Un crómlech (pronunciado 'kɾɔmlɛx) é un monumento megalítico formado por menhires cravados no chan, e dispostos en círculo[1] É un monumento megalítico formado por pedras ou menhires chantados e que adoptan unha forma circular ou elíptica, cercando un terreo. Atópanse en Gran Bretaña, a Bretaña francesa, así coma no norte e oeste da Península Ibérica, Dinamarca e Suecia.

Crómlech de Stonehenge, Reino Unido.
Crómlech de Swinside, Reino Unido.

En galego tamén reciben os nomes compostos de círculo de pedras, aneis de pedras ou círculo megalítico.

A verba cromlech en inglés é usada para os dolmens e non para os círculos de penedos. En francés e castelán dáselle o mesmo uso ca en galego.

Etimoloxía

editar

A palabra crómlech provén do inglés, que a adquiriu do antigo galés. Está formada por crwm, «curvado» (crom en feminino), e lech, «laxe», polo que significa «laxes ou chantos (colocadas en) curva». Un crómlech é un monumento megalítico formado por varias ducias de menhires chantados en círculo. Hai menhires dispostos de forma rectangular, como na Bretaña no «cuadrilátero de Crucuno», mais o feito de non ser unha disposición circular fai que non sexan crómlech stricto sensu.

Existen crómlechs en Galicia e en Portugal, os galegos desapareceron, en parte, coas repoboacións forestais dos montes e outeiros de matogueira outrora. En Portugal aínda atopamos bos exemplos.

Características principais

editar

Estes círculos de pedras podían estar illados, contiguos con outro círculo de pedras ou asociados a aliñamentos de menhires. O crómlech máis coñecido e máis importante é o crómlech de Stonehenge, en Inglaterra.

Seica inicialmente os crómlech foron só monumentos funerarios que arrodeaban a dolmens ou túmulos e que, máis tarde, puideron se converter en recintos sagrados e, nalgúns casos, nunha especie de templos. Estas son hipóteses mantidas por científicos cuxas pescudas sobre o megalitismo só se poden apoiar en datos arqueolóxicos e non sobre fontes escritas.

Os crómlech son moito máis escasos ca os outros monumentos megalíticos, coma os dolmens, menhires etc.

A meirande parte deles semellan datar, especialmente en Europa, da idade de bronce (entre o século XXVI a.C. e o século IX a.C.- 2500 a.C a 1000 a.C.). Os harrespil (como o de Bilheres, en Aquitania, nos Pireneos Atlánticos) seguiron a utilizarse durante a idade de ferro. Porén atopamos algúns máis antigos, que se puideron datar grazas aos obxectos neolíticos (especialmente cerámica) atopados, coma no illote de Er Lannic, no golfo de Morbihan na Bretaña.

Os crómlech áchanse por todo o mundo, dende a India deica Inglaterra, en Escandinavia, na Cabilia e nas Américas. Non semella que se lles poida imputar un simbolismo único. Os skibsaetninger nórdicos (sepulturas colectivas recubertas por pedras formando o casco dun barco, e que poden conter centos de cadáveres), coas formas de barco, terían seguramente un significado diferente ligado á mitoloxía nórdica.

Período de construción e finalidade

editar

A época de construción destes monumentos atlánticos sitúase na Prehistoria recente, con datas que van desde 3.500 a 2.000 a.C.

Os crómlech, como todos os monumentos megalíticos, eran esencialmente de carácter funerario, é dicir, necrópole. Porén, a súa peculiar disposición e a extraordinaria monumentalidade e complexidade dalgúns deles fai pensar a moitos estudosos noutro tipo de funcións complementarias, quizais templos ou lugares de reunión para a comunidade.

Algúns investigadores chegan a soster teses astronómicas, suxestionando que poderían ter sido observatorios das estrelas ou dos ciclos da Lúa. Estas suposicións, malia seren posíbeis (por exemplo en Stonehenge, moi estudado neste sentido), aínda non teñen sido realmente demostradas e son acollidas con suma prudencia pola comunidade científica.

Dimensións

editar

As dimensións varían dun sitio a outro. En Francia pódense visitar crómlech con diámetros superiores a 100 metros (como a Crêperie de Carnac na Bretaña e os da Rigalderie e Peyrarines no Gard). Os menhires que forman os crómlech varían en Francia entre un e máis de tres metros de alto. Algúns crómlech escoceses superan os catro metros de altura. Os portugueses son maiores ca os galegos.

Localización xeográfica

editar
 
Crómlech dos Almendres, Portugal

Hai crómlechs notábeis nas Illas Británicas, especialmente en Escocia (por exemplo, Achmore e Pedras de Callanish nas Hébridas; as Rochas de Stenness e o Anel de Brodgar nas Órcadas) e en Cornualla, aínda que tamén salientan os de Portugal. Un dos máis famosos do mundo é o de Stonehenge, formado por varios círculos concéntricos, e un dos máis antigos de Europa o de Castlerigg, ambos os dous en Inglaterra.

Fora do continente europeo, hai círculos de pedras en África (Senegal, Gambia, Ghana, Etiopía Alxeria etc) mais non poden considerarse crómlech stricto sensu xa que foron construídos hai tan só algúns séculos. E, segundo a definición comunmente aceptada, os crómlech son sempre construcións prehistóricas.

En Francia coñécense crómlech na Bretaña (Crómlech de Saint-Pierre-Quiberon, ou o da illa de Gavrinis)[2] ambos no Morbihan, ou nos extremos dos Aliñamentos de Carnac), na Aquitania e no Languedoc (no sitio arqueolóxico de Causse de Blandas preto do cirque de Navacelles no Gard encóntranse tres dos catro crómlech da rexión). No País Vasco Francés hai círculos de pedras de pequeno diámetro (unha decena de metros) mais se cre que de feito só son as contornas circulares de antigos túmulos que foron arrasados. Hai tamén un crómlech duns 70 metros de diámetro no Petit-Saint-Bernard, na liña franco-italiana entre Savoia e a Val de Aosta.

Tamén hai un crómlech no plateau des Combes enriba da cham des Bondons Lozère. O máis maxestoso dos seus menhires coñécese coma o menhir das tres parroquias, por mor da súa posición xeográfica, nas estremas de tres igrexas parroquiais do Antigo Réxime.

Tamén se encontra un crómlech en Sailly-en-Ostrevent, no Paso de Calais

En Portugal áchase o crómlech máis importante da Península Ibérica, o crómlech neolítico dos Almendres, a uns 12 quilómetros ao oeste de Évora. Ten varios recintos, un deles formado por tres círculos de menhires e duns 18 m de diámetro, e outro ovalado, de 43,6 m de eixo maior por 32 m de eixo menor.

Os crómlechs en Galiza

editar
 
Esculturas modernas, inspiradas en menhires, no parque da Torre de Hércules.
 
Crómlech do Monte das Fachas en Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia de José Villa-amil, 1873.

En todo o oeste peninsular atopamos crómlechs e menhires, seguindo a cultura megalítica da Europa atlántica; porén son menos numerosos que nas Illas Británicas. No que hoxe é Portugal atopamos bos exemplos ben conservados; en Galiza hai varios exemplos, pero a maioría deles desapareceron:

  • Monte Neme (“Eira das Meigas” ou "Circo dos Xogos"), en Carballo, dous crómlechs de pedras (un duns 10 m de diámetro e outro de 4 m) de cuarzo destruídos en varias ocasións, os últimos restos contra 1960 por unha reforestación e apertura de pistas para a actividade mineira[3]. Este crómlech xa fora descrito por autores como Murguía ou Monteagudo. Era un dos escasos exemplos de círculo lítico situado no alto dun monte illado á beira do mar, o que lle confire ao Monte Neme, un carácter sagrado, semellante ao do Pindo.[4].
  • O Crómlech de Monte Lobeira, entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa, do que xa falara Murguía, foi descuberto en 2006 despois de que un lume forestal arrasara o monte cuberto de matogueira[5][6].
  • Outeiro de Faxildre, 3 km ao leste de Noia[7]; para Manuel Murguía (HG, 578) trátase de pequenas pedras chantadas en todas direccións, o que se repite noutro outeiro achegado.
  • Murguía (HG, I, 584) fala tamén das Pedras Rubias do Monte Lousado entre Dumbría e Corcubión.
  • No Monte das Fachas, Cabarcos, a 3 Km ao leste de Lourenzá, ao nordés de Mondoñedo, Villaamil (Ant.Preh.55 1) cita dous crómlechs, un moi destruído e o outro con sete grosos chantos de 1 m de altura; crese se trata das lousas dun dolmen a xulgar polo espazo elíptico de 2’9 x 2’5 que cerran e o aparecer na parte superior dun moi achaiado túmulo.
  • Saralegui (60, H. Lugo 41) fala de restos dun crómlech arredor da capela de San Roque de Prelo (S Boal, SW Navia), onde hai ou había o esferoide do Penedo da Raposa, dúas pedras oscilantes e varios dolmens (Acevedo: Vaq. Alz. 283).[8]
  • Círculo lítico de Castrotión, atópase na parroquia de Oca, na Estrada, na actualidade son visibles doce pedrafitas que arrodeaban unha capela destruída a principios do século XX e da que só se conservan os alicerces. Hai quen cre[quen?] que no lugar ou nas proximidades puído existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de Froitoso de Braga[9].
  • A Roda de Barreiros, en Barreiros (Lugo)[10].
  • Círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses, en Coeses (Lugo).

Harrespil pirenaico

editar
Artigo principal: Harrespil.
 
Harrespil de Okabe entre Lecumberri (España) e Saint Jean Pied de Port (Francia)

Tamén existen moitos monumentos deste tipo no Pireneo central e occidental, cuxo nome en éuscaro é harrespil que significa «círculo de pedras». A súa similitude con outros crómlech europeos reside na forma (círculos de pedras cravadas no chan, chantadas) mais son de pequeno tamaño: hainos cuxo diámetro non alcanza os tres metros, e hai uns poucos con máis de quince. As súas pedras tamén son cativas. Os círculos, polo xeral, están agrupados en número variábel, e sitúanse en outeiros e cumes arredondados. En ocasións un crómlech arrodea un túmulo e incluso un dolmen.

Os crómlech pirenaicos asócianse á Idade de Ferro (primeiro milenio adC). En escavacións realizadas comprobouse a súa función funeraria. Os cadáveres eran incinerados previamente, e as súas cinsas depositábanse en vasillas de cerámica, ou ben se arrodeaban con lousas pequenas (formando unha cista).

A súa distribución xeográfica abrangue todo o Pireneo central e occidental, tanto ao norte como ao sur. Ten unha característica aínda non explicada: polo oeste rematan bruscamente ao chegaren aos ríos Oria e Leizarán. Na divisoria oriental da conca deste último río hai unha importante cantidade de crómlechs, mais na estrema occidental non hai nin un só. Ao oeste destes ríos se teñen localizado moi poucos exemplares, illados e esparexidos (1 en Áraba, 5 en Biscaia, 3 en Navarra...).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para crómlech.
  2. Máis exactamente no illote de Er Lanic que está fronte a Gavrinis. É un crómlech duplo, uo dos cales atópase baixo o mar, xa que o nivel do mar se elevou uns 7 metros dende a súa construción.
  3. (Not. de D. Pedro Abelenda, A Coruña)
  4. Historia de Galicia Queren recuperar o monte que garda un crómlech, cultos precristiáns e escuras minas
  5. Artigo no Portal das Palabras da RAG referíndose ao Crómlech de Lobeira
  6. Artigo sobre o crómlech de Monte Lobeira
  7. Citado por Saralegui
  8. Menhires y marcos de Portugal y Galicia, Luís Monteagudo García
  9. A partir dun artigo no xornal dixital Praza Pública[cando?]
  10. Noticia da Roda de Barreiros no xornal Praza Pública.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Castiñeira Morales, Raquel; López Parra, Carlos; Mata Comino, Fernando; Prieto Calonge, María Eugenia (2002). "La Prehistoria". Ciencias Sociales ESO: CURSO 1. Zaragoza: Editorial Luis Vives. pp. 118–119. ISBN 84-263-4711-8. 
  • ALTUNA, J.; MARIEZKURRENA, K; ARMENDARIZ, A.; DEL BARRIO, L.; UGALDE, Tx.; PEÑALVER, J. (1982). "Carta Arqueológica de Guipúzcoa". Munibe, vol. 34. Sociedad de Ciencias Aranzadi - San Sebastián. ISSN 0027-3414. 
  • ALTUNA, J.; ARMENDARIZ, A.; DEL BARRIO, L.; ETXEBERRIA, F.; MARIEZKURRENA, K; PEÑALVER, X.; ZUMALABE, F.J. (1990). "Gipuzkoa. Karta Arkeologikoa. I. Megalitoak / Gipuzkoa. Carta Arqueológica. I. Megalitos". Munibe (Antropologia-Arkeologia). Suplemento nº 7. Sociedad de Ciencias Aranzadi - San Sebastián. ISSN 1132-2217; 7. 
  • PEÑALVER, Xabier. (2004). "Mairubaratzak - Pirinioetako Harrespilak.". Munibe (Antropologia-Arkeologia). Suplemento nº 19. Sociedad de Ciencias Aranzadi - Donostia-San Sebastián. ISSN 1132-2217; 19. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 5