Condado de Gotland

illa e provincia histórica de Suecia

O condado de Gotland (Sueco: Gotlands län) é a maior illa de Suecia e do mar Báltico. A illa está situada ó leste de Suecia e ó norte de Polonia. É tamén un condado de Suecia. A súa capital e maior cidade é Visby, que ten o redor de 23 600 habitantes. Visby é unha antiga cidade hanseática fundada no século X, ornada de muros e edificios practicamente intactos.

Modelo:Xeografía políticaCondado de Gotland
Imaxe

Símbolo oficialHedra (flores provinciais en Suecia) Editar o valor en Wikidata
Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 57°30′N 18°33′L / 57.5, 18.55
EstadoSuecia
CondadoGotland (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación60.124 (2020) Editar o valor en Wikidata (20,26 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie2.967,77 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Báltico Editar o valor en Wikidata
Altitude82 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoLojsta heath (en) Traducir (83 m) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario

A principal fonte de ingresos da illa é o agro, xunto co procesamento de alimentos, o turismo, servizos de tecnoloxía da información o deseño e algunhas industrias pesadas como a fabricación de cemento a partir de pedra calcaria extraída localmente.[1] Dende un punto de vista militar, a illa ocupa unha posición estratéxica no mar Báltico.

Etimoloxía

editar

Gotland recibiu o seu nome do probo dos gutar, cuxa raíz gut- probablemente proceda da lingua protoxermánica co significado de derramar, posiblemente como unha designación para os homes e formalmente idéntica ao nome do pobo goter (os godos). O nome orixinal da illa era Gutland, (a) kutlandi no século XI con escritura rúnica, que en alfabeto latino converteuse en a Gutlandi. A zona menciónase no Documento de Florencia, que ten a súa orixe en 1103, na súa forma latina "Gutlandia".[2]

No século XIV escribíase o nome como Gutland. O prefixo indica gutar e o sufixo é 'land', que pode traducirse como terra, reino ou incluso como illa.[3] Tanto en sueco como en dinamarqués asimilouse na lingua falada "tl" como "ll" dando lugar á forma Gulland.[4]

Historia

editar

Prehistoria

editar

Durante a Idade de Pedra Gotland estivo poboada por cazadores de focas e pescadores. Un asentamento atoparíase en Stora Förvar, na illa de Stora Karlsö, onde se atoparon restos de 9 200 anos de antigüidade.[5] Outro estaría en Ajvideboplatsen, na costa de Eksta fronte ás illas Karlsö. No norte da illa, no socken de Stenkyrka, atopouse un esqueleto dun home que tería entre 7 000 e 9 000 anose que no presente se está exposto no museo de Visby.[6]

A illa ten numerosos restos da Idade de Bronce e da Idade de Ferro, así como do período das grandes migracións. Hai grandes campos de tumbas por exemplo en Trullhalsar e Gålrum. Numerosos túmulos da Idade de Bronce, chamados en gutniska rojr, por toda a illa, sendo o máis grande o Uggarde rojr, de 50 metros de diámetro e 7 de altura. Tamén son habituais os barcos de pedra da Idade de Bronce, entre os que destacan os de Gnisvärd e Gannarve.

A posición da illa no medio do mar Báltico fixo que Goltalnd se convertese moi pronto nunha terra de mariñeiros. Xa dende principios da Idade de Ferro atopáronse achados que proban o contacto dos seus habitantes con terras distantes.

A partir do século VIII levantáronse en Gotland unha gran cantidade de pedras pintadas (bildstenar) únicas, que a miúdo amosan barcos de vela con tripulacións equipadas con espadas e escudos. Nelas aparece a vida cotiá dos viquingos chegando a ser chamadas "cómics antigos" polos investigadores.[7]

Durante a era viquinga Gotland converteuse nunha das zonas máis ricas do norte de Europa. Os labregos comerciantes da illa levaron a cabo un extensivo comercio entre o leste e o oeste de Europa. Os labregos gotlandeses tiñan os seus propios asentamentos comerciais en Nóvgorod, chamado Gutagård,[8] e en Londres.

Os gotlandeses tiñan practicamente o monopolio do comercio de pel de inverno de esquío, que era moi codiciada polas casas reais de toda Europa, e doutros produtos do leste como a cera de abellas. Da inmensa riqueza dos labregos comerciantes de Gotland son testemuños a gran cantidade de tesouros de ouro e prata enterrados na illa (atopáronse máis de 700). O tesouro de prata da era viquinga de Spillingsskatten, atopado en 1999, estaba formado por 14 000 moedas.[9] Pesaba 67 quilos e trátase do maior tesouro de prata da época viquinga do mundo.

Outra proba da riqueza dos gotlandeses son as 95 igrexas de pedra, coa súa casa reitoral e algunhas delas con kastal (torres defensivas), que os habitantes de Gotland construíron gradualmente dende prncipios do século XII ata mediados do século XIV.

Idade Media

editar

Durante o século XII os gotlandeses comezaron a formalizar as súas conexións co mundo exterior, tanto a través do comercio (asináronse varios tratados comerciais, como por exemplo coa cidade alemá de Lübeck)[10] como a través da emerxente organización eclesiástica, pasando a formar parte da diocese de Linköping ao redor do ano 1130.[11] Nese tempo comezouse tamén a cuñar moeda propia con modelos de moedas alemás e frisias contemporáneas.[12]

A mediados do século XII Visby comezou a medrar como cidade e como lugar de comercio. Porén, a primeira mención escrita da cidade data de ao redor do ano 1225 na Crónica de Henrique de Livonia[13] onde ”Wysbu” é mencionado como porto para peregrinos alemáns. Inicialmente a cidade era totalmente gotlandesa, pero co tempo converteuse nun lugar de reunión para "moitas xentes", como di o prefacio da lei da cidade de Visby. Os máis numerosos eran os alemáns, e Visby converteuse en membro da Liga Hanseática.

Durante moito tempo Visby foi líder en política comercial para unha gran parte do norte de Europa. Co tempo a cidade converteuse nun perigoso competidor para o comercio rural da illa. A división foi tamén causada probablemente pola gran poboación alemá de Visby, que eran naturalmente máis leais aos seus irmáns alemáns que á poboación gotlandesa. A muralla de Visby, que comezou a construírse ao redor do ano 1250, tiña como propósito principal protexer a cidade do resto da illa. Os conflitos entre Visby e as zonas rurais levaron finalmente a unha guerra civil en 1288.

A finais do século XIII e principios do XIV o poder central sueco intentou conectar Gotland co reino de Svea. No ano 1285 Magnus Ladulås, representante de 23 cidades hanseáticas, reuniuse no castelo de Kalmar. Na reunión chegouse a un acordo para que Gotland pertencese a Suecia, pero na práctica a influencia do goberno central non se fixo moi evidente na illa. En 1313 År 1313 o rei Birger Magnusson iniciou unha serie de guerras contra Gotland para forzar aos seus habitantes a pagar máis impostos. Un exército de labregos gotlandés derrotou ao rei na batalla do outeiro de Röcklinge, no socken de Lärbro.

No século XIV o auxe do comercio en Gotland e Visby comezou a declinar por diversos motivos. Lübeck converteuse nun porto comercial máis importante e o monopolio comercial gotlandés no leste esvaeceuse. Ao redor de 1350 chegou a peste negra á illa, e en 1361 desembarcou o rei danés Valdemar Atterdag na costa oeste, e finalmente esmagou ao pobremente equipado exército de labregos de Gotland nunha sanguenta batalla fóra das murallas de Visby. A cidade abriría as súas portas e sería saqueada polos daneses, aínda que as fontes históricas son pouco claras ao respecto. O que é claro é que debido á combinación destes dous últimos factores a poboación de Gotland reducíuse drasticamente. Iniciouse entón un longo período de decadencia na illa.

A finais do século XIV Gotland converteuse nun refuxio para piratas, os chamados Irmáns das vituallas que en 1394 e estableceron o seu cuartel xeral en Visby. Durante moito tempo a illa converteuse nunha peza importante no xogo político nórdico. Visby foi conquistada varias veces pola Orde Teutónica, polas tropas da raíña Margarida Valdemarsdotter, de Erico de Pomerania, de Cristovo de Baviera, e de Carlos VIII de Suecia. No ano 1525 Lübeck incendiou unha gran parte de Visby.

Época sueca

editar

Co tratado de paz de Brömsebro Gotland volveuse sueca en 1645. O castelo de Visborg en Visby, que fora moitas veces o punto de partida dos piratas que operaban na illa, foi demolido polos daneses cando por segunda e derradeira vez renunciaron á illa en favor dos suecos en 1679. A pesar da unificación con Suecia a illa mantivo a súa decadencia.

Visby, fortemente devastada, comezou a reconstruírse a finais do século XVII, pero o seu rol como porto comercial internacional rematara moito tempo atrás. Outras partes da illa sufrían illamento e pobreza. Durante o século XIX comezou a desenvolverse a agricultura e drenáronse os vastos pantanos da illa. Cara finais de século Visby comezou a industrializarse e construíronse unha serie de liñas de ferrocarril na illa.

O século XX estivo marcado por unha crecente industrialización, pero finalmente a industria do turismo fíxose predominante. Gotland comezou a ser un popular destino turístico entre a sociedade sueca a finais do século XIX debido a que a princesa Uxía viviu en Västerhejde, no oeste da illa, a partir da década de 1860. Na década de 1910 construíronse grandes vilas de verán na vila de Ljugarn, e en 1955 fundouse o pobo de vacacións de Vitvärs, o primeiro do seu tipo na illa.

En 1969 rodouse nunha das súas casas a internacionalmente famosa serie infantil de televisión Pippi Mediaslongas.

Natureza e xeografía

editar

A natureza da illa diferénciase considerablemente do resto de Suecia. Isto débese en parte á súa situación illada e a unha posterior racionalización da agricultura e silvicultura con respecto á Suecia continental. Porén, o factor máis importante é o leito infértil de calcaria, que creou as condicións para unha especie de flora moi especial.

Xeomorfoloxía e xeoloxía

editar

A historia de Gotland remóntase ata hai uns 400 millóns de anos, ata o período coñecido como silúrico. Nesa época Suecia atopábase preto do ecuador e Gotland estaba nunha contorna de arrecife de coral tropical nun mar cálido e pouco profundo rico en especies animais, como por exemplo crinoideos, braquiópodos e trilobites.

Organismos mortos e lodos almacenáronse ao redor do arrecife durante millóns de anos, que xunto cos corais formaron un leito rochoso principalmente de calcaria e marga. O leito rochoso de Gotland é polo tanto moi rico en fósiles.

A illa obtivo forma actual a partir do xeo e a auga durante e despois da última glaciación. Na parte oeste da illa elévanse en moitas seccións grandes cantís. Nalgúns lugares estes atópanse baixo a superficie do mar e forman os chamados pallkanter, fóra dos cales a profundidade pode ser moi grande. O lado leste é principalmente chan, con praias pouco profundas. O punto máis alto é Lojsta hed, que se atopa no medio da illa e ten unha altura de 83 metros sobre o nivel do mar.

Flora e fauna

editar

Na illa sucédense un tipo de paisaxe que consiste nunha fina capa de vexetación sobre un leito de calcaria que non é apto para a agricultura (alvar) e terreo rochoso, bosques de piñeiros de baixo crecemento e prados, e terreos de cultivo e pasto. No pasado a paisaxe de Gotland estaba fortemente marcada por unha serie de pantanos moi extensos. A meirande parte deles drenáronse durante os séculos XVIII e XIX e eses terreos pasaron a usarse como terreos de cultivo. No presente aínda quedan varios lagos na illa (träsk), destacando o Tingstäde träsk e o Bäste träsk.

As ribeiras do mar están formadas por cantos rolados, diques naturais de pedra e rauks, alternados con longas e populares praias de area.

A vexetación é rica con, entre outras cousas, moitas especies de orquídeas. O clima tépedo favorece a moitas plantas pouco comúns, e os bordos das estradas en flor de Gotland son moi famosos.[14]

A vida das aves é intensa en Gotland, destacando a única montaña de paxaros en todo o Báltico en Lilla Karlsö e Stora Karlsö. Nestas dúas illas hai grandes colonias de araos dos cons, araos romeiros e araos de á branca. Máis de 250 especies teñen sido observadas nese perqueno arquipélago, e unhas 60 reprodúcense alí. Outras especies habituais son o eider, o pentumeiro de á branca, a gaivota arxéntea e a gaivota escura.[15]

Hai tamén colonias de pinnípedes no norte de Fårö e en Lilla Karlsö. En Gotland non hai algunhas especies de mamíferos habituais en outras partes de Suecia, como alces, teixugos ou donicelas. Na actualidade tampouco hai porcos bravos na illa. Particulares introduciron corzos e no presente na illa hai unha colonia destes animais que medra moi rapidamente.

O clima da illa é oceánico. A temperatura é relativamente estable ao longo do ano grazas á súa situación no mar Báltico, con primaveras frescas pero outonos e invernos suaves. Gotland é unha das zonas suecas con máis horas de sol. A temperatura media anual da illa é de +6,5 °C e as temperaturas máis extremas rexistradas foron de 35,2 °C e −32,8 °C, as dúas medidas en Buttle, no centro de Gotland.[16]

Administración

editar

As provincias tradicionais de Suecia xa non teñen propósitos administrativos ou políticos no presente, pero son entidades históricas e culturais. Porén, no caso de Gotland, debido á súa posición insular, tanto o condado administrativo (län), Condado de Gotland, como o municipio (kommun), Municipio de Gotland, cobren o mesmo territorio que a provincia. Ademais, a diocese de Visby tamén coincide coa provincia.[17][18][19]

Tradicionalmente Gotland estivo dividida en 92 sockens (unidade cun carácter semellante ao dunha parroquia).[20] O 1 de xaneiro de 2016 todos os sockens foron reconstituídos en distritos, áreas administrativas cos mesmos límites que as antigas unidades.[21]

  1. Lansstyrelsen (ed.). "Fakta om Gotland". Consultado o 3 de abril de 2018. 
  2. Lovén, Christian (2020). Florenslängder : den äldsta förteckningen över de svenska stiften. Sverige. ISBN 978-91-519-3031-2. OCLC 1237776663. 
  3. Svenskt ortnamnslexikon 2003, p. 92
  4. Wessén, Elias (1969). "Nordiska folkstammar och folknamn. En översikt." i Bo Gräslund och Ingrid Swartling: Fornvännen årgång 1969, Estocolmo: Almqvist & Wiksell Förlag AB, p. 20.
  5. Larsson, Per. "Oväntade fynd i grotta på Stora Karlsö - Stockholms universitet". www.su.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2021. Consultado o 2021-10-08. 
  6. "Fornfyndet Stora Bjersmannens skelett undersöks på nytt". Sveriges Radio (en sueco). 2013-01-28. Consultado o 2021-10-08. 
  7. Bildstenar : katalog över samtliga på Gotland kända bildstenar samt bibliografi över bildstenslitteratur (3. utvidgade och kompletterade uppl ed.). [Stockholm]: Gidlund. 2003. pp. 16–17. ISBN 91-7844-352-0. OCLC 249038419. 
  8. Spaden och pennan : ny humanistisk forskning i andan av Erik B Lundberg och Bengt G Söderberg. Stockholm: Oeisspesis. 2009. ISBN 9789163343933. OCLC 430058737. 
  9. "Gotlands Museum - Spillingsskatten". web.archive.org. 2010-05-09. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2010. Consultado o 2021-10-08.  |urlarquivo= e |url-arquivo= redundantes (Axuda); |dataarquivo= e |data-arquivo= redundantes (Axuda)
  10. Blomkvist, Nils (2005). The discovery of the Baltic : the reception of a Catholic world-system in the European north (AD 1075-1225). Leiden: Brill. ISBN 9004141227. OCLC 191935682. 
  11. Schück, Herman (1959). Ecclesia Lincopensis: studier om Linköpingskyrkan under medeltiden och Gustav Vasa. Almqvist & Wiksell (distr.). 
  12. Myrberg, Nanouschka (2008). Ett eget värde : Gotlands tidigaste myntning, ca 1140-1220. [Stockholm]: Stockholms universitet. ISBN 9789171556400. OCLC 465226569. 
  13. Bauer, Albert. 1959. Heinrici Chronicon Livoniae. Originaltext samt tysk översättning 1959, kap VII §2; s 27 not 1
  14. Eliason, Sara (1996 ;). Gotlands blommande vägkanter. Visby: Gotlands fornsal. ISBN 91-88036-19-7. OCLC 186025120. 
  15. "Fåglarna". Stora Karlsö (en inglés). Consultado o 2021-10-10. 
  16. "Gotlands klimat - SMHI". www.smhi.se. Consultado o 2021-10-10. 
  17. Region Gotland (ed.). "Páxina do municipio de Gotland". Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2019. Consultado o 3 de abril de 2018. 
  18. Lansstyrelsen (ed.). "Gotlands län". Consultado o 3 de abril de 2018. 
  19. Svenska Kyrkan (ed.). "Visby stift". Consultado o 3 de abril de 2018. 
  20. Region Gotland (ed.). "Gotland i siffror". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2018. Consultado o 3 de abril de 2018. 
  21. Finansdepartementet (ed.). "Förordning om distrikt" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de setembro de 2018. Consultado o 3 de abril de 2018. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
HOME 2
Intern 2
iOS 7
mac 2
multimedia 1
os 167
text 1
todo 3
web 1