Grifón
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2017.) |
Un grifón[1] (do grego γρυφος, gryphos, persa شیردال shirdal, "león-aguia") é unha criatura mitolóxica, coa parte superior dun aguia xigante, con plumas douradas, pico afiado e poderosas garras, e a parte inferior dun león, con pelaxe amarela, patas musculosas e cola. Algúns grifóns aparecen representados con orellas bicudas ou plumas na cola.
Segundo a mitoloxía é oito veces maior e máis forte ca un león común, capaz de coller coas súas garras un xinete co seu cabalo ou un par de bois. Coas súas garras adóitanse facer copas para beber, e coas súas costelas arcos para tirar frechas.
Orixe do mito
editarUnha hipótese estima a súa orixe nos numerosos restos fósiles de dinosauros da familia Ceratopsidae atopados en gran número nos desertos de Asia Central, especialmente en Mongolia. Estes esqueletos esmagados, de boca en forma de pico ganchudo, amplos osos escapulares, cola longa e patas con pezuños de varios dedos, puideron dar lugar a unha reinterpretación, converténdose en criaturas mitolóxicas a falta dun referente real.
As primeiras representacións aparecen en Oriente Próximo, en pinturas e esculturas da antiga Babilonia, Asiria e Persia.
Unha lenda grega relata que o deus Apolo fora buscar grifóns e regresara cabalgando sobre o lombo dun deles. Estaban consagrados a Apolo e vixiaban os seus tesouros para protexelos dos Arimaspos. Tamén custodiaban os cráteres de viño de Dioniso.
Un mito máis recente conta que se encargaban de velar o ouro que había nos desertos do norte da India, en parte para protexer as súas crías, xa que tiñan os seus niños nas montañas nas que se extraía o metal.
Os romanos usábano simplemente con propósitos decorativos en frisos e patas de mesa, altares e candelabros. A súa imaxe foi usada nos primeiros tempos do cristianismo nos bestiarios (ou alegorías de animais) de san Basilio e san Ambrosio. Tamén aparecen en gárgolas da arquitectura gótica da baixa Idade Media.
O grifón é tamén un emblema en heráldica, coma o unicornio, o león ou o hipogrifo. Representa convencionalmente a forza, o valor e a vixilancia.
Representación na arte en Galiza
editarDurante a Idade Media era frecuente representar seres mitolóxicos tanto en esculturas como en imaxes nos libros.
Na catedral de Santiago de Compostela hai dous grifóns no capitel do deambulatorio, e outros dous nun capitel do muro sur.
No concello de Silleda hai cinco imaxes na igrexa de Santiago de Breixa, outra na parroquia do San Mamede de Castro, e dous afrontados en Escuadro. Outros dous na igrexa de Santa María de Herbón (Padrón) e Bembibre (Taboada). En Ferreira de Negral (Palas de Rei) aparece un grifón enfrontado a un basilisco, e en Santa María de Cambre aparece xunto á psicostasia. Tamén hai imaxes de grifóns nun canzorro da igrexa de Santa María Salomé de Santiago, nun capitel de San Salvador de Asma (Chantada), San Pedro de Portomarín, Sucastro e Fufín (Monterroso), e na igrexa de San Domingos de Ribadavia.
Na parte exterior do muro lateral da capela maior da catedral de Ourense hai un grifón, e varios nun capitel do cruceiro da catedral de Tui.
Na basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) hai un grifón moi grande enfrontándose a un home con túnica curta e unha lanza longa[2]. Tamén aparece loitando contra un home en Requeixo (Chantada) e Carboentes (Rodeiro).
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grifón.
- ↑ Yzquierdo Perrín, R.: Galicia Arte (tomo X, Arte medieval (I), p. 517). A Coruña, 1993. Hércules de Ediciones.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grifón |
Bibliografía
editar- López Bernárdez, C. e Mariño Ferro, X. R.: Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega. Nigra Trea, Vigo 2004.