Elgin Baylor
Elgin Gay Baylor, nado en Washington, D.C. o 16 de setembro de 1934 e finado nos Ánxeles o 22 de marzo de 2021,[1] foi un xogador e adestrador de baloncesto estadounidense da década de 1960. Os seus trece anos como profesional transcorreron no equipo de Minneapolis Lakers, cos que se trasladou á cidade dos Ánxeles en 1960.
Traxectoria deportiva
editarA súa carreira universitaria iniciouse, grazas a unha bolsa, no College de Idaho, pero unha serie de problemas fixeron que ao ano seguinte recalase na Universidade de Seattle, á cal levou á final da NCAA en 1958, que perderon ante Kentucky. Foi elixido no quinteto ideal do campionato ese mesmo ano. Durante o seu tres anos como colexial, conseguiu unha destacada media de 31,3 puntos por partido.
NBA
editarOs Lakers usaron a primeira elección do Draft da NBA de 1958 para seleccionarlle un ano antes de que acabase a súa carreira. O equipo levaba varios anos sen levantar cabeza desde a retirada do gran George Mikan, e asinou un contrato por 20.000 dólares, unha cifra astronómica para a época. E non defraudou, xa que na súa primeira tempada conseguiu acabar como cuarto máximo anotador da liga con 24,9 puntos por partido, terceiro en rebotes (15 por partido) e oitavo en asistencias (4,1 por partido). Foi elixido Rookie do Ano e o seu equipo chegou ás finais desa tempada, onde caeron ante os Boston Celtics. Durante toda a súa carreira, axudou aos Lakers a chegar a 8 finais da NBA, aínda que nunca conseguiu o anel de campión.
En 1960 conseguiu o que era un récord até entón, xa que anotou 71 puntos nun partido, sendo máis tarde superado. O que con todo mantén é o de 61 puntos nun partido dunha final da NBA. Retirouse na tempada 1971-72 debido a unha lesión de xeonllo, o cal conduciu a dúas grandes ironías do destino: o primeiro partido sen Baylor dos Lakers supuxo o inicio dun refacho de 33 partidos gañados consecutivamente, récord de todos os tempos na NBA, e, ademais, a tempada seguinte o seu equipo logrou por fin conseguir o campionato que a el se lle negou durante toda a súa carreira.
Adestrador e executivo
editarEn 1974 asumiu o cargo de adestrador asistente dos New Orleans Jazz, pasando máis adiante a ser o adestrador xefe. Mantívose no posto até 1979. En 1986 foi nomeado Vicepresidente do equipo de Los Angeles Clippers, cargo que ostentou até outubro de 2008. Foi nomeado Executivo do ano da NBA en 2006.
Logros persoais
editar- Rookie do Ano en 1959
- Elixido no Mellor quinteto da NBA en 10 ocasións
- 11 veces All Star
- Mantén a marca de máis puntos nun partido dunha final de NBA con 61 puntos.
- Ten a terceira mellor media de puntos de toda a historia, con 27,3.
- Elixido un dos 50 mellores xogadores da historia da NBA en 1996
- Membro do Basketball Hall of Fame
- Foi elixido pola revista estadounidense Slam como o 11º mellor xogador da historia da NBA
Notas
editar- ↑ "Hall of Famer Elgin Baylor dies at 86". kstp.com (en inglés). 2021. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2021. Consultado o 7 de abril de 2021.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Ficha de Baylor en NBA.com
- Fotos de Elgin Baylor Arquivado 27 de xullo de 2009 en Wayback Machine.
- Páxina de Baylor na web do Hall of Fame
- Estatísticas de Elgin Baylor Arquivado 25 de maio de 2012 en Wayback Machine.