Delfos

santuario panhelénico e oráculo de Apolo

Aos pés do monte Parnaso en Focea, Delfos é o lugar dun santuario panhelénico onde falaba o oráculo de Apolo a través da súa profetisa, a Pitia ; tamén albergaba o ónfalos ou «embigo do mundo». Investido cun significado sagrado, Delfos foi do século -VI ao -IV o verdadeiro centro e o símbolo da unidade do mundo grego.

Modelo:Xeografía físicaDelfos
(grc) Δελφοί Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipositio arqueolóxico da Grecia antiga Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaDelfos, Grecia Editar o valor en Wikidata
Mapa
 38°28′56″N 22°30′06″L / 38.4822, 22.5017
Composto por
Características
Altitude570 m Editar o valor en Wikidata
Superficie315 km² Editar o valor en Wikidata
Patrimonio da Humanidade  
TipoPatrimonio cultural  → Europa-América do Norte
Data1987 (11ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (i), (ii), (iii), (iv) e (vi) Editar o valor en Wikidata
Identificador393
Historia
Período de tempoGrecia Antiga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Visitantes anuais290.705 (2016) Editar o valor en Wikidata

Sitio webdelfi.gr Editar o valor en Wikidata

Os santuarios panhelénicos eran complexos arquitectónicos externos ás cidades: constituían os únicos lugares onde todos os antigos gregos, e algúns bárbaros (lidios e etruscos) tomaban parte en celebracións relixiosas comúns.

Historia do sitio

editar
 
Localización de Delfos

O nome de Delfos (plural en grego antigo Δελφοί Delphói) vén da palabra golfiño (grego antigo δελφίς delphís): na poesía homérica, Apolo tomou a forma deste animal para atraer os mariños cretenses encargados de instaurar o seu culto neste lugar.

As pegadas máis antigas dunha ocupación humana na rexión de Delfos (nunha cova da meseta do Parnaso) remóntanse ao neolítico.

No lugar do santuario atopáronse restos dunha modesta aldea de aproximadamente o -1400: este lugar, chamado Pytho (grego antigo Πυθώ -οῦς (ἡ) e Πυθών -ῶνος (ἡ)) na Ilíada[1] e na Odisea [2], foi abandonado entre -1100 e -800. O santuario desenvólvese probabelmente a partir desta data, coa aparición dun primeiro altar e dun primeiro templo, que a tradición délfica e antiga sitúan sobre unha pendente onde se tería atopado unha fenda natural que exhalaba vapores [3].

É sobre todo entre mediados do século -VIII e a metade do século -VII, cando Apolo Pitio gaña unha notoriedade importante: é o patrón das empresas coloniais efectuadas neste período.

Atribúese a destrución do templo ao tremor de terra de -373, pero a catástrofe, provocada por un corremento de terra, foi bastante limitada. A partir do século -IV perde a súa importancia política e sobre todo a súa autonomía e comeza un longo declive, marcado polos problemas políticos que axitan Grecia. O século -III é o do dominio da Liga etolia, cuxas tropas rexeitan preto de Delfos os invasores gálatas en -279.

Despois da conquista de Grecia por Roma (o piar de Paulo Emilio conmemora a derrota de Perseo, derradeiro rei de Macedonia), construíronse poucos edificios importantes, coa excepción do estadio refeito por Herodes Ático.

En 392, a prohibición dos cultos pagáns no imperio romano polo Edicto de Teodosio marca o final oficial do culto de Apolo Pitio. Daquela Instálase unha vila cristiá no santuario (igrexas, villae importantes), posteriormente desaparece probabelmente no século VII ou VIII. O sitio fica provisionalmente abandonado e as ruínas vanse recubrindo progresivamente. O lugar foi ocupado despois ata finais do século XIX por unha aldea chamada Kastri. Ciríaco de Ancona visita Delfos no século XV.

O oráculo de Apolo Pitio

editar
 
Orestes en Delfos, a Pitia, o trípode. Crátera con figuras vermellas, sobre -330

Apolo en persoa tería fundado o santuario de Delfos despois de construír o templo de Delos. O santuario estaba gardado daquela por unha serpe chamada Pitón, filla de Gaia (a Terra) e gardiá dun oráculo consagrado a Gaia. Apolo, desexando establecer un oráculo para guiar os homes, matou a Pitón (e despois deixouna podrecer ao sol) co seu arco e apropiouse do oráculo [4]. Para facer vir sacerdotes desviou un barco cretense.

Este mito, que fai de Apolo Pitio un conquistador fundador, explica o seu padroado sobre a fundación de colonias gregas e a expansión do seu culto no conxunto das colonias. Sitúa así o oráculo no centro do santuario.

Segundo outra tradición, que segue Esquilo e cuxa música foi gravada sobre un dos muros do Tesouro dos Atenienses (en Delfos), o oráculo foi primeiro o da Terra, logo o de divindades femininas sucesivas para ser transmitido finalmente a Apolo.

O santuario de Delfos, en efecto é oracular: a palabra do deus transmítese aquí aos homes por medio da Pitia, da cal a tradición antiga fai unha xove virxe inculta, instalada sobre un trípode situada nunha foxa oracular, o adyton, xusto enriba dunha fisura onde os antigos pensaban que emanaban vapores tóxicos; a Pitia sostén unha póla de loureiro (a árbore do deus Apolo) e unha φιάλη phiále, recipiente plano sen asas, que servía para as libacións.

Ao principio a consulta do oráculo era anual: tiña lugar o sete do mes byzios (febreiro-marzo), día da festa de Apolo. Despois facíase o sete de cada mes durante o período de nove meses nos que se pensaba que Apolo residía no templo: ese día denominouse πολύφθοος polyphthoos (día das múltiples preguntas).

A consulta estaba precedida por algúns ritos: cumpríanse en función da profetisa e requirían a presenza de dous sacerdotes. Estes últimos exercían o seu cargo de por vida e estaban secundados por cinco ὅσιοι hosioi que mantiñan o culto, e dous profetas.

Un destes últimos axudaba á Pitia, esencialmente traducindo as súas palabras para que o oráculo emitido fose comprensíbel. As respostas do deus transmitíanse en prosa e en verso en forma de hexámetros.

No detalle ignórase se a Pitia era visíbel, xa que non hai testemuños dignos de confianza neste eido. A tradición máis habitual conta porén que a Pitia estaría tapada por un veo e que o consultante non a podía ver.

Unha parte da historiografía moderna intentou explicar, seguindo a tradición antiga probabelmente de orixe délfica, os transos e as palabras incomprensíbeis da Pitia nas sesións oraculares. A explicación que se ten dado durante moito tempo era a inhalación pola profetisa de vapores que se escapaban das entrañas da terra (causa física) [5].

 
Ónfalos, copia de época romana, Museo arqueolóxico de Delfos.

É seguro que o desenvolvemento mesmo do oráculo debeu sufrir cambios notábeis no curso do tempo. Entre as testemuñas máis próximas, Plutarco, que foi sacerdote de Apolo en Delfos, transmitiu numerosas consideración sobre o culto: relata que na súa época (século I) unha única Pitia só recibía unha vez por mes, mentres que no pasado debíanse relevar tres profetisas. Noutro santuario de Apolo, o oráculo transmitíase mentalmente: o que viña consultar o oráculo conversaba só co deus e recibía as respostas ás súas preguntas directamente na súa mente (cousa que autorizaba unha interpretación máis libre).

Na época cristiá a figura da Pitia asociouse á dunha muller posuída polo demo (Xoán Crisóstomo) ; este entraba no corpo da profetisa desde as profundidades da terra sobre a que se consideraba.

Delfos era segundo a mitoloxía grega, o centro do mundo. Tamén, o ónfalos (literalmente o embigo) estaba alí representado por unha pedra de forma cónica, situada directamente no adyton, rodeada de tecidos e con dúas aguias douradas sobre ela. Na mitoloxía grega, en efecto, Zeus fixera partir dúas aguias, cada unha desde un lado do disco terrestre e estas aves de presa atopáronse no centro do mundo.

Non tiña lugar o oráculo na ausencia de Apolo, e numerosos fieis ficaban a agardaren o seu regreso. Nese momento instaurouse a προμαντεία promantéia (quendas de paso establecidas polo s sacerdotes). Facíanselle regalos á divindade , despois os sacerdotes botaban unhas pingas de auga fría sobre unha cabra e, se non tremía, facía perder a quenda ao peregrino. Este último, en caso de aceptación entraba no adyton onde podía facer a súa pregunta: isto daba lugar ou non a unha resposta da Pitia, segundo a vontade do deus.

Artigo principal: Oráculo grego.

O culto de Dioniso

editar
 
O Parnaso, pintura de Andrea Mantegna (1497).

Durante os meses de inverno, críase que Apolo abandonaba o santuario de Delfos para ir se purificar entre os hiperbóreos. Era substituído entón en Delfos por Dioniso. Este último estaba presente durante tres meses e era obxecto dun culto no monte Parnaso (as libacións das tíades omofagas). No adyton atopábase a tumba de Dioniso.

O estatuto deste último cambiou pouco a pouco en razón da súa relación co Apolo Pitio: era inferior ao deus solar, pero grazas ao seu papel de oposto, converteuse progresivamente en indisociábel da divindade apolínea; así, o culto de Dioniso aproveitouse probabelmente da fama de Delfos no conxunto do mundo grego.

O santuario panhelénico

editar

Nun santuario, o elemento máis importante para o culto é o altar (βῶμος bόmos) sobre o que se procede aos sacrificios.

O templo alberga a estatua da divindade: suponse que nel habita o deus, polo menos por momentos. En Delfos, o templo de Apolo reviste unha importancia particular, posto que alberga o oráculo. Está construído, segundo a tradición, sobre unha falla volcánica que se interna nas entrañas da terra e pon os homes en comunicación co deus Apolo, por intermediación da Pitia.

Buscouse o mellor lugar posíbel para establecer o templo de xeito que estivese ben á vista de todos os que visitasen o santuario: é o ἐπιφανέστατος τόπος epiphanéstatos tópos. O templo dε Apolo en Delfos está situado nas abas do monte Parnaso, cuxo cumio está a 2459 m de altitude e domina a Grecia central. Está implantado nunha pendente moi empinada. Un pouco máis abaixo dedicóuselle outro templo a Atenea Pronaia, divindade que protexe ou precede o santuario.

Os visitantes poden entrar no santuario de Delfos por varias portas, a principal das cales está orientada cara ao leste. Unha vía, abusivamente chamada Vía Sagrada, bordeada por monumentos diversos ofrecidos ao deus leva ata a explanada do templo: unha vintena de edificios, a maioría dos cales son tesouros, serven para presentar as ofrendas feitas ao deus, ben sexa por piedade, ben por razóns políticas. Estas capelas votivas conteñen xeralmente depósitos de obxectos ofrecidos polos naturais da cidade que ofreceu o edificio.

 
O estadio.

O estadio, o hipódromo (non atopado) e o ximnasio son anexos do santuario: son os lugares onde se desenvolven as celebracións panhelénicas dedicadas ao deus, segundo un calendario relixioso moi preciso: estas competicións de ximnasia, de loita ou de canto corresponden aos Xogos Olímpicos, cuxa fama eclipsa hoxe en día a do santuario epónimo de Olimpia.

Para a organización destas festas e, máis xeralmente, a administración do santuario panhelénico os gregos reuníronse en anfictionía, é dicir, unha asociación de cidades e de pobos arredor do santuario. A de Delfos, chamada anfictionía pileodélfica agrupa, a partir de -590, unha ducia de cidades. É esta anfictionía a que financia os traballos por subscrición e supervisa as eventuais reconstrucións do templo, como a finais do século -VI.

Arredor do santuario atópase a cidade de Delfos, que vivía principalmente grazas aos visitantes do santuario, a partir do século -VI.

O templo de Apolo Pitio

editar
 
Templo de Apolo
 
Templo de Apolo

Pausanias menciona que se sucederon seis templos dedicados ao deus Apolo no curso do tempo: o primeiro deles puido ser unha cabana de loureiro. A arqueoloxía ignórao todo del, como dos dous seguintes construídos por abellas do Parnaso con cera e plumas de paxaro o segundo e por Hefesto en bronce o terceiro.

O cuarto templo, cuxa estrutura era de estuco, foi construído por Trofonio e Agamedes e destruído por un incendio en -538.

Os templos quinto e sexto, de plano similar, son os mellor coñecidos: do primeiro subsisten fragmentos de escultura atopados nunha foxa e numerosos bloques de arquitectura reutilizados nos alicerces do sexto templo.

É este sexto templo, datado do século -IV o que subsiste hoxe. É rectangular, de forma alongada e mide 23,82 m por 60,32 m, ou sexa seis columnas dóricas diante e detrás e quince columnas dóricas a cada lado. O seu arquitecto foi Espíntaro de Corinto que se contentou en gran medida con reconstruír o edificio precedente. A construción deste sexto templo foi longa en razón dos acontecementos políticos e militares (terceira guerra sagrada); posuímos unha parte das contas de construción ("as contas dos Naopes"), gravadas sobre placas de pedra.

O altar sobre o que se realizaban os sacrificios estaba situado diante do templo. O pedestal foi obxecto de restauracións (1920, Replat; 1956, Stikas). Heródoto sinala que fora ofrecido polos habitantes de Quíos, cousa que confirma a inscrición gravada no pedestal.

Outros monumentos

editar
 
A Tholos, rotonda anónima do século -IV.

O sitio do santuario conta con outros monumentos, que fixeron evolucionar considerabelmente o seu aspecto entre a época arcaica e a helenística: a maioría deles tiñan un carácter votivo ou conmemorativo. Pola contra, a época romana caracterízase por un certo abandono, e mesmo unha pillaxe organizada como so o emperador Nerón. Como a ocupación do sitio foi extremadamente longa os numerosos monumentos revelados polas escavacións non estiveron todos presentes ao mesmo tempo. Na maioría das representacións modernas amósase o máis recente.

A evolución da ocupación do sitio depende estreitamente da topografía, que ditou a planificación do santuario en tres alturas (teatro, templo, outros monumentos), pero tamén dos cataclismos (incendios, tremores de terra etc.) e dos acontecementos políticos que modelaron o espazo délfico á medida das ofrendas e das (re)construcións.

A repartición dos edificios no sitio é heteroxéneo: algunhas zonas están densamente construídas e outras ficaron case baleiras; e ademais, o tamaño mesmo destes edificios varía considerabelmente cun predominio dos monumentos de tamaño modesto, en razón do seu custo menos elevado e de problemas de espazo.

Un calendario case litúrxico determinaba a través dun certo número de celebracións comúns (os panexíricos), a ocupación do espazo: ritos, concursos musicais e teatrais poden explicar tamén nunha certa medida a implantación dos monumentos.

Depósito votivo da Área

editar
 
Cabeza de estatua criselefantina masculina atopada nas foxas da Área
 
Cabeza de estatua criselefantina feminina atopada nas foxas da Área
 
O Auriga de Delfos.

No espazo sagrado chamado Área, ante o gran muro poligonal, os arqueólogos franceses atoparon dúas foxas (fauissae) nas que se soterraran numerosos obxectos danados probabelmente tras un incendio.

Entre estes obxectos, restaurados e expostos no museo arqueolóxico de Delfos, atópase un gran touro de prata, numerosas representación miniaturas en marfil provenientes de decoracións de mobiliario, estatuas de deus ou deusa criselefantinos (ouro e marfil) e obxectos máis recentes (séculos -V e -IV), entre eles un moi bonito incensario.

Estatuíñas de bronce

editar
 
Cabeza de grifón de bronce

As estatuíñas de bronce dos séculos -IX e -VIII realizáronse pola técnica da cera perdida: esta técnica que aínda se emprega en xoiaría consiste en fabricar un modelo en cera que se recobre con arxila para formar o molde; este baléirase de cera por quecemento; o bronce fundido vértese dentro e finalmente o molde rómpese para extraer a estatuíña; este só se pode utilizar unha vez, facendo de cada obra un produto único. Estas estatuíñas revelan que nesa época non había representación de divindades, senón só de homes, de mulleres e de guerreiros: así é como se interpreta a presenza de estatuíñas de homes en carro ou dacabalo; as súas formas son ás veces moi próximas ás representacións pictóricas.

Trípodes de bronce

editar
 
Caldeiro de bronce

Atópanse tamén numerosas ofrendas de trípodes de bronce: a Pitia sentaba sobre un. Na orixe o trípode levaba un caldeiro para unha facer cociña de prestixio: ten unha imaxe moi simbólica. Por veces o trípode e o caldeiro ofrécense xuntos, por veces por separado. Os caldeiros poden estar provistos de asas chamadas προτομή protomé, en forma de partes de animais fantásticos, como, por exemplo, grifóns. Estes elementos fantásticos son imaxes orientais provenientes de Babilonia: reprodúcenas os artesáns gregos, nun afán orientalizante.

Outras ofrenda do depósito

editar

Estatua de Apolo en marfil

editar

Trátase dunha estatua de marfil dunha divindade masculina (Apolo ?), dereita, sostendo unha lanza e coa outra man pousada sobre a cabeza dunha fera á que domina. Este tema tomouse prestado á iconografía oriental. O deus é dun talle moi importante; na parte baixa, un pequeno cinto onde se atopa unha decoración típicamente grega: o meandro (século -VII).

Ulises cegando o ciclope

editar
  • unha representación de Ulises de Ítaca cegando o ciclope Polifemo.
  • unha representación de κοῦρος kúros (plural κοῦροι kúroi: rapaz): mozo representado completamente nu, de pé e coa perna esquerda lixeiramente avanzada (en movemento).

Estatuas criselefantinas

editar

As estatuas criselefantinas están confeccionadas sobre un núcleo de madeira recuberto de ouro e marfil:

 
touro de prata.
  • grifóns (cabeza e ás de ave de presa, corpo de felino).
  • unha esfinxe: a esfinxe existe na tradición oriental: os gregos adoptan esta figura baixo a súa forma feminina. Leva unha cabeza de muller, ás e un corpo de felino. Adxudícanlle xeralmente virtudes divinatorias.
  • un touro de prata de tamaño real.

As ofrendas máis recentes (a partir do século -V) ofrecen unha execución máis realista dos trazos físicos e das roupas.

Monumentos conmemorativos e votivos

editar

Na parte baixa do santuario, un camiño permite acceder á terraza do templo: das dúas partes deste camiño estreito (a Vía Sagrada) atópanse monumentos de tipo diverso concibidos para albergaren ofrendas ao deus, para lle dar as grazas ou conmemorar un acontecemento feliz.

Estes monumentos son ou ben edificios (en xeral tesouros pero tamén pórticos), ou ben bases de estatuas, simples ou elaboradas: columnas (simples ou dobres), piares (triangulares ou rectangulares).

Os tesouros

editar

Os tesouros son edificios de tamaño xeralmente modesto, implantados no sitio segundo os terreos dispoñíbeis ou en razón dunha veciñanza significativa. Erixidos polas cidades en ocasión dun acontecemento importante, servían de capelas votivas ao presentaren ofrendas ou glorificando unha fazaña. Particularmente numerosos en Delfos que contaba polo menos cunha vintena, existían tesouros noutros grandes santuarios gregos, especialmente en Olimpia. Se as ofrendas que contiñan se perderon, teñen valor hoxe en día pola súa arquitectura e, ás veces, polas súas esculturas (atenienses, sifnios).

 
Tesouro de Sifnos: combate dos deuses e dos Xigantes. O carro de Cibeles é tirado por leóns que devoran os Xigantes equipados como hoplitas.

Tesouro dos corintios

editar

O tesouro máis antigo coñecido é o dos corintios, erixido a iniciativa do tirano Cípselo sobre o -600; O tesouro está orientada cara á Área, o espazo sagrado máis antigo, onde se veneraba a Ga, a Terra, primeira gardiá do Oráculo. Neste tesouro foi onde depositaron algunhas ofrendas de Creso despois do incendio do templo en -546 [6]. Pero numerosos alicerces enterrados testemuñan a presenza doutros tesouros arcaicos.

Tesouro de Sifnos

editar
 
Detalle da asemblea dos deuses representada sobre o friso do tesouro de Sifnos.

O tesouro da illa de Sifnos (sobre -525) erixido polos habitantes da illa, verdadeira xoia arquitectónica onde o gusto da orde xónica pola decoración ornamental esculpida alcanza o seu cumio: o friso é continuo, estando cada lado do edificio consagrado a un episodio: un dos máis vivos representa os deuses olímpicos decidindo sobre a sorte de Troia, sentados, charlando, xesticulando, mentres que, diante deles, os gregos e os seus inimigos combaten furiosamente. Mencionado por Heródoto e logo por Pausanias na súa Periégesis, foi redescuberto coa ocasión das escavacións da École française d'Athènes en 1893.

Tesouro dos atenienses

editar
 
Tesouro dos atenienses

O tesouro des Atenienses (erixido probabelmente sobre -490 - -480) é o resultado da busca do mellor lugar: atópase nunha curva da subida cara ao templo de Apolo, precedido da base de Maratón que soportaba as estatuas dos heroes epónimos de Atenas. Mide 6,5 × 9,5m e conmemora, segundo Pausanias, a vitoria de Maratón. A decoración está composta de métopas de orde dórica que representan, entre outras, as fazañas do semideus Heracles e de Teseo. No frontal presenta unha amazonomaquia (combate de gregos contra o pobo das amazonas). Á esquerda, unha teseida (escena que evoca o mito de Teseo: heroe especificamente ateniense, pois está considerado como o fundador desta cidade). Á dereita, unha heracleida (escena que evoca o mito de Heracles e os combates deste contra a barbarie: é un heroe peloponesio). Na parte traseira, finalmente, atópase a xerioneida (episodio do mito de Heracles no que o heroe lle quita os bois de Xerión ao seu propietario). Así, o monumento proclama que os atenienses salvaron Grecia da barbarie: é unha motivación política situada so a éxida de Apolo. A desmesura da súa intención está no límite da ὕβρις hybris (feito de superar a súa situación de home e de querer substituír os deuses).

Tesouros de Tebas e de Cirene

editar

Os tesouros máis recentes eran o tesouro de Tebas (sobre -370), dos tesalios (no que se descubriu o grupo ofrecido por Daoco) e o tesouro de Cirene (-330). As ofrendas reflicten máis o poder dos príncipes que o das cidades; así desaparecen os tesouros en beneficio das bases de estatuas.

Columnas e piares votivos

editar

A partir do século -IV, convértese en popular outro tipo de ofrendas, en razón do cambio de natureza dos dedicantes: trátase de numerosos piares e columnas votivas.

Erixíanse columnas (simples ou dobres) e piares para poñer en valor unha ofrenda que estaba sobre eles: a miúdo estatuas de bronce que representaban soberanos, pero tamén grupos familiares, especialmente etolios.

A esfinxe dos naxios

editar
 
Esfinxe dos naxios.

A columna ofrecida polos habitantes de Naxos sobre -575 é o máis antigo destes monumentos: moi elevado, o seu cumio atinxe o nivel da terraza do templo de Apolo, estando situada aos pés desta na zona dos cultos ctónicos primitivos. Para que fose visíbel por todos lados, está constituída por un fuste e un impoñente capitel de orde xónica, sobre o cal estaba unha esfinxe de dous metros de alto (a Esfinxe dos naxios). Quizais este monstro gardaba a tumba de Dioniso, patrón dos naxios. Unha inscrición secundaria testemuña o feito de que os naxios recibiron, sen dúbida en agradecemento por esta ofrenda, o privilexio da προμαντεία promantéia, é dicir, o dereito de prioridade para consultaren o oráculo.

Parecido ao que fora erixido en Olimpia, o piar triangular en mármore branco dos mesenios tiña enriba unha estatua da vitoria. A súa parella en calcaria escura é se cadra igualmente unha ofrenda dos mesenios daquela refuxiados en Naupacto.

Columna das bailarinas

editar
 
Columna das bailarinas.

A columna chamada das bailarinas dátase sobre o -330. Esta adornada con follas de acanto e ofrece un coroamento orixinal: tres mozas cuxa identidade está suxeita a discusión soportaban a vasilla dun trípode na que estaba situado o ónfalos, embigo do mundo e símbolo de Delfos.

A ofrenda inspirou unha partitura musical a Claude Debussy.

O piar dos Rodios é un monumento ofrecido por Rodas entre -325 e -300. Este piar soporta un grupo escultórico que comprende unha cuadriga, é dicir un carro tirado por catro cabalos, que soportaba unha estatua de Helios - o sol- no medio dunha decoración mariña (ondas e golfiños). A composición, que se cadra é o grupo realizado por Lisipo do que fala Plinio, estaba diante do templo de Apolo.

Piares helenísticos

editar

A partir da época helenística, os piares cuadrangulares multiplícanse, en xeral para honrar os príncipes. Os reis de Pérgamo Atalo I e Eumenes II teñen a súa efixie posta sobre piares que marcaban o ángulo da terraza atálida. O rei Perseo, cuxa derrota marca o inicio da hexemonía romana en Grecia, erixira un piar do que se apropiou o seu vencedor, o xeneral Paulo Emilio: o friso que decoraba este piar figuraban episodio da batalla de Pidna que veu a vitoria de Paulo Emilio. Só un destes piares é visíbel no sitio: o que levaba a estatua ecuestre de Prusias II, rei de Bitinia. Plutarco, sacerdote en Delfos no século II, deplora esta escalada á gloria dos príncipes que se despezaban entre si na época helenística.

Grupos de estatuas

editar

Na parte baixa do santuario de Delfos, á esquerda da entrada, aparecía un impoñente conxunto estatuario conmemorativo hoxe desaparecido: estaba repartido en varios grupos, erixidos polas cidades rivais a mercede dos acontecementos. Comezaban esta serie dous monumentos simbólicos: o monumento de Milcíades e o monumento de Lisandro (ou monumento des navarcos).

Monumento de Milcíades

editar

O monumento de Milcíades, ofrecido por Atenas, conmemoraba a batalla de Maratón, célebre vitoria dos gregos contra os persas: estaba composto por dezaseis estatuas realizadas por Fidias (arquitecto e escultor famoso pola atribución do Partenón) que representaban a Atenea, Apolo e Milcíades no mesmo plano, así como a dez heroes vitoriosos e tres heroes epónimos de Atenas engadidos posteriormente.

Monumento de Lisandro

editar

Lisandro foi un espartiata que se distinguiu en -405 na batalla naval de Aigos Potamoi, que arruinou a potencia naval ateniense, sucedida preto do estreito do Bósforo; era un dos xefes da frota espartiata e fixo erixir con ocasión desta vitoria un monumento á súa gloria persoal na entrada do santuario, ao lado do grupo de Milciades.

O monumento de Lisandro (ou monumento dos navarcos) estaba constituído por uns alicerces sobre os que repousaba un grupo de estatuas de bronce: vinte e oito ou vinte e nove estatuas por detrás representaban o conxunto dos homes que contribuíran na batalla e dez estatuas por diante representaban os Dióscuros: conxunto mitolóxico que reunía a Cástor e Pólux, Zeus, Apolo, Ártemis, e Poseidón, representado mentres coroaba a Lisandro, un heraldo e o piloto da nave almirante.

A repartición das estatuas é eminentemente política e pretende ser superior á do monumento de Milcíades, cuxo propósito é tamén similar. Ao se facer representar no mesmo plano cós deuses, Lisandro abre a vía para a deificación dos heroes históricos, que se ha volver habitual a partir de Alexandre o Grande.

  1. II, 519 e IX, 405
  2. VIII, 80
  3. Especialmente Estrabón, IX, 3, 5.
  4. cf. Himnos homéricos
  5. En realidade unha explicación deste tipo sería falsa, segundo as investigacións dos alicerces do templo de Apolo levados a cabo pola École française d'Athènes: non se atopou fisura ningunha e a natureza do solo de xisto non permite exhalacións de gas
  6. Heródoto. I, 50.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Jean Richer, Géographie sacrée do monde grec, Guy Trédaniel, Éditions de La Maisnie, París (1983). (en francés)
  • Jean Richer, Delphes, Délos et Cumes, Julliard, París (1970). (en francés)
  • F. Lefèvre, L'amphictionie pyléodelphique : histoire et institutions, París, 1998. (en francés)
  • (en inglés) H. Parke e D. E. W. Wormell, The Delphic Oracle, Oxford, 1956, 2 vol. (en francés)
  • G. Roux, Delphes, son oracle et ses dieux, Belles Lettres, París, 1976. (en francés)
  • J.-Fr. Bommelaer, D. Laroche, Guide de Delphes, De Boccard, París, 1991, I. « Le Site ». (en francés)
  • École Française d'Athènes, Guide de Delphes, De Boccard, París, 1991, II. « Le Musée ». (en francés)

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
HOME 7
Intern 1
iOS 40
mac 3
multimedia 1
os 428
todo 8
web 1