Fachada das Pratarías

fachada sur da catedral de Santiago de Compostela

A fachada das Pratarías é a fachada meridional do cruceiro da catedral de Santiago de Compostela.

Fachada das Pratarías
Fachada das Pratarías.
Presentación
LocalizaciónCatedral de Santiago de Compostela
Coordenadas42°52′49″N 8°32′40″O / 42.88028, -8.54444
Estilorománico e gótico
Construción
Inicio1103
Data da construción1117

Historia e características

editar

Edificouse entre 1103 e 1117 e contén, ademais dos relevos románicos orixinais, outros procedentes dunha porta que nunca se chegou a edificar e da fachada do Paraíso. A fachada das Pratarías sufriu un incendio en 1117 durante un ataque dos burgueses contra Diego Xelmírez e outro nas mediadas do século XV. En 1884 Antonio López Ferreiro colocou nesta portada unha serie de estatuíñas que procedían do coro do mestre Mateu.

A fachada das Pratarías debe o seu nome aos obradoiros de prata que existían no lugar.

No tímpano da porta esquerda aparece o Cristo tentado por un grupo de demos. Nas xambas aparecen santo André e Moisés. No contraforte esquerdo, o bíblico rei David sentado no seu trono coas pernas cruzadas translucidas a través da fina tea da súa roupa e tocando unha viola, personifica o triunfo sobre o mal sendo unha obra destacada do románico esculpida polo Mestre de Praterías, a creación de Adán e Cristo abenzoando. Todas estas figuras proceden da fachada románica norte ou do Paraíso (actual fachada da Acibecharía) e foron colocadas nesta fachada no século XVIII.

No tímpano da porta dereita aparecen varias escenas da paixón de Cristo. Nunha das xambas aparece a inscrición que conmemora a colocación da primeira pedra: ERA / IC / XVI / V IDUS / JULLII (11 DE XULLO DE 1078). Unha imaxe, non identificada, sobre un raposo que engole unha lebre e, fronte a esta, unha muller mal vestida cun animal no colo, proceden doutro lugar. Apoiadas no muro da torre da Berenguela aparecen outras imaxes que representan a creación de Eva, Cristo nun trono e o sacrificio de Isaac.

Das once columnas inferiores desta fachada, tres son de mármore (a central e as extremas) e o resto de granito. Na central aparecen as figuras de doce profetas e nas laterais os apóstolos.

Para o friso tamén se aproveitaron algunhas das figuras da porta da Acibechería. Dous leóns, sobre os que repousa un crismón e unha figura descoñecida, apóianse sobre a columna central. Nun medallón aparece o Pai Eterno (ou a Transfiguración), coas mans abertas e rodeado por dous anxos que tocan cornos. No centro do friso aparece Cristo abenzoando acompañado do Apóstolo Santiago e de seis figuras máis, as colocadas por Antonio López Ferreiro. Tamén aparecen santo André, a Virxe e máis o Neno e catro apóstolos e un anxo. Á dereita de Santiago está san Xoán, unha escena da expulsión de Adán e Eva do Paraíso e outras figuras soltas, incluído un centauro.

O friso sepárase do corpo superior por un tornachoivas sostido por canzorros grotescos. As dúas xanelas están adornadas por arquivoltas. Os arcos interiores están descentrados por causa das reformas realizadas no século XIII. Á esquerda hai unha grande cuncha que sostén a escaleira de acceso ao primitivo tesouro.

Orixinariamente había dúas torres románicas a ambos os dous lados desta fachada (só se conservan os alicerces dunha delas, sobre a que se ergueu a Torre do Reloxo) e o tema da portada era o do Mesías.

 
A adúltera.[1]

A muller adúltera

editar

No tímpano da porta esquerda aparece unha muller sentada cunha caveira nas mans, coñecida popularmente como a muller adúltera. Recibe esta denominación pola descrición que fai Aimery Picaud na súa interpretación do Codex Calixtinus (libro V, cap. IX) [2]:

E non vai relegarse ó esquecemento que xunto á tentación do Señor está unha muller sostendo entre as mans a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio home, quen a obriga dúas veces ó día a bicala. ¡Oh, que grande e admirable castigo da muller adúltera por contárllelo a todos

Outros expertos dubidan desta interpretación e propoñen outros significados: un signo zodiacal (segundo Bertaux), a alegoría da luxuria (segundo Weisbach), a Madalena (Gaillard) ou a figura de Eva cuxo pecado xerou a morte (Azcárate). Esta última explicación apoiaríase na presenza no tímpano da porta dereita da figura da Virxe, xeradora de vida.

Unha última interpretación, de Francisco Xabier Ocaña Eiroa [3], nega calquera destes simbolismos e parte da base de que a figura foi colocada alí para restaura-los danos que sufrira a portada das Pratarías nunha revolta popular en 1117, o que explica o feito de te-lo seu lado esquerdo recortado para acomodala ó espazo e á curva da arcada. Para este autor, a figura representa a beleza e xuventude da muller, enfrontada á realidade da morte.

Galería de imaxes

editar
  1. Moralejo, Serafín: "ADÚLTERA, A", na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  2. A cita está tomada da Gran Enciclopedia Galega, 2003, s. v. adúltera.
  3. 30 artigos sobre o Camiño de Santiago (1999). Nunha restauración que se fixo na Portada en 1993 comprobouse que a peza era de distinta cor ás do resto do tímpano.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar


  NODES
todo 2