Historia Regum Britanniae
Historia Regum Britanniae (Historia dos reis de Bretaña, en latín) é unha crónica pseudohistórica de Gran Bretaña, escrita polo galés Godofredo de Monmouth, entre os anos 1130 e 1136. O libro conta as vidas dos reis dos bretóns cronoloxicamente, comezando cos troianos que escaparon da guerra de Troia e fundaron a nación británica; e termina cando os anglosaxóns tomaron o control do país no século VII. Trátase dunha das pezas centrais da materia de Bretaña. O libro ten escaso valor histórico, pois hai grandes inexactitudes nos eventos que relata; pero é unha valiosa obra de literatura medieval, que contén a máis antiga versión coñecida da historia do Rei Lear e as súas tres fillas, e axudou a que os lectores que non falaban galés, coñecesen a lenda do rei Artur.
Historia Regum Britanniae | |
---|---|
Título orixinal | Historia regum Britanniae |
Autor/a | Godofredo de Monmouth |
Lingua | latín medieval |
Tema(s) | Historia Brittonum e Rei Artur |
Xénero(s) | pseudo-história |
Data de pub. | 1136 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Gozou de grande éxito durante a Idade Media, así como a súa principal tradución ao romance, o Roman de Brut, do poeta Wace.
Contido da obra
editarA Historia comeza co troiano Eneas, quen segundo a lenda romana se asentou en Italia tras a Guerra de Troia. O seu neto Bruto é exiliado e, tras un período vagando sen rumbo, é elixido pola deusa Diana, quen lle ordena que se asente nunha illa no océano do oeste, que pola súa causa se chamou Britania.
A historia continúa cronoloxicamente, contando entre os gobernantes a Bladud, que tivo poderes máxicos e mesmo intentou voar; Leir de Britania, que dividiu o reino entre as súas tres fillas, segundo o amor que cada unha destas lle profesaba (unha historia que Shakespeare usou na súa traxedia O rei Lear); e Dunvallo Molmutius, que codificou as Leis Molmutinas. Os fillos de Dunvallo, Belino e Brenio, loitaron nunha guerra civil antes de se volveren reconciliar, e saquearon Roma.
Os intentos de César de invadir Britania foron freados por Casivelauno. Temos noticia dun rei chamado Cunobelino, en quen Shakespeare baseou a súa obra Cimbelino. Foi Claudio quen despois a invadiu, enfrontándose aos fillos de Cunobelino. A liñaxe dos reis británicos continúa baixo a lei romana, e inclúe a Lucio de Britania, primeiro rei cristián da zona, e un gran número de personaxes romanos, entre eles o emperador Constantino I, o usurpador do trono Alecto, e o comandante militar Asclepiodoto.
Tras o goberno de Roma, Vortigern faise co poder, e invita aos saxóns, gobernados por Hengist e Horsa, como mercenarios ao seu servizo; pero estes vólvense contra el, e Britania continúa en estado de guerra so os reinados de Aurelio Ambrosio e do seu irmán Uther Pendragon, coa axuda do mago Merlín.
O fillo de Uther, o rei Artur, inflixiu unha severa derrota aos saxóns, de xeito que estes deixaron de constituír unha ameaza mesmo despois da morte do rei. Mentres tanto, Artur conquistou grandes zonas do norte de Europa, e viviuse unha época de paz e prosperidade ata que o emperador romano Lucio Tiberio pediu de novo a Britania que pagase tributos a Roma. Artur derrotou a Lucio na Galia, pero o seu sobriño Mordred lle arrebatou o trono na súa ausencia. Artur regresou e matou a Mordred pero, mortalmente ferido, foi levado á illa de Ávalon e deixou o reino ao seu primo Constantino III de Bretaña. Con Arturo desaparecido, os saxóns volveron e reforzaron o seu poder. A liñaxe dos reis de Britania continuou ata a morte de Cadwallader, tras o cal os saxóns, o pobo inglés, se fixeron os donos de Bretaña.
Influencia
editarRecibiu unha continuación no chamado Brut y Tywysogion (Crónica dos príncipes).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- John Jay Parry e Robert Caldwell. Geoffrey of Monmouth in Arthurian Literature in the Middle Ages, Roger S. Loomis (ed.). Clarendon Press: Oxford University. 1959. ISBN 0-19-811588-1
- Brynley F. Roberts, Geoffrey of Monmouth and Welsh Historical Tradition, Nottingham Medieval Studies, 20 (1976), 29-40.
- J.S.P. Tatlock. The Legendary History of Britain: Geoffrey of Monmouth's Historia Regum Britanniae and its early vernacular versions. University of California Press. Berkeley. 1950.
- N. Wright, ed., The Historia regum Britannie of Geoffrey of Monmouth. 1, Bern, Burgerbibliothek, MS. 568 (Cambridge, 1984)
- N. Wright, ed., The historia regum Britannie of Geoffrey of Monmouth. 2, The first variant version : a critical edition (Cambridge, 1988)
- J. C. Crick, The historia regum Britannie of Geoffrey of Monmouth. 3, A summary catalogue of the manuscripts (Cambridge, 1989)
- J. C. Crick, The historia regum Britannie of Geoffrey of Monmouth. 4, Dissemination and reception in the later Middle Ages (Cambridge, 1991)
- J. Hammer, ed., Historia regum Britanniae. A variant version edited from manuscripts (Cambridge, MA, 1951)
- A. Griscom e J. R. Ellis, ed., The Historia regum Britanniæ of Geoffrey of Monmouth with contributions to the study of its place in early British history (Londres, 1929)
- M. D. Reeve, 'The transmission of the Historia regum Britanniae ', in Journal of Medieval Latin 1 (1991), 73–117
- E. Faral, La légende Arthurienne: études et documents, 3 vols. (París, 1929)
- R. W. Leckie, The passage of dominion: Geoffrey of Monmouth and the periodization of insular history in the twelfth century (Toronto, 1981)