La masia
La masia é unha pintura ó óleo, realizada polo pintor Joan Miró entre os anos 1921 e 1922, constitúe unha especie de inventario da masía que posuía a súa familia desde o ano 1910 na poboación de Montroig. O mesmo Miró consideraba esta obra como unha peza clave na súa carreira artística, describíndoa como «un resumo de toda a miña vida no campo». Está conservada na National Gallery of Art, Washington DC, a onde foi doada por Mary Hemingway en 1987.
La masia | |
---|---|
Artista | Joan Miró |
Data | 1921-1922 |
Técnica | óleo sobre lenzo |
Dimensións | 123,8 cm × 141,3 cm |
Localización | National Gallery of Art (Washington DC, Estados Unidos) |
Historia
editarAínda que o pintor naceu en Barcelona, a súa vida particular e pictórica está relacionada co mundo rural e especialmente o da poboación de Montroig. Desde as súas primeiras obras xa mostra unha influencia nas paisaxes e personaxes do mundo que visiona durante as súas estadías de verán nas terras de Tarragona.[1] Esta vinculación coa terra pódese apreciar nas pinturas realizadas entre os anos 1918 e 1924 como Hort amb ase (1918) ou Mont-roig, l'església i el poble (1919). A obra de La masia empezouna nun verán ó regreso da primeira viaxe de París e acabouna en París.[2] Era unha época na cal Miró se establecera en París e alternaba con algunhas viaxes, sobre todo no verán, a Montroig.[3]
A observación de todo o que lle rodea e das luces sobre as rocas e árbores, que cambiaban en determinados momentos pola luminosidade do sol, facían que o artista se sentise atado ó elemento da terra da que dixo:
... é esencial ter os pés firmemente apoiados na terra para levantar o voo polo aire [...] cando se pinta, hase de camiñar sobre a terra, porque, a través das extremidades, comunícanos o seu vigor.
Finalizou esta pintura en París xa que por eses anos residía na capital de Francia onde ocupaba o estudo cedido por Pau Gargallo e só ía pasar os veráns á leira familiar en Montroig do Camp. Por necesidade económica, iniciou un percorrido entre marchantes para poder vendela. Léonce Rosenberg que se ocupaba das pinturas de Picasso, accedeu a tela en depósito e ó cabo dalgún tempo e ante a insistencia de Miró, suxeriulle ó artista dividir a tea en anacos pequenos para que fose máis fácil a súa venda. Miró, enfadado, recolleu a tea e levoulla ó seu taller. Fíxose cargo da pintura Jacques Viot, da galería Pierre, que despois duns tratos vendeulla ó escritor Ernest Hemingway, por cinco mil francos.[5] Hemingway escribiu en 1934 na revista Cahiers d'art: «Non cambio La masia por ningún outro cadro do mundo»[6]
Miró utilizou posteriormente a zona de Montroig noutras obras, como La masovera, Flors i papallona, Graella i llum de petroli, El llum de carbur e L'espiga de blat, que xunto coa La masia permiten ver a sucesión na transformación das formas figurativas noutras planas onde hai toda clase de simboloxía e grafismo.[7]
A historia por Miró
editarMiró foi o primeiro relator da historia da súa obra La masa:
Nove meses de traballo constante e pesado! Nove meses (curiosamente, os mesmos da xestación humana) cada día pintando nel e borrando e facendo estudos e volvendo destruír! La masia foi o resumo de toda a miña vida (espiritual e poética) no campo. Desde unha gran árbore a un pequeno caracoliño, quixen pór todo o que eu quería no campo. Creo que é insensato dar máis valor a unha montaña que a unha formiga (e isto os paisaxistas non o saben ver) e por iso non dubidaba de pasarme horas e horas para dar vida á formiga. Durante os nove meses que traballei en La masia traballaba sete ou oito horas diarias. Sufría terriblemente, bárbaramente, como un condenado. Borraba moito. E empezaba a desfacerme de influencias estranxeiras para porme en contacto con Cataluña.[...] En París, ó porme a traballar de novo no cadro, comprendín enseguida que había algo que non funcionaba [...] non podía pintar as herbas de Montroig a partir das do bosque de Boulogne, e, para poder continuar o cadro acabei pedindo que me enviasen herbas auténticas de Montroig dentro dun sobre. Chegaron todas secas, claro. Pero polo menos, grazas a estas flores, puiden continuar o traballo.[...] Cando o terminei ... non había maneira que ningún marchante quedase con La masia nin que quixese mirala. Escribín a moita xente e nada. Plandiura, a quen tamén lla ofrecín, non quixo saber nada. Finalmente Rosenberg, seguramente por compromiso con Picasso, aceptou tela en depósito na súa casa [...] e deixeilla un puñado de tempo [...] fíxome esta proposición: «Xa sabedes que en París actualmente a xente habita cámaras pequenas e cada día máis, debido á crise que se pasa [...] ben, pois por que non facemos algo? Poderiamos facer en oito pedazos esta tea e vendela polo miúdo ...» Rosenberg falaba en serio. Ó cabo dun par de meses retirei esta tea de casa de Rosenberg e leveina ó taller, convivindo con ela en plena miseria.Joan Miró[8]
Descrición
editarLa masia, é a obra cume da súa época «detallista», realizada ós vinte e nove anos de idade e que James J. Sweeney considerou como «obra clave do desenvolvemento posterior do artista».[3] Traballou nela durante nove meses de dura elaboración; a relación mítica mantida por Miró coa terra, resúmese neste cadro, no grafismo de carácter inxenuo e realista de todos os obxectos, os animais son os domésticos, os vexetais son os que o home traballa e os obxectos son todos de uso diario e necesarios para o home. Estuda todos os detalles ó mínimo, é o que se chama «caligrafía mironiana» empregada polo artista tamén noutras pinturas como Mont-roig, l'església i el poble (1919), Retrato de nena (1918) ou Hort amb ase (1918), punto de partida todas elas para os seguintes anos do seu contacto co surrealismo.[9]
Na pintura nótase a familiaridade que todo o representado tiña con Miró. Está realizada como un escenario onde se poden apreciar as actividades propias dunha masía e as características do edificio, dos obxectos e animais. A definición clara dos debuxos consegue facer fácil o recoñecemento de todo sen producir ningunha confusión.[10] Coma se fose un inventario móstrase un macho, un cabalo, unhas galiñas, un can, unha cabra, un coello, lagartas e insectos, a maioría illados e moitos deles colocados sobre algún obxecto que os fai aparecer como expostos sobre unhas penas, esta posibilidade de unión entre obxecto e animal é a peza que segundo Braque «asegura a súa xustificación» e consegue o movemento entre o resto dos elementos representados da obra.[11] O edificio da casa inclúe as gretas e as faltas no revogue das paredes. No centro da pintura atópase un gran eucaliptus que nace dun círculo negro que contrasta co círculo branco do ceo que representa o sol.[12] Todos os elementos desta pintura, animais e obxectos, chegaron a ser prototipos en forma de símbolo que foron aparecendo en diversas obras realizadas por Miró, por exemplo un dos máis habituais é a escaleira de man que representa a evasión.[13]
Opinións
editarNela xorde totalmente o ideal mironiano, entroncado por un momento coa afirmación, que é súplica, de Maragall: para que outro ceo, se esta terra é tan fermosa? O «erro» que antes introducía a súa profunda sombra no pensamento do artista foi concitado polo instante. La masia é o ceo terrestre. Nela, os galos sosteñen o lirismo, a árbore levanta a forza dos instintos para beber a luz astral, que non se sabe se ven do sol ou da lúa. Todo transparenta os seus muros e a claridade absoluta fai accesibles os misterios do insondablemente afastado que é o inmediato. Cada raia é un sopro do espírito, cada vértice unha alegría, cada plano un mundo construído gozosamente para habitar nel. Hai unha atmosfera de éxtase taoísta nesa masia que coincide coa paz catalá da terra.Juan-Eduardo Cirlot Laporta, Joan Miró[14]
Miró, levará a cabo, cunha discreción perfecta e uns medios de incrible xusteza, unha experiencia poética e pictórica que o elevará ós límites da pintura e ó corazón mesmo desta totalidade imaxinaria desa verdadeira surrealidade, que os surrealistas non chegaron a coñecer e da que só rozaron a periferia.Jacques Dupin, Miró[15]
Foi a través deste novo vocabulario de signos que Miró realizou finalmente a súa concepción poética da paisaxe catalá, desligado da política e dos debates sobre a situación cultural da arte moderna. Nunha época en que a vangarda estaba cercada e en que a idea do Mediterráneo era utilizada para reforzar posicións políticas, ideolóxicas e retóricas, Miró tentaba consolidar un novo tipo de alianza entre forma e contido nas súas imaxes arquetípicas dunha Cataluña primitiva. Con La masia, de 1921-1922, Miró puxo ó descuberto a súa propia masia (a interior ou poética) do campo de Tarragona e catalogaba o contido cunha claridade e unha precisión sen precedentes...Robert Lubar, La Mediterrània de Miró: concepcions d'una identitat[16]
Persoalmente, non teño ningunha dúbida en afirmar que La masia representa para a nosa nación catalá o mesmo que o Guernica representa para a nosa plural España, pola singularidade e riqueza dos valores espirituais que ambas as obras posúen e transmiten ós membros das súas comunidades de orixe e ós de toda a humanidade.Saturnino Pesquero, Joan Miró: la intencionalidad oculta de su vida y obra[17]
Notas
editar- ↑ Rebull 1994: p. 4
- ↑ Rebull 1994: p. 9
- ↑ 3,0 3,1 Suárez / Vidal 1989: p. 297
- ↑ Penrose 1965: p. 3
- ↑ Malet 1992: pp. 29-32
- ↑ Paporov, IUriĭ (1993). Hemingway en Cuba. Século XXI. pp. p.92. ISBN 9789682318481.
- ↑ Martínez Muñoz 2000: p. 99
- ↑ Declaracións: 158 e ss. recollido en Joan Miró: a intencionalidade oculta da súa vida e obra por Saturnino Pesqueiro Ed. Erasmus, 2009, ISBN 978-84-936972-1-1 pp. 100-101
- ↑ Rebull 1994: pp. 6-9
- ↑ Penrose 1991: p. 28
- ↑ Raillard 1992: p. 60
- ↑ Penrose 1991: p. 29
- ↑ Penrose 1965: p. 6
- ↑ Cirlot Laporta 1949: p. 19
- ↑ Dupin 2004: p. 116
- ↑ Lubar 1993: p. 48
- ↑ Pesqueiro 2009: p. 101