Guillerme V de Orange-Nassau
Guillerme V de Orange-Nassau (en neerlandés: Willem V van Oranje-Nassau), nado o 8 de marzo de 1748 na cidade surholandesa da Haia e finado o 9 de abril de 1806 na localidade baixosaxoa de Brunswick, membro da casa de Orange-Nassau, príncipe de Nassau-Dietz, príncipe de Orange, príncipe de Fulda e conde de Corvey, foi o derradeiro estatúder das Provincias Unidas, entre 1751 e 1795.[1]
Xenealoxía
editarGuillerme V era fillo de Guillerme IV de Orange-Nassau (1711-1751), príncipe de Nassau-Dietz e de Orange-Nassau, e de Ana de Hannover (1709-1759), princesa real de Gran Bretaña e Irlanda, e rexente das Provincias Unidas (1751-1759).[2]
O 4 de outubro de 1767 casou en Berlín con Guillermina de Prusia (1751-1820), sobriña de Frederico II, irmá de Frederico Guillerme II e neta de Frederico Guillerme I de Prusia.
Deste matrimonio naceron cinco fillos:
- Fillo falecido cun día de vida, príncipe de Nassau (1769).
- Luísa Federica Guillermina, princesa de Nassau (1770-1819)
- Fillo natimorto (1771).
- Guillerme Frederico (A Haia, 24 de agosto de 1772 - Berlín, 12 de decembro de 1843), príncipe de Orange-Nassau, gran duque de Luxemburgo, que foi posteriormente rei dos Países Baixos (1815-1840) co nome de Guillerme I.
- Guillerme Xurxo Frederico, príncipe de Nassau (1774-1799).
Traxectoria
editarRexencia e nomeamento como estatúter
editarO pai de Guillerme V de Orange-Nassau faleceu en 1751, cando el tiña unha idade de tres anos. En 1766, ao cumprir a maioría de idade, converteuse no novo estatúder das Provincias Unidas logo dun período de rexencia encabezado, sucesivamente, pola súa nai, Ana de Hannover (1751-1759), a súa bisavoa, María Luísa de Hesse-Kassel (1759-1765), e a súa irmá, Carolina de Orange-Nassau (1765-1766).
Desde o principio, Guillerme V confiou os asuntos políticos ao duque Luís Ernesto de Brunswick-Wolfenbüttel, cuñado do rei Frederico II de Prusia, o que ocasionou unha vehemente oposición do partido patriota. O duque de Brunswick foi quen promoveu o casamento do estatúder coa sobriña do monarca prusiano, Guillermina de Prusia.
Relacións internacionais
editarGuillerme V mantivo a neutralidade das Provincias Unidas durante a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, liderando a facción probritánica do Goberno holandés e bloqueando os intentos da facción prorevolucionaria (e posteriormente profrancesa) de levar o goberno a declarar a guerra a Gran Bretaña. No entanto, non foi quen de evitar as hostilidades entre holandeses e británicos cando o intento das Provincias Unidas de unírense á Liga de Neutralidade Armada, dirixida por Rusia, provocou o estoupido da cuarta guerra anglo-holandesa, en 1780.[3][4] As Provincias Unidas non recoñeceron a independencia dos Estados Unidos ata 1782, logo dun intenso debate político e dun esforzo diplomático de franceses e estadounidenses.
Despois de catro anos, a guerra terminou coa derrota holandesa e co país empobrecido. Un grupo de xente nova revolucionaria chamado "facción dos patriotas" desafiou a autoridade de Guillerme V.[5] Ante os tumultos, Guillerme decidiu trasladar a súa corte a Güeldres, unha provincia arredada do centro político, pero non realizou accións decisivas contra os seus adversarios, malia as advertencias da súa esposa, Guillermina, que pretendía viaxar á Haia e restablecer a orde. Guillermina foi detida polos patriotas e obrigada a regresar a Güeldres co seu home. Para Guillermina e o seu irmán, Frederico Guillerme II de Prusia, esta acción dos revolucionarios holandeses constituíu un insulto, e Frederico enviou un exército prusiano para atacar os disidentes. Os patriotas holandeses fuxiron daquela a Francia, á que chegaron durante a caída do rei Lois XVI e o ascenso do "poder do pobo". Guillerme V amosouse hostil ante a Revolución Francesa e aliouse co resto das monarquías europeas para deter os revolucionarios.
Apoiados polo exército francés, os "patriotas" holandeses regresaron desde París para estender a revolución. Derrotadas as tropas leais ao estatúder na actual Bélxica, o seu país sufriu a conseguinte invasión francesa.
Exilio en Gran Bretaña
editarAo non poder repeler a invasión, o 12 de xaneiro de 1795 fuxiu a Inglaterra, entanto que no seu país se establecía, baixo a protección francesa, a República Bátava.[6][7] Desde Inglaterra deu instrucións para que as colonias holandesas (que daquela incluían Xava, Malaca e as illas Molucas) fosen cedidas aos británicos e non caesen nas mans francesas.
En 1801, mediante o Tratado de Lunéville, que legalizou a anexión do sur das antigas Provincias Unidas por Francia, recibiu en compensación as terras das abadías de Corvey e Fulda, en Alemaña, que legou ao seu fillo en 1802.
O que foi o derradeiro estatúter holandés morreu durante o seu exilio en 1806, logo de trasladarse coa súa familia á cidade de Brunswick, actualmente en Alemaña. Os seus restos descansan na cripta real da familia Orange-Nassau na Igrexa Nova de Delft.[8]
En 1813 o seu fillo Guillerme regresou ás Provincias Unidas para lle devolver á Casa de Orange-Nassau o poder e, co tempo, asumir o título de rei dos Países Baixos.[9]
Títulos
editar- Estatúder xeral das Provincias Unidas.
- Príncipe de Orange-Nassau.
- Marqués de Veere e Vlissingen.
- Conde de Buren, Culemborg, Leerdam e Vianden.
- Vizconde de Anveres.
- Barón de Aggeris, Breda, Cranendonck, Cuijk, Dasburg, Eindhoven, Grave, De Lek, IJsselstein, Diest, Grimbergen, Herstal, Warneton, Arlay e Nozeroy.
- Señor de Ameland, Baarn, Bredevoort, Borculo, Dasburg, Geertruidenberg, Hooge en Lage Zwaluwe, Klundert, Lichtenvoorde, Liesveld, Het Loo, Montfort, Naaldwijk, Niervaart, Polanen, Steenbergen, Sint-Maartensdijk, Soest, Ter Eem, Turnhout, Willemstad, Zevenbergen, Bütgenbach, Saint-Vith e Besançon.
Notas
editar- ↑ "Willem V van Oranje-Nassau (1748-1806)". En AbsoluteFacts.nl (en neerlandés)
- ↑ Xenealoxía de Guillerme V de Orange-Nassau (en castelán)
- ↑ "Texto da declaración rusa de neutralidade armada (1780) Arquivado 08 de agosto de 2020 en Wayback Machine." (en inglés)
- ↑ "League of Armed Neutrality" (en inglés)
- ↑ Schama, Simon. Patriots and Liberators. Revolution in the Netherlands 1780-1813. Vintage Books. 1992 [ISBN 978-0679729495] (en inglés)
- ↑ Israel (1995), Páxina 1.121.
- ↑ "Batavian Republic". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
- ↑ "Cripta Real Arquivado 13 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Na web oficial da Igrexa Nova de Delft (en castelán)
- ↑ "William V Prince of Orange and Nasssau". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guillerme V de Orange-Nassau |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Herbert H. Rowen. The Princes of Orange: The Stadholders in the Dutch Republic. Cambridge, Cambridge University Press, 1988. [ISBN 978-0-52134-525-5] (en inglés)
- Israel, Jonathan I. The Dutch Republic: Its Rise, Greatness, and Fall 1477-1806, 1998. Clarendon Press. 1995 [ISBN 978-0-19820-734-4] (en inglés)
Ligazóns externas
editar- Biografía da familia Orange-Nassau (en castelán)