Cultura San Agustín
Co nome de San Agustín coñécese en Colombia unha importante rexión arqueolóxica, na que se acharon varios centenares de esculturas monolíticas, que indican que alí floreceu dende remotos tempos unha cultura, que hoxe é obxecto de estudo por parte de misións científicas para estabelecer as orixes e os trazos peculiares deste pobo. Esta cultura iniciouse a partir do século XXXIII a. C., e no século VII a. C. xa é unha cultura que presenta un considerable desenvolvemento, segundo as datas de carbono 14 de mostras orgánicas obtidas recentemente asociadas á agricultura, a cerámica, a ourivaría e a arte escultórica.
As diferenzas marcadas entre obxectos, indumentaria, vestiario e traballo lítico, observadas nas esculturas, fai supor que a necrópole de San Agustín foi unha rexión onde varias etnias suramericanas, dende lugares distantes, traían os seus mortos principais a sepultar; da que forman parte o Parque Arqueolóxico Nacional de Tierradentro e o Parque Arqueolóxico de San Agustín.
Desprazamento
editarSan Agustín é un topónimo que data do século XVII e co cal se designa unha rexión montañosa do sur de Colombia, onde floreceu unha milenaria cultura. A zona está na cordilleira andina, recostada nunha das bases do Macizo Colombiano. Non lonxe de alí, no Páramo das Papas, nacen algúns dos principais ríos do país, os cales cruzan o territorio colombiano en distintas direccións e en longos percorridos alcanzan caudais navegables. O río Magdalena, é unha das máis importantes vías de navegación e entrada cara ó interior, transitada dende tempos plistocénicos e por onde chegaron os colonos europeos que descubriron e conquistaron as terras dos muiscas. O Cauca, o seu máis grande tributario, irriga fértiles vales interandinos, ricos en filóns e aluvións auríferos, terra onde buscaron asento os quimbayas e outros consumados ourives precolombinos. O río Caquetá, que sae ó Amazonas, irriga o pé de monte andino e en cuxo curso medio e baixo moran aínda grupos indíxenas selváticos, algúns descendentes, quizais, dos antigos escultores de San Agustín.
A paisaxe xeográfica é de outeiros onduladas e planos inclinados que descenden até estreitos e profundos canóns de orixe aluvial. Ó fondo poden divisarse os impoñentes picos do Macizo, como se denomina o nó montañoso andino do sur de Colombia.
Vestixios arqueolóxicos
editarA zona onde se atopan as reliquias prehispánicas sitúase nunha rexión que corresponde ós actuais concellos de San Agustín, Isnos e Saladoblanco. Vestixios similares identificáronse tamén cara á vertente que cae sobre a Amazonía, especialmente na localidade de Santa Rosa del Caquetá. Débese ter en conta que unha vasta extensión desta zona está aínda sen explorar, particularmente as zonas que ascenden cara ó Val das Papas, cubertas por unha densa vexetación selvática que só até anos recentes empezou a ser desmontada ás petadas polas avanzadas colonizadoras. Nesta área aparecen, illados uns doutros, núcleos de estatuas e de tumbas, a maneira de centros cerimoniais. A tradición histórica sinalou estes lugares con nomes especiais, que na súa maior parte se conservan até hoxe, como Mesitas, Lavapatas, Ullumbe, Alto dos Ídolos, Alto das Pedras, Quinchana, El Tablón, La Chaquira, La Parada, Quebradillas, Lavaderos e outros.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cultura San Agustín |
Bibliografía
editar- San Agustín Archaeological Park UNESCO World Heritage Centre
- Duque Gómez, Luis. San Agustín. Delroisse, 1982.
- Fajardo, Julio José. San Agustín: una cultura alucinada. Barcelona, España, Plaza & Janés, 1977.
- Ramírez Sendoya, Pedro José. Jijon La cultura megalítica de San Agustín. 1958