Imperio de Malí

estado medieval dos mandinka na rexión de Bamako, na África Occidental

O Imperio de Malí (1235–1546) foi un estado medieval dos mandinka, un pobo mandinga cuxo núcleo foi a rexión de Bamako, na África Occidental. O imperio foi fundado por Sundiata Keïta. Era coñecido pola súa xenerosidade e a riqueza dos seus gobernantes, en especial Mansa Kankan Musa I. O Imperio de Malí tivo unha profunda influencia na cultura da África Occidental, permitindo a difusión da súa lingua, leis e costumes ao longo do río Níxer.

Modelo:Xeografía políticaImperio de Malí
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata
CapitalKangaba (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficialLinguas mandés Editar o valor en Wikidata
RelixiónRelixións tradicionais africanas Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creaciónc. 1235 Editar o valor en Wikidata
Disolución1670 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoImperio Editar o valor en Wikidata
• Xefe de estadoMansa Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoGbara (pt) Traducir , Editar o valor en Wikidata
Moedaouro Editar o valor en Wikidata

Manden

editar

O imperio de Malí creceu ao redor dunha área chamada polos seus contemporáneos "Manden" e polos seus habitantes "o Mandinka" (inicialmente, "Manden'ka", a xente de Manden), que abarcaba a maioría do actual norte de Guinea e Malí meridional. O imperio foi establecido orixinalmente como unha federación que as tribos Mandinka chamaron o Manden Kurufa (literalmente, "federación de Manden"), pero converteuse máis adiante nun imperio que gobernaba en África a uns 50 millóns de persoas de case cada grupo étnico imaxinable.[1]

Etimoloxía do Imperio Malí

editar

As orixes do nome do imperio de Malí son complexas e aínda discutidas; no entanto, o proceso de como se incorporou ao léxico rexional non o é: entre os moitos e diversos grupos étnicos que rodeaban Manden, falaban pulaar en Macina, Tekrur e Fouta Djallon. En pulaar, o mandinka de Manden converteuse no malinke de Malí. Mentres que os mandinkas referíanse xeralmente á súa terra e capital como Manden, os seminómades fula que residían nas fronteiras occidentais (Tekrur), meridionais (Fouta Djallon) e orientais (Macina), popularizaron o nome de Malí para este reino, despois imperio na Idade Media.

Malí preimperial

editar
 
Imperio Soninké.

O reino mandinka de Malí, ou de Manden, existía xa varios séculos antes da unificación de Sundiata, como pequeno Estado ao sur do imperio Soninké de Wagadu, mellor coñecido como Imperio de Ghana. Esta é unha zona de montañas, sabana e bosques que proporcionan a protección e os recursos ideais para unha poboación de cazadores. Os que non vivían nas montañas formaron pequenas cidades-estados, tales como Toron, Ka-Ba e Niani. A lenda conta que a dinastía Keita, da cal descenden os emperadores de Malí, tivo a súa orixe en Bilal, un criado fiel do profeta Mahoma, orixinario de Keita.[2] Era práctica común durante a Idade Media que tanto cristiáns como musulmáns fixesen descender a súa liñaxe dalgunha figura importante da historia da súa fe. Así, aínda que a liñaxe da dinastía de Keita é (no mellor dos casos) dubidosa, os cronistas orais gardaron unha lista con cada gobernante de Keita desde Lawalo (supostamente un dos sete fillos de Bilal que se asentaron en Malí) até Maghan Kon Fatta (pai de Sundiata Keita).

A Provincia de Kangaba

editar

Durante o apoxeo de Wagadu, o país mandinka converteuse nunha das súas provincias, á que daba nome a súa capital, Ka-ba ou Kangaba, e desde ela os seus reis gobernaban en nome de Ghana.

Os doce Reinos

editar
 
Bérber.

O control de Wagadu sobre Manden acabou tras 14 anos de guerra cos almorábides, fanáticos musulmáns bérberes orixinarios do norte de África. O xeneral almorábide Abu Bakr conquistou e incendiou en 1076 Kumbi Saleh, capital de Wagadu, acabando así co seu dominio sobre a zona. Con todo, os almorábides non puideron soster as súas conquistas, que foron retomadas rapidamente polos soninké. A provincia de Kangaba, liberada da influencia tanto de soninkés como dos bérberes, dividiuse en doce reinos, cada un gobernado por un rei (coñecido como fama) ou un príncipe (chamado maghan). Manden quedou dividido en dous, co territorio de Dodougou ao nordés e o territorio de Kri ao suroeste. O pequeno reino de Niani era un dos varios da área Kri de Manden.

O goberno de Kaniaga

editar

Aproximadamente en 1107, o reino de Kaniaga, até entón vasalo dos sosso de Wagadu, comezou a conquistar as terras dos seus vellos amos. Antes de 1180 mesmo subxugara a Wagadou e forzado aos soninké a pagar tributo. En 1203, o rei sosso Soumaoro, do clan de Kanté, alcanzou o poder e aterrorizou Manden, roubando mulleres e mercadorías de Dodougou e de Kri.

O príncipe León

editar
 
O río Níxer en Koulikoro.

Durante a recuperación de Kaniaga, en Niani naceu Sundiata, do clan de Keita (1217). Era fillo do faama de Niani, Nare F (tamén coñecido como Maghan Kon Fatta, que significa príncipe fermoso), e da súa segunda esposa, Sogolon Kédjou, orixinaria da terra de Do, ao sur de Malí. O neno recibiu o nome da súa nai (Sogolon) e o apelido do seu pai (Djata). Combinado na forma rápida de falar da lingua madinka, os nomes formaron Sondjata ou Sundjata. A versión inglesa, Sundiata, tamén é popular. Profetizouse que o maghan Sundiata ía ser un gran guerreiro, pero, para angustia do seu pai, o príncipe non tivo un comezo prometedor: Sundiata Keita, segundo as tradicións orais, non camiñou até o sete anos.

Con todo, unha vez que Sundiata aprendeu a andar, creceu forte e foi moi respectado, aínda que non foi antes de que o seu pai morrese. A pesar dos desexos do faama de Niani de respectar a profecía e pór a Sundiata no trono, coroaron no seu lugar ao fillo da esposa principal, Sassouma Bérété. Así que o fillo de Sassouma, Dankaran Touman, tomou o trono, el e a súa nai forzaron ao cada vez máis popular Sundiata ao exilio xunto coa súa nai e dúas irmás. Antes de que Dankaran Touman puidese gozar do seu reino sen obstáculo, o rei Soumaoro fixou a súa vista en Niani e forzou a Dankaran a fuxir a Kissidougou.

Tras moitos anos no exilio, primeiro na corte de Wagadu e logo en Mema, unha delegación de Niani acudiu a Sundiata para que combatese aos sosso e liberase os reinos de Manden para sempre.[3]

Batalla de Kirina

editar

Regresando cos exércitos combinados de Mema, de Wagadu e de tódalas cidades-estados rebeldes mandinkas, Maghan Sundiata dirixiu unha rebelión contra o reino de Kaniaga ao redor de 1234. As forzas combinadas do norte e sur de Manden derrotaron ao exército sosso na batalla de Kirina (entón coñecida como Krina) en 1235. Esta vitoria deu lugar ao fin do reino de Kaniaga e ao ascenso como imperio de Malí. Despois da vitoria, o rei Soumaoro fuxiu, refuxiándose nas montañas Koulikoro, e os mandinka tomaron todas as cidades. Maghan Sundiata declarouse "faama de faamas" e recibiu o título de "mansa", que se pode traducir como Emperador. Á idade de 18 anos, conseguiu unha grande autoridade sobre os doce reinos nunha alianza coñecida como o Manden Kurufa, e gañouse o sobrenome de Mari Djata, Príncipe León.

Manden Kurufa

editar

O imperio de Malí foi o segundo dos estados forxados no Sahel, caracterizado por unha centralización moi forte. Mentres que o imperio de Ghana tiña unha cohesión moi débil, baseada só nos decretos do seu emperador, o imperio de Malí emerxía como o primeiro dos estados federados do oeste de África, con leis que uniformaban unha área do tamaño de Europa occidental. Esta tendencia á centralización sería adoptada e desenvolvida despois polos songhai e os pobos que os seguiron, os bamana, wolof (Senegal) e fulani durante a decadencia de Malí.

Organización

editar

O Manden Kurufa organizado por Mari Djata estaba composto polos "tres estados libremente aliados" de Malí, Mema e Wagadu, e máis os doce reinos. É importante lembrar que Malí, neste sentido, refírese só á cidade-estado de Niani.

Mema era unha poderosa cidade-estado situada na curva do río Níxer, preto de Manden. Aliouse a Sundiata na súa campaña contra Kaniaga, polo que a súa faama conservou a coroa e non tiña que prostrarse ante o mansa, en recordo de que acolleu na súa corte a Sundiata durante o seu exilio.

Wagadu, outra terra veciña de Manden, tamén foi autorizada a manter o seu monarca: recibiu as mesmas vantaxes que Mema e polas mesmas razóns.

Os doce reinos de Malí eran unha coalición de territorios conquistados ou aliados, sobre todo no interior de Manden, con lealdade xurada a Sundiata e aos seus descendentes. Tras cravar as súas lanzas na terra ante o trono de Sundiata, cada un dos doce reis deixou o seu reino á dinastía de Keita, e convertéronse en "farbas" que é unha combinación das palabras mandinka "farin", título dos comandantes norteños, e "ba", grande. Estes farbas gobernarían os seus vellos reinos en nome do mansa, con case a mesma autoridade que tiveron antes de unirse ao Manden Kurufa. Estes reinos eran:

  • Bambougou; conquistado por Fakoli Koroma.
  • As terras da tribo do río Bozo; aliado de Malí.
  • Djedeba; aliado de Malí.
  • Do, orixe materna de Sundiata e de onde escollerían todas as raíñas os Keita; aliado de Malí.
  • Jalo; conquistado por Fran Kamara.
  • Kaniaga; conquistado por Mari Djata I.
  • Kri; aliado de Malí.
  • Oualata; conquistado por Mari Djata I.
  • Sibi; aliado de Malí.
  • Tabon; aliado de Malí.
  • Toron; aliado de Malí.
  • Zaghari; aliado de Malí.

Kouroukan Fouga

editar

Inmediatamente despois de ser coroado mansa, Mari Djata instituíu unha constitución universal para o novo estado, chamada Kouroukan Fouga, División do Mundo. Nos arredores da cidade de Kangaba, estableceu o goberno e a Gbara ou Grande Asemblea.

A Gbara ou Grande Asemblea serviría como corpo deliberativo dos mandinka até o derrubamento do Manden Kurufa en 1645. A súa primeira reunión trala aprobación do Kouroukan Fouga, reuniu delegados de 29 clans presididos por un Belen-tigui (amo da cerimonia). A última reunión do Gbara, segundo as tradicións do norte de Guinea, tiña 32 delegados de 28 clans. Os clans eran os seguintes:

 
Alxaba ou arco de frechas.
  • Os 16 Djon-Broncear-Nin-Woro (portadores da alxaba ou arco de frechas), clans responsables da defensa no seu máis amplo sentido, incluído a orde pública e o coidado dos recursos e subministracións acuáticas e forestais:
  • Dansouba
  • Diaby
  • Diakité
  • Diallo
  • Diawara
  • Fofana
  • Kamara
  • Kamissoko
  • Koita
  • Kondé
  • Koroma
  • Magassouba
  • Sako
  • Sangaré
  • Sidibé
  • Traoré
  • Os 4 clans de Maghan responsables do goberno, enriquecidos polo comercio, constituían a aristocracia e deles saían os funcionarios de maior rango:
    • Danhou/Douno/Somono/Soumano
    • Keita
    • Konaté
    • Koulibaly
  • Os 5 clans de Mori-Kanda-Lolou ou marabutos (gardiáns da fe) responsables do consello islámico, gozaban de gran prestixio e de entre eles nomeábanse xuíces:
    • Bérété
    • Cissé
    • Diané
    • Koma
    • Sylla
 
Artesanía de madeira.
  • Os 7 clans de Nyamakala (Nyama "enerxías ocultas") responsables de produción:
    • Diabate (Djelis), cronistas, bardos.
    • Kanté (Noumoun Fin), os homes traballaban o ferro, e as mulleres a cerámica.
    • Kamara (Noumoun Siaki), os seus homes traballan os metais preciosos e as xoias.
    • Kamara (Finè), mediadores de conflitos.
    • Koroma (Noumoun Kule), artesáns da madeira.
    • Kouyate (Djeli do Mansa e Belen-Tigui na Gbara).
    • Sylla (Garante), curtidores e tecedores.

Sociedade, economía e goberno

editar

O Kouroukan Fouga tamén propuxo reformas sociais e económicas, incluíndo a prohibición dos malos tratos a presos e escravos, o nomeamento de mulleres en postos de goberno, e a organización dun regulamento entre os clans que indicaba claramente o que se podía dicir, como e cando. En caso de cometer algún delito, o acusado era xulgado segundo a súa relixión, animista ou islámica. Sundiata repartira terras entre a poboación, o que aseguraba que cada un tiña un lugar no imperio, e marcado prezos fixos para os produtos comúns.

Outro feito crucial establecido polo Kouroukan Fouga era a supremacía de Manden sobre todos os reinos controlados ou aliados á federación incluíndo Wagadou e Mema. Todos os mansas terían que ser elixidos no futuro do clan de Keita, e a cidade-estado de Niani (actualmente Guinea) converteuse na capital. Mansa Mari Djata volveu reconstruír Niani, que fora destruída por Soumaoro na súa ausencia, e converteuna no centro máis importante de comercio do oeste de África durante os seguintes 200 anos.

Mari Djata I

editar

Sundiata emprendeu a conquista e anexión de varias localidades no imperio de Malí. Cando acabou a campaña, o seu imperio medía 1.000 millas de leste a oeste, e as súas fronteiras eran as curvas dos ríos Senegal e Níxer. Despois de unificar Manden, agregou Wangara, as terras que formaban a fronteira meridional. As cidades comerciais norteñas de Oualata e Audaghost tamén foron conquistadas e convertéronse en parte da fronteira norte do novo estado. Wagadou e Mema tamén entraron no reino. As terras de Bambougou, Jalo (Fouta Djallon) e Kaabu foron agregadas a Malí por Fakoli Koroma, Fran Kamara e Tiramakhan Traore, respectivamente.

Cando Mari Djata I morre, ao afogarse no Sankarani ou ferido por unha frecha perdida nunha celebración, (existen as dúas versións), tiña o exército organizado e o control sobre as rutas do comercio do Sáhara.

Emperadores de Malí

editar

Coñécense 21 mansas despois de Mari Djata I e probablemente haxa dúas ou tres máis. Os nomes destes reis chegáronnos a través dos djelis e os descendentes modernos da dinastía de Keita, que residen en Kangaba. O que separa a estes reis do fundador, ademais do papel histórico de establecer o estado, está na transformación do Manden Kurufa no Imperio de Manden. Non contentos cos territorios unificados polas vitorias de Mari Djata I, estes mansas conquistarían e anexarían aos peul, wolof, serer, bamana, songhai, tuareg e outros pobos nun imperio inmenso.

Liñaxe de Djata, 1250-1275

editar

O primeiros tres sucesores de Mari Djata loitaron polo seu dereito de herdanza. Este período de vinte e cinco anos viviu rivalidades internas feroces que case terminaron co imperio.

Ouali I

editar

Despois da morte de Mari Djata en 1255, a lei ditaba que ascendese o seu fillo ao trono, presumindo que era maior de idade. Con todo, Yérélinkon era menor á morte do seu pai, polo que Manding Bory, medio irmán de Mari Djata e kankoro-sigui (Visir), debería ser coroado segundo o Kouroukan Fouga. En lugar disto, o fillo de Mari Djata tomou o trono e foi coroado Mansa Ouali.

Mansa Ouali demostrou ser un bo emperador que agregou máis terras ao imperio incluíndo as provincias Bati e Casa en Gambia. Conquistou as provincias produtoras de ouro de Bambuk e Bondou. Estableceu como provincia central Konkodougou. O reino songhai de Gao tamén parece ser subxugado neste período por primeira vez das moitas veces que o foi. Á parte de conquistas militares, Ouali tamén se acreditou con reformas agrícolas en todo o imperio, pondo a moitos soldados a traballar como granxeiros nas provincias conquistadas a Gambia. Xusto antes da súa morte en 1270, Ouali peregrinaba á Meca e consolidaba os lazos con África do norte e os comerciantes musulmáns.

Os fillos dos xenerais

editar

Como política para controlar e recompensar aos seus xenerais, Mari Djata adoptou aos seus fillos, que se criaron na corte do mansa e mesmo fixo Keitas a estes nenos cando alcanzaron a madurez. Vendo o trono como o seu dereito, dous dos fillos adoptados de Mari Djata emprenderon unha guerra devastadora un contra outro, que ameazou destruír o que construíran os primeiros dous mansas. O primeiro deles que alcanzou o trono era Mansa Ouati en 1270. Reinou por catro anos que pasou pródigamente, gobernando de forma cruel, segundo contan os djelis. Á súa morte en 1274, o outro fillo adoptado tomou o trono. Mansa Khalifa lémbrase como peor que Ouati e, segundo se conta, disparaba frechas aos transeúntes desde a azotea do seu palacio. Foi asasinado, posiblemente por orde do Gbara, e substituído por Manding Bory en 1275.

A corte de 1275-1300

editar

Despois do caos dos reinados de Ouali e de Khalifa, gobernaron un certo número de funcionarios da corte con lazos con Mari Djata. Conseguiron a volta do imperio á tolerancia, e instalárono nunha idade de ouro.

Abubakari I

editar

Foi coroado como mansa Abubakari (unha adaptación fonética mandinga do nome árabe Abu Bakr). A nai de Mansa Abubakari era Namandjé, a terceira esposa de Maghan Kon Fatta, e por tanto era medio irmán de Mari Djata. Antes de converterse en mansa, Abubakari fora un dos xenerais e máis adiante kankoro-sigui do seu irmán. Pouco se sabe sobre o seu reinado, pero parece que estivo acertado e acabou cos disturbios.

Sakoura

editar
 
Día do Hajj. A Meca.

En 1285, un escravo da corte liberado por Mari Djata e que tamén servira como xeral, usurpou o trono. O reinado de Mansa Sakoura parece ser beneficioso a pesar da conmoción política: agregou as primeiras conquistas a Malí desde o reinado de Ouani incluíndo as provincias de Wagadou, Tekrour e Diara. Con todo, as súas conquistas non pararon nos límites de Wagadou, e fixo campaña no Senegal conquistando a provincia de Dyolof aos wolof, e a área de produción de cobre, Takedda. Tamén conquistou Macina e atacou Gao para suprimir a súa primeira rebelión contra Malí. Ademais da guerra, Mansa Sakoura fixo o Hajj, peregrinación á Meca, e abriu negociacións comerciais directas con Trípoli e Marrocos.

Foi asasinado na viaxe de volta da Meca, preto de Djibuti, por un guerreiro danakil que tentaba roubar. Os asistentes do emperador levaron o seu corpo a través dos reinos de Ouadi e de Kanem, desde onde enviaron mensaxeiros a Malí con noticias da morte de Sakoura. Cando o corpo chegou a Niani, foi organizado un enterro real a pesar das raíces escravas do usurpador.

A liñaxe Kolonkan: 1300-1312

editar

Da liñaxe de Kolonkan, a Gbara seleccionou en 1300 a Ko Mamadi como o mansa seguinte. Era o primeiro dunha nova liña de reis que descendían directamente da irmá de Mari Djata, Kolonkan. Como estes dirixentes compartían o sangue de Maghan Kon Fatta, considéranse Keitas lexítimos. Mesmo Sakoura, ao ser un escravo da familia de Djata, era considerado un Keita; a liña de Bilal non podía estar rota.

É durante a liñaxe de Kolonkan que as características que definen a idade de ouro de Malí comezan a aparecer. Mantendo os progresos de Sakoura e de Abubakari I, os mansas Kolonkan dirixen firmemente Manden ao seu esplendor.

Economía

editar

O imperio prosperou debido sobre todo ao comercio. Había tres grandes minas de ouro nas fronteiras co imperio de Ghana, o que o convertía en lugar de tránsito para o metal, e o imperio gravou cada onza de ouro ou de sal que cruzou as súas fronteiras. Ao principio do século XIV, Malí era a fonte da metade do ouro do vello mundo, exportada das minas de Bambuk, Boure e Galam. Non había moeda estándar no reino, pero usábanse varios sistemas de pago.

As pebidas de ouro eran de exclusiva propiedade do mansa, e era ilegal negociar dentro das fronteiras con elas. Todo o ouro era entregado inmediatamente á Facenda imperial, que devolvía un valor equivalente en po de ouro. Este fora pesado e empaquetado para o seu uso desde a época do Imperio de Ghana. Malí seguiu coa práctica para impedir a inflación, debido á importancia deste comercio na rexión. A medida máis común para o ouro dentro do reino era o mithqal (4,5 gramos de ouro). Este termo foi utilizado alternativamente co de dinar, aínda que é dubidoso que se acuñase moeda no imperio. O po de ouro foi utilizado en todo o territorio, pero non era valorado de igual forma en todas as rexións.

 
Bloques de sal.

A grande unidade seguinte de intercambio en Malí era o sal. Era obxecto de valor na África subsahariana, case tanto como o ouro. Cortábase en anacos e era usada para o pago de mercadorías, con distinto valor adquisitivo nas distintas zonas do imperio. Mentres que equivalía ao ouro no norte, o seu valor era maior no sur onde a xente a necesitaba para a súa dieta pero era extremadamente escasa. A rexión norteña por outra banda non tiña ningunha escaseza. Os comerciantes tuaregs cada ano entraban en Malí vía Oualata coas súas caravanas de camelos cargados de sal para vender en Niani. Segundo os historiadores do período, a carga dun camelo podía valer 10 dinares de ouro no norte e de 20 a 40 no sur.

O cobre era tamén unha materia valorada no Malí imperial. Negociado en barras, era extraído nas minas de Takedda no norte e cambiado no sur por ouro: 60 barras de cobre cambiábanse por 100 dinares de ouro.

O número e a frecuencia das conquistas ao final do século XIII e no XIV, indican que os mansas Kolonkan herdaron ou desenvolveron un grande exército. Aínda que non se acreditou que ningún mansa organizara a máquina de guerra mandinka, o imperio non podería converterse no que foi sen unhas forzas armadas eficaces e leais a un goberno estable.

O Imperio mantivo un exército profesional e a tempo completo para defender as súas fronteiras. A nación enteira estaba mobilizada, con cada tribo obrigada proporcionar un continxente de homes en idade de loitar. Os historiadores contemporáneos afirman que, tanto durante o ascenso como a decadencia do Imperio de Malí, o seu exército constaba de 100.000 infantes e 10.000 xinetes.[4] Coa axuda das tribos do río, este exército podía ser despregado a través do reino nun curto período.

Divisións
editar

As forzas estaban divididas nos exércitos do Norte e do Sur. O exército norteño, estaba baixo o mando dun Farin (comandante norteño), residente na cidade fronteiriza de Soura. O exército meridional, baixo mando dun Sankar (un termo para gobernadores da zona do río Sankarani), que residía na cidade de Zouma. O Farin-Soura e o Sankar-Zouma eran designados polo mansa e respondían soamente ante el.

Infantaría
editar

Un soldado de infantaría, sen importar a arma que usase (arco, lanza etc.), era chamado un sofa. Os sofas estaban organizados en unidades tribais dirixidas polos seus xefes. A unidade máis pequena de sofas era mandada polo kun-tigui (amo da tribo). Os kun-tiguis recrutaban e dirixían nas batallas os continxentes da súa tribo chamados ao servizo polo seu señor. Un kun-tigui mandaba unha unidade de infantaría de 10 a 20 homes chamada kelé-kuluque significa "grupo para a guerra". Un birlo kun-tigui era o oficial que mandaba sobre dez kelé-kulus (de 100 a 200 infantes), é dicir sobre un kelé-birlo, "brazo de guerra".

Cabalaría
editar

As unidades de cabalaría formadas por mandekalu, cabaleiros, eran o elemento máis importante do exército. Entón como hoxe, os cabalos eran custosos e soamente os nobres usábanos en batalla. Unha unidade da cabalaría mandinka, serei, estaba composta por 50 xinetes e mandada por un "kelé-tigui" ou amo da guerra. Á parte de mandar sobre o serei, un kélé-tigui tiña dous ou máis birlo kun-tiguis obrigados a seguilo no campo de batalla. O kelé-tigui, como o seu nome apunta, era un militar de carreira e o seguinte en rango baixo o Farin ou Sankar.

Equipo
editar

O sofa común ía armado cun grande escudo feito de madeira ou coiro, e unha lanza chamada tamba. A maioría dos sofas eran arqueiros: a proporción era de tres arqueiros por un lanceiro a mediados do século XVI. Equipado de dúas alxabas e un escudo, os arqueiros mandinkas usaban frechas cuxa punta de ferro tiña púas inclinadas, xeralmente envelenadas. Tamén utilizaban frechas de lume cando cercaban unha praza. Mentres que as lanzas e os arcos eran o apoio principal dos sofas, as espadas e as lanzas, de fabricación local ou estranxeira, eran as armas escollidas polo mandekalu. Outra arma común dos guerreiros mandekalu era unha xavelina envelenada usada nas escaramuzas. A armadura de cota de malla tamén foi usada polos xinetes do Malí imperial como defensa, así como escudos similares aos dos sofas.

Mansa Gao

editar

Ko Mamadi foi coroado Mansa Gao e gobernou acertadamente sobre o imperio, sen que estea rexistrada ningunha crise. O seu fillo, Mansa Mohammed ibn Gao, ascendeu o trono cinco anos despois e mantivo a estabilidade da liñaxe de Kolonkan.

Abubakari II

editar
 
Canoas no Níxer.

O último rei Kolonkan, Bata Manding Bory, foi coroado Mansa Abubakari II en 1310. Continuou a liña de paz que caracterizou a Gao e a Mohammed ibn Gao, pero interesouse polo mar occidental. Segundo un relato de Mansa Musa I, que durante o reinado de Abubakari II serviu como kankoro-sigui, Malí enviou dúas expedicións ao Atlántico: a primeira estaba formada por 400 barcos dos que só regresou un: os demais afundíronse nunha tormenta. Mansa Abubakari II deixou a Musa como rexente do imperio, o que demostra a estabilidade deste período en Malí, e saíu coa segunda expedición á fronte de 4.000 canoas equipadas con remos e veas en 1311. Nin o emperador nin as naves volveron nunca a Malí. Os historiadores e os científicos modernos son escépticos sobre a viaxe, pero o relato destes sucesos consérvase en expedientes escritos do norte de África e nas lendas orais dos djelis de Malí.[5]

Liñaxe Laye 1312-1389

editar

A abdicación temporal de Abubakari II en 1311, convertida en definitiva ao non regresar, é a única rexistrada na historia do Imperio e trouxo consigo a chegada dunha nova liñaxe descendente de Faga Laye, fillo de Abubakari I. Faga Laye nunca tomou o trono de Malí, e con todo, a súa descendencia trouxo ao sétimo mansa, Musa I, que reinou durante o apoxeo de Malí, e aos seus sucesores até o comezo da decadencia.

Goberno

editar

O imperio conservou gran parte do sistema de goberno establecido para o orixinal Manden Kurufa, pero realizáronse cambios para satisfacer as necesidades das terras e pobos adquiridos. No cume do goberno estaba o Mansa, seguido polo seu visir. Os gobernadores de BaGhana (Wagadou) e de Mema eran os seguintes en importancia e categoría.

Administración
editar
 
África occidental no século XVIII.

O imperio de Malí cubriu unha área maior e durante máis tempo que calquera outro Estado do oeste africano anterior ou posterior. O que fixo isto posible foi a natureza descentralizada da administración do estado. Segundo Ki-Zerbo, canto máis afastado se estaba de Niani, máis descentralizada estaba a autoridade dos mansa, pero mantiñan o control dos impostos e o poder nominal sobre todo o territorio, impedindo rebelións.

No nivel local (aldea, pobo, cidade), os kun-tiguis elixían un dougou-tigui (amo da aldea) dunha liñaxe que descendese do fundador do lugar, mantendo unha aparencia de autonomía. Os marabutos, eran os xefes relixiosos, cun grande ascendente sobre nobres e plebeos, e que formaban un grupo á parte.

O cargo de gobernador de cada zona, kafo tigui (amo do condado), era elixido dentro dela segundo os seus propios costumes por elección, herdanza etc. Soamente ao chegar aos cargos provinciais comezaban as interferencias do poder central. Os dyamani-tiguis, gobernadores das provincias, tiñan que ser aprobados polo mansa e estaban suxeitos ao seu control: si o mansa cría que o dyamani-tigui era incapaz ou indigno de confianza, nomeaba un farba para supervisar a provincia, ou mesmo para administrala efectivamente.

Farins e Farbas
editar

Malí chegou ao imperio pola vía da conquista ou a anexión. Durante a época da conquista, os farins tomaban o control da área ata que se puidese atopar un rexente nativo. Despois de que a lealdade ou polo menos a capitulación dunha zona estaba asegurada, permitíase aos seus habitantes seleccionar o seu propio dyamani-tigui. Este proceso era esencial para manter aos non mandingas leais ás elites de Manden que as gobernaron.

Salvo dificultades, o dyamani-tigui rexía a provincia por si mesmo, recadando impostos e realizando a leva de exércitos das tribos baixo o seu mando, como delegado do mansa. Con todo, os territorios que eran difíciles de gobernar ou proclives á rebelión, recibían como gobernador un farba. O farba era escollido polo mansa entre os farines, os membros da súa familia ou entre os seus escravos. O único requisito verdadeiro era que puidese confiar nese individuo para salvagardar os intereses imperiais.

Os deberes do farba incluían informar das actividades no territorio, recadar os impostos e asegurar que a administración nativa non contrariara as ordes de Niani. O farba tiña autoridade sobre a administración local para levantar un exército na área para a defensa ou para a represión de rebelións. O cargo de farba era moi prestixioso, e os seus descendentes podían herdalo coa aprobación dos mansa. O rei podía tamén substituír un farba si escapaba ao control: coñécese un caso, o de Diafunu.

Territorio

editar
 
Imperio Manden.

O imperio alcanzou a súa maior extensión baixo os mansas de Sundiata Keita. Durante este período, Malí cubriu case toda a área entre o deserto do Sáhara e os bosques costeiros. Cubría desde as beiras do océano Atlántico até Niamey, actualmente Níxer. Antes de 1350, o imperio ocupaba aproximadamente 1.138.041 km². O imperio tamén alcanzou o máximo de poboación durante o período dos Laye, que gobernaron entre 40 e 50 millóns de persoas en 400 cidades, pobos e aldeas de varias relixións e etnias. Tardábase un ano en atravesar o imperio de leste a oeste, durante este período soamente o imperio mongol era máis grande.

O aumento do tamaño do imperio esixiu un cambio na organización do Manden Kurufa dos tres estados e doce reinos. Este modelo foi desbotado por Ibn Battuta en 1352, substituíndo o vello modelo por catorce provincias que cubrían todas as áreas leais ao mansa. As catorce provincias eran:

  • Audaghost (nordés de Takrur, ao oeste de Oulata)
  • BaGhana ("gran Ghana" con Wagadou e Mema)
  • Bambougou (con Bambuk e Boure, conquistados por Fakoli Koroma)
  • Bati (área ao norte de Gambia)
  • Cassa (sur de Gambia)
  • Diafunu do Senegal (comprendía Diara; NE de Bambouk, SE de Audaghost e SO de Oulata)
  • Dyolof (xunto ao río Senegal)
  • Gao (ao leste de Níxer)
  • Kaabu (o sur de Cassa, oeste de Manden, a maioría do norte de Guinea-Bissau)
  • Kita (no SE da división de Kayes do Malí moderno, ao oeste de Bambouk)
  • Konkodougou (ao oeste de Sangala, posiblemente suroeste de Kita)
  • Manden (a provincia capital da cal o imperio tomou nome; Sur de Kita)
  • Oualata (ao leste de Audaghost, oeste de Tombouctou; directamente ao norte de Koumbi Saleh)
  • Takrur (na terceira catarata do río Senegal, ao norte de Dyolof)

Musa I

editar
 
Musa I cunha pebida de ouro. Mapa dos mallorquinos Abraham e Jafudá Cresques, para Carlos V de Francia. (Biblioteca Nacional, París).

O primeiro rei da liñaxe de Laye era Kankan Musa, tamén coñecido como Kango Musa. Despois dun ano enteiro sen noticias de Abubakari II, foi coroado Mansa Musa. Foi o primeiro musulmán verdadeiramente devoto que dirixiu o imperio. Procurou facer do islam a fe da aristocracia, pero mantivo a tradición imperial de non forzar ao pobo. Fixo das celebracións do final do Ramadán unha cerimonia nacional. Capaz de ler e escribir árabe, interesouse pola cidade universitaria de Tombouctou, ata que a anexionou pacificamente en 1324. Axudado por unha das damas da corte, Musa transformou Sankore dunha informal madraza a unha Universidade Islámica, co que os estudos islámicos prosperaron. Ese mesmo ano, un xeneral mandinka coñecido como Sagmandir sufocou unha rebelión en Gao.

 
Madraza de Sankore.

O feito máis coñecido do seu reinado foi o seu Hajj á Meca, que comezou en 1324 e concluíu coa súa volta en 1326. Segundo as fontes, varía a cantidade de persoas que foron na comitiva e a cantidade de ouro que se gastou, pero todos conveñen en que era un grupo moi grande (o mansa levaba unha garda persoal de 500 homes), e que comprou tantas cousas de luxo que o valor de ouro en Exipto e o Próximo Oriente depreciouse durante doce anos. Cando atravesou O Cairo, o historiador Al-Maqurizi escribiu: "membros da súa contorna compraron moitas raparigas turcas e etíopes como serventes e cantantes, de modo que fixo que o índice do ouro, o dinar, baixase seis dirhams."

Musa era tan xeneroso que gastou todo o que levaba e tivo que tomar un préstamo para poder regresar.

 
Mesquita de Djinguereber en Tombouctou.

O Hajj de Musa, e especialmente o seu ouro, chamaron a atención do mundo islámico e do cristián, polo que o nome de Malí e Tombouctou apareceron en todos os mapas do século XIV.

Durante a viaxe, coñeceu ao poeta e arquitecto andalusí Es-Saheli, ao que levou a Malí para embelecer algunhas das súas cidades. Construíronse as mesquitas de Gao e Tombouctou xunto con palacios impresionantes, tamén en Tombouctou. En Niani Musa construíu unha sala de audiencias seguindo o modelo das que vira no norte: era cadrada, cuberta cunha cúpula, decorada con arabescos e con xanelas cubertas de ouro e esmaltes. Neste luxoso lugar recibía aos seus súbditos no medio dun ríxido protocolo. No momento da súa morte en 1337, Malí engadía o control de Taghazza, un lugar de produción de sal no norte, que consolidou a súa Facenda.

Sucedeulle o seu fillo, Maghan I, Mansa Maghan, que se adicou a dilapidar e foi o primeiro emperador desde Khalifa que gobernou mal. Pero o imperio de Malí construído polos seus precursores era demasiado forte, e pasou intacto ao irmán de Musa, Souleyman, en 1341.

Souleyman

editar

Mansa Souleyman tomou medidas para devolver a saúde financeira a Malí. Demostrou ser un bo rei, a pesar dos numerosos desafíos que tivo que afrontar. Durante o seu reinado comezaron incursións de fulani en Takrur. Tamén fixo fronte a unha conspiración palaciana para derrocalo, tramada pola Qasa (raíña) e varios comandantes do exército. Os xenerais de Mansa Suleiman apoiárono con éxito, e encarceraron á raíña.

O mansa tamén fixo un exitoso Hajj, mantivo as relacións con Marrocos e Exipto e construíu un edificio en Kangaba chamado Camanbolon, onde celebrar reunións cos gobernadores provinciais, depositando alí os libros santos que trouxo de Hedjaz.

O único revés do seu reinado foi a perda da provincia de Dyolof no Senegal. Os pobos de wolof uníronse en 1350 e formaron o seu propio Estado, chamado Imperio de Jolof.

Cando Ibn Battuta chegou a Malí en xullo de 1352, atopou unha civilización próspera tanto como calquera outra do mundo musulmán ou cristián.

Mansa Suleiman morreu en 1360 e foi sucedido polo seu fillo, Kassa.

Mari Djata II

editar

Tras nove meses de reinado, Mansa Kassa foi deposto por un dos tres fillos de Maghan I, Konkodougou Kamissa, que foi coroado como Mansa Mari Djata II en 1360. O seu reinado foi opresivo e levou a Malí ao bordo da bancarrota polos seus excesivos gastos. Con todo, mantivo os contactos con Marrocos enviando unha xirafa de agasallo ao rei magrebí Abu Hassan. Mansa Mari Djata II enfermou gravemente en 1372, e o poder recaeu nos seus ministros até a súa morte en 1374.

Musa II

editar

Do reinado ruinoso de Mari Djata II o imperio saíu en mala situación financeira, pero pasou intacto ao irmán do emperador morto. Mansa Fadima Musa ou Mansa Musa II, comezou o proceso de solucionar os excesos do seu irmán. Emporiso, non tivo o mesmo poder dos mansas anteriores debido á influencia do seu kankoro-sigui.

O Kankoro-Sigui de Mari Djata, que non tiña ningunha relación co clan de Keita, practicamente manexou el só o imperio na época de Musa II. Acabou cunha rebelión de tuaregs en Takedda e fixo campaña en Gao, aínda que sen conseguir unha vitoria decisiva. Os songhai establecidos evitaron a autoridade efectiva de Malí en 1375.

No momento da morte de Mansa Musa II en 1387, Malí era financieiramente solvente e tiña o control de tódalas súas conquistas excepto Gao e Dyolof. Corenta anos despois do reinado de Mansa Musa I, o imperio de Malí aínda controlaba máis de 1 millón de km² de terra en África Occidental.

Maghan II

editar

O último fillo de Maghan I, Tenin Maghan (coñecido como Kita Tenin Maghan na provincia que gobernara) coróase Mansa Maghan II en 1387. Sábese pouco sobre el, agás que reinou soamente dous anos. Foi deposto en 1389, o que marca o final dos mansas de Faga Laye.

Liñaxes Escuras: 1389-1545

editar

A partir de 1389, Malí é gobernada por mansas de orixes ignoradas. Este é o período menos coñecido na historia imperial de Malí. O único evidente é que non hai unha liñaxe constante que goberne o imperio. A outra característica desta época é a perda gradual das posesións norteñas e orientais polo crecente fortalecemento do Imperio Songhai e o traslado do foco económico que supuña Malí polas rutas do comercio trans-sahariano, ao comercio costeiro.

Maghan III

editar

Mansa Sandaki, descendente do Kankoro-sigui de Mari Djata, depuxo a Maghan II, converténdose na primeira persoa sen ningunha relación dinástica cos Keita que gobernou Malí. Fíxoo soamente un ano, antes de que un descendente de Mansa Gao o botara. Mahmud, posiblemente un neto ou bisneto de Mansa Gao, foi coroado Mansa Maghan III en 1390. Durante o seu reinado, o emperador mossi Bonga de Yatenga realizou incursións en Malí e conquistou Macina. O emperador Bonga non puido manter as súas conquistas, e non permanecía en Malí tras a morte de Maghan III en 1400.

Musa III

editar

En 1400, Malí segue sendo bastante poderosa para conquistar e asentarse en novas zonas. Unha destas é Dioma, un territorio ao sur de Niani poboado polos peul Wassoulounké. Dous irmáns nobres de Niani de liñaxe descoñecida atacaron Dioma á fronte dun exército e expulsaron os peul. O irmán máis vello, Sérébandjougou, é coroado Mansa Foamed ou Mansa Musa III. Pódese considerar o seu reinado como o primeiro cunha serie de grandes perdas de Malí. En 1430, os tuaregs conquistaron Tombouctou. Tres anos despois, Oualata tamén caeu nas súas mans.

Ouali II

editar

Despois da morte de Musa III, o seu irmán Gbèré converteuse en emperador a mediados do século XV. Gbèré foi coroado como Mansa Ouali II e gobernou durante o período do contacto de Malí con Portugal. No 1450, Portugal comezou a lanzar ataques ao longo da costa de Gambia, que aínda estaba firmemente controlada por Malí, expedicións que foron desastrosas ata que Diego Gómez de Portugal establecese relacións formais con Malí. Cadomasto, un explorador veneciano, lembraba en 1454 que o imperio de Malí era o máis poderoso a costa.

A pesar do seu poder no oeste, Malí perdía a batalla pola supremacía no norte e o nordés. O novo Imperio Songhai conquistaba Mema, unha das primeiras posesións de Malí, en 1465, e tamén arrebatou Tombouctou aos tuaregs en 1468, baixo a xefatura de Sunni Ali.

Mansa Mahmud II

editar
 
Enrique o Navegante, impulsor das colonias portuguesas na costa africana.

Non se coñece exactamente cando Mamadou se coroou Mansa Mahmud II nin de quen descendía, soamente que é probable que tomase o trono no 1470. Outro emperador, Mansa Mahan III, cítase ás veces como Mansa Mahmud I, pero os nomes do trono non indican xeralmente relacións de sangue. O reinado de Mansa Mahmud II caracterizouse por máis perdas das antigas posesións de Malí e o contacto crecente entre Malí e os exploradores portugueses ao longo da costa. En 1477, o emperador Nasséré de Yatenga fai outra incursión en Macina e conquístao xunto coa antiga provincia de BaGhana (Wagadou). En 1481, comezan as incursións dos peul contra as provincias de Tekrur.

O crecemento do comercio entre as provincias occidentais de Malí e Portugal testemúñase polo intercambio de embaixadas entre as dúas nacións. Mansa Mahmud II recibe ao enviado portugués Pedro d’Evora en 1484. O mansa perde o control de Jalo durante este período. Mentres tanto, os songhais conquistan as minas de sal de Taghazza en 1493. O mesmo ano, Mahmud II envía a outro mensaxeiro a Portugal propondo a alianza contra os peul, pero os portugueses deciden manterse apartados do conflito, e as negociacións conclúen antes de 1495 sen resultados.

É inverosímil que Mahmud II gobernase máis aló da primeira década do século XVI; con todo, non hai nomes para outro rei ou reis durante este tempo. Si Mahmud II aínda estaba no trono entre 1495 e 1530, tivo a dubidosa honra de perder a maioría das posesións do período imperial: o exército dos songhais, baixo o mando de Askia Muhammad, derrotou ao xeneral Fati Quali en 1502 e tomou a provincia de Diafunu. En 1514, a dinastía de Denanke establécese en Tekrour. Non moito antes, o novo reino dos fouta, Tooro, está guerreando contra as provincias restantes de Malí. Para agregar o insulto ao golpe, o imperio songhai conquista as minas de cobre de Takedda.

Mansa Mahmud III

editar
 
O Imperio Songhai nos séculos XV e XVI.

O último mansa que reinou desde Niani, Mansa Mahmud III, tamén se coñece como Mansa Mamadou II. Como moitos reis deste período, non está claro cando comezou a gobernar, as únicas datas que distinguen ao seu reinado son a chegada dun enviado portugués en 1534, e o saqueo de Niani en 1545. Isto non impide que o seu ascenso ao trono fose a finais da década de 1520, ou mesmo anterior.

En 1534, Mahmud III recibiu a outro enviado portugués á corte de Malí, de nome Peros Fernandes. Este, enviado desde o porto costeiro portugués de Elmina, chega en resposta ao crecemento comercial ao longo da costa e pola petición urxente de Malí de axuda militar contra os songhai. No entanto, non se lle dá a axuda, e Malí ve as súas posesións caer unha tras outra.

O reinado de Mansa Mahmud III tamén sofre que o posto avanzado e a provincia militar de Kaabu se independice en 1537. O Imperio de Kaabu parécese ao Malí ambicioso de hai anos, e conquista as provincias restantes de Gambia en poder de Malí, Cassa e Bati.

O momento definitivo no reinado de Mahmud III é o conflito final entre Malí e os songhai en 1545. As forzas songhai, baixo mando do irmán do rei Askia Ishaq I, Askia Daoud, saquean Niani e ocupan o palacio. Mansa Mahmud III vese obrigado a fuxir ás montañas. Ao cabo dunha semana, reagrupa as súas forzas e lanza un contraataque que lanza aos songhai fóra de Manden. O Imperio Songhai mantén as súas ambicións sobre Malí, pero non pode conquistar definitivamente aos seus vellos amos.

Despois de liberar a capital, Mahmud III abandónaa por outra residencia nova máis ao norte. Pero non acabaron os apuros de Malí. En 1559, o reino fouta de Tooro consegue tomar Takrur. Esta derrota reduce Malí a tan só á parte de Manden, e o seu control esténdese soamente até Kita no oeste, Kangaba no norte, a curva do río de Níxer no leste e Kouroussa no sur.

Malí Post Imperial

editar

Non se sabe en que data Mansa Mahmud III deixou de gobernar Malí, que xa antes de 1560 estaba reducida ao antigo Manden Kurufa. Desde 1559 a 1645, os mansas de Manden gobernan Kurufa cara á decadencia final. O seguinte mansa mencionado, Mahmud IV, non aparece en ningún expediente até o final do século XVI. Con todo, parece ser o último rei dun Manden unido. Cúlpase aos seus descendentes da desintegración do Manden Kurufa nos reinos do norte, central e meridional.

Mansa Mahmud IV

editar

Mansa Mahmud IV (tamén coñecido como Mansa Mamadou III, Malí Mansa Mamadou e Niani Mansa Mamadou), é o último grande emperador de Manden segundo Tarikh es-Soudan. Este relata que lanzou un ataque contra a cidade de Jenne en 1591 aliado cos fulani que esperaban aproveitarse da derrota dos songhai e da anarquía que reinaba desde a derrota do Askia Issihak II. Fusileiros marroquís, despregados desde Tombouctou, enfrontáronos nunha batalla que expuña Malí á mesma tecnoloxía (armas de fogo) que destruíra Songhai. A pesar das grandes perdas, non cederon e o exército do mansa case alcanzou o éxito. Con todo, o exército de Jenne interveu, enviando un exército conducido por un renegado español, o pacha Djouder, e, aínda que decimados polo longo traxecto, a vantaxe das súas armas de fogo axudoulles a derrotar aos mandinkas en Tondibi (ao norte de Gao) o 12 de abril de 1591 e forzar a Mansa Mahmud IV e ao seu exército a retirarse a Kangaba. En 1618 o sultán marroquí non mantiña xa os medios para soster a colonia, e abandonou o corpo expedicionario.

A repartición

editar

Manden gañouse o respecto do Sultán de Marrocos, e puido aforrarse a sorte corrida por Songhai. Pero finalmente chegaría a destrución do Manden Kurufa, xa que a morte de Mansa Mahmud IV levou a un Manden dividido: o ano da súa morte serve como data apropiada para indicar a desaparición do estado unificado mandinka descendente de Sundiata. Tras o seu falecemento, o seu tres fillos emprenderon a guerra entre si e dividiron a terra en tres esferas de influencia: Kangaba, a capital de feito de Manden, converteuse na capital do norte. A provincia de Joma, gobernada desde Siguiri, controlou a rexión central, que abarcaba Niani. Hamana ou Amana, ao suroeste de Joma, converteuse na rexión meridional coa súa capital en Kouroussa (na Guinea moderna). Cada rei utilizou o título de mansa, pero a súa autoridade estendíase soamente á súa propia esfera de influencia.

A pesar desta desunión do reino, o Manden Kurufa sobreviviu até mediados do século XVII. Os tres estados guerrearon entre si tanto como contra os forasteiros, pero as rivalidades xeralmente detíñanse para facer fronte ás invasións. Esta tendencia continuaría na época colonial contra os Tukulor, os inimigos do oeste.

O derrube

editar

En 1630, os bamanas de Jenne declararon a súa versión de Guerra Santa en todas as posesións musulmás do que hoxe en día é Malí. Resistiron os pashas marroquís en Tombouctou e os mansas de Manden. En 1645, os bamanas atacaron Manden, que mantiña ambas as marxes do Níxer até Niani, reducindo o imperio á súa fachada occidental ao longo do río Gambia. Esta campaña esnaquizou Manden e acabou con calquera esperanza dos tres mansas que cooperaban para liberar a súa terra.

Mama Maghan

editar

Mama Maghan, mansa de Kangaba, fixo campaña contra os bamanas en 1667 e atacou Segou, que foi defendida por Biton Kouloubali con éxito, forzando a Mama Maghan a retirarse a Kangaba; este foi o último intento de recuperar o imperio. Como contraataque ou simplemente como continuación de asaltos proxectados contra os restos de Malí, os bamanas saquean e incendian Niani en 1670, acabando así coa capital do antigo reino: desde este momento, o Manden Kurufa está acabado, a única posesión dos mandinka salvada na campaña é o seu núcleo orixinal ao redor de Kangaba.

Pola súa banda, os musulmáns fulani migraron a Fouta Djallon en Guinea central e estableceron un estado islámico de 1735 até 1898, cunha constitución escrita.

Reino de Segou

editar

Os bambara crearon o reino de Segou, que se estendía desde Kaarta até Tombouctou, e que durou até mediados do século XIX, caendo ante Ahamadu I Lobbo, creador do imperio fulbé, que conquistou aos veciños en nome do islam, pero que só puido manterse por dúas xeracións.

Malí colonial

editar

En 1850 o exército francés avanzando desde Senegal ocupou o país, que pasou a formar parte do que se chamou África Occidental Francesa, ata que en 1960 independizouse tomando o nome de Confederación de Malí; pouco despois Senegal, Dahomey, Alto Volta e o chamado Sudán francés, segregáronse, e o último cambiou o nome a República de Malí.

Miscelánea

editar

O último descendente de Sundiata Keita, Salif Keita, vive exiliado por motivos políticos e dedícase á canción con grande éxito, a pesar da oposición familiar que non considera esta profesión apropiada para o seu rango.[6]

  1. Nacemento do Imperio manden.
  2. Longman, 1995
  3. A lenda de Sundiata.
  4. The Age of Wars of Religion, 1000-1650: An Encyclopedia of Global Warfare and Civilization.
  5. A presenza africana na América Antiga.
  6. "Salif Keita". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 06 de xuño de 2017. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • R. O. Collins & J. M. Burns (2007): A History of Sub-Saharan Africa, Cambridge University Press, ISBN 978-0-521-86746-7.
  • Niane, Djibril Tamsir. Historia general de Africa. Unesco. ISBN 84-309-0898-6. 
  • Niane, Djibril Tamsir. Africa entre los siglos XII y XVI. Unesco. ISBN 84-309-0902-8. 
  • Niane, Djibril Tamsir. Le Mali et la deuxième expansion manden. Unesco. 
  • Niane, Djibril Tamsir. El Fabuloso imperio del Malí. Unesco courier. 
  • Varios autores. Enciclopedia Larousse. Planeta. ISBN 84-320-2060-5. 
  • Varios autores. Historia de las civilizaciones (Tomo IV). Planeta. 
  • Sellier, Jean (Trad: Albert Roca). Atlas de los pueblos de África. Paidós. ISBN 84-493-1716-9. 
  • Niane, D.T. Sundiata: An Epic of Old Mali. Longman. ISBN 1-4058-4942-8. 
  • Heusch, Luc de. The Symbolic Mechanisms of Sacred Kingship: Rediscovering Frazer. The Journal of the Royal Anthropological Institute. 
  • Stride, George T. e Ifeka, Caroline. Peoples and Empires of West Africa: West Africa in History 1000-1800. Africana Pub. Corp. ISBN 0-8419-0069-8. 
  • Niane, Djibril Tamsir. Recherches sur l’Empire du Mali au Moyen Âge. Présence Africaine, París. 
  • Person, Yves. Samori: une révolution Dyula. Nîmes, impr. Barnier. 
  • Levitzion, N. The Thirteenth- and Fourteenth-Century Kings of Mali: The Journal of African History, Vol. 4, No. 3. Cambridge University Press. ISBN 0-8419-0069-8. 
  • O'Sullivan, John M. Slavery in the Malinke Kingdom of Kabadougou (Ivory Coast). The International Journal of African Historical Studies, Vol. 13, No. 4. Boston University African Studies Center. 
  • Thornton, John K. Warfare in Atlantic Africa, 1500-1800. Routledge. ISBN 1-85728-392-9. 
  • Niane, Djibril Tamsir. Histoire et tradition historique du Manding. Présence Africaine. 
  • Jansen, Jan. The Representation of Status in Mande: Did the Mali Empire Still Exist in the Nineteenth Century? History in Africa, Vol. 23. JSTOR. 
  • Jansen, Jan. El hermano menor y el extranjero. Búsqueda de un estatus para Manden. Cahiers d'études africaines. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
HOME 6
Idea 1
idea 1
Intern 2
iOS 23
mac 9
multimedia 1
OOP 1
os 526
todo 22