de Havilland Dove

O de Havilland DH.104 Dove é un avión de pasaxeiros británico de curto alcance desenvolvido e fabricado por de Havilland. O deseño, un monoplano sucesor do biplano de preguerra Dragon Rapide, xurdiu do informe do Comité Brabazon que, entre outros tipos de avións, solicitaba un deseño británico para un alimentador de curto alcance.[1]

de Havilland Dove
Tipoavión de pasaxeiros
Fabricantede Havilland
Primeiro voo25 de setembro de 1945
Produción1946 - 1967
Unidades construídas544

O Dove foi un avión popular e está considerado un dos deseños civís británicos de posguerra máis exitosos, sendo fabricados máis de 500 aparellos entre 1946 e 1967. Operáronse varias versións militares, como o Devon da Royal Air Force e o Sea Devon da Royal Navy, e o tipo tamén operou en forzas militares de varios países.

O Heron foi un desenvolvemento catrimotor do Dove destinado para ser usado en áreas menos desenvolvidas do mundo. En Australia realizouse un redeseño considerable do Devon para desenvolver o trimotor de Havilland Australia DHA-3 Drover.

Desenvolvemento e deseño

editar

O equipo de desenvolvemento do Dove estivo liderado por Ronald Bishop,[1] o creador do de Havilland Mosquito, un cazabombardeiro da segunda guerra mundial, e do de Havilland Comet, o primeiro reactor comercial da historia. Foi desenvolvido para satisfacer o requirimento Type VB publicado polo Comité Brabazon.[2] Conceptualmente o Dove deseñouse para substituír o Dragon Rapide.[1] Tamén debería ser competitivo entre a gran cantidade de transportes militares excedentes da guerra, como o Douglas DC-3.[3] A diferenza do Dragon Rapide, a estrutura do Dove era totalmente metálica[4][5] e contaba con innovacións como hélices de velocidade constante, flaps e un tren de aterraxe en triciclo retractable.[6][1]

En 1946 a revista Flight loou as cualidades do novo Dove, destacando a súa "modernidade", ademais da súa capacidade de carga, o seu rendemento seguro en caso de fallo dun motor, e as súas boas características de mantemento.[2] Prestouse moita atención a aspectos como que fose doado de manter e moitos dos seu compoñentes foron deseñados para que fosen intercambiables e doados de retirar e substituír, como a deriva, o elevador e as unidades de potencia. Outras áreas eran a montaxe do motor en catro puntos de liberación rápida, o enrutado de cables e tubaxes, e as ás e cono de cola desmontables.[2] O extensivo uso de adhesivo especial Redux para unir metais reduciu a necesidade de remachar durante a fabricación, reducindo o peso total e a resistencia do aire.[2]

Aínda que as versións de pasaxeiros estándar d Dove podían levar entre 8 e 11 pasaxeiros, a cabina deseñouse para permitir operacións con maior ou menor densidade de pasaxe.[2] Podíase retirar un baño e un compartimento de equipaxe en popa para engadir máis asentos.[3] Fabricáronse varios modelos especializados para outros roles, como recoñecemento aéreo, ambulancia e aula de voo.[7] Usouse unha estrutura reforzada do chan da cabina para permitir que o avión puidese transportar cargas concentradas.[2] O Dove podía servir tamén como transporte executivo cunha configuración para cinco pasaxeiros; o modelo executivo demostrou ser moi popular con varios clientes en países estranxeiros, sobre todo nos Estados Unidos.[5]

A tripulación normalmente estaba formada por un piloto e por un operador de radio, aínda que se podían instalar rapidamente controis de voo duais para un segundo piloto.[2] Unha combinación de grandes fiestras e un teito de metacrilato transparente proporcionaban un alto novel de visibilidade dende a cabina de mando.[2][8] Dende a perspectiva da pilotaxe, observouse que o Dove era doado de voar.[8] O avión tiña dispoñible un sistema anti conxelamento TKS cunha xelatina a base de alcohol que se distribuía a través de tiras de metal porosas polo bordo de ataque das ás e da cola.[8]

Servizo operacional

editar

O Dove voou por vez primeira o día 25 de setembro de 1945,[9] e en decembro de 1946 entrou en servizo con Central African Airways.[4] Inicialmente o Dove fabricouse na fábrica de de Havilland en Hatfield, pero a partir de 1951 o avión construíuse nas súas instalacións de Broughton, preto de Chester.[10] A derradeira unidade do tipo entregouse no ano 1967. A produción do Dove e as súas variantes foi de 544 avións,[11] incluídos dous prototipos, 127 Devon e 13 Sea Devon militares.

Dende 1946 vendéronse grandes números a aeroliñas regulares e chárter de todo o mundo, substituíndo e complementando ao deseño de preguerra de Havilland Dragon Rapide e a outros avións máis vellos. O pedido máis grande do Dove realizouse na Arxentina, onde operaron 70 aparellos,[12] a meirande parte deles usados pola Forza Aérea Arxentina. LAN Chile operou 12 exemplares a partir de 1949 que nos anos 50 serían vendidos a pequenas aeroliñas rexionais estadounidenses.[13]

O distribuidor Jack Riley vendeu máis de 50 Dove a varios operadores dos Estados Unidos. Posteriormente de Havilland asumiu o control directo das vendas nese país, pero non conseguiu o mesmo éxito que acadara Riley inicialmente.[14]

Un grupo de 30 Devon entregouse ao principio á Royal Air Force[15] e foron usados como transportes VIP e lixeiros durante máis de 30 anos. A Royal New Zealand Air Force mercou 30 Devon entre 1948 e 1954 que permaneceron en servizo como transporte VIP,adestradores de tripulacións e transportes lixeiros ata a década dos 70.[13]

A Forza Aérea de Biafra operou un único Dove durante a guerra civil de Nixeria; o avión perdeuse e foi atopado en 1970 nas instalacións dunha escola en Uli.[16] Un segundo Riley Dove, con rexistro estadounidense N477PM, entregado en 1967 a Port Harcourt dende Suíza nunca chegou a Biafra porque foi retido polas autoridades alxerianas.[16]

Un feixe de Doves e Devon civís seguían en uso no ano 2011 no Reino Unido, Canadá e Alemaña en mans de pequenas firmas e pilotos privados.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Jackson 1987, p. 443
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "de Havilland Dove". Flight International, 30 de maio de 1946
  3. 3,0 3,1 "The de Havilland Dove". Flight International, 12 de abril de 1945
  4. 4,0 4,1 "Hawker Siddeley Aviation." Flight International, 26 de novembro de 1964. p. 919
  5. 5,0 5,1 Jerram, Mike (setembro de 1993). "The Last Havilland". Flying Magazine 120 (9): 40–43. ISSN 0015-4806. 
  6. "de Havilland Heron." Flight International, 22 de xaneiro de 1954. p. 97
  7. "Commercial Aircraft 1953." Flight International, 6 de marzo de 1953. p. 304
  8. 8,0 8,1 8,2 Schlaeger, Gerald J. (setembro de 1961). "de Havilland Dove Custom 800". Flying Magazine 69 (3). ISSN 0015-4806. 
  9. Jackson 1987, p. 443
  10. Jackson 1987, p. 444
  11. "De Havilland DH104 Dove & Devon". BAE Systems (en inglés). Consultado o 2020-12-04. 
  12. Jackson 1987, p. 445
  13. 13,0 13,1 Sykes 1972
  14. Collins, Richard L. (abril de 1975). "The life of Riley". Flying Magazine 96 (4). ISSN 0015-4806. 
  15. Jackson 1987, p. 446
  16. 16,0 16,1 Baxter, Peter, 1962-. Biafra : the Nigerian Civil War, 1967-1970. Solihull, West Midlands, England. ISBN 9781909982369. OCLC 865495195. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Jackson, A.J. de Havilland Aircraft since 1909. Londres: Putnam, terceira edición, 1987. ISBN 0-85177-802-X.
  • Sykes, T. (editor) The DH104 Dove and DH114 Heron. Tonbridge, Kent, UK: Air-Britain (Historians) Ltd, 1973.
  NODES
INTERN 5
todo 3