Don Juan Tenorio
Don Juan Tenorio: drama religioso-fantástico en dos partes é unha peza teatral publicada en 1844 por José Zorrilla.[1] Debedora de El burlador de Sevilla y convidado de piedra (1630), obra atribuída a Tirso de Molina, ambas constitúen as dúas principais materializacións literarias en lingua española do mito de Don Juan.[2][3]
Don Juan Tenorio | |
---|---|
Autor | José Zorrilla |
Xénero | drama |
Ambientada en | Sevilla |
Lugar de estrea | Teatro de la Cruz |
Data de estrea | 28 de marzo de 1844 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Personaxes
editar- Don Juan Tenorio
- Don Luis Mejía, o galán rival de Don Juan Tenorio
- Don Gonzalo de Ulloa, comendador de Calatrava
- Don Diego Tenorio, pai de Don Juan
- Dona Inés de Ulloa, filla do comendador e prometida de Don Juan
- Marcos Ciutti, criado de don Juan
- Gastón, criado de don Luis
- Buttarelli, propietario da hostería de El Laurel
- Brígida, serventa de Dona Inés no convento
- Dona Ana de Pantoja, prometida de Don Luis Mejía
- Pascual, servente da familia Pantoja
- Lucía, serventa da familia Pantoja
- A abadesa das Calatravas de Sevilla
- A irmá torneira das Calatravas de Sevilla
- O capitán Centellas, amigo de Don Juan Tenorio
- Don Rafael de Avellaneda
- A estatua de Don Gonzalo (o convidado de pedra)
- A sombra
- Dous alguacís
- Escultor
Argumento
editarA acción transcorre na Sevilla de 1545, nos últimos anos do rei Carlos I.[4] Está dividida en dúas partes.
Primeira parte
editarA obra ten lugar na noite de Entroido. Había un tempo, don Juan e don Luís Mejía fixeran unha aposta dobre sobre «quen de ambos sabía obrar peor con mellor fortuna no prazo dun ano» e «quen dos dous se batía en máis duelos e quen seducía máis doncelas». A historia comeza un ano despois desa aposta. Don Luís Mejía e don Juan vólvense atopar en Sevilla, onde comparan as súas fazañas. Os rivais contan os mortos en batalla (23 de Don Luís e 32 de Don Juan) e as mulleres seducidas (56 de Don Luís e 72 de Don Juan), co que Don Juan resulta vencedor. Con todo, Don Luís vólve desafiar a don Juan dicíndolle que só lle falta na lista «unha noviza que estea para profesar». Don Juan vólvelle apostar a Don Luís non só que conquistará unha noviza, senón que tamén lle quitará a súa prometida, Dona Ana de Pantoja. Don Luís, ante as palabras do outro, envía o seu criado, Gastón, a avisar á xustiza. Don Juan fai o mesmo co seu, Ciutti.
O desafío chega a ouvidos do comendador Don Gonzalo de Ulloa, pai de dona Inés. A moza, que levaba no convento das Calatravas desde a infancia, estaba destinada a casar con Don Juan. Porén, ante os feitos, Don Gonzalo desfai o acordo matrimonial.
Á hostería chegan dúas roldas de alguaciles que arrestan os dous nobres. Don Luís logra saír do cárcere e vaille suplicar a Dona Ana que se manteña firme ante Don Juan, quen irá tras ela. Don Juan tamén sae e na rúa da casa de Dona Ana fai encerrar a Don Luís. Despois conversa con Brígida, a beata comprada do convento, quen lle explica como entrar no convento sen ser visto. Para acabar de asegurar a aposta, Don Juan suborna a Lucía, a serventa de dona Ana, para que abra as portas da casa ás dez da noite.
Namentres, Dona Inés le unha carta de Don Juan en que este lle declara abertamente o seu amor. Ao rematar, Don Juan entra na cela, o que provoca que ela se desmaie, e Don Juan tomáa e lévaa á súa casa. Don Gonzalo chega tempo despois a contarlle á abadesa que a serventa de dona Inés está comprada, e teme polo seu benestar. Aparece entón a irmá torneira, quen anuncia a desaparición de Dona Inés. Na casa de Don Juan, Dona Inés cae nas redes do galán. Unidos polo seu amor, están dispostos a todo.
Nese momento chega Don Luís, quen quere matar a Don Juan. Pouco despois chega don Gonzalo con xente armada. Don Juan manda a don Luís esperar nun cuarto próximo. Don Juan humíllase ante don Gonzalo e suplícalle pola súa filla a cambio de probas que el mesmo dispón, mais Don Gonzalo négase. Don Luís sae do cuarto e tenta aliarse co comendador para mataren a Don Juan. Finalmente, resulta ser este último o asasino, pois mata a Don Gonzalo dun balazo e a Don Luís dunha estocada. Don Juan foxe de Sevilla nun bergantín cara a Italia.[5]
Segunda parte
editarCinco anos despois, Don Juan volve a Sevilla. Buscando o antigo palacio da familia Tenorio, atopa no seu lugar o cemiterio onde están enterrados Don Luís, o Comendador e o resto das vítimas mortas a mans del. Mentres admira as estatuas, don Juan descobre un sepulcro inesperado, o de Dona Inés. A moza morrera de dor ao comprender que Don Juan e ela xamais volverían estar xuntos malia amárense profundamente.
Chegan ao lugar Centellas e Avellaneda, dous vellos amigos de Don Juan. Este convídaos a cear na súa casa xunto co espírito de Don Gonzalo, de onde vén a idea de que Zorrilla puido basearse no Convidado de Pedra de Tirso de Molina. Mentres se atopan ceando, aparece o espectro do Comendador co obxectivo de conducir a Don Juan ao inferno. Con todo, Dona Inés intercede e logra que ambos suban ao ceo entre unha apoteose de anxos e cantos celestiais.
Lugares onde a obra ten acción
editar- Hostería de El Laurel: a taberna en que don Juan e don Luís acordaran reunirse un ano despois da súa aposta. Alí desenvólvese case todo o acto I da obra. É propiedade de Cristófano Buttarelli.
- Rúa da casa de Dona Ana: Don Luís Mejía pídelle a Dona Ana que lle permita acceder á súa casa para defender a súa virtude das pretensións de Don Juan. Porén, é encerrado nunha adega, o que permite que Don Juan realice a súa parte da aposta.
- Convento da Virxe: onde Dona Inés leva recluída desde o seu nacemento.
- Quinta de Don Juan: onde é levada Dona Inés tras desmaiarse no convento. Nesta casa don Juan mata a don Gonzalo de Ulloa e a Don Luís Mejía.
- Cemiterio: o que antes fora o palacio da famillia Tenorio. Alí Don Juan atópase co autor das estatuas e intimídao para que lle dea as chaves do cemiterio. Alí tamén suceden acontecementos sobrenaturais: as estatuas cobran vida, as sombras falan etc.
- Casa de Don Juan: Don Juan convida a cear alí aos seus amigos Avellaneda e Centellas.
Características románticas
editar- Lugares sombríos: utilízase un lugar tenebroso e solitario, o cemiterio, onde cobran vida as esculturas.
- Amor imposíbel: entre Don Juan e Dona Inés. Este fai que Dona Inés morra de pena por non poderen estar xuntos, pois Don Juan fuxiu a Italia tras matar a Don Gonzalo e a Don Luís.
- Os protagonistas: o heroe é solitario e de familia nobre, propio do seu tempo. Oponse á tradición medieval, encarnada por Don Gonzalo. A heroína cumpre cos canons físicos e espirituais e representa a inocencia e a virtude cristiás.
- Final tráxico: a morte dos dous namorados.
- Natureza dinámica: as accións suceden case sempre pola noite.
- Misterio: as estatuas cobran vida, as sombras falan e dáse unha visión idealizada do ceo e do inferno.
- Predominio do sentimento sobre a razón: Dona Inés estaba realmente namorada de Don Juan e tentaba evadir os seus sentimentos cara a el.
- Amor e arrepentimento: ao final, Dona Inés salva a Don Juan. Este, amais, acaba por arrepentirse.
- Outros: pelexas na rúa e uso de antefaces.
Notas
editar- ↑ Morales Vega, José Antonio; Muñoz Marquina, Francisco; Sarrión Mora, Miguel Ángel (2011). "Los textos dialogados". Lengua Castellana y Literatura (Akal ed.). Madrid: Akal Sociedad Anónima. p. 178. ISBN 9788446033677.
- ↑ «Don Juan Tenorio». Aula El Mundo. Consultado el 15 de decembro de 2011.
- ↑ Paul Bitternut: «Don Juan Tenorio de José Zorrilla Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.». Lenguas de Fuego, revista de cultura. Publicado o 6 de novembro de 2005. Consultado o 15 de decembro de 2011.
- ↑ Sevilla en el s. XVI, en Commons.
- ↑ Don Juan Tenorio. Guía de lectura y actividades. Junta de Andalucía. Consultado o 15 de decembro de 2011.
Ligazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Don Juan Tenorio |
- Don Juan Tenorio na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
- Don Juan Tenorio no Proyecto Gutenberg
- Don Juan Tenorio no Tenorio Mendocino de Guadalajara
- Representación da adaptación de Gustavo Pérez Puig, ofrecida por TVE na emisión do 2 de novembro de 1966 de Estudio 1, con dirección e realización de Pérez Puig e introdución súa e dalgúns dos intérpretes principais; a relación do repartimento, sobreposta, desde o 8:55; a función, a partir do 10:30.
- Outra copia
- Outra copia
- Outra copia
- Outra copia
- Repartimento:
- Don Juan: Francisco Rabal
- Dona Inés: Conchita Velasco
- Lucía: Irene Daina
- Brígida: Tota Alba
- Dona Ana de Pantoja: Ana María Vidal
- Don Luis Mejía: Fernando Guillén
- Ciutti: Juanjo Menéndez
- Don Gonzalo Ulloa: José María Escuer
- Don Diego Tenorio: Julio Goróstegui
- Centellas: Antonio Almorós
- Buttarelli: José Sepúlveda
- Avellaneda: Manuel Peiró
- Gastón: Francisco Dumont
- Alguacil 1: Francisco Matesanz
- Alguacil 2: José María Celdrán
- Outros: Maruchi Fresno, Ricardo Canales, Carmen Luján e Anastasio Campoy.
- Repartimento:
- Análise radiofónica da obra
- Análise monográfica da obra