Dragon Ball

manga xaponés e serie de anime creados por Akira Toriyama

Dragon Ball (ドラゴンボール Doragon Bōru?), tamén traducido ó galego como As bólas máxicas,[1] é o nome dun manga xaponés e dunha serie de anime creados por Akira Toriyama. O manga publicouse inicialmente na revista semanal Shōnen Jump entre 1984 e 1995 e orixinalmente editouse en 42 tomos individuais chamados Tankōbon. No 2004 volveuse publicar o manga nunha colección de 34 volumes, chamados Kanzenban, que incluía un final lixeiramente modificado. O manga deu orixe a tres series de anime: As bólas máxicas, Dragon Ball Z e aínda Dragon Ball GT, unha terceira serie cunha historia non baseada no manga.

Dragon Ball
{{{caption}}}
ドラゴンボール
(Doragon Bōru)
XéneroAcción, Aventura, Shōnen
Manga
Creado por Akira Toriyama
Editor Shūeisha
Publicado en Shōnen Jump
Primeira edición 1984
Última edición 1995
Núm. de volumes 42
Anime As bólas máxicas
Dirixido por Daisuke Nishio
Estudio Bird Studio
Toei Animation
Canle televisiva Fuji Tv
Primeira emisión 26 de febreiro de 1986
Última emisión 12 de maio de 1989
Núm. de capítulos 153
Anime Dragon Ball Z
Dirixido por Daisuke Nishio
Estudio Bird Studio
Toei Animation
Canle televisiva Fuji Tv
Primeira emisión 19 de maio de 1989
Última emisión 31 de xaneiro de 1996
Núm. de capítulos 291
Anime Dragon Ball GT
Dirixido por Daisuke Nishio
Osamu Kasai
Estudio Bird Studio
Toei Animation
Canle televisiva Fuji Tv
Primeira emisión 7 de febreiro de 1996
Última emisión 19 de novembro de 1997
Núm. de capítulos 64
Películas

Especiais de TV
OVAS

Esta serie incrementou espectacularmente o interese polo manga en todo o mundo. Porén, a violencia de moitos dos seus episodios provocou que, en Occidente, se pedira moitas veces a retirada deste anime e incluso a súa prohibición. Malia isto, ou tal vez por esas polémicas, tivo un enorme éxito que a levou a ter máis de 500 capítulos en total e unha vintena de películas, ademais dunha extensa oferta comercial que á parte dos cómics e das películas, inclúe ducias de videoxogos e xoguetes, entre outros.

Introdución

editar

A historia de Dragon Ball conta a vida e aventuras de Son Goku, un cativo con rabo de mono baseado na lenda chinesa Viaxe ó oeste (西遊記) [2] , dende a súa infancia ata que chega a ser avó. Durante a súa vida, Son Goku loitará en moitas batallas ata converterse no loitador de artes marciais máis forte do Universo. Ademais non está só, xa que ten a axuda dun gran número de aliados que combaterán cos viláns, proporcionando o conflito que conduce a historia.

As Dragon Balls (Bólas do Dragón ou Bólas Máxicas) do título son un dos compoñentes da serie, mais non son cruciais. Son sete esferas máxicas que están espalladas polo planeta. Cando se reúnen todas, pódense usar para invocar o dragón Shenron, que concede un desexo. Despois de se cumprir o desexo, as bólas vólvense espallar polo planeta e fican inertes durante un ano. No pasado, facían falta xeracións para atopar as 7 bólas. Non obstante, ao principio da historia, unha rapaza de 16 anos chamada Bulma, que se atopará con Son Goku, crea un radar para detectar as bólas e así facer o proceso moito máis doado. No decorrer da serie, as bólas deixan de ser o tema principal para ser só un elemento secundario.

O inicio da viaxe fantástica de Son Goku comeza coa aparición da moza Bulma. Son Goku mora nas montañas soíño, pois o seu avó está morto. O obxecto que el garda coma unha lembranza do seu avó é unha das bólas que Bulma busca, as Bólas do Dragón. Ela fálalle sobre os poderes das bólas, e pídelle a Son Goku que lle dea a súa, e como descubrira nun pergamiño esta historia. Así Son Goku vai con Bulma atrás das bólas e será no camiño onde coñecerá moitas persoas coma Oolong, Yamcha, Puar, o Mestre Mutenroi, Krilín, Lunch etc, e se enfrontará a moitos perigos e inimigos, como Pilaf, a Red Ribbon etc.

Evolución

editar

A historia de Dragon Ball desenvolveuse gradualmente durante os case 11 anos de publicación. Durante eses anos, o ton e o estilo das historias foron mudando para reflectir os gustos dos lectores e dos editores da Shonen Jump.

Os primeiros volumes do manga (volumes 1-12) son fundamentalmente historias de fantasía con humor, con algúns elementos de ficción científica menores. Os elementos de fantasía importantes non só inclúen o rapaz mono Son Goku e as propias bólas, senón tamén moitos animais falantes, técnicas de artes marciais improbábeis e personaxes identificados como deuses e demos. Malia os elementos fantásticos, o mundo ten unha tecnoloxía avanzada que inclúe cápsulas que caben no peto nas que se poden expandir e transformar en case todo tipo de obxectos: coches, avións, casas, revistas porno e cousas do xénero. O humor é lixeiro con moi poucas mortes e dándolle énfase á aventura e ao humor.

Unha mudanza sutil pero significativa deuse despois de que mataran o mellor amigo de Son Goku, Krilín. Isto comezou na Saga de Piccoro Daimaō (volumes 13-16), na cal o manga incorpora un ton máis serio comparado co dos volumes anteriores.

Dragon Ball transfórmase completamente nun manga shonen de acción no inicio da Saga dos Saiyans (volumes 18-20). A partir da introdución do fillo de Son Goku, a historia comeza a tomar un rumbo máis serio e de maior importancia na ficción científica. Moitos dos personaxes que anteriormente tiñan orixes fantásticas (Son Goku, Piccoro etc.) son agora recoñecidos coma extraterrestres doutros planetas. Viaxes no espazo, ameazas espaciais e poderosos androides son agora comúns.

Despois da derrota de Nappa e Vexeta e da conclusión da Saga Saiyan, os sobreviventes do ataque Saiyan diríxense para o Planeta Namek para tentar resucitar os amigos que morreran polos Saiyans. Isto comeza na Saga de Freezer (volumes 21-28), que é recoñecida, ademais de polo poderosos que se volven os personaxes, polo xurdimento da transformación Súper Guerreiro.

A Saga de Célula (volumes 29-35) introduce os Androides, un misterioso Saiyan chamado Toranks e o enigmático Célula. A Saga de Máxico Boo (volumes 36-42) é o último marco do manga onde aparecen máis dos elementos de fantasía que estaban presentes nos primeiros volumes do manga.

Relación co anime

editar

Tanto As bólas máxicas coma Dragon Ball Z están baseados no mesmo manga orixinal: Dragon Ball. DB segue as aventuras de Son Goku dende a súa infancia ata o seu casamento ós 18 anos, estas son as sagas con máis elementos de fantasía e humor. DBZ comeza co nacemento do primeiro fillo de Son Goku. Dragon Ball GT é unha continuación de DBZ aínda que non está baseada no manga (ó contrario de Dragon Ball e Dragon Ball Z, Akira Toriyama non estivo directamente relacionado coa produción de Dragon Ball GT, aínda que creou algúns deseños e deu unhas poucas ideas).

Hai varios rumores sobre o significado do "Z" en Dragon Ball Z. O significado oficial é o de que é a última letra do alfabeto, revelando o desexo de Toriyama de que fose a fin da serie. Outras teorías sobre o "Z" inclúen o nome dado ó grupo dos personaxes principais, "Guerreiros Z" en títulos de episodios e en material promocional (aínda que non no anime) ou de que está baseado na música dos créditos finais, "Detekoi Tobikiri ZENKAI Power". Outra interpretación é que Toriyama escribiu a man o título coma Dragon Ball 2 e alguén entendeu o 2 coma un Z.

Durante a escrita da meirande parte do manga, o anime era escrito e producido detrás do punto onde o manga era publicado. Isto levou a alcanzar rapidamente o manga polo que para impedir isto prolongáronse algúns episodios e creáronse algunhas novas historias. Por mor disto hai moitos casos nos que o anime contradí directamente a historia escrita máis adiante no manga.

As sagas

editar

Dragon Ball é un manganime moi longo, cunha historia que acontece en dúas grandes partes: a de Son Goku neno (tomos do 1 ó 17), e a de Son Goku adulto (tomos do 17 ó 42); 519 capítulos de manga e 153+291+64 capítulos de anime en total.

Para máis información sobre o manga ver o artigo Lista de mangas de Dragon Ball

No anime esta división dá pé a dúas series: As bólas máxicas (con 153 capítulos) e Dragon Ball Z con 291 episodios; máis tarde, realizouse Dragon Ball GT con 64 episodios máis, exclusivos do anime.

Durante toda a historia, Son Goku e os seus amigos loitarán con determinados inimigos ou estarán en certas localizacións que darán nome ás sagas de Dragon Ball. As Sagas son as seguintes:

Etapa Son Goku neno (As bólas máxicas)

editar
Saga Tomos Tankōbon Tomos Kanzenban Episodios do Anime
A Saga de Pilaf do 1 ó 2 do 1 ó 2 do 1 ó 13
A Saga do 21º Torneo das Artes Marciais do 3 ó 5 do 2 ó 4 do 14 ó 28
A Saga do Exército do Xeneral Red (Red Ribbon) do 5 ó 10 do 4 ó 7 do 29 ó 83
A Saga do 22º Torneo das Artes Marciais do 10 ó 12 do 8 ó 9 do 84 ó 101
A Saga de Piccoro Daimao do 12 ó 17 do 10 ó 13 do 102 ó 153

Etapa Son Goku adulto (Dragon Ball Z)

editar
Saga Tomos Tankōbon Tomos Kanzenban Episodios do Anime
A Saga dos Saiyans do 17 ó 20 do 14 ó 16 do 1 ó 35
A Saga de Namek do 21 ó 28 do 17 ó 22 do 36 ó 107
A Saga de Garlic Jr. Non existe no manga do 108 ó 117
A Saga dos Androides do 29 ó 35 23 ó 28 do 118 ó 194
A Saga de Bu do 36 ó 42 do 29 ó 34 do 195 ó 291
Saga Episodios do Anime
A Saga de Baby do 1 ó 40
A Saga de Súper 17 do 41 ó 47
A Saga dos Dragóns Escuros do 48 ó 64

Os Tomos

editar
Para ver tódolos tomos (42 na primeira edición e 34 na segunda, que se publicaron no Xapón; cos capítulos, a data de edición xaponesa e o título de cada un deles) ver o artigo Lista de mangas de Dragon Ball.

1ª edición xaponesa, Tankōbon (1985-1995)

editar

O primeiro tomo xaponés de Dragon Ball publicouse o 10 de setembro de 1985 pola revista Shōnen Jump cos capítulos do 1 ó 7, anteriormente publicados cada semana na revista do mesmo nome no período do 11/1984 ata o 2/1985. A edición do tomo sempre compartía un esquema similar: primeiro a portada, que era o formato antigo de SJ; despois a primeira páxina cun debuxo diferente da portada; deseguido a páxina índice de capítulos cun debuxo enriba; logo os capítulos correspondentes e as páxinas finais, que eran as portadas de cada capítulo exclusivas na edición dos tomos. Todo isto sempre nunhas 178-181 páxinas, agás os tomos 41 e 42 que contiñan máis de 200 páxinas. En 1995, despois de 10 anos publicando os tomos, saíu á venda o 42 o 4 de agosto.

Os capítulos -antes de ter abondo para editar un novo tomo- publicábanse na revista semanal Shōnen Jump, o primeiro capítulo publicouse no número 51 de 1984 e o derradeiro, o capítulo 519, editouse no número 17 de 1995.

2ª edición xaponesa, Kanzenban (2002-2004)

editar

Esta nova edición chámase Kanzenban, que significa edición perfecta ou completa. Diferénciase da primeira en que:

  • Son só 34 tomos (en vez dos 42) e polo tanto máis extensos, tendo uns 15 capítulos cada un.
  • Os tomos son máis grandes.
  • As portadas foron redebuxadas por Akira Toriyama.
  • O papel das páxinas é de maior calidade.
  • Algunhas páxinas son a cor.
  • Engadíronse algunhas páxinas ó final da serie.
  • Cada tomo inclúe unha lámina cun debuxo de Dragon Ball feito por un debuxante de manga famoso na actualidade do Xapón.

Nesta reedición fíxose un pequeno cambio na historia, que consistiu en que a data do Cell Game fose o 26 de maio e non o 17 de "M". Isto fíxose para eliminar unha contradición na serie, especificamente cando os androides chegaron o 12 de maio e como polo menos pasaron 10 días entre isto e o comezo do Cell Game, a data do 17 de maio para o último evento era imposible (as teorías alternativas, que dicían que no universo de Dragon Ball o mes seguinte a maio comezaría pola letra "M", xa non teñen sentido).

Ademais xunto a esta edición tamén se sacou un libro de Dragon Ball e outro de Dragon Ball Z.

Akira Toriyama, The World

editar

Publicado en xaneiro de 1990, en homenaxe a Toriyama, e editado por Shueisha en tapa branda. Posúe 100 páxinas nas que se pode atopar, ademais de ilustracións de Dragon Ball, outras realizadas anteriormente. Ademais inclúe unha entrevista a Toriyama, unha bibliografía, esbozos de Dragon Ball... Por outro lado, tamén se centra no manga Dr. Slump, onde destaca unha historia a cor.

Akira Toriyama, The World Special

editar

Publicado en setembro de 1990 e editado en tapa dura. Posúe 134 páxinas e é unha versión mellorada do anterior, centrándose máis en Dragon Ball. Ten ilustracións da maioría das sagas da serie e unha entrevista a Toriyama entre outras cousas. Destacan sobre todo uns esbozos iniciais dos personaxes de Dragon Ball.

Akira Toriyama, The World II Illustration

editar

Publicado en marzo de 1993 e editado en branco e negro.

Akira Toriyama, Exhibition

editar

Este tomo limitado presentouse nunha exposición conmemorativa de toda a obra de Akira Toriyama que se celebrou ó longo de 1995 en diversas cidades xaponesas, comezando por Tokio. Foi publicado para unha distribución exclusiva nestas exposicións a modo de catálogo e con vistas ó mercado estranxeiro. É quizais o máis completo de tódolos libros de arte publicados ata esa data e está editado en sentido de lectura occidental e cos textos en xaponés e inglés.

O libro abrangue un pouco de todo, dende Dragon Ball, Dr. Slump e outras historias curtas ata deseños para videoxogos, películas etc.

Os Daizenshuu

editar

O compoñente final que a maioría dos seguidores considera que é información canónica son os varios Daizenshuu que foron lanzados soamente no Xapón (agás algunha excepción). Estes libros de "arquivo perfecto" son guías de referencia á serie e a miúdo conteñen os nomes dos caracteres e ataques, e outras informacións que non están presentes no manga nin no anime, e ademais cada un trata sobre un aspecto determinado da serie. Non hai plans actuais para sacar estes libros en ningures e están fóra de impresión incluso no Xapón.

Os libros non foron escritos realmente por Akira Toriyama. Os niveis de enerxía dados neles son desatendidos a miúdo por algúns seguidores que atopan doadamente inconsistencias neles. Un exemplo é o nivel de enerxía do Mestre Mutenroi, que está indicado coma o mesmo ó longo de toda a serie, cando no manga cóntase como antes do 22º Torneo das Artes Marciais estivo adestrando e polo tanto aumentando o seu poder.

Nun principio ían ser só sete tomos, en homenaxe ás 7 bólas aínda que finalmente ampliaríanse ata 10 tomos:

  • Daizenshu nº1: Complete Ilustrations: Son tódalas ilustracións debuxadas por Toriyama sobre Dragon Ball onde se inclúen as portadas e laterais dos tomos e da revista Shōnen Jump. Ademais contén unha entrevista a Toriyama, as caricaturas que el se facía a si mesmo, as fotos privadas de Mutenroi e outros.
  • Daizenshu nº2: Story Guide: Fálase sobre toda a historia de Dragon Ball, dos personaxes e da súa evolución, dos momentos máis dramáticos...
  • Daizenshu nº3: TV Animation Part 1: Abrangue dende o inicio da serie na televisión ata a chegada ó planeta Namek, incluíndo toda clase de ilustracións e curiosidades.
  • Daizenshu nº4: World Guide: É unha guía completa sobre o mundo de Dragon Ball. Abrangue un pouco de todo, dende os mapas e planetas, aparellos, esbozos, curiosidades...
  • Daizenshu nº5: Tv Animation Part 2: Abrangue dende a batalla en Namek ata a fusión de Son Goku e Vexeta na pelexa contra Bu. Á parte, ó igual có libro anterior Tv Animation 1, inclúe todo tipo de ilustracións e curiosidades.
  • Daizenshu nº6: Movies & Tv Specials: Fálase sobre as películas e os especiais de televisión, incluíndo tamén ilustracións e curiosidades.
  • Daizenshu nº7: Enciclopedy: É unha especie de dicionario sobre nomes de personaxes, técnicas, niveis de poder, unha detalla cronoloxía, árbores xenealóxicas...
  • Daizenshu nº 8 e 9: Collection Card 1 e 2: Recolle as imaxes das coleccións de cards xaponeses de Dragon Ball e Dragon Ball Z.
  • Daizenshu nº10: Tv Animation Part 3: Abrangue dende a fusión de Son Goku e Vexeta ata o final da serie, pasando pola película creada para o décimo aniversario. Á parte inclúe tamén bastantes ilustracións.

Películas, especiais e outros

editar

Baseadas na serie de anime creáronse unha serie de películas, especiais de televisión e un OVA:

Hai catro películas baseadas na primeira serie que, na súa maioría a partir dunha trama principal totalmente diferente á orixinal, resumen moitas das escenas que se dan na serie de anime:

Nome Xaponés Estrea
A lenda de Shenron, o Dragón Sagrado ドラゴンボール 神龍の伝説 20 de decembro de 1986
A bela dormente do castelo do demo ドラゴンボール 魔神城のねむり姫 18 de xullo de 1987
Aventura mística ドラゴンボール 摩訶不思議大冒険 9 de xullo de 1988
O camiño cara ó máis forte* ドラゴンボール 最強への道 3 de marzo de 1996 - Dragon Ball, 10º Aniversario

(* Sen dobraxe en galego)

Películas de Dragon Ball Z

editar

Estas películas teñen tramas completamente distintas ás da serie, e practicamente ningunha delas se realiza na liña temporal na que se desenvolve a serie orixinal:

Nome Xaponés Estrea
A ameaza da zona escura ドラゴンボールZ オラの悟飯をかえせッ!! 15 de xullo de 1989
O máis forte do mundo ドラゴンボールZ この世で一番強いヤツ 3 de outubro de 1990
Superbatalla na Terra ドラゴンボールZ 地球まるごと超決戦 7 de xullo de 1990
Son Goku superguerreiro ドラゴンボールZ 超サイヤ人だ孫悟空 19 de marzo de 1991
Os adversarios máis fortes ドラゴンボールZ とびっきりの最強対最強 20 de xullo de 1991
Combate contra cen millóns de poderosos guerreiros ドラゴンボールZ 激突!!100倍パワーの戦士たち 7 de marzo de 1992
Os tres grandes superguerreiros ドラゴンボールZ 極限バトル!三大超サイヤ人 7 de novembro de 1992
Estala o duelo ドラゴンボールZ 燃え尽きろ!!熱戦・烈戦・超激戦 6 de marzo de 1993
O superheroe da galaxia ドラゴンボールZ 銀河ギリギリ!!ぶっちぎりの凄い奴 7 de outubro de 1993
O regreso de Broly * ドラゴンボールZ 危険なふたり!超戦士はねむれない 12 de marzo de 1994
O combate definitivo * ドラゴンボールZ 超戦士撃破!!勝のはオレだ 7 de xaneiro de 1994
Fusión * ドラゴンボールZ 復活のフュージョン!!悟空とベジータ 3 de maio de 1995
O ataque do dragón * ドラゴンボールZ 龍拳爆発!!悟空がやらねば誰がやる 15 de xuño de 1995
A batalla dos deuses ドラゴンボールZ 神と神 30 de marzo de 2013
A resurrección de「F」 ドラゴンボールZ 復活の「F」 18 de abril de 2015
Dragon Ball Super: Broly * ドラゴンボール超 ブロリ 14 de decembro de 2018

(* Sen dobraxe en galego)

Especiais de TV

editar

Son longametraxes realizadas inicialmente para a televisión. As dúas primeiras, ó contrario das películas, si entran na historia orixinal. O primeiro especial cóntanos a historia do pai de Son Goku, Barduck; o segundo, a historia do Toranks do futuro, antes de viaxar ó pasado; e o terceiro ambiéntase 100 anos máis tarde do remate de Dragon Ball GT, e está protagonizado por Son Goku Jr.. Disque hai un cuarto especial adicado a Vexeta, pero permanece inédito.

Fixéronse dúas OVAs, unha delas baseada no videoxogo da consola Playdia, Dragon Ball Zetsu Metsu: Dragon Ball Z Gaiden: Saiyajin Zetsu Metsu (agosto de 1993). Non saíu do Xapón, xa que a súa produtora é distinta da do resto das películas da saga.

Na película en cuestión, titulada "O plan para destruír os saiyans", atopámonos co malvado Dr. Raichi que se quere vingar. En teoría trata do derradeiro tsufur, raza que habitaba o planeta Vexeta antes da chegada dos saiyans, e practicamente extinguida a mans destes últimos. O certo é que despois atoparemos a un novo tsufur, o Dr. Myu, en Dragon Ball GT.

A outra OVA fíxose para conmemorar o 40 aniversario da revista Shonen Jump. Para anunciar a OVA e outras animacións da publicación Shonen Jump fíxose unha xira chamada Jump Super Anime Tour 2008. Esta nova OVA foi titulada ¡Ossu! Kaette kita Son Goku to nakama-tachi! que quere dicir algo como Oi oh! Volven Son Goku e os seus amigos!.

Curtamentraxes educativas

editar

Estes vídeos especiais son producións moi raras deseñados para seren curtametraxes educativas. Ámbolos dous foron completados en xuño de 1988.

Película chinesa non oficial de actores reais: Unha versión de actores reais (live-action) da popular serie de animación xapanesa, cun argumento parecido á película 1 de Dragon Ball.

Feita en Taiwán e estreada en 1989, co nome orixinal de Xin Qi long zhu Shen long de chuan shuo ou New Dragon Ball: The Legend of Shenlong, tamén coñecida coma Dragon Ball: The Magic Begins (Comeza a maxia). Aínda que esta película non segue exactamente o concepto de Toriyama, está moito máis preto a el ca calquera outra lenda tradicional chinesa.

Dragon Ball fóra do Xapón

editar

España

editar
 
Graffiti de Son Goku na Guarda.

O anime chegou a España no ano 1989 comezando a se emitir en galego na Televisión de Galicia, a canle autonómica galega, baixo o título As bólas máxicas con bastante éxito. A adquisición dos dereitos fíxose conxuntamente entre tódalas canles autonómicas espallándose axiña a súa fama. Así foi como comezou a se emitir noutras emisoras autonómicas coma Canal Sur en Andalucía ou Telemadrid co título de Bola de Dragón en lingua castelá; na Televisió de Catalunya, en Cataluña en catalán, co título de Bola de Drac en 1990 e no Canal 9 na Comunidade Valenciana (co mesmo título pero diferente dobraxe); e en Euskal Telebista en éuscaro, na Comunidade Autónoma Vasca, co título Dragoi Bola.

Anos despois, finalizada case a serie nas canles autonómicas, emitiuse no resto de España (coma Bola de Dragón) a través de Antena 3, cunha dobraxe de dubidosa precisión e certa censura. España foi o primeiro país de fala hispana onde apareceu o anime. Máis tarde saíu á venda unha edición en DVD do anime e foi reposta pola canle estatal Cuatro e varias canles autonómicas, entre as que se atopa a TVG que o 5 de febreiro do 2005 emitiu todo Dragón Ball alegando que sería a derradeira vez na canle. O 27 de marzo do 2012, por primeira vez, e tralo remate de Dragon Ball Kai o anime é emitido dende o principio pola segunda canle autonómica de Galiza, a tvG2. Cartoon Network, dentro do contedor Toonami , emitía asemade Dragon Ball GT, Dragon Ball Z e Dragon Ball.

Tralo éxito que tivo inicialmente a serie en Cataluña, se cadra o sitio onde tivo máis repercusión, Planeta DeAgostini editou o manga tanto en castelán (con varias reedicións) como en catalán.

A primeira edición dos tomos (tankōbon) foi lanzada no ano 1995. O primeiro tomo foi publicado o 15 de maio e os demais fóronse publicando mensualmente ata o 15 de outubro de 1998, cando se publicou o tomo 42. A edición española contén bastantes diferenzas respecto á xaponesa:

  • Elimínanse os índices, obviando as ilustracións exclusivas que había enriba, polo que son inéditas en España.
  • Suprímense os capítulos; todo é un ladrillo de páxinas sen numerar e sen marcar onde remata un capítulo e comeza outro.
  • Non teñen os debuxos do lombo da edición xaponesa, na cal ó xuntalos todos formábase unha ilustración exclusiva dos tomos.
  • Non se inclúen tódalas portadas de capítulo en cada tomo, e nalgúns casos, coma no tomo 38, obviáronse totalmente.
  • Polo regular non se respecta o nome orixinal xaponés e traduciuse ó castelán axeitándoo. Como exemplo, Kamisama é Deus e a técnica Mafuba é La ola para encerrar al diablo. Este erro corrixiuse na 2ª edición, respectando tódolos nomes orixinais xaponeses.

Todo isto fixo que os lectores perderan as ilustracións exclusivas que na 2ª edición, a de 2000, tampouco se incluíron.

Máis tarde, tralo lanzamento da edición de luxo (kanzenban) no Xapón, Planeta de Agostini comeza a publicar os kanzenban en España baixo o nome Ultimate Edition a partir do 9 de abril de 2006 a nivel quincenal, respectando o sentido de lectura xaponés, e incluíndo as novidades da edición xaponesa.

Portugal

editar

En Portugal, Dragon Ball, Dragon Ball Z e Dragon Ball GT foron emitidos pola SICentre 1995 e 1999. A serie foi despois repetida na SIC Gold (máis tarde SIC Sempre Gold) e despois na SIC Radical, onde continuou a ser un suceso. Infelizmente, para grande tristura dos seguidores, a serie desapareceu da programación da SIC Radical no inicio de 2006, mais no día 16 de xuño, aínda en 2006, volveu a ser emitida. Ademais lanzáronse en vídeo varias películas mentres que Dragon Ball foi lanzada en DVD.

O manga foi publicado pola editora Planeta deAgostini.

Brasil

editar

No Brasil, Dragon Ball foi inicialmente emitida polo SBT en 1996 dentro do programa Bom Dia & Cia e continuou con reemisións esporádicas ata o 2000, mais só chegou ata a loita de Son Goku contra Tou Pai Pai (episodio 60).

Dragon Ball Z foi emitida por primeira vez a partir de mediados de 1999, pola canle de TV paga Cartoon Network, no horario das 18:30 e con retransmisión na medianoite. Aínda no final do mesmo ano, a Rede Bandeirantes tamén pasou a emitir a serie dentro do extinto programa Band Kids que chegou a récords de audiencia. En outubro de 2001, o Cartoon Network emitiu o último episodio, mentres que na TV aberta (Rede Bandeirantes) a serie foi emitida ata a saga de Célula, en 2002. A saga de Boo foi emitida pola Rede Globo en 2001.

En 2002, a Globo comprou e emitiu os 153 episodios de Dragon Ball, e en 2003 transmitiu Dragon Ball GT. A Cartoon Network tamén transmitiría en 2003 Dragon Ball Z e Dragon Ball GT. O Cartoon Network chegou a reemitir a serie en 2004, aínda que só a saga de Boo. Máis tarde, comprou a serie Dragon Ball (e as 4 películas da serie), que estreou no 30 de maio de 2006 no bloque Toonami, de luns a xoves con dous episodios por día no horario das 00:00. Mentres que o día 13 de decembro de 2006 comezou a emitir novamente Dragon Ball Z (agora emitindo tamén as 13 películas e os 2 especiais da serie), tamén con dous episodios por día e de luns a xoves.

En agosto de 2006 a Rede Globo comprou os dereitos de transmisión de tódalas sagas de Dragon Ball Z agás a de Boo (as que antes eran emitidas pola Rede Bandeirantes en 1999) e comezou a emitilas dentro da TV Xuxa a partir do 14 de agosto de 2006 ata rematar sobre abril de 2007. Porén, nalgunhas rexións do Brasil o anime parou de ser emitido despois das eleccións. Na Globo, por razón de pouquísimo tempo dedicado á emisión de Dragon Ball Z, o anime está a sufrir cortes, sendo que na maioría dos días foron emitidos preto de 15 minutos dun episodio e algunhas veces tan só 10 minutos.

O manga foi publicado no Brasil pola editora Conrad, xunto con Cavaleiros do Zodíaco e outros títulos.

México

editar

En México comezou a se emitir en 1994 no Canal 5 da empresa Televisa, acadando en pouco tempo un enorme éxito, máis grande aínda que o de Os Cabaleiros do Zodíaco (Saint Seiya) e paralelo ó doutras series xaponesas máis modernas, e que chegaron case simultaneamente á televisión, coma Sailor Moon. O nome da serie non mudou entre a versión inglesa e mexicana, aínda que moita, senón toda, a musicalización e a banda sonora da serie foi traducida no país pola empresa Intertrack.

Debido ó seu grande éxito, é o único anime que se transmitiu case ininterrompidamente dende a súa estrea.

A edición mexicana (2000-2003) foi lanzada por Grupo Editorial Vide en formato de cómic americano en agosto de 2000, con só dous capítulos por número. Pero despois de 30 entregas, a editorial decidiu mudar o formato americano polo xaponés, de menor tamaño, 5 capítulos por número e con lectura ó estilo xaponés, isto é, lendo de dereita a esquerda, o que ó principio causou algo de confusión entre os lectores. Editouse a obra completa en 85 pequenos tomos que incluían tódalas portadas orixinais, separación de capítulos e ó final de cada tomo incluíanse lendas populares e reportaxes sobre o estilo de vida no Xapón. Esta edición tamén se vendeu en varios países de Centro e Suramérica.

Arxentina

editar

A serie comezou a se emitir na Arxentina en televisión por ar na canle estatal ATC, actual Canal 7, onda Saint Seiya e outros animes e cartoons no seu segmento infantil Top Kids pero ó ter un índice de audiencia moi baixo a dirección de ATC decidiu levantar do ar o segmento en pouco tempo. Cómpre esclarecer que ATC é a única canle pública e unha das canles con menos índice de audiencia da Arxentina e nese momento a súa programación non estaba orientada ó público infantil, ademais o custo dos dereitos de Dragon Ball era un problema para a súa produción. Máis tarde a serie volveu ás pantallas arxentinas pero esta vez en televisión por cabo, o 1 de abril de 1996, pola canle Magic Kids. Emitiuse coa dobraxe mexicana e colleitou un tremendo éxito que durou aproximadamente tres anos. Foron notábeis as múltiplas repeticións que se fixeron de cada bloque de capítulos, motivo polo cal Dragon Ball Z estreouse en maio de 1998 e Dragon Ball GT en 2000. Case paralelamente emitiuse a serie en bloques de 4 episodios polo programa El club del animé, da mesma canle. O éxito era tan rotundo que se emitía 4 veces ó día, no horario de: 0:30, 7:30, 12:30 e 19:30.

O furor expandiuse tamén ó manga e ata ó cine, onde se proxectaron 3 películas: Superbatalla na Terra en maio de 1998 coma Dragon Ball Z: la película, Estala o duelo en xaneiro de 1999 coma Dragon Ball Z 2: El poder invencible e un combinado de Os guerreiros de prata e Fusión! en decembro de 1999 coma Dragon Ball Z 3: Guerra en los dos mundos (emitíronse unidas unha atrás da outra, cunha voz en off que comentaba unha relación inventada entre ambas). Estas e o resto das películas e especiais de televisión foron comercializadas en vídeo pola editorial Vértice, que tamén publicaba unha revista mensual. Tiveron tamén ampla circulación dous álbums de figuras de Dragon Ball e cinco de Dragon Ball Z, produto da empresa peruana Corporación Gráfica Navarrete. Ó cesar a transmisión da serie en Magic Kids en 2002 aproximadamente, a versión latinoamericana da canle Cartoon Network comezou a emitila regularmente, para despois axustala ó bloque de anime do sinal, Toonami, o cal se emite nas noites dende as 0:00 ata a 1.

Dende ese intre o horario ficou fixado ata xullo de 2007, (recibindo as traducións orixinais de México). A serie clasificada coma a mellor en moitas ocasións en Cartoon Network, na súa páxina de Internet na sección Votatoon; onde sempre Dragon Ball Z gañaba por maioría a clásicos da canle. Grazas á sona que recibiu nacionalmente en moitas canles coma Canal 13, Canal 9 e Magazine dan capítulos pasados, especiais e películas.

A Chile chegou sen previo aviso en 1997 pola canle privada Megavisión (agora Mega). A partir da exhibición de Dragon Ball, numerosos telespectadores fixéronse seguidores da serie e o aparente descoñecemento desta virou en 180º para se transformar en todo un fenómeno de masas nos anos seguintes (concretamente en 1998 e 1999) coas emisións das seguintes sagas. Tamén foi un dos animes para que a canle de cabo etc...tv tivese unha grande audiencia pasando totalmente sen censura tódalas sagas ata 2007. A sona que alcanzou o anime deu paso a que fosen transmitidas varias das súas películas en horario estelar (22:00), máis unha película amosada nos cines nacionais. Emitida a todo o país, a serie mantívose no ar arredor de cinco anos, ata que a última serie de anime, Dragon Ball GT, foi transmitida no verán do 2001. A súa dobraxe foi a mexicana, cun excelente desempeño, case non houbo ningún corte ou censura como si ocorreu noutros países. Déronse tódalas series completas (Dragon Ball, Dragon Ball Z e Dragon Ball GT). A serie foi reemitida en varias ocasións por Mega, aínda que actualmente se transmite pola canle de cabo Cartoon Network, que emite as primeiras sagas (aínda que tamén emitiu DB GT) de luns a domingo.

Colombia

editar

Esta serie viu a luz nas pantallas colombianas da man de Canal 1 que a renomeou "El Dragón Mágico" no ano 1996, durou no ar varios capítulos ata que foi suspendida por aparente falta de audiencia. En 1998, cando RCN e Caracol TV fundaron as súas canles privadas Caracol volveu retomar a emisión, pero dende Dragon Ball Z (co seu nome orixinal) e emitiuse completa ata Dragon Ball GT de luns a venres logo de Pais e Fillos, entre as 2:00 e 4:00 p.m.

A empresa peruana Navarrete publicou varios álbums da serie entre os cales había dous de Dragon Ball, seis de Dragon Ball Z e un de Dragon Ball GT, estes álbums tiveron grande acollida entre afeccionados da serie e curiosos confirmando o grande éxito de Dragon Ball entre os colombianos. Isto tamén se viu entre a mercadoría, coma xoguetes, camisolas, estampados etc.

Cara ó ano 2002 Caracol TV decidiu volvela emitir na faixa infantil das fins de semana onde se emitiu completa pasando varios grupos de capítulos por día, e foi de novo suspendida despois da Semana Santa do 2002, por disposición da Comisión Nacional de Televisión de Colombia que seica prohibiu toda clase de series anime por supostamente promover a homosexualidade e a violencia.

Paga a pena salientar que a maioría de seguidores colombianos viron Dragon Ball grazas a Canal 5 de México ou en America Televisión (Canal 4 do Perú) na TV por subscrición, onde se emitiu por primeira vez completa en Latinoamérica.

A comezos de 2007, na canle nacional City TV de Bogotá, comezou a se transmitir Dragon Ball, de luns a venres de 5:00 a 6:30 p.m. e os sábados e domingos ás 6:00 a.m. Tamén se pode ver pola canle Cartoon Network ás 22:00 de luns a xoves.

En 2007 sacaron as cartas «trilogia» as cales comprenden as tres series de anime, que tiveron boa acollida entre os afeccionados.

No Perú a serie colleitou un grande éxito dende a súa primeira emisión no Canal 5 (Panamericana Televisión) en 1996. Posteriormente foi transmitido polo Canal 4 (América Televisión) onde se emitiu a parte final de Dragon Ball en 1997, Dragon Ball Z en 1998 e Dragon Ball GT no 2000, cando tamén se estreou unha película nas salas de cine. Actualmente (2007) é transmitido dende a saga de Dragon Ball Z polo Canal 4 os sábados no horario das 17.30. É ata agora o anime con maior éxito no país xunto con Sailor Moon, Pokemon, Cabaleiros do Zodíaco e Capitán Tsubasa. Realizáronse 14 álbums da serie (2 de Dragon Ball e as súas 2 reactualizacións, 7 de Dragon Ball Z, 1 de Dragon Ball GT e 1 das 3 sagas) e un álbum das 20 películas da serie, produción da empresa peruana Navarrete. Ademais, dende mediados do 2006 comezouse a transmitir por Cartoon Network Dragon Ball e Dragon Ball Z de 22:00 a 22:45.

Venezuela

editar

En Venezuela a serie tivo un grande éxito dende que se comezou a transmitir en 1997 pola canle de sinal aberto Televen, canda outras series moi populares coma Sailor Moon e Os Cabaleiros do Zodíaco. Despois de Dragon Ball, transmitíronse seguidamente Dragon Ball Z, sendo esta a que alcanzou maior popularidade, e finalmente Dragon Ball GT. As series transmitíronse completamente, sen cortes nin censura, e coa dobraxe mexicana. Na actualidade pódense ver estas series no bloque Toonami, por Cartoon Network, xa que Televen deixou de transmitilas aproximadamente no ano 2003.

República Dominicana

editar

Na República Dominicana a serie comezou a se emitir no verán de 1998 en Telesistema Canal 11, emitindo Dragon Ball en 1998, Dragon Ball Z en novembro de 1999 e Dragon Ball GT en 2002. En pouco tempo, esta serie foi unha das máis exitosas neste país, ata se chamou «A hora dos Saiyans» ás 16:00 cando se transmitían.

Ata a data séguese a transmitir Dragon Ball Z e Dragon Ball GT respectivamente.

Polémicas

editar

Dende a súa saída do Xapón, esta serie viuse rodeada de polémica por mor de diferentes aspectos:

Censura en Europa

editar

A serie foi comprada nun principio por unha televisión francesa, que a distribuíu a toda Europa. Con todo, esta televisión censurou moitas escenas por mor do carácter presuntamente violento ou erótico dalgunhas delas. Estes son algúns dos exemplos:

A censura continuou en Dragon Ball Z. En España, a única cadea que censurou os capítulos máis do que estaban foi Antena 3, chegando a casos nos que un capítulo pasaba a durar 13 minutos (polos case 20 que duran normalmente). Pola súa banda, Canal Sur (canle autonómica de Andalucía) decidiu retirar a serie a metade de emisión.[Cómpre referencia]

Traducións e dobraxe en Galiza

editar

Houbo bastantes erros nas traducións da serie, en boa medida causadas polas incongruencias da tradución francesa, segundo o capítulo do que se trataba:

  • Dragon Balls: Bólas Máxicas, Bólas de Cristal ou Bólas do Dragón.
  • Kame Hame Ha: traducida nas súas primeiras aparicións como Onda Kamehame ou Kame Hame Ka, no resto das series pasou a chamarse Onda Vital.
  • Onda Vital: baixo esta tradución agrúpanse ataques tan diversos coma Kame Hame Ha, Kaioh Ken, Masenko, Big Bang Attack, Makankosappo etcétera.
  • Son Gohan: traducido coma Son Gohanda.
  • Saiyan e Super Saiyan: trocándose ámbolos dous conceptos, chamados segundo o momento, o inimigo, guerreiros do espazo, super guerreiros etcétera.
  • Kakarotto: o verdadeiro nome de Son Goku era traducido como Kákalot, Kákarot, ou simplemente Son Goku. Nalgunhas ocasións substituíase por pallaso.
  • Vegeta: Vexeta (adaptado á grafía e fonética galegas de Vegeta).
  • Trunks: Toranks (pronunciado seguindo a fonética xaponesa de Trunks).
  • Kaioh Sama: Kaido ou Kaio son algúns dos seus nomes.
  • Kaioh Shin: Deus Neptuno ou Shin.
  • Máxico Boo: O Gran Bu ou O Máxico Bu.
  • Gotenks: Son Gotoranks.
  • Vegetto: Vexekou.

Violencia e outras polémicas

editar

Aínda que durante a súa emisión nas cadeas autonómicas españolas xa levantara certa polémica, foi trala súa chegada a Antena 3 cando levantou moitas protestas por parte de diversas asociacións de espectadores, que consideraban que esta serie exalta a violencia, a competitividade e o sexismo, polo que pediron reiteradamente a súa retirada.[Cómpre referencia]

En 2005, un estudo[3][4] da Universidade de Valladolid comparou esta serie con David o Gnomo. Segundo a investigación, "mentres os participantes non tiveron ningunha dificultade para sinalar as motivacións das personaxes de David o gnomo, e onde e en que momento da historia se atopaban, eran incapaces de situar correctamente os seus homólogos de Dragon Ball e de explicar as súas accións e intencións"; e segundo dixo un dos responsábeis do estudo, Jesús Bermejo, isto pode contribuír a que o neno entenda a vida coma un collage. O estudo foi realizado con 500 nenos, descoñécese de que idades. Os seguidores da serie replican que Dragon Ball é unha serie xuvenil que non se pode comparar con series infantís coma David o Gnomo.

Comercialización

editar

Dragon Ball, como a serie famosa que é, tivo moita comercialización de todo tipo, dende 1985 ata a actualidade. Pero, non só no Xapón, senón por todo o mundo, cousa infrecuente naquela época.

Publicacións

editar

Son varios os especiais que lle foron dedicando as diversas revistas españolas ó longo da historia. Ademais o primeiro Daizenshu foi traducido ó castelán por Planeta DeAgostini.

Destaca o libro La Biblia de Dragon Ball, realizado por Vicente Ramírez no 2004 e publicado pola editorial Dolmen.

Videoxogos

editar
  1. CRTVG (ed.). "As bólas máxicas na TVG". Consultado o 4 de xullo de 2017. 
  2. "Conheça o romance chinês que inspirou Dragon Ball". UOL. Consultado o 21-1-2022. 
  3. Bermejo, J. (2005). Narrativa audiovisual: investigación y aplicaciones. Madrid: Pirámide.
  4. "Un estudio de la Universidad de Valladolid ha comparado 'Bola de dragón' con 'David el gnomo'" (en castelán). 30 de maio de 2005. Arquivado dende o orixinal o 4 de marzo de 2006. Consultado o 12 de xullo de 2018. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
INTERN 1
todo 18