Floorball
O floorball é un deporte de equipo no que se enfrontan dous equipos de seis xogadores cada un (cinco xogadores de campo e un porteiro). Os xogadores empregan uns paus de plástico ou sticks para conducir e golpear unha pelota de plástico oca e furada de 72 mm de diámetro. Este deporte practícase nunha pista pechada por un pequeno valo e dúas pequenas porterías. O floorball é unha modalidade deportiva moi popular en países como Suecia, Finlandia, Suíza, República Checa, Noruega, Dinamarca, Singapur, Xapón e Taiwán.
O floorball recibe diversos nomes nos diferentes países nos que se xoga como unihockey en Suíza, innebandy en Suecia e Noruega ou Salibandy en Finlandia.
O xogo
editarNo floorball enfróntanse dous equipos integrados por cinco xogadores de campo (que portan un stick cada un), e un porteiro (xoga sen stick) cada un, os xogadores de campo empregan un pau ou stick para conducir e golpear a pelota dentro da portería contraria e anotar un gol, cada gol vale un punto, e gaña o equipo que máis goles consiga anotar. Os partidos están compostos por tres períodos de 20 minutos cada un e 10 minutos de descanso entre eles, agás en partidos xogados por menores de 14 anos, nos que hai dous períodos de 20 minutos e un descanso de 10 minutos.
Os xogadores poden ser substituídos en calquera momento e tantas veces como se queira, mais o xogador substituído debe abandonar o terreo de xogo antes que o xogador que o substitúe.
O xogo pode ser interrompido cando a pelota rompe, se hai unha lesión, por un gol ou un penalty. Cando o xogo se continúa efectúase un saque neutral no punto no que estaba a pelota no momento no que se parou o xogo.
O floorball é un deporte sinxelo e rápido, practicado por persoas de diversas idades de ámbolos dous sexos.
Algunhas normas básicas do xogo
editar1. O porteiro non pode reter a pelota máis de 3 segundos e non pode saír da zona de gol, mais si que pode tocar a pelota con calquera parte do corpo.
2. Cando se lanza un golpe franco os opoñentes deben situarse a 3 m da pelota.
3. Se a pelota sae do terreo de xogo (fóra do valo), o outro equipo pode continuar o xogo a 1 m do punto por onde saíu.
4. A pelota pode ser golpeada co pé, mais só unha vez e sen pasarlla a ningún compañeiro.
5 Pódese xogar a pelota polo aire sempre que sexa baixo a altura dos xeonllos.
6. Non se pode entrar en contacto físico co contrario.
7. Non se permite o xogo sen stick.
Está permitido:
- Quitar a pelota a un opoñente sen golpear o seu stick.
- Meter o stick na área de gol.
Non está permitido:
- Entrar na área pequena da portería se se é un defensor.
- Mover a portería para evitar un gol.
Outras accións: Logo de marcar un gol o xogo reiníciase cun face-off no centro do campo.
Os penaltis se executan como no hóckey sobre xeo: o xogador pode avanzar coa pelota dende o centro do campo e dispara, ou pode tentar canear ao porteiro. Non está permitido que a pelota retroceda nin se pare unha vez posta en movemento.
Historia
editarO floorball ten as súas orixes nos Estados Unidos durante a segunda metade do século XX. Xurdiu como unha práctica derivada do hóckey sobre xeo que se empregaba nas escolas por ser menos perigoso que o hóckey sobre xeo e por non precisar de patíns nin pista de xeo. Rapidamente este deporte se difundiu por todo o país, celebrándose en 1962 en Míchigan o primeiro campionato de floorball.
Terreo de xogo
editarO floorball practícase nunha pista rectangular de dous tamaños distintos:
- Menores de 16 anos: O terreo é de 24 metros de longo por 15 de ancho. A área da portería é de 3 metros de ancho por 4 metros de longo.
- Maiores de 16 anos: O terreo é de 40 metros de longo por 20 de ancho. A área da portería é de 4 metros de ancho por 5 metros de longo.
O terreo de xogo, chan, está arrodeado por unha parede de medio metro de altura coa que se pode xogar.
Dentro da cancha hai dúas porterías situadas en cada extremo do campo, cuxas medidas son 160 cm de ancho, 115 cm de alto e 65 cm de profundidade.
Equipamento
editar- Os paus ou sticks son de plástico duro e resistente e non supera os 1,23 metros, ademais o seu ancho debe ser menor de 100 cm e o seu diámetro de 6,6 cm. Ten un peso de 480 g. Tódolos xogadores teñen stick agás o porteiro. Os sticks empréganse para conducir e golpear a pelota.
- A pelota ten que ser redonda, oca e branca. A pelota está feita de plástico e ten 26 buratos de 10 mm de diámetro, o seu diámetro é de 72 mm e o seu peso de 55 g. Hai rexistros de pelotas que teñen acadado os 200 km/h.[1]
- A vestimenta dos xogadores é similar á empregada noutros deportes como o fútbol ou o rugby, cunha camiseta, pantalóns curtos, medias e calzado deportivo para interior. Ademais aos xogadores se lles permite empregar distintos tipos de proteccións como espinilleiras ou proteccións oculares, aínda que a meirande parte dos xogadores non o fan. Os lentes de protección son obrigatorios nalgúns países para os xogadores de categoría júnior.
- Os porteiros empregan escasas proteccións como pantalóns acolchados, un protector de peito acolchado e un casco, se ben tamén se lles permite empregar outros tipos de protección como xeonlleiras e proteccións para os cóbados, aínda que as proteccións voluminosas están prohibidas. Os porteiros non empregan sticks, senón que utilizan as súas mans para tocar a pelota.
Notas
editar- ↑ [1] Arquivado 13 de decembro de 2011 en Wayback Machine., Floorball U: No Limits — New World Record