Joey Ramone
Jeffrey Ross Hyman, máis coñecido como Joey Ramone, nado en Nova York o 19 de maio de 1951 e finado no mesmo lugar o 15 de abril de 2001, foi un músico norteamericano, cofundador, vocalista e compositor da lendaria banda de punk rock Ramones desde 1974 até a súa disolución en 1996.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Jeffrey Ross Hyman 19 de maio de 1951 Forest Hills, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 15 de abril de 2001 (49 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Causa da morte | Linfoma |
Lugar de sepultura | Hillside Cemetery (en) |
Outros nomes | Joey Ramone |
Relixión | Xudaísmo |
Educación | Forest Hills High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | cantante, compositor de cancións |
Período de actividade | 1964 - 2001 |
Membro de | |
Xénero artístico | Música rock e punk rock |
Tesitura | Barítono |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Sire Records |
Familia | |
Pais | Noel Hyman e Charlotte Lesher |
Irmáns | Mickey Leigh |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sitio web | joeyramone.com |
|
A súa imaxe e voz como líder dos Ramones convertérono nunha icona contracultural do seu tempo.[1]
Biografía
editarJoey Ramone naceu como Jeffrey Ross Hyman do matrimonio formado por Charlotte (apelido de solteira Mandell) e Noel Hyman. A familia vivía en Forest Hills, no barrio neoiorquino de Queens, onde Hyman e os seus futuros compañeiros nos Ramones ían ao Forest Hills High School. Aínda que era feliz, Hyman estaba algo marxinado, ao diagnosticárselle aos 18 anos un trastorno obsesivo compulsivo. Medrou co seu irmán, o músico e escritor Mickey Leigh. Os seus pais divorciaríanse e a súa nai volveu casar, pero quedou viúva nun accidente de coche mentres estaba de vacacións.
A Hyman gustábanlle artistas como The Beatles,[2] The Who, David Bowie e The Stooges entre outras bandas, particularmente oldies e "girl groups" producidos por Phil Spector. O seu ídolo era Pete Townshend de The Who, co cal compartía a data de aniversario. Hyman comezou a tocar a batería aos 13 anos e tocouna durante a súa adolescencia antes de facerse cunha guitarra acústica aos 17 anos. Antes de unirse aos Ramones foi cantante nun grupo chamado Sniper.
Sniper
editarEn 1972 Hyman uniuse á banda de glam punk Sniper. Sniper chegou a tocar ao lado de artistas como New York Dolls, Suicide e Queen Elizabeth III. Hyman tocaba con Sniper co nome Jeff Starship. Hyman estivo con Sniper ata principios de 1974, cando foi substituído por Alan Turner.
Ramones
editarEn 1974 Jeffrey Hyman cofundou a banda de punk rock Ramones cos seus amigos John Cummings e Douglas Colvin. Colvin xa estaba usando o seudónimo "Dee Dee Ramone" e os demais tamén adoptaron nomes artísticos usando a palabra "Ramone" como o seu apelido: Cummings convertéuse en Johnny Ramone e Hyman en Joey Ramone. O nome "Ramone" vén de Paul McCartney: el usou brevemente o nome artístico "Paul Ramon" durante 1960/1961, cando os Beatles, aínda un quinteto descoñecido chamado Silver Beetles, fixeron unha xira por Escocia e todos usaron seudónimos; e novamente en 1969 no álbum de Steve Miller onde tocou a batería nunha canción usando ese nome.
Joey inicialmente foi o batería da banda, mentres que Dee Dee Ramone foi o vacalista orixinal. Porén, cando as cordas vocais de Dee Dee demostraron non ser capaces de soster as demandas de actuacións constantes, o representante de Ramones, Thomas Erdelyi, suxeríu a Joey cambiarse ás voces. Tras unha serie de audicións insatisfactorias na busca dun novo batería, Erdelyi tomou o control das baquetas, asumindo o nome de Tommy Ramone.
Ramones foi unha grande influencia do movemento punk rock nos Estados Unidos, a pesar de que só conseguisen un éxito comercial menor. O seu únco disco coas suficientes vendas nese país para ser certificado ouro foi o álbum recompilatorio Ramones Mania. O recoñecemento da importancia da banda construíuse ao longo dos anos, e a día de hoxe adoitan aparecer en moitas publicacións como un dos mellores grupos da historia do rock, como a lista dos 50 mellores artistas de todos os tempos e os 25 mellores álbums ao vivo da Rolling Stone, a lista dos 100 mellores artistas de hard rock de VH1, ou os 100 mellores álbums de Mojo. En 2002 Ramones foi votada segunda mellor banda de rock and roll pola revista Spin, quedando por detrás dos Beatles.
En 1996, despois dunha xira co festival musical Lollapalooza, a banda realizou o seu derradeiro concerto e separouse.
Outros proxectos
editarEn 1985 uniuse ao grupo activista musical de Steven Van Zandt Artists United Against Apartheid, que facía campaña contra o complexo Sun City en Suráfrica. Ramone e outros 49 artistas, como Bruce Springsteen, Keith Richards, Lou Reed e Run DMC, colaboraron na canción "Sun City", na que prometeron que nunca actuarían no complexo.
En 1994 Ramone apareceu no álbum de Helen Love Love and Glitter, Hot Days and Music, cantando na canción "Punk Boy". Helen Love devolveulle o favor, cantando na canción de Ramone "Mr. Punchy" anos máis tarde.
En outubro de 1996 Ramone foi cabeza de cartel no festival de rock alternativo Rock the Reservation en Tuba City, Arizona. Joey Ramone & the Resistance (con Daniel Rey na guitarra, John Connor no baixo e Roger Murdock na batería) estrenou a interpretación de Ramone d canción de Louis Armstrong "Wonderful World" ao vivo, ademais de tocar varios temas clásicos dos Ramones e de tocar algunhas das súas cancións favoritas; "Any Way You Want It" de The Dave Clark Five, "The Kids are Alright" de The Who e "No Fun" de The Stooges.
Ramone co-escribiu e gravou a canción "Meatball Sandwich" con Youth Gone Mad. Durante un curto período antes da súa morte foi representante e produtor da banda de punk rock The Independents.
A súa derradeira gravación como vocalista foi facendo coros no disco One Nation Under da banda de Dine Navajo Blackfire. Ramone apareceu en dous temas, "What Do You See" e "Lying to Myself".
Ramone produciu o álbum de Ronnie Spector She Talks to Rainbows en 1999. O disco foi aclamado pola crítica pero non chegou a ter éxito comercial. O tema que lle dá título apapareceu anteriormente no derradeiro álbum dos Ramones, ¡Adios Amigos!.
Morte e influencia
editarJoey Ramone morreu dun linfoma no New York-Presbyterian Hospital o 15 de abril de 2001, un mes antes de chegar a cumprir os 50 anos e sete anos despois de que se lle diagnosticase a enfermidade. Supostamente estaba escoitando a canción de U2 "In a Little While" no memento da súa morte.[3] Nunha entrevista en 2014 para Radio 538 Bono confirmou que a familia de Ramone lle dixera que estaba escoitando ese tema antes de morrer, algo que tamén confirmou Andy Shernoff de The Dictators.[4]
O seu álbum en solitario Don't Worry About Me foi publicado postumamente en 2002 e conta co sinxelo "What a Wonderful World", unha versión da canción de Louis Armstrong.
O 30 de novembro de 2003 un bloque da cidade de Nova York foi oficialmente renomeado como Joey Ramone Place.[5] Nese bloque Hyman viviu co seu compañeiro de banda Dee Dee Ramone, e está preto da antiga localización do club CBGB, onde os Ramones tiveron os seus inicios. O aniversario de Hyman é celebrado anualmente por clubs nocturnos de rock 'n' roll, organizado en Nova York polo seu irmán e, ata 2007, pola súa nai Charlotte. Joey Ramone está enterrado no cemiterio de Hillside, en Lyndhurst, Nova Jersey.
Notas
editar- ↑ Huey, Steve. Allmusic, ed. "Joey Ramone" (en inglés). Consultado o 19 de maio de 2013.
- ↑ BBC (ed.). "The musical misfits". Consultado o 8 de novembro de 2016.
- ↑ VH1 (ed.). "Punk Pioneer Joey Ramone Dead At 49". Archived from the original on 05 de agosto de 2003. Consultado o 15 de novembro de 2016.
- ↑ Still in Rock (ed.). "Interview Still in Rock: Andy Shernoff (The Dictators)". Consultado o 15 de novembro de 2016.
- ↑ Ramonesheaven.com (ed.). "Joey Ramone Place – Street Sign in New York". Consultado o 17 de novembro de 2016.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joey Ramone |