Comunicación (linguaxe)
A comunicación (do latín communicare, "tornar común", "trocar ou asociar opinións", "conferenciar") é unha función da linguaxe, considerada comunmente como primordial.
Comunicarse, significa polo tanto, estar en relación con; representa a acción de pór en común, de compartir ideas, sentimentos, actitudes. É un intercambio de experiencias socialmente significativo, un esforzo para a converxencia de perspectivas. A comunicación é a resposta dun ser vivo a un estímulo. Se o estímulo é ignorado polo individuo, non hai comunicación, pois a mensaxe sen resposta non pode considerarse un acto comunicativo. Polo tanto, a comunicación implica a participación dun emisor e un receptor que interaccionan intercambiando mensaxes, emitindo e recibindo información.
Función comunicativa: considérase como base para o desenvolvemento lingüístico. A linguaxe posibilita a integración do suxeito no medio social; é o vehículo regulador de comportamentos, relacións afectivas e sociais así como soporte de regras culturais.
Formas de comunicación
editarDependendo das clases de signos que se empregue, diferénciase a comunicación non verbal e a comunicación verbal.
En moitas ocasións os signos verbais e os signos non verbais combínanse nunha mensaxe, dando lugar a formas mixtas de comunicación. Un exemplo sería un anuncio publicitario, o cinema ou unha banda deseñada.
Se se atende á relación que se establece entre emisor e receptor, diferénciase unha comunicación unilateral e outra comunicación bilateral. A comunicación unilateral prodúcese cando o receptor non se converte en emisor. Sucede nos sinais de tráfico. A comunicación bilateral prodúcese cando o receptor se pode converter á súa vez en emisor. Sucede nunha conversa.
Comunicación non verbal
editarA comunicación non verbal consiste en transmitir significados na forma de mensaxes non verbais. Empréganse signos non lingüísticos. Exemplos de comunicación non verbal inclúen os xestos, as expresións faciais, a expresión corporal, o contacto visual, a maneira de vestir, a háptica (comunicación por medio do tacto), a cronémica (significado do tempo na comunicación) e a kinésica (linguaxe corporal), entre outros. A mesma comunicación oral contén elementos non verbais como a paralingüística (elementos non verbais que acompañan á lingüística, por exemplo tons de sorpresa, interese, desinterese, medo, cansazo, insinuacións etc.) Segundo estudos, o 55 % da comunicación humana dáse por medio de expresións faciais non verbais e un 38 % por medio da paralinguaxe.[1] Isto inclúe a mesma comunicación escrita na que é posible determinar sentidos no estilo de escritura, a distribución de espazos entre palabras e o uso de emoticonas para transmitir emocións. Neste sentido, para transmitir unha mensaxe empréganse cores, como a marca azul e vermella das billas, sons como a sirena dunha ambulancia e xestos, como chiscar un ollo.
Algúns dos propósitos da comunicación non verbal inclúen a complementación e ilustración da mensaxe para reforzar ou enfatizalo, substituír, controlar ou regular e mesmo contradicir. Isto dálle unha grande importancia á comunicación non verbal porque contribúe a reforzar as ideas e propósitos do emisor e axuda ao receptor a unha mellor decodificación da mensaxe que recibe.
Comunicación verbal
editarA comunicación verbal ou comunicación lingüística é aquela que emprega as palabras como signos. Non pode ser illada dunha serie de factores para que sexa efectiva, o que inclúe a comunicación non verbal, as habilidades de escoita e a clarificación. A linguaxe humana pode ser definido como un sistema de símbolos ou signos lingüísticos, coñecidos como lexemas e regras gramaticais nos que os símbolos son manipulados. A palabra "linguaxe" refírese ademais ás propiedades comúns do mesmo. Con estes signos represéntanse os obxectos e feitos da realidade, e uníndoos mediante as regras da gramática constrúense mensaxes complexas, é dicir, as oracións, coas que se representan pensamentos. No caso de que dúas persoas falen a mesma lingua, recoñecerán os signos que cada un pronuncia e o seu significado, de tal forma que evocará na mente un pensamento ou unha idea que é a que se quería transmitir.
A aprendizaxe deste ocorre normalmente e de forma intensa durante os anos da nenez humana. A maioría dos idiomas no mundo empregan sons e xestos como símbolos que posibilitan a comunicación con outras linguaxes, os que tenden a compartir certas propiedades, aínda que existen excepcións. Non existe unha liña definida entre unha linguaxe e un dialecto. As linguas construídas como o esperanto, a linguaxe de programación e varios formalismos matemáticos, non están necesariamente restrinxidos polas propiedades compartidas pola linguaxe humana.
Fundamentalmente a comunicación verbal é oral, empregando palabras pronunciadas coa voz. Tamén pode ser escrita. Na escritura transfórmanse os sons en letras, e as palabras pronunciadas en palabras gráficas.
Comunicación escrita
editarA comunicación escrita, a diferenza da verbal, ten outra maneira de interacción entre emisor e receptor, producíndose no tempo ou mesmo nunca, aínda que o escrito pode perdurar. A través da historia, este tipo de comunicación desenvolveuse grazas ao impacto das tecnoloxías e da ciencia. Estes procesos de desenvolvemento divídense en tres etapas: Os pictogramas como as formas máis primitivas de escritura humana; o desenvolvemento de alfabetos en diferentes linguas escritos sobre soportes físicos como a pedra, a cera, a arxila, o papiro e, finalmente, o papel; e por último a información transmitida a través de medios electrónicos.
A comunicación escrita require a habilidade interpersoal de procesar, escoitar, observar, falar, cuestionar, analizar, xestar e avaliar en tal xeito que se posibilite a colaboración e a cooperación. Os malentendidos poden anticiparse e resolverse a través de formularios, preguntas e respostas, parafraseo, exemplos e historias.[3]
Elementos básicos da comunicación
editarOs seguintes son os elementos básicos da comunicación:
- Código: É un conxunto de signos que se combinan seguindo unhas regras (semántica) e que permiten a súa interpretación (decodificación), polo que o emisor elabora a mensaxe. O receptor tamén ten que coñecer o código para interpretar a mensaxe.
- Canal: O medio físico a través do que se transmite a mensaxe dende o emisor ata o receptor.
- Emisor: É a persoa que ten a intención e que se encarga de transmitir unha información (mensaxe), para o que necesita elaborala e enviala ao receptor. Esta persoa escolle e selecciona os signos que lle conveñen, é dicir, realiza un proceso de codificación; codifica a mensaxe.
- Receptor: A persoa a quen vai dirixida a mensaxe e quen recibe a mensaxe e o interpreta. Realiza un proceso inverso ao do emisor, xa que descifra e interpreta os signos escollidos polo emisor, é dicir, descodifica a mensaxe.
- Mensaxe: No sentido máis xeral, é o obxecto da comunicación. Está definido como a información ou secuencia de signos que o emisor elabora e envía ao receptor a través dun canal de comunicación ou medio de comunicación determinado.
- Situación, situación comunicativa ou contexto: No sentido máis xeral, é o espazo onde se desenvolve o acto ou situación comunicativo. É o conxunto de circunstancias que afectan tanto o emisor como o receptor, e ademais condicionan a interpretación da mensaxe. Tanto emisor como receptor deben ser conscientes das circunstancias dese acto comunicativo, que nunha conversa se dá por sabido, para que sexa eficaz a comunicación.
- Marco de referencia: É o contorno que enmarca a situación.
Os seguintes son os elementos básicos mecánicos da comunicación:
- Fonte ou emisor (remitente): Dispositivo que xera os datos para transmitir, por exemplo teléfonos ou computadores persoais.
- Transmisor: Transforma e codifica a información, xerando sinais electromagnéticos que poden ser enviadas a través dalgún sistema de transmisión. Por exemplo unha antena.
- Sistema de transmisión: Pode ser dende unha sinxela liña de transmisión ata unha complexa rede que conecta a fonte co destino.
- Receptor: É a persoa que recibe, acepta e interpreta o sinal (mensaxe) proveniente do emisor e a transforma de tal xeito que poida ser manexada polo destinatario. Por exemplo, unha radio ou un televisor.
- Destino, destinatario ou destinación: Toma os datos do receptor, por exemplo a audiencia.
Notas
editar- ↑ Mehrabian, A. (1972). Nonverbal communication. Transaction Publishers.
- ↑ Gallazzi, C.; B. Kramer, S. Settis, Il papiro di Artemidoro, con la colaboración de G. Adornato, A. C. Cassio, A. Soldati. Milano, Led edizioni, 2008, ISBN 978-88-7916-380-4
- ↑ Heyman, Richard. Why Didn't You Say That in the First Place? How to Be Understood at Work.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Comunicación |
Bibliografía
editar- Griffin, Emory A., A first look at communication theory. 3rd edition, Nova York: McGraw-Hill, 1997. ISBN 0-07-022822-1 (en inglés)
- Littlejohn, S. W., Theories of human communication. 7th edition, Belmont, CA: Wadsworth, 2002. (en inglés)
- Miller, K., Communication Theories: Perspectives, processes, and contexts. 2nd edition. Nova York: McGraw-Hill, 2005. (en inglés)
- Werner, E., «Cooperating Agents: A Unified Theory of Communication and Social Structure.» Distributed Artificial Intelligence, Vol. 2, L. Gasser e M. Huhns, eds., Morgan Kaufmann e Pitman Press, 1989. Abstract (en inglés)
- Werner, E., «Toward a Theory of Communication and Cooperation for Multiagent Planning.» Theoretical Aspects of Reasoning About Knowledge: Proceedings of the Second Conference, Morgan Kaufman Publishers, pp. 129-143, 1988. Abstract PDF. (en inglés)
- Witzany, G., Biocommunication and Natural Genome Editing. Springer Verlag, 2009. (en inglés)