Khanato de Kara-Khitai
O Khanato[1] de Kara Khitai ou Qara Khitai ou Liao Occidental, oficialmente o Gran Liao, foi un imperio khitan de Asia Central influenciado pola cultura chinesa. O fundador da dinastía foi Yelü Dashi, quen conduciu os restos das dinastía Liao ata Asia Central despois de fuxir da conquista dos jurchen abandonando a súa patria no norte e nordeste da actual China. O imperio foi usurpado polos naiman baixo o poder de Kuchlug en 1211; as fontes tradicionais chinesas, persas, e árabes consideran que a usurpación foi o final do goberno Kara Khitai.[2] Máis tarde o imperio foi conquistado polos mongois (ano 1218).
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Capital | Balasagun (pt) | |||
Poboación | ||||
Relixión | budismo | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 1124 | |||
Disolución | 1218 (Gregoriano) | |||
Sucedido por | Imperio Mongol | |||
Historia
editarFundación do Imperio Kara Khitai
editarFoi establecido por Yelü Dashi, que levou os khitan nómades ao oeste a través de Mongolia tras a caída da dinastía Liao. Os jurchen, algunha vez vasalos dos khitan, aliáranse coa China Song e atacaron aos Liao. Yelü capturou Balasagun do Khanato Kara-Khanid en 1134, o que marca o comezo do imperio en Asia Central. As forzas dos khitan pronto uníronse con 10.000 khitan que foran súbditos do Khanato Kara-Khanid. Os khitan conquistaron Kashgar, Khotan, e Beshbalik, e venceron ao Khanato Kara-Khanid Occidental en Khujand en 1137, asumindo finalmente o seu control no val de Fergana. Gañaron a batalla de Qatwan contra os Kara-Khanid occidentais e o Imperio Sexúcida o 9 de setembro de 1141, o que fixo que controlasen Transoxiana.[3]
Sucesores de Yelü Dashi
editarYelü Dashi morreu en 1143, e a súa esposa, Xiao Tabuyan, entón asumiu como rexente no lugar do seu fillo. El, Yelü Yiliu, comezou a gobernar en 1150 e morreu en 1163, cando foi sucedido pola súa irmá, Yelü Pusuwan. Ela enviou o seu marido, Xiao Duolubu, a moitas campañas militares. Finalmente namorouse do irmán máis novo del, Xiao Fuguzhi. Foron executados en 1177 polo seu sogro, Xiao Wolila, quen entón puxo no trono a Yelü Zhilugu en 1178. O imperio debilitouse por causa de rebelións e guerras internas entre os seus vasalos.
Usurpación de Kuchlug e fin do Khanato
editarEn 1208, un príncipe naiman, Kuchlug, fuxiu das súas terras tras ser derrotado polos mongois. Kuchlug foi benvido no Imperio dos Kara-Khitan, e casou coa filla de Zhilugu. Porén, en 1211, Kuchlug rebelouse e capturou a Yelü Zhilugu mentres o derradeiro estaba de cazaría. Zhilugu permaneceu como gobernante nominal pero morreu dous anos despois, e moitos historiadores consideran súa morte o final do Imperio. En 1216, Xenxis Khan mandou o seu xeneral Jebe capturar a Kuchlug; Kuchlug fuxiu, pero en 1218 finalmente foi achado e decapitado. Os mongois completaron a conquista dos antigos territorios dos Kara-Khitan en 1220.
Consecuencias
editarOs Kara Khitan remataron absorbidos polo Imperio Mongol; unha parte das tropas Kara-Khitan xa uníranse aos exércitos mongois cando loitaban contra Kuchlug. Outra parte dos Kara-Khitan, nunha dinastía fundada por Buraq Hajib, persistiron na provincia de Kerman como vasalos dos mongois, mais deixaron de existir como entidade durante o reinado de Öljaitü.[4] Os Kara-Khitan espalláronse amplamente por toda Eurasia como parte do exército mongol. No s. XIV, comezaron a perder a súa identidade étnica, trazas da súa presenza, porén, pódense atopar como nomes de clans ou topónimos de Afganistan a Moldova. Hoxe aínda existen tribos no norte de Kirguistán.[5]
Administración
editarOs Khitan gobernaron desde a súa capital en Balasagun (hoxe en Kirguistán), controlando directamente a rexión central do imperio. O resto do imperio consitiu en estados vasalos autónomos.
Os gobernantes adoptaron moitos elementos administrativos dos Liao, incluíndo os usos da administración confuciana. O Imperio tamén adoptou o título de Gurkhan (khan universal).[6] Os khitan usaron o calendario chinés, mantiveron títulos imperiais administrativos chineses, usaron moedas de estilo chinés e enviaron selos imperiais aos seus vasalos.[7] Aínda que os seus títulos derivaban dos chinenes, tamén houbo títulos admnistrativos locais como tayangyu (túrquico) e visir.
Os khitan mantiveron as súas antigas costumes, mesmo en Asia Central. Continuaron a ser nómades e a usar a súa vestimenta tradicional, e mantiveron as prácticas relixiosas dos khitan da dinastía Liao. A elite gobernante tentou conservar os matrimonios entre o clan real masculino Yelü e o feminino Xiao. Os kitan de Kara-Khitai seguían unha mestura de budismo e relixión tradicional khitan, que incluía a adoración do fogo e costumes tribais, como o scrificio dun boi gris xunto cun cabalo branco. Nunha innovación única para os Kara-Khitai, os khitan pagaron un salario os seus soldados.
O imperio rexeu unha poboación diversa moi diferente dos seus gobernantes. A maioría dos habitantes eran sedentarios, aínda que a poboación de súpeto se fixo máis nómade cara ao final do imperio, debido ao influxo dos naiman. A maioría dos súbditos era musulmá, aínda que unha minoría significativa practicaba o budismo e o nestorianismo. Se ben o chinés e o khitan eran as lingas principais na administración, tamén usábase o persa e o uyghur.[8]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para khanato.
- ↑ The Empire of the Qara Khitai in Eurasian History: Between China and the Islamic World, pp. 2
- ↑ Grousset, Rene, The Empire of the Steppes: A History of Central Asia , (Rutgers University Press, 2002), 165.
- ↑ Michal Biran, p. 87
- ↑ Sinor, D. (1998), "Chapter 11 - The Kitan and the Kara Kitay", en Asimov, M.S.; Bosworth, C.E., History of Civilisations of Central Asia, 4 part I, UNESCO Publishing, ISBN 92-3-103467-7
- ↑ Gurkhan probablemente era un título orixinario dos nómades de Asia Central. The Empire of the Qara Khitai in Eurasian History: Between China and the Islamic World p. 1
- ↑ The Empire of the Qara Khitai in Eurasian History: Between China and the Islamic World, pp. 93-131
- ↑ The Empire of the Qara Khitai in Eurasian History: Between China and the Islamic World, p. 94