Escudo de España

O escudo de España é o símbolo heráldico que representa o Reino de España. Como símbolo institucional está regulado e é usado polo Goberno e institucións derivadas. O Xefe de Goberno e ministerios utilizan o mesmo símbolo, mentres que o rei Filipe VI ostenta outro escudo tamén regulado oficialmente.

Modelo oficial de uso institucional do escudo de España.

O escudo de España réxese pola Lei 33/1981[1] (sancionada o 5 de outubro), que o brasona nos termos pertinentes.

Modelo oficial do escudo

editar

Á lei que lexislou o brasón acompañaron con celeridade dous Reais Decretos.

O Real Decreto 2964/1981 de 18 de decembro[2] que establece o modelo oficial do escudo de España, o seu uso e tamaño.

Cromatismo do modelo oficial do escudo

editar

O Real Decreto 2267/1982 de 3 de setembro[3] no que se fai a especificación técnica das súas cores. Estas cores están definidas nos sistemas internacionais CIELAB e CIE-1931. O Manual de Imagen Institucional da administración estatal establece que a forma "preferente" de reprodución do escudo cando se faga a cor, sexa "cunha gama de oito cores que deberá aplicarse nunha formulación ou outra, dependendo do medio ou soporte que se utilice".[4]

Elementos e cuarteis do escudo

editar

  Timbre: a Coroa real simboliza a soberanía nacional.

  As columnas: as columnas de Hércules, incorporadas no escudo por Carlos I, flanquean o escudo e soportan o lema: Plus Ultra (Máis Alá). As columnas están coroadas polas coroas imperial do Sacro Imperio Romano Xermánico e real española respectivamente, que representan o pasado histórico como imperio e reino do país.

  • Cuarteis:

  Primeiro cuartel: armas do Reino de Castela.

  Segundo cuartel: armas do Reino de León.

  Terceiro cuartel: armas da Coroa de Aragón.

  Cuarto cuartel: armas do Reino de Navarra.

  Entado: armas do Reino cristián de Granada.

  Escusón: armas da Casa de Borbón en España.

Historia do Escudo

editar

O primeiro dos escudos considerado como escudo de España é o elixido por Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela como armas comúns en 1475, coa aguia de San Xoán como soporte. Neste escudo quedaban representadas as dúas maiores entidades políticas existentes na Península Ibérica a finais do século XV: as coroas de Castela e Aragón, .

Como resultado da política de alianzas matrimoniais dos Reis Católicos, trala morte de Fernando en 1516, herda as Coroas de Castela e Aragón o seu neto Carlos de Habsburgo. As súas armas engaden ás de Castela, León, Aragón, Dúas Sicilias e Granada, presentes no escudo anterior, as de Austria, Borgoña antigo, Borgoña moderno, Brabante, Flandres e Tirol. Tamén incorporou as columnas de Hércules coa lenda Plus Ultra en representación do Imperio ultramarino, e rodea o escudo co colar do Vélaro de Ouro como soberano da Orde.

Tras ser coroado Emperador en 1519, timbra o escudo coa coroa imperial e acola a aguia bicéfala do Sacro Imperio Romano-Xermánico. A partir de 1520 engade ao cuartel de Aragón e Sicilia outro coas armas de Xerusalén, Hungría e Navarra.

Os seus sucesores descargan o escudo de ornamentos externos, substituíndo a coroa imperial pola real aberta, pero mantendo o Vélaro.

En 1580 Filipe II de España incorporou as armas de Portugal, que se mantiveron até a independencia portuguesa en 1668.

Coa chegada da dinastía dos Borbóns trala Guerra de Sucesión, Filipe V mantén os elementos do anterior escudo, pero cambia o deseño e distribución, engadindo os lises da Casa de Borbón, coa bordura en goles (usada polos Duques de Anjou) para distinguirse dos franceses. Con frecuencia o escudo adopta forma ovalada ou redondeada, seguindo a moda francesa. O deseño da coroa modernízase, adoptando a forma actual, de oito floróns, reservando a de catro para o príncipe de Asturias.

Carlos III levou a cabo unha importante reforma no escudo en 1761. Amais de introducir as armas dos Ducados de Parma-Farnesio e Toscana-Médicis en representación da súa herdanza italiana, substituíu o Colar da Orde do Espírito Santo (introducido por Filipe V) polo da Orde de Carlos III, creada por el mesmo, mantendo o Vélaro de Ouro. A nova dinastía concede maior preeminencia á Coroa de Castela, ocupando as armas de Castela e León a posición central no escudo.

Xosé I dividiu o escudo en seis cuarteis (Castela, León, Aragón, Navarra, Granada e as Indias), representado por dúas esferas terrestres flanqueadas polas columnas de Hércules, e engadiu sobre o todo un escusón de azur coa aguia dos Bonaparte en ouro.

Fernando VII recuperou o escudo completo de Carlos III, pero mantendo a forma exterior de Xosé Bonaparte.

Trala revolución de 1868 o Goberno Provisional do xeneral Serrano solicitou un informe á Real Academia da Historia para a elaboración dun novo escudo de carácter nacional, xa que até entón se utilizara o escudo de armas dos monarcas. Nel non figuraron os cuarteis alleos a España que correspondían con antigos dominios da Corona, e reintegra o escudo de Navarra que Fernando VII retirara. Elimináronse as armas de Nápoles-Sicilia, Austria, Brabante, Flandres, Tirol, Parma, Toscana e as antigas e modernas de Borgoña. Tamén desapareceu o escusón central da dinastía reinante e os colares das ordes do Vélaro de Ouro e de Carlos III e a Cruz de Borgoña. A coroa real foi substituída por unha mural (para non prexulgar a forma política do Estado). Recuperáronse as columnas de Hércules.

Durante a II República mantívose este escudo, pero sen a coroa que cinguía o león do segundo cuartel.

Baixo o reinado de Amadeu de Savoia recuperouse a coroa real e incorporouse o brasón da Casa de Savoia.

Durante a Restauración borbónica recuperouse o seu escusón na parte central do escudo, así como as antigas armas reais desaparecidas en 1868. Durante este período os adornos exteriores foron diversos, dando lugar a numerosas versións.

Artigo principal: Simboloxía do franquismo.

Durante o franquismo recuperouse o deseño dos Reis Católicos, substituíndo o cuartel de Dúas Sicilias polo de Navarra. Incorporáronse as columnas de Hércules e a cinta co lema Plus Ultra, e a divisa de "Tanto Monta" usada polos Reis Católicos foi substituída por "Una, Grande y Libre". Existen dous modelos oficiais: o de 1938 (aprobado o 2 de febreiro de 1938 na zona nacional) e o de 1945 (aprobado o 11 de outubro de 1945). O 21 de xaneiro de 1977 aprobouse un novo, cun brasón semellante ao dos Reis Católicos.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
admin 2
INTERN 1
todo 2