Le Divisament dou monde

Le Devisament dou Monde, segundo o seu título orixinal en francés antigo, ou, como é máis coñecido "Libro das marabillas do mundo" ou "As viaxes de Marco Polo", (Il Milione o Oriente Poliano en italiano), é un libro de viaxes do século XIII escrito por Rustichello da Pisa a partir de historias contadas por Marco Polo, que describen as viaxes de Polo por Asia entre 1276 e 1291, e as súas experiencias na corte de Kublai Khan.[1][2] O libro foi escrito en francés antigo polo escritor Rustichello da Pisa, quen traballou a partir de relatos que ouvira de Marco Polo cando estiveron encarcerados xuntos en Xénova.[3] Tanto na súa época como en tempos recentes houbo incredulidade sobre as historias ás veces fabulosas de Polo. Algúns dubidan de que Marco realmente viaxara á China e suxiren que simplemente podería repetir historias que ouvira doutros viaxeiros.[4]

Le Divisament dou monde
Título orixinalLe Livre de Marco Polo, Le Devisement du monde, Il Milione e Le Livre des merveilles
Autor/aRustichello de Pisa e Marco Polo
OrixeRepública de Venecia
Linguafrancés antigo
Xénero(s)libro de viaxes, Literatura de viaxes e Robinsonada
Data de pub.1298
Na rede
BNE: XX3003939
editar datos en Wikidata ]

Os defensores da veracidade do libro argúen a súa precisión básica. O historiador Mark Elvin conclúe que xa ficou demostrado mediante moitos exemplos específicos que o libro é en esencia, auténtico."[5]

Historia

editar
 
A ruta de Polo.
 
A perspectiva probable da xeografía de Marco Polo (debuxado por H. Yule, 1871).

A orixe do título Il Milione é debatido. Sostense que se orixina en que a familia Polo usaba o nome Emilione para distinguirse das moitas familias venecianas co mesmo apelido.[6] Pero unha opinión máis comunmente aceptada é que o nome se refire á recepción medieval da obra, querendo dicir que contiña "un millón" de mentiras.[7]

As avaliacións modernas do texto xeralmente consideran que é o rexistro dun observador no canto dun viaxeiro analítico ou imaxinativo. Marco Polo xorde como un home curioso e tolerante, fielmente dedicado a Kublai Khan e a dinastía á que serviu por dúas décadas. O libro é o relato de Polo sobre as súas viaxes pola China, á que chama Cathay (norte da China) e Manxi (sur da China). Os Polo deixaron Venecia en 1271. Deixaron á China a finais de 1290 ou principios de 1291.[8] Segundo a tradición Polo ditou o libro nunha prisión de Xénova a un escritor, Rustichello da Pisa, entre 1298 e 1299. Rustichello quizais elaborara a súa primeira versión franco-italiana a partir de notas de Marco. O libro despois chamouse en francés Devisement du Monde e Livres des Merveilles du Monde, e De Mirabilibus Mundi en latín.[9]

Contidos

editar

A obra divídese en catro libros. O primeiro describe as terras de Oriente Medio e Asia Central que Marco encontrara na súa viaxe cara á China. O segundo describe China e a corte de Kublai Khan. O terceiro describe algunhas rexións costeiras de Oriente: Xapón, a India, Sri Lanka, Asia Suroriental, e a costa oriental de África. O cuarto libro describe o seu retorno a Italia. Este retorno involucrou moitos perigos, como unha banda de piratas que roubou a Marco miles de pezas de ouro e que o colleu como refén. Os piratas foron apresados por un barco que pasaba que pediu auxilio á policía chinesa. Tamén relata que Marco sufriu un ataque de gota que durante algúns anos lle dificultou o camiñar.

Legado

editar

A obra tivo un éxito popular inusitado nunha época anterior á imprenta.

O impacto da cartografía do libro de Polo foi tardío: o primeiro mapa no cal algúns dos nomes mencionados por Polo aparecen, foi o Atlas catalán de Carlos V (1375), que inclúe trinta nomes da China e uns cantos outros topónimos asiáticos.[10] A mediados do século XV o cartógrafo de Murano, Fra Mauro, incluíu meticulosamente todos os topónimos de Polo no seu mapa do mundo, de 1450.

A descrición que fai Marco Polo do Extremo Oriente e das súas riquezas inspirou a decisión de Cristovo Colón de tentar alcanzar Asia por mar,[Cómpre referencia] indo cara ao oeste. Unha copia moi glosada do libro de Polo atopábase entre as pertenzas de Colón. Os escritos de Polo inclúen caníbales e cultivadores de especias.

Versións posteriores

editar
 
notas manuscritas de Cristovo Colón na edición latina do libro de Marco Polo.

Nas súas viaxes Marco Polo foi acompañado polo seu pai e o seu tío. Ambos os dous estiveran na China antes, aínda que ningún deles publicou ningunha obra coñecida sobre as súas viaxes. O libro traduciuse a moitas linguas europeas xa no tempo do propio Marco Polo, mais o manuscrito perdeuse.

O máis antigo dos manuscritos conservados está en francés antigo e cheo de italianismos;[11] para Luigi Foscolo Benedetto, este texto "F" é o orixinal, que corrixiu comparándoo co texto italiano un pouco máis detallado de Ramusio, e tamén cun manuscrito en latín da Biblioteca Ambrosiana. Outras fontes temperás son R (a tradución italiana de Ramusio que se imprimiu en 1559) e Z (un manuscrito en latín do século XV conservado en Toledo). Outro antigo manuscrito francés, que data de arredor de 1350, consérvase na Biblioteca Nacional de Suecia.[12]

En total coñécense unhas 150 copias en diversas linguas. Cometéronse moitos erros ao seren copiados e traducidos, polo tanto hai moitas diferenzas entre as diversas copias.[13]. A primeira edición castelá é a de Santaella, de 1503, na cal se baseou a primeira tradución ao inglés, a versión isabelina de John Frampton, The most noble and famous travels of Marco Polo.[14]

O primeiro intento de confrontar manuscritos e facer unha edición crítica ocorreu nun volume de narracións de viaxes que se imprimiu en Venecia en 1559.[15]

O corrector Giovan Battista Ramusio, confrontou manuscritos de comezos do século XIV,[16] que consideraba "perfettamente corretto". Opinaba, ao contrario dos estudosos modernos, que Marco primeiro escribira en latín e que logo fora traducido ao italiano. Aparentemente, Ramusio puido usar unha versión latina moi antiga que lle prestara un amigo da familia Ghisi de Venecia.

A edición de Benedetto, Marco Polo, Il Milione, baixo o padroádego do Comitato Geografico Nazionale Italiano (Florence: Olschki, 1928), confronta sesenta fontes manuscritas adicionais, amais dunhas oitenta que foran recollidas por Henry Yule para a súa edición de 1871. Foi Benedetto quen identificou a Rustichello da Pisa,[17] como o compilador ou amanuense, e o seu texto establecido proprocionou a base de moitas traducións modernas: a súa propia ao italiano (1932), e a de Aldo Ricci (Londres, 1931).

A. C. Moule e Paul Pelliot publicaron unha tradución baixo o título Description of the World que utiliza o manuscrito F como base e tenta combinar as varias versións do texto nunha narración continua mentres ao mesmo tempo sinala as fontes de cada sección (Londres, 1938). [ISBN 4-87187-308-0]

Outros viaxeiros

editar

Aínda que Marco Polo sexa o máis famoso, non foi nin o único nin o primeiro viaxeiro europeo que foi ata o Imperio Mongol que despois escribiu un relato das súas experiencias. Outros que no século XIII viaxaron ata a corte do Gran Khan foron André de Longjumeau, Guillerme de Rubruck e Giovanni da Pian del Carpine con Benedykt Polak. Porén, ningún deles visitou a China, excepto Marco Polo.

O mercador marroquí Ibn Battuta viaxou atravesando a Horda Dourada (o exército tártaro e mongol chamado así pola riqueza dos seus xefes) e a China a comezos do século XIV. O autor inglés do mesmo século Xoán de Mandeville escribiu un relato da súa viaxe a Oriente, pero probablemente se baseara en información de segunda man e contén moitos datos apócrifos.

  1. Polo & Latham 1958, p. 15.
  2. Boulnois 2005.
  3. Jackson 1998.
  4. Wood 1996.
  5. Vogel, Hans Ulrich (2013). "Preface". Marco Polo Was in China: New Evidence from Currencies, Salts and Revenues (Leiden; Boston: Brill). p. xix. 
  6. Sofri. 2001: "Il secondo fu che Marco e i suoi usassero, pare, per distinguersi da altri Polo veneziani, il nome di Emilione, che è l' origine prosaica del titolo che si è imposto: Il Milione."
  7. Lindhal, McNamara, & Lindow, eds. Medieval Folklore: An Encyclopedia of Myths, Legends, Tales, Beliefs, and Customs - Vol. I. Santa Barbara, 2000, p. 368. ABC-CLIO
  8. A data que habitualmente se da, de 1292, foi corrixida nunha nota de Yung-chi. 1945, p. 51.
  9. Sofri 2001.
  10. The exhibition in Venice celebrating the seven hundredth anniversary of Polo's birth L'Asia nella Cartographia dell'Occidente, Tullia Leporini Gasparace, curador, Venecia 1955. (inverificable)
  11. Bibliothèque Nationale MS. français 1116. Para máis detalles, véxase, A. C. Moule e Paul Pelliot, Marco Polo: The Description of the World (Londres, 1938), p.41.
  12. Polo, Marco (1350). "The Travels of Marco Polo - World Digital Library" (en Old French). Consultado o 2014-11-25. 
  13. Kellogg 2001.
  14. https://archive.org/stream/mostnoblefamoust00polo/mostnoblefamoust00polo_djvu.txt
  15. O seu título era Secondo volume delle Navigationi et Viaggi nel quale si contengono l'Historia delle cose de' Tartari, et diuversi fatti de loro Imperatori, descritta da M. Marco Polo, Gentilhuomo di Venezia.... Herriott (1937) informa da recuperación dunha copia de 1795 do manuscrito Ghisi, que clarifica moitas pasaxes escuras do texto de Ramusio.
  16. "scritti gia piu di dugento anni (a mio giudico)."
  17. "Rusticien" nos manuscritos franceses.
  NODES
todo 2