I compagni
I compagni é un filme de 1963 dirixido por Mario Monicelli, escrito polo propio director e a parella Age-Scarpelli. Contou con Marcello Mastroianni e Renato Salvatori como actores principais e foi nomeado ao Óscar ao mellor guión orixinal.
I compagni | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | I compagni |
Director | Mario Monicelli |
Produtor | Franco Cristaldi |
Guión | Mario Monicelli, Agenori Incrocci e Furio Scarpelli |
Intérpretes | Marcello Mastroianni Renato Salvatori Annie Girardot Folco Lulli Gabriella Giorgelli Raffaella Carrà Bernard Blier Vittorio Sanipoli Mario Pisu Kenneth Kove Franco Ciolli Giampiero Albertini Pippo Starnazza Piero Lulli Giulio Bosetti |
Música | Carlo Rustichelli |
Fotografía | Giuseppe Rotunno |
Montaxe | Ruggero Mastroianni |
Estudio | Lux Film, Vides Cinematografica, Méditerranée Cinéma Production, Avala Film |
Estrea | 25 de outubro de 1963 |
Duración | 128 minutos |
Orixe | Italia Francia Iugoslavia |
Na rede | |
Trama
editarTurín, finais do século XIX. Nunha fábrica téxtil, un novo accidente grave empuxa aos traballadores a esixir mellores condicións de traballo. Despois de que a súa solicitude de reducir a xornada de traballo de catorce a trece horas fose ignorada completamente, os obreiros deciden facer un xesto de demostración, facendo soar a sirena do final da quenda cunha hora de antelación, mais o único que conseguen é unha multa para cada un e unha suspensión a Pautasso (Folco Lulli), o autor material.
Os traballadores organizan entón unha folga, aproveitando a experiencia do experto profesor Sinigaglia (Marcello Mastroianni), que acaba de chegar da cidade de Xénova, buscado pola policía por agredir a un funcionario público durante unha manifestación. Para resolver a situación, os xefes están dispostos a retirar a multa e a suspensión e "perdoar" aos traballadores influenciados por "axitadores profesionais", pero os traballadores non poden aceptar unha concesión tan modesta en comparación co nivel alcanzado pola protesta.
Ante a resistencia dos traballadores, que subsisten grazas á solidariedade mutua, os xefes chaman traballadores desempregados doutra cidade. Os obreiros en folga intentan bloquear o tren que transporta os novos operarios, pero durante os enfrontamentos Pautasso perde traxicamente a vida. O profesor. Sinigaglia, vistos os precedentes, vese obrigado a esconderse e atopa un acolledor refuxio no fogar da prostituta Niobe (Annie Girardot), filla dun traballador que a repudiou por elixir ese modo de vida.
Os traballadores en folga, despois de ter soportado un mes enteiro, xa están preto de ceder, ignorando que os xefes están a punto de facelo eles antes. Cando os obreiros están votando para retomar o traballo, o profesor Sinigaglia abandona o seu cómodo escondedoiro, arriscándose a ser arrestado, para falar cos traballadores. Chega sen alento e consegue reacender neles o desexo de continuar a loita, grazas á súa apaixonada retórica, na que se fai eco do discurso de Marco Antonio en Xulio César de William Shakespeare. Impulsados polas palabras do profesor, os traballadores marchan cara á fábrica para ocupala. Pero a cabalería, chamada para defender a fábrica, dispara á multitude e mata a Omero (Franco Ciolli), un dos traballadores máis novos, só un rapaz, mentres o profesor Sinigaglia é finalmente arrestado.
Os traballadores volven ao traballo, derrotados. Entre eles o irmán máis novo do neno asasinado, que ocupou o seu lugar. O profesor Sinigaglia, desde a prisión, continúa espallando as súas ideas sobre o progreso social, mentres outros traballadores como Raoul seguen a loita.
Crítica
editarAínda que Monicelli a preferiu á anterior e popular La grande guerra, a película non tivo éxito no seu país.[1][2]
O Dizionario Mereghetti defínea como "un fresco espectacular, divertido e melancólico sobre o nacente movemento dos traballadores [...] unha conmovedora reevocación do socialismo de Turín a principios do século".[1]
O Dizionario Morandini criticou as "partes débiles onde é evidente a intención de crear unha atmosfera nacional-popular", pero eloxiou as "partes válidas cheas de verdade", a fotografía de Rotunno e a interpretación de Mastroianni.[3]
En 1964 National Board of Review colocou o filme entre os seus "Cinco Mellores Filmes Estranxeiros do Ano". Foi nomeado ao Mellor Guión Orixinal na 37ª edición dos Óscar.
Ten un 88% de aprobación en Rotten Tomatoes, cunha nota media de 7,25,[4] e está entre os 20 filmes italianos con maior valoración en FilmAffinity.[5]
Premios e nomeamentos
editar- Nastro d'argento 1964 para Folco Lulli como mellor actor secundario
- Premio ao Mellor Filme no Festival Internacional de Cinema de Mar del Plata
- Nomeado ao Óscar ó mellor guión orixinal en 1965 para Age & Scarpelli e Mario Monicelli
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Il Mereghetti - Dizionario dei Film 2008. Milano, Baldini Castoldi Dalai editore, 2007. ISBN 978-88-6073-186-9 p. 675
- ↑ "Storia tragicomica delle lotte operaie" (en italiano). 5 de maio de 2008. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2008. Consultado o 24 de xullo de 2020.
- ↑ Il Morandini - Dizionario dei Film 2009. Bologna, Zanichelli editore, 2008.
- ↑ "The Organizer". Rotten Tomatoes (en inglés). Consultado o 24 de xullo de 2020.
- ↑ "Top FilmAffinity Italia". FilmAffinity (en castelán). Consultado o 24 de xullo de 2020.