Hardcore punk
O hardcore punk é un subxénero do punk rock orixinado nos Estados Unidos e Inglaterra a finais dos anos 70. Emerxeu cando as primeiras bandas do movemento punk rock foron desaparecendo ou cambiando cara diferentes xéneros, facéndose os punks que ficaban un grupo máis underground e cohesionado. Estilisticamente o son é normalmente máis duro e rápido que o do punk rock dos 70. Está caracterizado por cancións curtas, con ritmos 2 por 2, ruidosas e apaixonadas nas que as liñas de guitarras son executadas rapidamente, con poucos arranxos e distorsionadas, o baixo xeralmente fai a mesma nota do acorde da guitarra (sen escalas ou con oitavas) e a voz é case berrada. Tamén se fai unha negación da estrutura verso-refrán-verso.
Hardcore punk | |
---|---|
Orixe musical | punk rock |
Orixe cultural | principios dos 80 en Norteamérica |
Instrumentos típicos | Voz, guitarra, baixo, batería |
Derivados | rock alternativo, grunge, emo, post-hardcore |
Subxéneros | |
hardcore cristián - crust punk - d-beat - grindcore - hardcore melódico - powerviolence - skate punk - thrashcore - youth crew | |
Xéneros de fusión | |
crossover thrash - funkcore - metalcore | |
Así mesmo, o discurso político vai mudar con respecto ao punk anterior. Fronte ao discurso acusado por algúns de nihilista e que supuña unha crítica destrutiva da sociedade (o no future dos Sex Pistols, ou o I don't care dos Ramones), o hardcore propoñía en principio novas temáticas, cunha crítica que segundo moitos se volvía construtiva. Temas como a política, a liberación persoal, o straight edge, o veganismo/vexetarianismo, a guerra ou a actitude mental positiva (PMA nas súas siglas en inglés) son algunhas das teimas máis recorrentes no hardcore. Porén habería que indicar en relación a isto, que o hardcore adoita ser acusado de sectarismo, precisamente por adoptar unha posición tan belixerante en moitos destes temas na procura dunha "pureza" difícil de acadar.
O hardcore influenciou a un bo feixe de xéneros que posteriormente chegaron a un público máis xeral, como o metalcore, o grunge, othrash metal, o emo ou o post-hardcore.
Orixes
editarNorteamérica
editarA finais dos anos 70, unha serie de bandas, en particular nas cidades costeiras do sur de California, mais tamén en Washington, D.C., Nova York, Míchigan e Boston (Estados Unidos), formadas por adolescentes dos suburbios, construíron unha escena punk máis extrema (tanto no aspecto musical como no fáctico) comparada coas variantes que triunfaban noutras zonas do país e do resto do mundo. Este movemento foi bautizado co nome de hardcore, literalmente núcleo duro.
A orixe da palabra é un tanto incerta. Segundo parece, nun primeiro momento este termo era empregado máis como un adxectivo para referirse a aquelas bandas de punk que tocaban dunha maneira máis acelerada (como Black Flag ou Bad Brains). Un elemento que puido influír na difusión do termo foi a publicación do álbum dos canadenses D.O.A. titulado Hardcore '81 (1981). Chegados aproximadamente a 1983, o termo xa estaba abondo estendido cun sentido descritivo cara ese tipo de bandas e as persoas que acudían a eses concertos. Porén o termo foi acadar connotacións diferentes, para os mozos e mozas que acudían a estes concertos e tocaban nestas bandas, o termo hardcore pasou a ser un identificador grupal dentro do punk. Isto é: "hardcore" é a "xente coma nós dentro do punk" e "a música que fai xente coma nós" (de feito, os argumentos soamente estilísticos para definir ao hardcore son difíciles de soster - polo menos para referirse ao hardcore norteamericano - tendo en conta as diferenzas estilísticas: os Bad Brains fixeron temas de dub e máis adiante amosarán influencias do metal ou do funk, os Black Flag autores de cancións lentas e pesadas, os inclasificábeis Minutemen, os Dead Kennedys etc.). Desde esta perspectiva de "grupo", "comunidade" ou "escena", o hardcore adquiriu unha actitude DIY (do it yourself, faino ti mesmo) ante a falta de medios editando o seu propio material, organizando os seus propios concertos, facendo os seus propios fanzines, radios alternativas, posters etc. Destaca neste sentido a creación de selos discográficos propio e independentes que van actuar como catalizadores desta creatividade: SST (Fundada por Greg Ginn de Black Flag) Alternative Tentacles (por Jello Biafra dos Dead Kennedys), Dischord (por Ian MacKaye e Jeff Nelson dos Minor Threat), X-Claim etc.
A nova comunidade hardcore, aínda considerándose a si mesma como «punk», abandona a estética dos imperdíbeis, da roupa orixinal/estrafalaria feita na casa, a maquillaxe e mesmo as típicas cristas (todos os sinais de identidade que desde os medios se vendían como típicos do punk) para adoptar unha estética nova e sinxela, calzados deportivos en substitución das botas, jeans, camisolas autoeditadas polos grupos musicais e cabezas rapadas ou cortes militares entre os homes.
Ao mesmo tempo, moitos participantes da escena hardcore compartían unha ideoloxía próxima á da primeira xeración anarcopunk que se desenvolvía en Inglaterra. Ambas escenas demostraban unha postura punk nitidamente construtiva (a pesar das referencias pesimistas e agresivas). Inicialmente a actitude mental positiva, en contraposición á típica imaxe do punk, defendida por membros dos Bad Brains daba mostras desta actitude construtiva. Mais foi a postura anti auto-destrutiva da banda Minor Threat, que non consumía ningún tipo de drogas e que foi transformada pouco tempo despois no movemento straight-edge a que gañou forza e se converteu nun dos elementos característicos da ideoloxía do hardcore (se ben, compre aclarar que non todas as persoas que participan do hardcore son Straight Edge). En Inglaterra a primeira xeración anarcopunk defendía cousas parecidas, entre outras cousas, a non-violencia e a liberación animal.
Principais bandas
editarSegundo se defende no libro Our Band Could Be Your Life de Michael Azerrad ou no documental American Hardcore de Paul Rachman (con guión de Steven Blush) as bandas máis importantes e influentes do xénero foron Black Flag, Bad Brains e Minor Threat. Segundo Azerrad, Black Flag serían os "padriños" do movemento; Bad Brains os que estableceron o canon musical introducindo tempos ultra rápidos; e por último, Minor Threat que segundo el sería a banda "definitiva".
Black Flag, formada nos Ánxeles en 1976 polo seu guitarrista e líder Greg Ginn, foi un auténtico tótem na definición do hardcore. Coa súa actitude salvaxe, a súa música agresiva e práctica DIY, foi a banda que tivo un maior impacto, primeiro na área de California, e despois en todos os Estados Unidos. Ao longo das xiras realizadas entre 1980 e 1981 foron sementando por todo o país esta nova forma de entender o punk e foi chave na aparición de máis escenas hardcore.
Bad Brains, formados en Washington DC en 1977, introducen elementos do heavy metal e do reggae (algúns dos seus membros eran e son rastafaris), levando ata o límite os tempos máis rápidos do rock. Tamén actuaron como guías ideolóxicos da escena da capital introducindo o concepto de actitude mental positiva (PMA), concepto de grande influencia.
Minor Threat, formados en Washington DC en 1980 das cinzas dos Teen Idles, recollen as leccións aprendidas dos Bad Brains cun son agresivo e veloz. Ao mesmo tempo, introducen un novo concepto, altamente polémico, que vai perdurar e converterse en sinal de identidade de boa parte do movemento hardcore, o straight edge.
Outras bandas importantes dentro deste primeiro hardcore foron:
The Damned, aínda non sendo unha banda hardcore tivo importancia porque segundo Brendan Mullen, fundador do club de punk de Los Angeles, The Masque, na súa primeira xira polos Estados Unidos en 1977 cos seus tempos super acelerados tiveron unha moi boa acollida entre os fans e músicos. Tamén tiveron influencia The Misfits pola súa estética de filme horror que causou sensación entre os fans do hardcore.
En California foron moi importantes os Dead Kennedys, formados en San Francisco en 1978, cun forte compromiso político próximo ás ideas anarquistas, que xa tiñan un sinxelo editado en 1979, o célebre "California Über Alles". Tamén da área da baía de San Francisco son os Crucifix e xa no Sur de California os Circle Jerks ao igual que Middle Class, Youth Brigade, The Adolescents, Bad Religion, Fear, The Germs ou TSOL. Outra banda importante dentro da escena a pesar de facer unha música moi diferente á do resto é Minutemen (formada por D.Boon, Mike Watt e George Hurley).
En Washington DC destacaron tamén bandas como S.O.A., Void, The Faith, Government Issue, Untouchables, Red C, Marginal Man ou Scream.
En Boston a escena estivo moi influenciada polo movemento straight edge que se xestou na capital, porén na cidade adquiriu un carácter intransixente e extremista. De Boston destacaron bandas como SS Decontrol (ou SSD), Gang Green, Jerry's Kids, The F.U.'s, Negative FX, D.Y.S. ou Uncalled 4.
Outro foco importante de hardcore en Norteamérica foi Nova York, a súa escena caracterizouse pola adopción dunha pose de macho hipermusculado. Destacaron bandas como Agnostic Front, Cro-Mags, Reagan Youth, Beastie Boys, Warzone ou Urban Waste.
Outras bandas procedentes de diferentes sitios foron Meat Puppets de Phoenix; Naked Raygun, Strike Under, Articles of Faith, The Effigies e Big Black da área de Chicago; The Undead e Adrenaline OD de Nova Jersey; Negative Approach ou Necros de Detroit; Hüsker Dü de Minneapolis ou MDC (Millions of Dead Cops) desde Austin, Texas.
Ao mesmo tempo no Canadá tamén se participou deste movemento, tanto musical como ideoloxicamente, destacando a cidade de Vacouver (na Columbia Británica) con bandas como D.O.A. e Subhumans, ou outras bandas que sendo doutros lugares do Canadá acabaron por instalarse na cidade, en concreto SNFU (orixinarios de Edmonton, Alberta) e NoMeansNo (orixinarios de Victoria, Columbia Británica).
Europa
editarA pesar de que o termo hardcore se popularizou nos Estados Unidos, Inglaterra tamén desenvolveu, máis ou menos na mesma época, a súa propia versión do estilo. Alí, a finais dos anos 70, bandas como U.K. Subs xa precederon en parte o novo son do punk, mentres que outras, como Crass radicalizaban o discurso político do movemento, anunciando o que estaba por vir e diferenciándose das primeiras bandas británicas como Sex Pistols e The Clash. Tamén resultou unha influencia para o agromar do HC en Inglaterra a New Wave of British Heavy Metal (a nova vaga de heavy metal británico) con bandas como Motörhead.
Pero o punto de inflexión foi o lanzamento do EP Realities of War, de Discharge. Con 4 cancións en 5 minutos e letras curtas sobre guerra e destrución, era o vinilo máis brutal producido ata o momento pola escena musical inglesa. A prensa non entendeu o EP, e a pesar das recensións negativas, o lanzamento influenciou rapidamente a outras bandas que adoptaron música e discursos semellantes. Inicialmente foi Disorder (cuxo primeiro EP Complete Disorder saíu no ano seguinte) e pouco despois Chaos UK, Varukers, Chaotic Dischord e moitas outras.
Algunhas bandas, como Exploited e GBH acostuman ser ligadas ao hardcore británico, pero o son un pouco máis "ortodoxo", menos direccionamento político e unha maior "fidelidade" ao punk dos anos 70 converten a súa clasificación dentro do xénero un pouco problemática.
Ao contrario do que ocorreu nos Estados Unidos, o hardcore inglés radicalizou tanto na música e na política, como na parte visual notándose, neste aspecto, as súas influencias do Oi! ou do street punk.
Como se comentou máis arriba moitas das bandas británicas de Anarco punk como Crass, Icons of Filth, Flux Of Pink Indians ou Rudimentary Peni mantiñan uns presupostos político ideolóxicos próximos aos das bandas de hardcore americano.
Este estilo espallouse rapidamente por Europa, e por volta de 1982 o hardcore chegara xa a todo o continente. En Suecia, onde nestes primeiros anos a influencia do Hardcore británico de Discharge é moi importante, destacaron Anti-Cimex (formados en 1981), Homy Hogs (1979), Mob 47 (1982) e Shitlickers. Riistetyt, Kaaos (1980), Rattus, Terveet Kädet (1980) ou Lama foron as bandas que comezaron HC en Finlandia. Na Alemaña destacaron Vorkriegsjugend (1982) e Spermbirds (1982). En Italia o hardcore adquiriu grande importancia destacando o éxito de Raw Power (1981) e Negazione (1983), ademais de Wretched, Declino (1982), Kina ou Indigesti. En Portugal destacou Crise Total. En Iugoslavia UBR. En Francia Heimat-Los (1983). En Holanda habería que destacar a bandas como BGK (Balthasar Gerards Kommando), Lärm (1984, aínda que tocando con outros nomes desde 1981) e Funeral Oration (1983). Dezerter (1981) en Polonia.
Dentro do estado español tamén houvo varias bandas pioneiras do HC: en Cataluña Ultimo Resorte (1979, comezaron facendo punk) L'Odi Social (1981), Anti/Dogmatikss (1983), GRB (1984), Subterranean Kids (1985), H.H.H. (1985); no País Vasco BAP!! (Brigada Anti Polizialak, 1984) o Ruido de Rabia (1985); en Madrid Espasmódicos (1981),TDeK (Terrorismo, Destrucción y Kaos, en 1984).
Evolución (mediados dos 80's ata a actualidade)
editarCara 1986 a escena Hardcore estaba en clara decadencia nos Estados Unidos. Moitos dos grupos e persoas que integraban o movemento fóronse distanciando por diversos motivos. Algúns fartáronse do carácter violento que o hardcore tiña nos seus concertos, ou do carácter dogmático que adquiriron algunhas correntes coma o straight edge, mentres que outros comezaron a procurar novos horizontes estilísticos.
Así as cousas dentro dos Estados Unidos, principal foco de expansión do Hardcore, algunhas escenas locais aínda continuaron a ter forza, neste caso destacou a da cidade de Nova York onde unha nova xeración de xoves coñecida como a youth crew, comezou a darse a coñecer abrazando a filosofía Straight edge e introducindo novos temas como o vexetarianismo, o veganismo e a liberación animal. Entre estas bandas poderíamos mencionar a Youth of Today, Raw Deal, Sick of It All, Agnostic Front, Murphy's Law, Underdog, Sheer Terror, Breakdown, Leeway, Side by Side, Warzone, Gorilla Biscuits, Bold, Absolution, Token Entry ou Judge. Mais tamén noutros lugares continuaba a haber bandas de Hardcore coma Chain of Strength ou Inside Out na costa Leste.
Durante esta época pode comprobarse como, fronte a unha maior variedade estilística da primeira xeración do Hardcore, agora o termo Hardcore pasa a designar (no musical) a unha estética moi concreta, pódese falar dunha canonización definitiva do xénero Hardcore, o coñecido coma old school, que recolle o son dalgunhas bandas da primeira xeración, coma os primeiros Bad Brains ou Minor Threat, dándolle unha maior homoxeneidade ao son. Deste xeito cando se fala musicalmente de Hardcore adóitase referir ao old school, aínda que tamén xa desde mediados dos 80, moitas das bandas da primeira xeración ou outras novas, comezaron a explorar novos horizontes estilísticos e a crear novos subxéneros derivados.
Tamén durante esta época o Hardcore convértese nun fenómeno global,como se viu anteriormente o movemento desenvolveuse en paralelo en Inglaterra e non tardou moito en chegar aos territorios continentais de Europa, mais tamén se estendería a outros países consolidándose escenas importantes no Brasil, na Arxentina, no Xapón ou en Australia.
Xa desde finais dos 80 dentro da youth crew de Nova York comezou a producirse un achegamento co metal, sobre todo co estilo trash mais tamén con outros, dando lugar varios subxéneros. O metalcore (dentro do estado español chegóuselle a denominar new school, se ben parece ser que nos Estados Unidos este termo fai referencia a bandas recentes que teñen un son próximo ao do primeiro hardcore) parte do son das bandas da youth crew cuns ritmos a maioría das veces máis pausados e pesados, facendo énfase nos tempos medios enlazando partes. Destacan bandas coma Earth Crisis, Deadguy ou Integrity.
Outro estilo que se veu xestando desde mediados dos 80 é o emo, con bandas pioneiras de Washington DC coma Embrace ou Rites of Spring que practicaban un hardcore punk melódica e expresiva con letras traballadas que se afastaban dos simples panfletos nos que tan tipicamente se cae na música punk. Compre non confundir este emo ou emocore, coa súa reinvención dos anos 90 con bandas que mesturaban pop punk co rock indi e que compartían unha estética de flequillos, maquillaxe e delgadez extrema. A parte desta reinvención o subxénero tamén deu lugar ao denominado screamo ou screaming emo que partindo do emo orixinal engádelle un son máis agresivo e abrasivo.
Tamén se fala doutro subxénero, o post-hardcore, sobre todo para bandas dos 90 influenciadas polo son de Fugazi (banda coñecida como as vacas sagradas do hardcore, debido ao compromiso político e ético da banda co mundo do punk) e, en xeral do selo Dischord, se ben en moitos casos non existe un denominador común en canto á súa estética musical, respondendo máis á filosofía aberta desde o punto de vista musical do primeiro Hardcore e abertos ás experimentacións. Alén dos propios Fugazi, estarían bandas coma Hoover, Helmet, Shellac ou mesmo outras bandas que ás veces se catalogan coma tal debido ás evidentes influencias e parecidos con outros xéneros coma o emo, o noise, o post-rock, o math rock ou mesmo o riot grrl.
Outros subxéneros dentro das bandas que procuran sons cañeiros son o crust, nado a mediados dos 80 e que ten influencias do metal e do hardcore old school, o powerviolence xurdido a finais dos 80 cos pioneiros Infest, o trashcore, ou mesmo o grindcore nado nos 80 mais que non ten como principal fonte o Hardcore.
Na década de 90 hai que destacar como o éxito comercial de varios grupos de punk e do rock underground aproveitando a fenda que abriu Nirvana, fixo que un público importante dirixise as súas olladas cara a escena hardcore, posibilitando o éxito relativo de gran cantidade de bandas que se fixeron bastante populares. Neste sentido destaca o éxito de bandas que adoitan ser catalogadas coma hardcore melódico vencelladas a selos coma os californianos Epitaph ou Fat Wreck Records, ou o sueco Burning Heart (o hardcore acadou bastante éxito en Suecia), con bandas coma Bad Religion, NOFX, Pennywise ou Millencolin. Outras bandas que acadaron certo éxito foron Refused, 59 Times the Pain, Snapcase ou algunhas vellas que continuaban en activo coma Sick of It All etc.
Influencia noutros xéneros
editarO impacto do Hardcore dentro do mundo do rock foi bastante importante tanto a un nivel estilístico como no aspecto cultural. Ao adoptaren unha actitude punk DIY (Do It Yourself, faino ti mesmo) militante no sentido de crear os seus propios selos independentes, crear fanzines, organizar concertos, levar radios alternativas etc. Estaban a pôr os alicerces dun novo proceder dentro da cultura underground que había influír moito durante os 80 e 90 e preparou, en parte, a explosión do grunge dos 90.
No aspecto musical, a agresividade e o estilo directo do hardcore vai influír a moitas bandas de metal, por exemplo ás bandas de trash como Metallica, Sepultura ou Slayer (estes últimos comezaron a facer hardcore e mesmo teñen un disco tributo ao estilo con versións de clásicos como Straight Edge de Minor Threat).
Outras moitas foron as bandas que comezando no mundo do hardcore acabaron por facer metal ou o coñecido coma crossover, estilo que sona a hardcore mais con elementos do metal, como por exemplo DRI ou Suicidal Tendencies.
Por outro lado hai un gran número de bandas que pertencendo á escena musicalmente saianse dos estándares habituais do "que é o hardcore" e que nuns casos acabaron fora da escena e noutros, sen chegar a saír si tiveron influencia noutros moitos estilos. Serían os caso de Minutemen, Hüsker Dü, The Replacement, Meat Puppets, Fugazi, June of 44, Lungfish, Hoover etc.
Tamén se poden trazar influencias do Hardcore no sludge metal de bandas como Eyehategod, Crowbar, Down, Buzzov*en, Acid Bath, Corrosion of Conformity, Isis ou Neurosis.
Por último tamén habería que citar a influencia do straight edge dentro da cultura underground, habendo casos de persoas que sen pertenceren á escena hardcore tiveron abrazado a filosofía straight edge.
Danzas
editarA primeira escena hardcore punk dos 80 desenvolveu os bailes chamados slam dance (tamén coñecido por mosh, moshing ou mosh pit, e caracterizado por dar saltos e empurrar a outras persoas ao ritmo da música) e o stage diving (o acto de lanzarse ao público dende o escenario).
Na segunda metade da década dos 80, a escena thrash metal adoptaría esta forma de baile, con bandas coma Anthrax popularizando o termo mosh na escena metal.
Hardcore en Galiza
editarNo país a chegada do punk foi tardía ao terse producido despois de que a explosión hardcore tivese comezado nos Estados Unidos ou en Inglaterra. As primeiras bandas galegas que poidan ser consideradas de HC probabelmente sexan algunhas das que comezaron a tocar entre finais dos 80 e comezos dos 90, como os vigueses Neboa ou xa con influencias metal Prap's de Ourense e Mol da Coruña. Os lugares onde estas bandas tocaron foron na maioría dos casos lugares ocupados así locais doutro tipo. Xa na década de 1990 apareceron outras bandas como os coruñeses Use of Abuse ou os composteláns Túzaros. Tamén nos 90 nace o selo especializado en HC Días de Juventud que ten editado material de bandas foráneas e locais como Area, co seu HC melódico próximo ao dos cataláns Aina. En Viveiro hai unha activa comunidade de persoas envoltas no hardcore que organiza anualmente o festival ResurrectionFest dende o ano 2006 adicado ao xénero, no que chegaron a tocar importantes bandas coma Sick of It All, No Use for a Name, Cro-Mags, Napalm Death ou Agnostic Front.
A cabalo entre os dous séculos na Coruña desenvólvese unha escena moi influída polo crust e bandas como Tragedy, que chegan a organizar concertos en naves industriais abandonadas como As Ruínas (Meicende, Arteixo), A cúpula do Trono (Arteixo) ou xa máis recentemente na capital de Bergantiños, Carballo. Desta escena saíron bandas consideradas moi importantes dentro da escena crust internacional como Madame Germen e Ekkaia, así coma outras coma Black Panda e SLS3. Tamén en Vigo creceu unha forte comunidade HC no século XXI arredor da coñecida como Vigo HC Crew destacando bandas como Ofensiva e Carcomedhi.
Filmografía (documentais e ficción)
editar- The Decline of Western Civilization (Penelope Spheeris, 1980). Documental.
- Another State of Mind (Adam Small e Peter Stuart,1982). Documental.
- Kids (Larry Clark, 1995)
- Instrument: Ten Years with the Band Fugazi (Jem Cohen, 1999). Documental.
- Punk: Attitude (Don Letts, 2005). Documental.
- We Jam Econo: The Story of the Minutemen (Tim Irwin, 2005). Documental.
- Wassup Rockers (Larry Clark, 2005)
- American Hardcore (Paul Rachman, 2006). Documental.
- Threat (Matt Pizzolo, 2006)
Lecturas
editar- Smash the State: A Discography of Canadian Punk, 1977-92 (Frank Manley, No Exit, 1993), ISBN 0-9696631-0-2
- Our Band Could Be Your Life (Azerrad, Michael; Nova York: Little, Brown, 2001). ISBN 0-316-78753-1
- Going Underground: American Punk 1979-1992 (George Hurchalla, Zuo Press, 2005)