. Consistía en equipar un helicóptero con tres exemplares nunha pequena cabina con xanelas na parte inferior do vehículo cubrindo así os 360 ° do arco de visión. As pombas conseguían unha efectividade na localización de obxectos boiantes do 93 %, fronte ao 38 % dos humanos nas mesmas condicións. O proxecto, denominado "Project Sea Hunt", foi definido pola Garda Costeira como o "mellor sistema de busca con luz diúrna". Porén, o sistema nunca pasou da fase experimental e foi cancelado en 1983 por recortes no orzamento sen que as pombas puidesen ter a posibilidade de salvar vida ningunha.[7]

As pombas superan a proba do espello; cada individuo recoñeceríase como individual ou tería conciencia da súa "personalidade". De acordo a descubrimentos de 2016 as pombas son capaces de distinguir distintos grafemas ("ler") e chegar a ter algún entendemento da diferenza entre estes grafemas.[8]

Anatomía

editar

As especies da familia Columbidae caracterízanse por posuír un tronco moi robusto cunha cabeza pequena en comparación, aínda que a área do encéfalo está bastante desenvolvida, os peteiros son curtos e inchados e as patas curtas con catro dedos, un deles opoñíbel. Posúen ademais ás relativamente grandes e especialmente fortes, que as fan particularmente axeitadas para o voo.[9]

Descrición

editar

As dimensións entre as especies varían considerablemente, dende os Goura da Nova Guinea que chegan ás dimensións dun pavo ás Columbina que son pouco meirandes ca un paxaro, a primacía da especie de menos lonxitude corresponde á Ptilinopus nainus, que mide apenas 13 cm de lonxitude. A plumaxe suave e larga tamén é moi variábel: algunhas especies teñen unha cor branca e negra e pouco visíbel, mentres que outras, especialmente as pombas que coman froita do xénero Ptilinopus e as pombas do xénero Treron e Alectroenas posúen varias cores moi rechamantes.[10]

Relación cos humanos

editar

Militares

editar

As pombas foron empregadas nas dúas guerras mundiais, especialmente polos exércitos australiano, francés, alemán, estadounidense e británico e recibiron galardóns polo seu servizo. O 2 de decembro de 1943 tres pombas, Winkie, Tyke e White Vision recibiron por primeira vez a medalla Dickin polo seu servizo na Royal Air Force durante a segunda guerra mundial.[11]

Relixión

editar

Na Biblia relátase que Noé deixou ir unha pomba desde a arca despois do Diluvio para intentar encontrar terra firme e que esta regresou cunha póla de oliveira no bico. Ademais, no Novo Testamento, o Espírito Santo descende en forma de pomba sobre Xesuscristo no momento en que este é bautizado.[12]

Alimento

editar

Algunhas especies de pombas son empregadas como alimento; non obstante, todos os tipos son comestibles.[13]

Simbolismo

editar

A pomba é tamén un animal con significado simbólico. Actualmente, a representación dunha pomba branca cunha póla de oliveira no bico é un símbolo de paz e puridade nas sociedades occidentais.

En política, ós políticos que defenden solucións pacíficas ós problemas cualifícaselles de pomba, mentres que os que avogan por unha actuación agresiva denomínaselles falcóns.

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Colúmbidos.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pomba.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pombo.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rula.
  5. Díaz, M.; Asensio, B.; Tellería, J. L. (1996). "I. No Paseriformes". Aves Ibéricas (en castelán). Madrid: J. M. Reyero Editor. p. 306. ISBN 84-921085-1-7. 
  6. Natura - Animales extraordinarios.
  7. "Pigeon Search and Rescue System: (PROJECT SEA HUNT)". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2008. Consultado o 24 de agosto de 2017. 
  8. "Las palomas también saben ortografía". El País (en castelán). 2 de outubro de 2016. 
  9. IOC World Bird List
  10. Baptista, L. F.; Trail, P. W. & Horblit, H. M. (1997): Family Columbidae (Doves and Pigeons). In: del Hoyo, J.; Elliott, A. & Sargatal, J. (editors): Handbook of birds of the world, Volume 4: Sandgrouse to Cuckoos. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-22-9
  11. "Pigeons Awarded First Dickin Medals for Bravery ⋆ History Channel". History Channel (en inglés). 20-6-2016. Arquivado dende o orixinal o 13-02-2023. 
  12. Xénese 8:11, Isaías 59:11, Mateo 3:16; 10:16; 21:12.
  13. (http://www.eattheweeds.com/eggs-for-survival-and-food-2/ )


Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Baptista, L. F.; Trail, P. W. & Horblit, H. M. (1997): "Family Columbidae (Doves and Pigeons)". En: del Hoyo, J.; Elliott, A. & Sargatal, J. (editors): Handbook of birds of the world, Volume 4: Sandgrouse to Cuckoos. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-422-9.
  • Blechman, Andrew (2007): Pigeons: The Fascinating Saga of the World's Most Revered and Reviled Bird. Nova York, NY, USA: Grove Press. ISBN 978-0-8021-4328-0.
  • Gibbs, David; Barnes, Eustace & Cox, John (2001): Pigeons and Doves: A Guide to the Pigeons and Doves of the World. Londres, Reino Unido: Christopher Helm Publishers. ISBN 1-8734-0360-7.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Intern 2
iOS 2
mac 1
multimedia 1
os 98
todo 3