Dólar Sacagawea

moeda estadounidense dun dólar

Dólar Sacagawea [1][2]
A/: busto de Sacagawea cun neno. Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. Data e marca de ceca. R/: aguia en voo. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR.
  • Valor: 1 dólar.
  • Gravador: A/: Glenna Goodacre. R/: Thomas D. Rogers (ata 2008).
  • Data do deseño: 2000.
  • Datas de emisión: 2000-2008 (e en adiante con reversos diferentes).
  • Ceca: US Mint (cecas de Filadelfia, Denver e San Francisco).
  • Aliaxe:
    • Núcleo: 100 % Cu.
    • Baño: 77 % Cu, 12 % Zn, 7 % Mn e 4% Ni.
    • Total: 88,5 % Cu, 6 % Zn, 3,5 % Mn e 2 % Ni
  • Diámetro: 26,5mm.
  • Peso: 8,1 g.
  • Espesor: 2 mm.
  • Canto: liso (só ata 2008).

O dólar Sacagawea é unha moeda dun dólar estadounidense introducida en 2000 e emitida ininterrompidamente ata 2008 co mesmo modelo. A partir de 2009 continuou cuñándose anualmente, mais con reversos diferentes en cada emisión, conmemorativos de diversos aspectos da cultura nativa americana.

O seu nome débese á figura do seu anverso, obra de Glenna Goodacre, que representa un busto de Sacagawea (1788-1812), unha muller shoshone coñecida por axudar na expedición de Lewis e Clark na Luisiana. O seu reverso inicial débeselle ao artista Thomas D. Rogers e está caracterizado pola figura dunha aguia en voo coas ás estendidas.

A súa cor dourada vénlle polo seu revestimento de latón de manganeso, sobre un núcleo de cobre, o que lle confire un aspecto característico.

A moeda foi introducida en substitución do dólar de Susan B. Anthony, que gozara de escasa popularidade entre o público, malia ter resultado útil para o seu uso nas máquinas expendedoras e no transporte público.

Logo do seu lanzamento, a Casa da Moeda dos Estados Unidos fixo unha intensa campaña de promoción da moeda, con publicidade en prensa, radio e televisión, e tamén a través de asociacións con marcas comerciais como Walmart e Cheerios. No entanto, o dólar Sacagawea tampouco foi merecedor da aceptación popular e a súa cuñaxe reduciuse drasticamente no segundo ano da súa produción. Entre 2007 e 2016 a súa emisión continuou en paralelo á da serie coñecida como "dólar presidencial". En 2012 a súa tiraxe reduciuse nun 90 %, en liña cunha produción similar dos dólares presidenciais, aínda menos populares, por mor das grandes reservas de moedas aínda non utilizadas de ambas as series.

A US Mint considerou tamén a posibilidade e cuñar o dólar Sacagawea en ouro de 22 quilates, para o coleccionismo e o investimento, e mesmo chegou a facer algunhas cuñaxes de proba. No entanto, desbotou axiña a idea logo de que se cuestionase a súa autoridade para realizar este tipo de emisións. Os escasos exemplares de ouro cuñados como proba son propiedade da Casa da Moeda dos EEUU.

O dólar Sacagawea foi galardoado en 2002 co Premio Moeda do Ano á moeda máis popular de 2000.[3]

Antecedentes

editar

Dada a limitada circulación que tivera o dólar Eisanhower, o derradeiro de tamaño grande, en 1977 decidírase a creación dunha moeda de menores dimensións, coa intención de que resultase máis útil para a poboación e se incrementase o seu uso. Neste sentido, o 26 de setembro de 1978, o Congreso aprobou a lei que prevía a cuñaxe do coñecido como dólar Susan B. Anthony, na honra desta sufraxista estadounidense. Mais estes novos dólares resultaron tamén impopulares, en parte pola similitude do seu tamaño e da súa cor cos das moedas dun cuarto de dólar. Dado o escaso interese que suscitou a nova moeda, a maioría dos exemplares cuñados acabou en depósito nas cámaras acoirazadas da Casa da Moeda e da Reserva Federal dos EEUU, e a súa cuñaxe cesou en 1981.[4]

 
O senador por Minesota Rod Grams, introdutor do proxecto de lei no Senado para a creación do dólar Sacagawea.

Malia a súa impopularidade inicial, a mediados da década de 1990, as reservas de dólares Susan B. Anthony comezaron a minguar, debido fundamentalmente a que a moeda comezou a ser de uso habitual nas máquinas expendedoras —entre elas as máis de 9.000 máquinas de selos postais das oficinas de Correos dos EEUU—, e tamén nos sistemas de transporte público. A partir de 1997 presentáronse no Congreso e no Senado varios proxectos de lei coa intención de retomar a súa cuñaxe, para satisfacer a demanda que se ía creando. Mais o 21 de outubro dese mesmo ano, o representante republicano por Minnesota Rod Grams presentou un novo proxecto de lei no Senado no que se solicitaba a emisión dunha nova moeda dun dólar, cun novo deseño. O mesmo día, nunha sesión do Subcomité de Servizos Financeiros da Cámara de Representantes sobre política monetaria, os seus membros apoiaron a creación da nova moeda proposta por Grams e recomendaron que fose dunha cor diferente, dourada, e cun canto distintivo, para evitar a súa confusión coa moeda dun cuarto de dólar. Nesta sesión, Philip N. Diehl, daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, calculou que cumprirían tres meses para comezar a produción da nova moeda dun dólar.[5]

O Senado aprobou a lexislación necesaria o 9 de novembro de 1997 e a Cámara de Representantes fixo o propio o 13 de novembro.[5] O 1 de decembro, o presidente Bill Clinton asinou a lei que autorizaba o programa de cuñaxes conmemorativas dos 50 estados dos EEUU (Lei 105-124).[6] A sección cuarta desta lei, titulada "Lei da moeda dun dólar dos EEUU de 1997", dispuña a cuñaxe dunha nova moeda dun dólar nestes termos: "A nova moeda dun dólar será de cor dourada, terá un canto distintivo e contará con características táctiles e visuais que fagan doadamente discernible o seu valor facial". A lei tamén autorizaba o secretario do Tesouro retomar a produción do dólar Susan B. Anthony en tanto que non se puidese comezar coa produción dos novos dólares;[6] en total, cuñáronse máis de 41 millóns de dólares de Susan B. Anthony coa data de 1999.[4]

Historia do deseño

editar

Escolla do motivo

editar
 
O representante por Delaware Michael Castle, defensor do motivo da Estatua da Liberdade para o novo dólar, no canto do busto de Sacagawea.

Aínda que a lei de 1997 esixía un cambio na aliaxe do novo dólar e tamén no seu canto, non determinaba os motivos que deberían aparecer no seu anverso e no seu reverso.[6]

Para tomar esta decisión, o secretario do Tesouro, Robert Rubin, nomeou un comité asesor composto por nove membros. Rubin, que en virtude do seu cargo estaba autorizado para escoller os motivos da moeda,[7] especificou que esta debería ter unha representación feminina e non podería representar unha persoa viva.[8] O comité, presidido por Philip N. Diehl —entre cuxas funcións non estaba a votación acerca dos deseños— reuniuse por vez primeira en Filadelfia en xuño de 1998 para debater acerca de 17 propostas presentadas polos seus membros e outras moitas suxestións populares chegadas por diversos medios. O 9 de xuño de 1998, o comité decidiu recomendar a figura de Sacagawea, unha muller shoshone coñecida por axudar na expedición de Lewis e Clark na Luisiana, como motivo principal da nova moeda dun dólar.[9]

Malia esta decisión do comité, o representante republicano por Delaware Michael Castle avogou por que se fose a Estatua da Liberdade o motivo principal dos novos dólares, baseándose nunha lexislación anterior. Nunha carta dirixida á Cámara de representantes, Castle expuña as súas obxeccións, afirmando que "o obxectivo ao crear unha nova moeda dun dólar é facela máis distintiva cun deseño popular que fomente o seu maior uso por parte da poboación".[7] Entre o 18 e o 22 de novembro de 1998, a Oficina de Contabilidade Xeral levou a cabo unha enquisa, por encarga de Castle, para aclarar cal dos dous deseños tería unha maior aceptación popular. O resultado foi que o 65 % prefería a Estatua da Liberdade, fronte ao 27 % que prefería a Sacagawea.[10] Malia todo, Sacagawea foi o motivo finalmente escollido como motivo principal dos novos dólares.

Deseño inicial (2000-2008)

editar

A partir de aí, enviáronse invitacións a 23 artistas cunhas directrices acerca do que debían representar os deseños. No anverso debíase amosar unha imaxe de Sacagawea e no reverso unha aguia como símbolo da paz e da liberdade. Outra directriz pedíalles aos artistas seren "sensibles á autenticidade cultural, tratando de evitar a representación dun rostro europeo clásico cun toucado nativo americano".[7] En novembro e en decembro de 1998, a Casa da Moeda dos Estados Unidos convocou un grupo constituído por membros da comunidade indíxena, profesores, numismáticos, historiadores, membros do Congreso, funcionarios do Goberno e outras persoas para a revisión dos deseños propostos. Nun principio seleccionáronse seis deseños para o anverso e sete para o reverso, para os someter a unha consideración posterior.[9]

Logo da elaboración de diversas enquisas e da creación de varios grupos de discusión, a US Mint seleccionou como finalistas tres deseños para o anverso e catro para o reverso.[9] A Casa da Moeda recibiu arredor de 90.000 correos electrónicos en relación ao proceso de escolla do deseño. En resposta á gran cantidade de comentarios recibidos, Diehl declarou que Internet permitira "levar a cabo un programa de divulgación pública cun alcance sen precedentes para medir as opinións sobre os deseños". Os sete seleccionados foron enviados á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, que elixiu como gañador para o anverso unha representación de Sacagawea co seu fillo pequen, Jean Baptiste Charbonneau, obra da escultora Glenna Goodacre (1939-2020). Goodacre utilizou como modelo para Sacagawea unha muller shoshone chamada Randy'L He-dow Teton (nada en 1976), xa que non existe retrato ningún de época no que basearse. A representación do neno pequeno foi modelada parcialmente a partir de Adam Scholz, dun ano de idade. Pola súa banda, para o reverso, a Comisión de Belas artes escolleu a proposta da aguia voadora creada polo escultor e gravador Thomas D. Rogers (nado en 1945).[7]

Redeseño da serie (a partir 2009)

editar

O 20 de setembro de 2007, o presidente George W. Bush asinou a coñecida como Lei de moedas dun dólar dos nativos americanos (Public Law 110-82).[11] Entre outras cousas, esta nova lei especifica que a moeda dun dólar co anverso de Sacagawea debe amosar nos seus reversos "imaxes que celebren as importantes contribucións realizadas polas tribos indias e os nativos americanos a título individual ao desenvolvemento e á historia dos Estados Unidos". Esta lei incluía tamén a eliminación da data e a marca de ceca do anverso, e da lenda E PLURIBUS UNUM do reverso, que debían ser gravados no canto a partir de entón.[11]

O programa desta serie anual de moedas esixe, xa que logo, que o reverso do dólar Sacagawea represente un novo deseño cada ano.[11] Para determinar este deseño, os membros das organizacións consultoras —Comisión de Asuntos Indíxenas do Senado dos Estados Unidos, Grupo de Indíxenas Americanos e Congreso Nacional de Indíxenas Americanos— designan un representante como enlace coa Casa da Moeda dos Estados Unidos. Logo selecciónanse entre 12 e 15 temas tras consultar co Museo Nacional do Indio Americano e co Instituto Smithsoniano. Nese momento, as organizacións consultoras proporciónanlle á Casa da Moeda os seus comentarios acerca deses temas propostos e as suxestións envíanse ao Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda, que acaba por recomendar un tema. Logo de revisar as recomendacións e as achegas das organizacións colaboradoras finalízase a selección do tema e, a partir de aí, realízanse os deseños que o representan, os cales, logo dunha nova serie de novas consultas, volven ao Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda para a súa aprobación. Sobre a base de todos os comentarios e as recomendacións recibidas, a US Mint selecciona un deseño final, que se lle propón ao secretario do Tesouro para a súa aprobación.[12]

Inscrición no canto (desde 2009)
 
✭ ✭ ✭ E PLURIBUS UNUM ✭ ✭ ✭ ✭ ✭ ✭ ✭ ✭ ✭ ✭ (data) (marca de ceca)

Produción e lanzamento

editar

Despois de ser aprobado o seu deseño para o anverso, Goodacre visitou seis veces o Departamento de Gravado da Casa da Moeda de Filadelfia para lles dar o derradeiro toque aos seus deseños, e a proposta do reverso de Rogers tamén se modificou antes de entrar na fase de produción. Na concepción inicial de Roges figuraba unha paisaxe montañosa baixo a aguia en voo, que foi eliminada, e tamén se cambiou a disposición doutros elementos.[7]

A composición seleccionada para a produción do novo dólar prevía un núcleo de cobre puro cun revestimento cunha aliaxe de latón de manganeso composta por un 77 % de cobre, un 12 % de cinc, un 7 % de manganeso e un 4 % de níquel.[4] Elixiuse esta composición porque con ela a moeda tería unha cor dourada, como esixía a lei, e ao mesmo tempo sería electromagneticamente idéntica á súa predecesora, o dólar Susan B. Anthony, o que facilitaría a adaptación das máquinas expendedoras.[19]

A primeira cuñaxe oficial do dólar Sacagawea tivo lugar o 18 de novembro de 1999, durante unha cerimonia na que tanto as autoridades como as persoas invitadas tiveron a ocasión de cuñar persoalmente algúns exemplares. Dado que as moedas levaban a data de 2000, non era legalmente posible pólas en circulación antes do inicio dese ano, o que motivou que os exemplares cuñados individualmente polas persoas invitadas ficasen gardados na Casa da Moeda, e posteriormente enviáronselles aos seus propietarios. A produción a grande escala comezou pouco despois desa cerimonia inaugural.[20]

Polo seu traballo como creadora do anverso do novo dólar, Goodacre recibiu unha remuneración de 5.000 dólares, que pediu que lle fose aboada en moedas dun dólar Sacagawea. Os dólares de 2000 coa marca de ceca "P" de Filadelfia utilizados para este pagamento foron cuñados en discos provistos dun pulido especial, o que lles conferiu un acabamento único. Diehl e os restantes directivos da US Mint entregáronlle persoalmente as moedas a Goodacre o 5 de abril de 2000.[21] Tamén se lles deu un acabamento especial similar aos 75.000 exemplares cuñados en 2000 na Ceca de Denver para os incluír na serie conmemorativa do cambio de milenio.[22]

Pouco despois da súa posta en circulación, descubriuse que os novos dólares se empanaban con facilidade e, como consecuencia, perdían o lustre. En abril de 2000 a Casa da Moeda comezou a probar unha especie de enxaugadura experimental que inhibía este proceso, aínda que non se continuou nas emisións dos anos posteriores.[20]

Mercadotecnia

editar

A lei que autorizaba a creación da nova moeda dun dólar tamén dispuña que o secretario do Tesouro adoptase "un programa para a promoción do uso destas moedas por parte das empresas comerciais, as autoridades de transporte público e os organismos gobernamentais federais, estatais e locais".[6] A campaña publicitaria inicial da US Mint tivo un custo aproximado de 41 millóns de dólares e consistiu nuns 1.600 anuncios en televisión, radio e prensa escrita, así como no establecemento de acordos promocionais coa cadea de tendas Wal-Mart e coa compañía General Mills. Nos anuncios en televisión aparecía a cabeza de George Washington superposta noutro corpo e coa voz do actor Michael Keaton, que salientaba os méritos da nova moeda.[23]

A partir de xaneiro de 2000, a US Mint comezou a enviar dólares Sacagawea ás tendas das cadeas Wal-Mart e Sam's Club esparexidas por todo o país, para facer circular as moedas e, así, promover o seu uso. En total, enviáronse 100 millóns de exemplares no marco desta promoción. Algunhas asociacións de comerciantes criticaron a asociación da Casa da Moeda con estas grandes superficies comerciais, por considerala discriminatoria para o pequeno comercio.[24]

Nesta fase de lanzamento, a US Mint intensificou as súas colaboracións con esas e con outras compañías comerciais, entre elas a empresa alimentaria General Mills, de xeito que 10 millóns de caixas dos seus populares cereais Cheerios conterían unha moeda dun céntimo cuñada ese ano, e unha de cada 2.000 caixas levarían un exemplar do novo dólar Sacagawea; ademais, unha de cada 4.400 caixas incluiría un vale que se podería trocar por cen destas moedas. Máis tarde descubriuse que unhas 5.500 das moedas dun dólar incluídas nas caixas pertencían a unha primeira cuñaxe que se diferenciaba da finalmente posta en circulación no número de plumas na cola da aguia, o que supón unha rareza no mundo do coleccionismo numismático.[25][26][27]

Dólar Sacagawea de ouro

editar
 
A tripulación do transbordador espacial Columbia para a misión STS-93, durante a cal se enviaron ao Espazo 12 espécimes de ouro do dólar Sacagawea.

En 1999, a Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñou unha serie de dólares Sacagawea en ouro de 916,7 milésimas (22 quilates), para llas ofrecer en venda aos coleccionistas e aos investidores. Durante a produción inicial destas moedas asignóuselles un valor facial de cinco dólares para axudar a distinguilas das da tiraxe ordinaria destinada á circulación. No entanto, en marzo de 2020 este plan da US Mint viuse interrompido cando algúns congresistas cuestionaron a autoridade dos directivos da Casa da Moeda para decidiren a cuñaxe dunhas moedas cunha composición diferente á legalmente autorizada. A produción a grande escala destas moedas de ouro non chegou a iniciarse, malia a insistencia da ceca pública de que dispuña da autoridade para o facer, dado que as moedas serían consideradas como artigos numismáticos e non como moedas de emisión regular para a circulación.[28]

Tamén houbo outra cuñaxe de moedas similares en ouro, aínda que esta vez mantendo o valor facial inicial dun dólar; estas moedas amosan a marca de ceca "W" da Ceca de West Point, aínda que realmente foron cuñadas na Casa da Moeda de Filadelfia.[29][30] En total cuñáronse 39 moedas deste tipo, das cales se considerou que só 12 tiñan unha calidade de cuñaxe axeitada e as restantes foron destruídas.[28] De xeito diferente ao caso anterior das moedas de cinco dólares, esta cuñaxe produciuse "para conmemorar o histórico voo do transbordador espacial Columbia en xullo de 1999", segundo o exdirector da Casa da Moeda Edmund C. Moy. Os 12 dólares superviventes foron enviados ao Espazo a bordo do Columbia na misión STS-93 e logo do seu regreso almacenáronse no depósito de metais preciosos da US Mint en Fort Knox, onde permaneceron ata 2007, cando se expuxeron na Feira Mundial do Diñeiro da Asociación Numismática Americana en Milwaukee, Wisconsin.[29] Logo deste evento, as moedas foron devoltas a Fort Knox,[31] aínda que se prevé que a US Mint as preste a diversos museos do país para a súa exposición temporal.[28]

Exemplares híbridos

editar

En maio de 2000 descubriuse unha moeda defectuosa co deseño do anverso habitual das moedas dun cuarto de dólar, que reproduce un busto de George Washington, e o reverso da aguia en voo do dólar Sacagawea; este exemplar estaba nun rolo de moedas dun dólar adquirido nunha oficina bancaria de Mountain Home, Arcansas.[32][33] Esta moeda híbrida e non datada, correspondente simultaneamente a dous valores faciais, foi a primeira dunha serie de once que se foron descubrindo e autenticando. As autoridades da Casa da Moeda dos Estados Unidos supoñen que estas pezas, que amosan a marca de ceca da Casa da Moeda de Filadelfia, foron cuñadas entre finais de abril e principios de maio de 2000.[32] Estes híbridos producíronse a partir das pranchas utilizadas para a cuñaxe das moedas dun dólar, revestidas de latón de manganeso, e non a partir das pranchas para o cuarto de dólar, que están revestidas de cuproníquel.[33]

Logo da descuberta inicial, a Casa da Moeda de Filadelfia confiscou un contedor con varios milleiros con pezas erróneas,[32] e ordenou a súa destrución. Do mesmo xeito, seguiuse o rastro dalgúns exemplares que se coñecía que xa saíran das instalacións e atopáronse nunha planta próxima a Filadelfia onde se dispuñan a ser empaquetadas en tacos,[33] cuxos empregados, seguindo instrucións, as devolveron á Casa da Moeda.[32]

Unha investigación federal posterior sobre este episodio determinou que as moedas híbridas foran cuñadas accidentalmente, aínda que se culpou a dous antigos empregados da ceca de comercializar con algúns destes dólares erróneos, o que lles supuxo penas de multa e prisión. En 2002, os directivos da Casa da Moeda anunciaron que, das dez moedas aparecidas logo da descuberta da primeira, dúas entraran na circulación seguindo canles legais, mais as outras oito eran de dubidosa procedencia, polo que poderían ser incautadas.[32] No entanto, non se chegou a iniciar ningún procedemento de incautación.[33]

En agosto de 2011, oito das once moedas híbridas, incluída a descuberta inicialmente en Arcansas, eran propiedade dun coleccionista de Novo México que as adquiriu entre 2000 e 2003, para o que chegou a pagar 75.000 dólares por un só exemplar.[32] Das outras tres documentadas, unha é propiedade do seu descubridor, un coleccionista de Missouri, outra foi adquirida por un coleccionista anónimo e a terceira, de cuxa existencia se informou por vez primeira en 2011, foi comprada ese mesmo ano por un comerciante de Chicago a un individuo que dixo que a posuía desde había dez anos.[34] Algunhas destas pezas alcanzaron en poxas numismáticas a cantidade de 200.000 dólares. Entre eses once espécimes identificáronse tres combinacións de cuños diferentes.[33]

Acollemento

editar
 
Máquina expendedora de billetes para o transporte do Aeroporto de Oakland (AirBART), que funciona con moedas e billetes dun dólar.

A moeda dun dólar Sacagawea recibiu críticas en todos os sentidos por parte de diversos senadores. Nunha entrevista coa columnista de Associated Press Suzanne Gamboa, o senador republicano por Texas Phil Gramm cualificou o lanzamento da nova moeda como "mesquiño". Gramm, que fora un dos senadores que votara a favor do proxecto de lei que a autorizaba, eloxiou a calidade do deseño do dólar Sacagawea, aínda que condenou o enfoque da Casa da Moeda no relativo á súa posta en circulación e á súa promoción. Tamén opinou que a US Mint caera no mesmo erro que cando emitira o dólar de Susan B. Anthony ao lanzar unha moeda adaptada á industria das máquinas expendedoras e non ao cidadán medio.[35]

A tamén senadora republicana por Texas Kay Bailey Hutchison criticou tanto o deseño do dólar Sacagawea como o tamaño da moeda en relación coas demais que compuñan o sistema naquel momento. Hutchison consideraba que carecía do peso necesario para a distinguir doadamente das moedas de valores inferiores e que, igual que outras moedas que estaban en circulación, parecía ser "diñeiro de xoguete". Os senadores Mike DeWine, de Ohio, e Byron Dorgan, de Dakota do Norte, republicano e demócrata respectivamente, eloxiaron, pola súa banda, o deseño e o carácter distintivo da súa cor dourada.[36]

A serie do dólar Sacagawea, coas posteriores emisións conmemorativas posteriores, resultou ser pouco popular no comercio cotián.[5] A súa tiraxe baixou nun 90 % o segundo ano con respecto ao primeiro.[37] Entre 2002 e 2008, os dólares Sacagawea cuñáronse unicamente nas cantidades necesarias para atender as necesidades do coleccionismo. O Banco da Reserva Federal non encargou ningunha das series conmemorativas da cultura nativa americana que comezaron a emitirse en 2009. En decembro de 2009, a Reserva Federal indicou que naquel momento había 875 millóns de moedas dun dólar —incluído o dólar presidencial—nas bóvedas de almacenaxe das que dispuña o Goberno, unha cantidade que se estimaba suficiente para satisfacer a demanda durante doce anos.[5]

En 2009, coa introdución dos deseños do reverso relacionados coa cultura nativa americana, as novas moedas cuñáronse en cantidades superiores e puxéronse novamente en circulación. No entanto, seguiron a ser impopulares para a poboación e, logo da emisión de 2011, o secretario do Tesouro, Timothy F. Geithner, anunciou a volta ás emisións unicamente destinadas a propósitos exclusivamente relacionados co coleccionismo numismático.[38]

Malia a súa falta de aceptación popular nos Estados Unidos, o dólar Sacagawea recibiu un bo acollemento noutras nacións nas que circula o dólar estadounidense, como O Salvador ou Ecuador.[19]

Deseños e tiraxes en cada ceca

editar

Na seguinte táboa reflíctense os motivos do reverso dos dólares Sacagawea a partir da súa posta en circulación en 2000, así como os autores do seu deseño e do seu gravado, e as tiraxes cuñadas en cada unha das cecas en que se produciron:

Anos Motivo do reverso Deseñador / gravador Tiraxes [39]
Filadelfia Denver S. Francisco Totais
2000 Aguia en voo.[1][2] T. D. Rogers 767.150.500 518.916,000 4.047.904 1.290.114.404
2001 62.468.000 70.939.500 3.183.740 136.591.240
2002 3.865.610 3.732.000 3.211.995 10.809.605
2003 3.080.000 3.080.000 3.298.439 9.458.439
2004 2.660.000 2.660.000 2.965.422 8.285.422
2005 2.520.000 2.520.000 3.344.679 8.384.679
2006 4.900.000 2.800.000 3.054.436 10.754.436
2007 3.640.000 3.920.000 2.259.847 9.819.847
2008 1.820.000 1.820.000 1.998.108 5.638.108
2009 Agricultura indíxena.[40][41] N. E. Nemeth 37.380.000 33.880.000 2.179.867 73.439.867
2010 Grande árbore da paz.[42][43] T. Cleveland / C. L. Vickers 32.060.000 48.720.000 1.689.216 82.469.216
2011 Tratado Wampanoag (1621).[44][45] R. Masters / J. Menna 29.400.000 48.160.000 1.673.010 79.233.010
2012 Rutas comerciais do S. XVII.[46][47] T. Cleveland / P. Hemphill 2.800.000 3.080.000 1.189.445 7.069.445
2013 Tratado cos Delawares (1778).[48][49] Susan Gamble / P. Hemphill 1.820.000 1.820.000 802.460 4.442.460
2014 Hospitalidade india a Lewis e Clark.[50][51] C. Costello / J. Menna 3.080.000 5.600.000 665.100 9.345V100
2015 Ferreiros mohawk.[52][53] R. D. Sanders / P. Hemphill 2.800.000 2.240.000 1.050.166 6.090.166
2016 Codificadores indios.[54][55] T. D. Rogers / R. Gordon 2.100.000 2.800.000 923.414 5.823.414
2017 Sequoia.[56][57] C. Costello / C. L. Vickers 3.020.736 2.737.136 878.306 3.848.460
2018 Jim Thorpe.[58][59] M. Gaudioso 1.400.000 1.400.000 517.081 3.317.081
2019 Indios no espazo.[60][61] E. Damstra / J. Menna 1.400.000 1.540.000
2020 Elizabeth Peratrovich.[62][63] P. Hemphill 1.400.000 1.260.000
2021 Nativos no servizo militar.[64][65] D. Weaver / J. Menna
2022 Ely Parker.[66][67] P. C. Balan / J. Menna
2023 Indios no ballet: Maria Tallchief.[68] B. Sowards / P. Hemphill

Conxuntos con acabamento especial

editar

Ademais das series ordinarias anuais, tamén se inseriron dólares Sacagawea con acabamento especial (proof) en diversos conxuntos e estoxos de presentación producidos pola US Mint. Entre eles están os seguintes:[69]

Ano e ceca Conxunto Tiraxe
2000-D Xogo de moedas e billetes Millennium (acabamento proof).[70] 75.000
2014-D Xogo anual de moedas e billetes sen circular. 50.000
2015-W Xogo anual de moedas e billetes sen circular. 90.000
2016-S Xogo anual de moedas e billetes sen circular. 75.000
2017-S Xogo anual de moedas sen circular.[71] 225.000
2019-P Xogo anual de moedas e billetes sen circular. 50.000
  1. 1,0 1,1 1,2 "Sacagawea Golden Dollar Coin Arquivado 17 de marzo de 2022 en Wayback Machine.". United States Mint.
  2. 2,0 2,1 2,2 "1 Dollar "Sacagawea Dollar"". Numista.com
  3. "Coin of the Year Awards". Numismaster.com
  4. 4,0 4,1 4,2 Yeoman, R. S. (2013). Páxina 226.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Roach, S. (2010). "Wanted: New $1 Coins (As Long As They're Not Anthony Dollars)". En Coin World.8 de marzo. Páxinas 22-24.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Public Law 105-124-Dec. 1, 1997". Govinfo.gov.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Roach, S. (2010). "Sacagawea Tops Statue of Liberty, Other Themes, for Design". En Coin World. 8 de marzo. Páxinas 76-79.
  8. "Treasury Establishes Dollar Coin Advisory Committee". United States Mint. 19 de maio de 1998.
  9. 9,0 9,1 9,2 "Sacagawea Dollar Coin. The Historic Design Selection Process". En Asia Tech Journal. 31 de xullo de 2021.
  10. New Dollar Coin. Public Prefers Statue of Liberty Over Sacagawea. United States General Accounting Office. Washington, xaneiro de 1999.
  11. 11,0 11,1 11,2 "Public Law 110-82-Sept. 20, 2007". Govinfo.gov
  12. "Native American $1 Coin Program". US Mint.
  13. "2009 Native American $1 Coin". US Mint.
  14. "1 Dollar: Spread of Three Sisters Agriculture". Numista.com
  15. "2018 Native American $1 Coin". US Mint.
  16. "1 Dollar: Jim Thorpe". Numista.com
  17. "2020 Native American $1 Coin". US Mint.
  18. "1 Dollar: Elizabeth Peratrovich...". Numista.com
  19. 19,0 19,1 Sanders, M. (2006). "Modern Dollar Coins". En The Numismatist. Marzo. Páxinas 114-115.
  20. 20,0 20,1 Gilkes, P. (2010). "Experimental Washes, Special Strikings Challenge to Collect". En Coin World. 8 de marzo. Páxinas 126-128, 179.
  21. Gilkes, P. (2010). "Goodacre Receives Special Sac Dollars". En Coin World. 8 de marzo. Páxinas 130-131.
  22. "The 2000-D Sacagawea Dollar From The United States Millennium Coinage & Currency Sets". Smalldollars.com.
  23. Martin, E. (2010). "Circulation Promotion for Sacagawea $1 Takes Unusual Paths". En Coin World. 8 de marzo. Páxinas 119, 224.
  24. Mirabella, L. (2000). "Sacagawea Dollar a Hit at Wal-Mart". En The Baltimore Sun. 8 de febreiro.
  25. Gilkes, P. (2010). "Cereal Promotion Offers Collectors Welcome $1 Surprise". Coin World. 8 de marzo. Páxinas 120-121.
  26. Hadley, S. (2021). "Why Is This Sacajawea Dollar Worth Thousands of Dollars?". En The Spruce Crafts.
  27. Hernandez, J. (2008). ""Cheerios" Sacagawea Dollar Found Without Enhanced Tail Feathers Design". Professional Coin Grading Service. 27 de maio.
  28. 28,0 28,1 28,2 Gilkes, P. (2010). "Special 2000–W Sac agawea Dollars Travel on Space Shuttle". En Coin World. 8 de marzo. Páxina 122.
  29. 29,0 29,1 "United States Mint Displays Never–Before–Seen Gold Space Coins in Milwaukee". US Mint. 10 de agosto de 2007.
  30. "2000-W 22-karat Gold Proof Sacagawea Dollar". Smalldollars.com
  31. "United States Mint Displays Never–Before–Seen Gold Space Coins in Milwaukee". United States Mint. 10 de agosto de 2007.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 32,5 Gilkes, P. (2010). "Double-Denomination Mule Features Sacagawea $1 Reverse". En Coin World. 8 de marzo. Páxinas 132-133, 177.
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 Gikes, P. (2011). "11th quarter-dollar/dollar mule surfaces: Chicago dealer acquires NGC-certified coin". En Coin World. 17 de xullo.
  34. "2000-P "Mule" Sacagawea Dollar Reverse w/ States Quarter Obverse". Fred Weinberg & Co.
  35. Gamboa, S. (2000). "Sen. Gramm Says Currency 'Crummy,' Wants New Designs". En The Spartanburg Herald-Journal. 12 de setembro.
  36. "Lawmakers Blast New 'Gold' Dollar as Confusing". En The Milwaukee Journal Sentinel. 24 de febreiro de 2000.
  37. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 227.
  38. Gilkes, P. (2013). "Treasury reveals 2014 Native American dollar". En Coin Word. 6 de outubro.
  39. Yeoman, R. S. (2010). Páxinas 236-237.
  40. "2009 Native American $1 Coin". US Mint.
  41. "1 Dollar: Spread of Three Sisters Agriculture". Numista.com
  42. "2010 Native American $1 Coin". US Mint.
  43. "1 Dollar: Government-The Great Tree of Peace". Numista.com
  44. "2011 Native American $1 Coin". US Mint.
  45. "1 Dollar: Wampanoag Treaty". Numista.com
  46. "2012 Native American $1 Coin". US Mint.
  47. "1 Dollar: Trade Routes in the 17th Century". Numista.com
  48. "2013 Native American $1 Coin". US Mint.
  49. "1 Dollar: Treaty With the Delawares". Numista.com
  50. "2014 Native American $1 Coin". US Mint.
  51. "1 Dollar: Treaty With the Delawares". Numista.com
  52. "2015 Native American $1 Coin". US Mint.
  53. "1 Dollar: Mohawk Ironworkers". Numista.com
  54. "2016 Native American $1 Coin". US Mint.
  55. "1 Dollar: Mohawk Ironworkers". Numista.com
  56. "2017 Native American $1 Coin". US Mint.
  57. "1 Dollar: Sequoyah of the Cherokee Nation". Numista.com
  58. "2018 Native American $1 Coin". US Mint.
  59. "1 Dollar: Jim Thorpe". Numista.com
  60. "2019 Native American $1 Coin". US Mint.
  61. "1 Dollar: American Indians in the Space Program". Numista.com
  62. "2020 Native American $1 Coin". US Mint.
  63. "1 Dollar: Elizabeth Peratrovich...". Numista.com
  64. "2021 Native American $1 Coin". US Mint.
  65. "1 Dollar: Native Americans in the US Military". Numista.com
  66. "2022 Native American $1 Coin". US Mint.
  67. "1 Dollar: Ely Samuel Parker". Numista.com
  68. "United States Mint Announces 2023 Native American $1 Coin Reverse Design". United States Mint. 9 de novembro de 2022.
  69. "Complete Guide to Sacagawea Dollar Coins". Sacagaweadollarguide.com
  70. "The 2000 United States Millennium Coinage & Currency Set Turns 20 Arquivado 17 de marzo de 2022 en Wayback Machine.". En Coin Week. 24 de abril de 2020.
  71. "United States Mint Releases Set of Enhanced Uncirculated Coins on Aug. 1". US Mint. 25 de xullo de 2017.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
Predecesor:
Dólar Susan B. Anthony
 
Moeda dun dólar estadounidense

Desde 2000.
Sucesor:
En curso.
  NODES
ELIZA 3
HOME 1
Idea 1
idea 1
Intern 1
iOS 21
mac 4
multimedia 1
os 287
todo 5