Imperio de Ghana
O Imperio de Ghana (200s-1068) estaba localizado no que actualmente é o sueste de Mauritania e a zona occidental de Malí, ao sur do Sáhara, no val medio do río Senegal. Era coñecido co nome de Wagadu polos seus propios cidadáns soninké, mais os europeos e os árabes chamárono Imperio de Ghana polo título do seu rei, ghana, que significa rei guerreiro. Wagadu significa "terra de rabaños" (waga = rabaño, du = terra).
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Cumbi-Salé (pt) | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | Língua soninquê (pt) | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | c. 100 | ||||
Disolución | século XII | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía | ||||
Orixe
editarO reino de Ghana xurdiu a partir dos relativamente pequenos asentamentos agrícolas e pastorais do Século I - século IV na rexión coñecida como Awkar. Arredor dos anos 200 a 300 un pobo de lingua mandé, coñecido como os soninké, unido baixo Majan Dyabe Cisse ou Dinga Cisse, o primeiro rei guerreiro, dominou Awkar.[1] Os soninké foron logo os fundadores do imperio de Ghana que a partir do século VIII controlou o comercio transahariano. Os ghanas conquistaron numerosas cidades e anexaron territorios veciños. O seu apoxeo chegou nos séculos IX e X.
Aínda que as tradicións orais falan sobre todo dos soninké de Wagadu, ao parecer, outros soninké formaron outros reinos prestixiosos na rexión, como Kaarta, Gajaaga e Gidimaxa. Cada un destes reinos era gobernado polo “tunka” ou rei, o único que era o “propietario ou mestre da forza” ou do poder, o “fankama”. Crese que varios reinos que xurdiron nesta parte de África tralos procesos de centralización política desencadeados polos drásticos cambios económicos ocorridos durante o século VIII nas rexións do Sahel e do Sáhara. Foi a época da introdución do camelo e da forma de vida árabe na rexión e dunha revolución comercial baseada nos envíos de ouro, marfil e sal cara a África do Norte, Oriente Medio e Europa a cambio de variadas mercadorías. Ao enriquecerse o Imperio de Ghana o comercio transahariano puido expandirse e gañar o control de importantes rutas comerciais.
Os primeiros escritos que mencionan o reino débense a comerciantes sanhaja do século VIII. Máis información provén de comerciantes de al-Andalus que visitaban o país e dos almorábides, que invadiron o reino a partir do século XI. O estudoso cordobés Abu Abdullah al-Bakri compilou as historias sobre as viaxes a Ghana[2] e deu unha detallada descrición do reino en 1067, época en que o exército imperial tiña 200 000 soldados e 40 000 arqueiros.ref>Soninkara.org[Ligazón morta]</ref> O culto ao emperador era obrigatorio. Ao morrer era enterrado nunha gran tumba baixo unha cúpula e sucedíao o fillo máis vello da súa irmá máis vella. A relixión centrábase na adoración de Bida, unha serpe mítica do río Níxer.
Kumbi Saleh
editarA capital foi construída en Kumbi Saleh ao bordo do Sáhara.[3] A maioría das casas eran de madeira e barro pero a clase alta vivía en casas de pedra e de madeira. Na práctica había dúas cidades separadas por uns 10 quilómetros poboados densamente polos comerciantes.
A sección máis grande chamábase El-Ghaba e estaba protexida por unha muralla de pedra dentro da cal estaba o centro político e relixioso. Alí atopábanse o palacio imperial e os bosques de árbores sagrados empregados nos rituais relixiosos dos soninké. Construíuse despois unha mesquita para os funcionarios musulmáns.[3]
A outra sección da cidade era a comercial, poboada por numerosos comerciantes[4] árabes e bérberes que construíron unha ducia de mesquitas. Os ghanas toleraron a difusión do islam aínda que nunca se converteron, como si ocorreu cos gobernantes de Takrur no que hoxe é o Senegal.
Decadencia e conquista
editarContra 1059, o crecemento da poboación chocou coa expansión do deserto cara ao sur, co que as importacións de alimentos medraron. O crecente poder dos almorábides permitiulles atacar Ghana en 1062, acaudillados polo xeneral Abu Bakr Ibn Umar, que cercou a capital en 1067. O reino resistiu máis de dez anos gobernado por Ghana Bassi e o seu sucesor Ghana Tunka Menin, cun exército de douscentos mil homes.[5] Finalmente, en 1076, Abu Bakr ibn Umar conquistou a capital e forzou os seus habitantes a convertérense ao islam. A dominación almorábide, non obstante, non sobreviviu á morte de Abu Bakr en 1087. Os soninké retomaron o control da rexión, pero co seu poder debilitado.
En 1140, o pobo sosso do reino Kaniaga, radicalmente antimusulmán, conquistou gran parte do antigo imperio. Diara Kante apoderouse de Kumbi Saleh en 1180 e estableceu a dinastía diarisso. O seu fillo Soumaoro Kante sucedeuno en 1203 e obrigou o pobo a pagarlle tributos.
En 1230, Maghan Sundiata, o príncipe da rexión de Kangaba, ao suroeste do actual Malí, encabezou unha rebelión en favor do emperador mandé de Malí, Sundiata Keïta, contra o goberno sosso. Ghana Soumaba Cisse, vasalo de Sosso. Despois da derrota de Soumaoro na batalla de Kirina en 1235, o novo goberno en Kumbi Saleh declarouse aliado do Imperio de Malí, ao que pasou a pertencer a partir de 1240.
Gobernantes
editarReis de Awkar
editar- Kaya Simpática ou Kaya Maghan: 350 d. C.
- 21 reis: 350-622
- 21 reis: 622-750
Ghanas de Wagadou
editar- Majan Dyabe Cisse ou Dinga Cisse: aproximadamente 750
- Ghanas descoñecidos: aproximadamente 750-1040
- Bassi: 1040-1062
- Tunka Menin: 1062-1076
Ocupación almorábide
editar- Xeneral Abu-Bakr Ibn-Umar: 1076-1087
Ghanas de Wagadou
editar- Kambine Diaresso: 1087 á década de 1090
- Suleiman: década de 1090-década de 1100s
- Bannu Bubu: década de 1100-década de 1120s
- Majan Wagadou: década de 1120-década de 1130s
- Gañe: década de 1130-década de 1140s
- Musa: década de 1140-década de 1160s
- Birama: década de 1160-década de 1180s
Ocupación Kaniaga
editar- Diara Kante: década de 1180-1202
- Soumaba Cisse, vasalo de Soumaoro: 1203-1235
Alianza con Malí
editar- Soumaba Cisse, aliado de Sundjata Keita: 1235-1240
Ghana actual
editarA Ghana contemporánea nomeada en honra do antigo imperio non coincide co seu territorio. Segundo as lendas tradicionais, os sobreviventes do imperio migraron ata a actual Ghana, cuxos poboadores coñecían como comerciantes de ouro.
Notas
editar- ↑ Aínda hoxe o apelido Cisse é prominente na política de Mauritania e Malí.
- ↑ Al-Bakri Siffah Iftiqiyyah Wal-Maghrib (Description Of Africa and The Maghreb), D. Slan, Algeria, 1857, p. 158.
- ↑ 3,0 3,1 al-Bakri (1067) en Levtzion and Hopkins, Corpus, p. 80.
- ↑ al-Bakri, 1067 en Levtzion and Hopkins, Corpus, pp. 79–80.
- ↑ "Africa, Emerging Civilizations In Sub-Sahara Africa" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2010. Consultado o 8 de maio de 2010.
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Historia |
Bibliografía
editar- Levtzion, Nehemia (1973). Ancient Ghana and Mali. Londres: Methuen. ISBN 978-0-8419-0431-6.
- Mauny, R. (1971), “The Western Sudan” en Shinnie: 66-87.
- R. O. Collins & J. M. Burns (2007): A History of Sub-Saharan Africa, Cambridge University Press, ISBN 978-0-521-86746-7