Derméstidos
Dermestidae | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anthrenus verbasci | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subfamilias | |||||||||||||||||
Os derméstidos (Dermestidae) son unha familia de coleópteros dos que hai de 500 a 700 especies en todo o mundo. En tamaño van desde 1 a 12 mm. Unha características clave dos adultos é ter corpos con forma oval cubertos de escamas ou sedas.[1] As antenas xeralmente teñen forma de maza e encaixan en fendas profundas do corpo. Os fémures traseiros tamén encaixan en ocos das coxas da pata. As larvas son scarabeiformes e tamén igualmente sedas.
Os derméstidos teñen hábitos variados; a maioría dos xéneros son preeiros e aliméntanse de animais secos ou material vexetal, como pel ou pole, pelo animal, plumas, insectos mortos e fibras naturais. Os membros do xénero Dermestes encóntranse en cadáveres animais, mentres que outros poden encontrarse en niños e tobos de mamíferos, aves, abellas ou avespas. Os Thaumaglossa só viven entre ovos de mántidos, e os Trogoderma son pragas dos grans de cereais.
Estes escaravellos son importantes en entomoloxía forense. Algunhas especies sábese que están asociadas con carcasas en descomposición, o que é unha axuda nas investigacións criminais. Algunhas especies son pragas (danan produtos almacenados) e poden causar grandes danos a produtos de fibras naturais en casas e comercios.
Utilízanse en taxidermia e nos museos de historia natural para limpar esqueletos animais. Algunhas especies de derméstidos infestan os estoxos de violíns, alimentándose dos pelos do arco.[2]
Importancia forense
editarDanos a produtos almacenados
editarOs derméstidos son destrutivos para diversos produtos. As fibras naturais como a la, seda, algodón, liño, pelames, ou plumas son máis facilmente atacadas por eles que as fibras sintéticas.[3] Tamén atacan o chocolate, copra e cocos.[4] A maiorís dos danos fanos as larvas, mentres que os adultos se alimentan de flores e arbustos.
Importancia médico-legal
editarDermestes maculatus pode ofrecer aos investigadores unha estimación do tempo dunha morte desde que se cometeu un homicidio ou caso sospeitoso.[5][6] De xeito similar ao que ocorre coas moscas en entomoloxía forense, a chegada de D. maculatus a un cadáver ocorre nunha sucesión predicible. O D. maculatus adulto xeralmente chega de 5 a 11 días despois da morte.[7] Nun intento de afinar este intervalo relativamente grande, en investigacións recentes repetíronse os estudos sobre a sucesión de artrópodos nos cadáveres.[8][9] Estes estudos aplícanse para estimar a chegada de varias especies de derméstidos despois dunha morte. O desenvolvemento dos dermétidos depende da temperatura, e a temperatura óptima para D. maculatus é de 30˚C. Os datos de desenvolvemento normalízanse usando graos día acumulados.[10] Os derméstidos poden utilizarse en casos que implican entomotoxicoloxía, nos que as feces e exuvias das mudas larvarias poden analizarse para ver a presenza de toxinas.
Características larvarias xerais
editarComo todos os escaravellos os derméstidos teñen un desenvolvemento completo ou holometábolo, que comprende as fases de ovo, larva, pupa e adulto. A diferenza do que ocorre no desenvolvemento ametábolo ou hemimetábolo, no que as ás da larva se orixinan como xemas alares e, a medida que avanza o desenvolvemento, as ás empezan a desenvolverse externamente, as larvas de derméstidos nunca teñen xemas alares visibles. As larvas de derméstidos están profundamente cubertas de sedas de varias lonxitudes que lles dan un aspecto xeral "peludo".[11] As larvas son xeralmente de marróns escuras a negras e posúen un par de apéndices parecidos a espiñas ao final do abdome. A maioría das larvas de escaravellos teñen pezas bucais mastigadoras,[12] unha cápsula na cabeza ben visible, que está esclerotizada, e tres pares de patas torácicas ben desenvolvidas que as distinguen doadamente das larvas de dípteros (careixas). O tamaño da larva depende da especie e normalmente é de menos de 13 mm. As larvas de derméstidos encóntranse xeralmente en produtos orgánicos que son difíciles de dixerir por outros organismos, como alimentos secos, peles, coiros, madeira e outras fibras naturais. En estudos forenses, as larvas encóntranse en cadáveres humanos durante as fases seca e esquelética de descomposición, que teñen lugar varios días despois da morte.[1][13] As larvas xeralmente foxen da luz e adoitan agocharse nalgunha cavidade para que non as molesten.[1]
Taxons seleccionados
editarXéneros
editarEstes 41 xéneros pertencen á familia Dermestidae:
- Adelaidia Blackburn, 1891 g
- Amberoderma Háva & Prokop, 2004 g
- Anthrenocerus Arrow, 1915 g
- Anthrenus O. F. Müller, 1764 i c g b
- Apsectus LeConte, 1854 i c g b
- Attagenus Latreille, 1802 i c g b
- Caccoleptoides Herrmann, Háva & Kadej, 2015 g
- Caccoleptus Sharp, 1902 g b
- Cretonodes Kirejtshuk & Azar, 2009 g
- Cryptorhopalum Guérin-Méneville, 1838 i c g b
- Ctesias Stephens, 1830 i c g b
- Dearthrus LeConte, 1861 i c g b
- Dermestes Linnaeus, 1758 i c g b
- Egidyella Reitter, 1899 i c g
- Evorinea Beal, 1961 g
- Globicornis Latreille, 1829 g
- Jiriella Kitano, 2013 g
- Labrocerus Sharp, 1885 i c g
- Megatoma Herbst, 1792 i c g b
- Miocryptorhopalum Pierce, 1960 g
- Neoanthrenus
- Novelsis Casey, 1900 i c g b
- Oisenodes Kirejtshuk, Háva & Nel, 2010 g
- Orphilodes Lawrence & Ślipiński, 2005 g
- Orphilus Erichson, 1846 i c g b
- Orphinus Motschulsky, 1858 i c g b
- Paranovelsis b
- Phradonoma Jacquilin du Val, 1859 g b
- Pseudohadrotoma b
- Reesa Beal, 1967 i c g b
- Reeveana Tillyard, 1923 g
- Sefrania Pic, 1899 g
- Thaumaglossa Redtenbacher, 1867 i c g b
- Thorictodes Reitter, 1875 i c g b
- Thorictus Germar, 1834 g
- Thylodrias Motschulsky, 1839 i c g b
- Trichodryas Lawrence & Slipinski, 2005 g
- Trinodes Dejean, 1821 g
- Trogoderma Dejean, 1821 i c g b
- Tryoniopsis Tillyard, 1923 g
- Zahradnikia Háva, 2013 g
- Zhantievus Beal, 1992 g
Fontes dos datos: i = ITIS,[14] c = Catalogue of Life,[15] g = GBIF,[16] b = Bugguide.net[17]
Dermestes
editarA larva de Dermestes lardarius é máis longa que o adulto e está cuberta de sedas marróns avermelladas ou negras.[18] No extremo do abdome ten dous apéndices curvados cara a atrás similares a espiñas, máis curvados que a larva do Dermestes ater.[1] As larvas maduras de ambas as especies adoitan perforar substratos duros como a madeira, cortiza e xeso para pupar.[19]
A larva de D. lardarius raramente é unha praga doméstica.[11] Os adultos e larvas aliméntanse de peles e coiros sen curtir. Os adultos son xeralmente de 8,5 a 9,6 mm de longo e son marróns escuros cunha banda ancha amarela clara a través da porción superior dos élitros. Teñen tres puntos negros dispostos en triángulo en cada á. O esterno e patas están cubertas de sedas amarelas finas. Os adultos encóntranse normalmente fóra das casas en áreas protexidas durante o inverno, pero durante a primavera e inicio do verán entran nas casas. As femias poñen aproximadamente 135 ovos preto dunha fonte de alimento, e os ovos eclosionan en 12 días. O ciclo de vida desta especie dura de 40 a 50 días.[19]
O D. ater é completamente escuro con sedas amarelas espalladas polo corpo. É similar a Dermestes maculatus pero carece de élitros con aserraduras. A súa superficie ventral é amarela en vez de branca. Este escaravello é unha praga para os peixes, cogomelos e o queixo gardado nas casas.[1][19][20]
Dermestes maculatus aliméntase de peles e coiros sen curtir igual que D. lardarius.[19] Esta especie é similar en aspecto a D.lardarius, con sedas marróns avermelladas ou negras curtas e longas, mais os seus apéndices con forma de espiña posteriores están curvados cara a adiante.[19] Ademais, as ás anteriores son marróns escuras e o esterno é principalmente branco con algo de negro.[1][20][21] O seu ciclo de vida é de 60 a 70 días e as femias poden poñer ata 800 ovos.[19]
Tanto D. maculatus coma D. lardarius aliméntanse de diversos produtos baseados en proteínas animais e causan graves danos nas zonas onde se cría o verme da seda para obter seda e en museos.[11]
Attagenus
editarAs larvas de Attagenus empezan a alimentarse inmediatamente despois de eclosionar. Teñen forma de cenoira e están moi cubertas de sedas, especialmente na súa parte posterior. O número de estadios varía de 5 a 11 e nalgúns casos chega a 20. As larvas de Attagenus megatoma poden medrar ata 12 mm e son de cor amarela a marrón. Noutras especies son de 6 a 25 mm de longo e están cubertas de sedas escuras. Certas especies teñen distintivos penachos de sedas que se estenden desde o extremo posterior. Estes escaravellos son atraídos por tecidos sucios e gretas onde os insectos mortos poden servirlles de alimento.[11][22].
O Attagenus megatoma é unha praga de produtos almacenados que poida comer e unha das máis destrutivas polo seu potencial de danar produtos que hai nas casas que conteñan queratina, que é a proteína que forma os pelos e plumas.[11][23] Tamén escavan en varios tipos de paquetes para alimentos, o que permite o paso doutros insectos. As femias poden poñer ata 90 ovos e eclosionan en de 8 a 15 días. Xeralmente, esta especie só ten unha xeración por ano.[11] O tempo que tarda en chegar a adulto varía de seis meses a un ano. Ademais, un adulto pode vivir outros dous meses máis.[24] O tamaño medio dun adulto é duns 2,8 a 5 mm de longo e son ovais, de marróns escuras a negro brillante e teñen patas marróns.[22][24]
Anthrenus
editarO Anthrenus verbasci ataca obxectos típicos das casas. Están normalmente asociados con obxectos como as alfombras, la, pelames e calquera alimento animal procesado ou vexetal. A súa dieta tamén inclúe os insectos mortos, arañas e mesmo néctar e pole. As femias poden poñer ata 40 ovos e o número de estadios larvarios vai de 7 a 8. Tarda en facerse adulto de oito meses a un ano. Ademais, os adultos poden vivir de dúas a seis semanas. Esta especie varía en forma, tamaño, cor e padrón de escamas. Como media, os adultos miden de 2 a 3 mm de longo e teñen escamas que varían desde brancas a marróns, amarelas ou gris amarelado.[24] Os pelos das larvas poden causar reaccións alérxicas como dermatite de contacto ou vinchas en humanos que tiveron contacto con eles.
Trogoderma
editarAo eclosionaren, as larvas de Trogoderma son de 1,6 a 1,8 mm de longo e están densamente cubertas de sedas. As larvas de Trogoderma granarium teñen sedas corporais características, como pelos simples e pelos barbados. As larvas son branco amareladas pero a cabeza e as sedas do corpo son marróns. A medida que se desenvolven, as larvas cambian de cor a dourado ou marrón avermellado e a porción do abdome faise proporcionalmente máis curto. As larvas maduras alcanzan unha lonxitude máxima de 6 mm e 1,5 mm de ancho.[25]
T. granarium é unha praga de produtos almacenados. As infestacións son difíciles de controlar porque se arrastran ata gretas e intersticios, permanecendo alí durante longos períodos de tempo.[25] Tenden a infestar grans de cereais e xeran graves perdas nos produtos almacenados.[1] Os adultos están cubertos de sedas e son aproximadamente de 1,5 a 3 mm de longo e de 1 a 2 mm de ancho. Os machos son de marróns a negros con marcas marróns avermelladas nos élitros. As femias son lixeiramente máis grandes e de cor máis clara. As súas curtas antenas de 11 segmentos teñen unha maza de 3 a 5 segmentos, que encaixan nunha fenda na parte lateral do pronoto.[25]
Control
editarPragas de Dermestes
editarOs métodos modernos de sacrificar os animais para carne, almacenala e distribuíla reduciron moito as potenciais infestacións por estes escaravellos. A limpeza das casas é fundamental para impedir as infestacións. Os insectos mortos das casas xeralmente atraen estes escaravellos porque son a súa fonte primaria de alimento. Os alimentos deben ser estreitamente selados ou almacenados nun refrixerador para evitar calquera posible acceso dos escaravellos. A comida conxelada durante unha semana ou a carne quentada nunha tixola, pota ou microondas durante tempo prolongado pode matar os insectos que se encontran en alimentos infestados e impedir que se espallen.[19]
As fibras que se gardan nas casas, como a la e seda son especialmente susceptibles ao seu ataque e deben limparse frecuentemente. A aplicación de insecticidas debe facerse por tratamento nos puntos afectados en gretas e fendas onde se sospeita que se agochan. As piretrinas están etiquetadas para o seu uso contra estas especies. Os insecticidas usados para os Attagenus e Anthrenus tamén serven contra os Dermestes.[19]
Pragas de Attagenus e Anthrenus
editarA limpeza regular de alimentos vertidos ou fíos e penuxes elimina os sitios de crianza potencial destas especies. Produtos susceptibles como alimentos, os de la e pelames deberían almacenarse nun contedor impermeable para os insectos. Se se sospeita dunha infestación entón a fonte do problema debe ser eliminada e destruída para limitar que se poidan espallar. Estes escaravellos poden matarse con altas temperatras ou conxelación.[26]
Os insecticidas piretroides poden utilizarse para controlalos, que conteñen compoñentes activos como permetrina, bifentrina, deltametrina, tralometrina.[26]
A terra de diatomeas é tamén efectiva.[27][28]
Galería
editar-
Larva de Dermestes lardarius
-
Danos causados por derméstidos a unha Manduca quinquemaculata nunha colección de insectos
-
Larvas de Anthrenus verbasci
-
Larva de Anthrenus verbasci, excrementos do insecto, muda da cutícula e un só gran de cebo de veleno azul para ratos danado pola larva
-
Anthrenus danando un Sceliphron destillatorius nunha colección de insectos
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Byrd, Jason. Castner, James (2001). Forensic Entomology: The Utility of Arthropods in Legal Investigations
- ↑ VanClay, Mary. "Bitten By the Bug". www.johnsonstring.com. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2015. Consultado o November 10, 2012.
- ↑ P.G. Koehler and F.M. Oi (1991). Carpet Beetles. University of Florida IFAS Extension
- ↑ Walker, K. (2008). Hide Beetle Arquivado 18 de maio de 2008 en Wayback Machine.. Pest and Diseases Image Library
- ↑ Catts, E. P.; Goff, M. L. (1992). "Forensic entomology in criminal investigations". Annu. Rev. Entomol. 37: 252–272. PMID 1539937. doi:10.1146/annurev.en.37.010192.001345.
- ↑ Goff, M. L. (1993). "Estimation of postmortem interval using arthropod development and successional patterns". Forensic Sci. Rev. 5: 82–94.
- ↑ Richards, E. N.; Goff, M. L. (1997). "Arthropod succession on exposed carrion in three contrasting tropical habitats on Hawaii Islands, Hawaii". J. Med. Entomol. 34 (3): 328–339. doi:10.1093/jmedent/34.3.328.
- ↑ Vitta, A.; et al. (2007). "A preliminary study on insects associated with pig (Sus scrofa) carcasses in Phitsanulok, northern Thailand". Tropical Biomedicine 24 (2): 1–5. PMID 18209701.
- ↑ Velazquez, Yelitza (2008). "A checklist of arthropods associated with rat carrion in a montane locality of northern Venezuela". Forensic Science International 174 (1): 67–69. PMID 17386987. doi:10.1016/j.forsciint.2007.02.020.
- ↑ Richardson, M. S.; Goff, M. L. (2001). "Effects of Temperature and Intraspecific Interaction on the Development of Dermestes maculatus (Coleoptera: Dermestidae)". J. Med. Entomol. 38 (3): 347–351. doi:10.1603/0022-2585-38.3.347.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Beetle Identification Arquivado 18 de maio de 2008 en Wayback Machine.. Pest Solutions Plus.
- ↑ Corpse Fauna: Beetle Larvae. Decomposition.
- ↑ Forensic Entomology: Use of Insects to Help Solve Crime. Forensic Investigations.
- ↑ "Dermestidae Report". Integrated Taxonomic Information System. Consultado o 2018-04-21.
- ↑ "Browse Dermestidae". Catalogue of Life. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-21.
- ↑ "Dermestidae". GBIF. Consultado o 2018-04-21.
- ↑ "Dermestidae Family Information". BugGuide.net. Consultado o 2018-04-21.
- ↑ Larder Beetle Arquivado 18 de maio de 2008 en Wayback Machine.. University of Rhode Island Green Share Factsheets.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 Lyon, W. F. Hide and Larder Beetles. Ohio State University Extension Fact Sheet.
- ↑ 20,0 20,1 Genus Dermestes. BugGuide.
- ↑ Bennett, S. M. (2003). Dermestes maculatus.
- ↑ 22,0 22,1 Lyon, William F. Carpet Beetle. Ohio State University Extension Fact Sheet.
- ↑ Dermestid Beetle Arquivado 22 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.. Texas A&M University Entomology.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 Exploring California Insects: Carpet or Museum Beetles Arquivado 14 de maio de 2008 en Wayback Machine..
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Harris, D.L. (2006) Khapra Beetle. University of Florida IFAS Extension.
- ↑ 26,0 26,1 Cranshaw, W.S. (2000). Carpet Beetles Arquivado 11 de decembro de 2005 en Wayback Machine.. Colorado University State-Extension.
- ↑ Lyon, William F. "Ohio State University Extension Fact Sheet: Carpet Beetle". HYG-2103-97. Columbus: The Ohio State University. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2001. Consultado o 2009-10-27.
- ↑ "Black Carpet Beetle" (PDF). Insect Advice from Extension: Fact Sheets. Penn State University: College of Agricultural Sciences. 2009. Consultado o 2009-10-27.
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Derméstidos |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Derméstidos |
Bibliografía
editar- John M. Kingsolver, "Dermestidae", in Ross H. Arnett Jr. and Michael C. Thomas, American Beetles (CRC Press, 2002), vol. 2.
- Este artigo incorpora textos en dominio público de The Grocers Encyclopedia: Ward, Artemas (1911).
- Pasquerault, T Vincent, B, Chauvet, B, Dourel, L, e Gaudry, E (2008). Répartition des espèces du genre Dermestes L. 1758 récoltés sur des cadavres humains (Coleoptera Dermestidae). L'entomologiste Tome 64 N°4 pp 221–224.
- Hinton, H.E., 1945 A monograph of the beetles associated with stored products. 1, 387–395 British Museum (Natural History), Londres. Keys to world adults and larvae, genera and species; excellent figures, full species information.
- Freude, H.; Harde, K.W.; Lohse, G.A., 1979 Dermestidae. Die Käfer Mitteleuropas 6: Diversicornia (Lycidae — Byrrhidae) 1206 text figs. 367pp. Goecke & Evers. Texto en alemán, páxinas 304–327.
Ligazóns externas
editar- Dermestidae do mundo
- Lista de especies norteamericanas
- Literatura sobre Dermestidae
- Atlas ruso sobre estes escaravellos con excelentes imaxes
- Folleto de USDA sobre estes escaravellos
- Na UF / IFAS o sitio web de Featured Creatures
- Bettles in the kitchen, na web do departamento de Entomoloxía da Universidade do estado de Kansas (en inglés)