O corion[1] é a membrana fetal máis externa que rodea o embrión de mamíferos, aves e réptiles (os animais amniotas). Desenvólvese a partir do pregamento da superficie do saco vitelino, o cal se encontra fóra da zona pelúcida (en mamíferos), chamada membrana vitelina noutros animais. Nalgúns ovos de invertebrados tamén se fala de corion. En insectos o corion desenvólveno células foliculares mentres o ovo está no ovario.[2] Algúns moluscos teñen tamén corions que forman parte dos seus ovos. Por exemplo os fráxiles ovos de polbo teñen un corion como única envoltura protectora.[3]

Diagrama que mostra o corion dun ovo de polo
Feto humano dentro do amnio

Estrutura

editar

En humanos e outros mamíferos (excluíndo os monotremas), o corion é unha das membranas fetais que se forman durante o embarazo entre o feto en desenvolvemento e a nai. O corion e o amnio forman xuntos o saco amniótico. En humanos está formado polo mesoderma extraembrionario e as dúas capas do trofoblasto que rodea o embrión e outras membranas; as vilosidades coriónicas emerxen do corion, invaden o endometrio e serven para a transferencia de nutrientes desde o sangue materno ao fetal.

O corion consta de dúas capas: unha externa formada polo trofoblasto e outra interna formada polo mesoderma somático.

O trofoblasto está formado por unha capa interna de células cúbicas ou prismáticas, o citotrofoblasto ou capa de Langhans, e outra capa externa multinucleada (sincitial) chamada sincitiotrofoblasto.

Crecemento

editar

O corion sofre unha rápida proliferación e forma numerosos procesos, as vilosidades coriónicas, que invaden e destrúen a decidua uterina, mentres que simultaneamente absorben dela materiais nutritivos para o crecemento do embrión.

As vilosidades coriónicas son ao principio pequenas e non vasculares e consisten soamente en trofoblasto, pero aumentan o seu tamaño e ramifícanse, mentres que o mesoderma, que trae ramas dos vasos umbilicais, crece nelas, e quedan vascularizados.

O sangue chega ás vilosidades polas arterias umbilicais pares, que se ramifican orixinando as arterias coriónicas e entran nas vilosidades coriónicas como arterias dos cotiledóns. Despois de circular a través dos capilares das vilosidades, o sangue torna ao embrión pola vea umbilical. Ata aproximadamente o final do segundo mes de embarazo, as vilosidades cobren todo o corion, e son case uniformes en tamaño, pero, despois dese momento, desenvólvense desigualmente.

Partes

editar
 
A placenta coas membranas fetais unidas (rotas na marxe á esquerda da imaxe), que constan de corion (capa externa) e amnio (capa interna).

A parte do corion que está en contacto coa decidua capsular atrófiase, así que no cuarto mes case non quedan trazas das vilosidades. Esta parte do corion faise lisa,[4] e denomínase corion liso ou leve (do termo latino chorion laeve, que significa 'corion liso'). Como non toma parte na formación da placenta, tamén se chama parte non placentaria do corion. A medida que o corion crece, o corion liso queda en contacto coa decidua parietal e estas capas fusiónanse.

As vilosidades no polo embrional, que está en contacto coa decidua basal, aumentan moito en tamaño e complexidade, e, por tanto, esta parte denomínase corion frondoso.[4]

Así, a placenta desenvólvese desde o corion frondoso e a decidua basal.

Xemelgos monocoriónicos

editar

Os xemelgos monocoriónicos son xemelgos que comparten a mesma placenta. Isto ocorre no 0,3% dos embarazos,[5] e no 75% dos xemelgos monocigóticos (idénticos), cando a separación ten lugar no terceiro día ou máis tarde despois da fecundación.[6] O restante 25% de xemelgos monocigóticos fanse diamnióticos dicoriónicos.[6] Esta condición pode afectar a calquera tipo de nacemento múltiple, o que orixina múltiples monocoriónicos.

Infeccións

editar

Estudos recentes indican que o corion pode ser susceptible de infeccións patóxenas.[7] Descubrimentos recentes indican que a bacteria Ureaplasma parvum pode infectar o tecido do corion, afectando así ao resultado do embarazo.[8] Ademais, detectáronse os perfis xenéticos do poliomavirus JC e o poliomavirus de células de Merkel nas vilosidades coriónicas en mulleres que sufriron abortos espontáneos e en mulleres embarazadas.[9][10] Outro virus, o poliomavirus BK detectouse nos mesmos tecidos, pero en menor grao.[11]

Outros animais

editar
 
Embrión amniótico. a = embrión, b = xema, c = alantoide, d = amnio, e = corion.

En réptiles, aves e monotremas, o corion é unha das catro membranas extraembrionarias que constitúen o ovo amniótico que proporcionan nutrientes e a protección necesarios para a supervivencia do embrión. Está localizado dentro do albume, que é a clara do ovo. Encerra o embrión e o resto do sistema embrional. Durante o crecemento e desenvolvemento do embrión, aumenta a necesidade de oxíxeno. Para compensar isto, o corion e o alantoide fusiónanse para formar a membrana corioalantoide. Xuntas forman unha dobre membrana, que funciona eliminando dióxido de carbono e captando oxíxeno a través da casca porosa. No momento da eclosión, a cría queda separada do corion a medida que emerxe da casca.

O corion tamén está presente en insectos.

Galería

editar

  Este artigo incorpora texto en dominio público da P1343 da 20ª edición de Gray's Anatomy (1918)

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para corion.
  2. Chapman, R.F. (1998) "The insects: structure and function", Section The egg and embryology. Previewed in Google Books [1] o 26 de setembro de 2009.
  3. “The Octopoda are characterized by eggs that have only a chorion as an envelope” https://www.sciencedirect.com/topics/agricultural-and-biological-sciences/octopoda
  4. 4,0 4,1 Genbačev, O; Vićovac, L; Larocque, N (xullo de 2015). "The role of chorionic cytotrophoblasts in the smooth chorion fusion with parietal decidua.". Placenta 36 (7): 716–22. PMC 4476638. PMID 26003500. doi:10.1016/j.placenta.2015.05.002. 
  5. Cordero L, Franco A, Joy SD, O'shaughnessy RW (decembro de 2005). "Monochorionic diamniotic infants without twin-to-twin transfusion syndrome". Journal of Perinatology 25 (12): 753–8. PMID 16281049. doi:10.1038/sj.jp.7211405. 
  6. 6,0 6,1 Shulman, Lee S.; van Vugt, John M. G. (2006). Prenatal medicine. Washington, DC: Taylor & Francis. p. 447. ISBN 0-8247-2844-0. 
  7. Contini C, Rotondo JC, Magagnoli F, Maritati M, Seraceni S, Graziano A (2019). "Investigation on silent bacterial infections in specimens from pregnant women affected by spontaneous miscarriage.". J Cell Physiol 34 (3): 433–440. PMID 30078192. doi:10.1002/jcp.26952. hdl:11392/2393176. 
  8. Contini C, Rotondo JC, Magagnoli F, Maritati M, Seraceni S, Graziano A, Poggi A, Capucci R, Vesce F, Tognon M, Martini F (2018). "Investigation on silent bacterial infections in specimens from pregnant women affected by spontaneous miscarriage.". J Cell Physiol 234 (1): 100–9107. PMID 30078192. doi:10.1002/jcp.26952. hdl:11392/2393176. 
  9. Tagliapietra A, Rotondo JC, Bononi I, Mazzoni E, Magagnoli F, Maritati M (2019). "Footprints of BK and JC polyomaviruses in specimens from females affected by spontaneous abortion.". Hum Reprod 34 (3): 433–440. PMID 30590693. doi:10.1002/jcp.27490. hdl:11392/2397717. 
  10. Tagliapietra A, Rotondo JC, Bononi I, Mazzoni E, Magagnoli F, Maritati M (2020). "Droplet-digital PCR assay to detect Merkel cell polyomavirus sequences in chorionic villi from spontaneous abortion affected females". J Cell Physiol 235 (3): 1888–1894. PMID 31549405. doi:10.1002/jcp.29213. hdl:11392/2409453. 
  11. Tagliapietra A, Rotondo JC, Bononi I, Mazzoni E, Magagnoli F, Maritati M (2019). "Footprints of BK and JC polyomaviruses in specimens from females affected by spontaneous abortion.". Hum Reprod 34 (3): 433–440. PMID 30590693. doi:10.1002/jcp.27490. hdl:11392/2397717. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
INTERN 3
todo 2