Lingua aquitana
O aquitano[1] era unha lingua prerromana que se falaba no suroeste da actual Francia e o extremo occidental dos Pireneos, coñecida por unha serie de textos votivos e funerarios en latín que conteñen uns 400 nomes de persoa (antropónimos) e 70 nomes de deuses (teónimos).
Aquitano 'auskala (?) | ||
---|---|---|
Falado en: | Aquitania e Tarraconense | |
Rexións: | Oeste dos Pireneos e cara ao norte até Bordeos. | |
Total de falantes: | Lingua morta | |
Familia: | Lingua illada Aquitano | |
Escrita: | Latino | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | --
| |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | xaq
| |
Mapa | ||
Status | ||
Historia
editarA orixe desta lingua é descoñecida. Se consideramos o aquitano como antepasado máis ou menos directo do éuscaro (ver punto 2), existen infinidade de hipóteses e teorías sobre a súa orixe. As máis interesantes son:
- O éuscaro é unha lingua traída por pobos que se asentaron na zona a finais do paleolítico superior. A teoría baséase na observación de Miguel de Unamuno de que “aitz”, “aitzur”, “aizkora” significan respectivamente 'rocha', 'sacho' e 'machada'. So pobos que non coñecen o metal usarían a mesma raíz para “pedra” e “machada”. Non hai que desbotar a posibilidade, con todo, de facer derivar "aizcora" do latín asciola, de onde procede, por certo, a nosa palabra aixola.
- O aquitano estaría relacionado coas linguas do Cáucaso (cuxa pertenza a unha única familia non está aínda demostrado). Segundo algúns autores, xunto co etrusco e outras linguas desaparecidas, formarían a familia dené-caucasiana. Algúns dos representantes modernos desta familia serían as linguas do Cáucaso, as linguas dravídicas no sur da India e as na-dené en América do Norte.
- O aquitano chegaría do norte de África. Esta teoría está relacionada co chamado vascoiberismo, que ve no ibero unha lingua emparentada co vasco (teoría popularizada por Humboldt). Así os vascos e iberos estarían emparentados cos bérberes e outras linguas africanas.
Existen tamén indicios dunha relación moi antiga entre os aquitanos, os iberos e os pobos da cornixa cantábrica, anterior ás invasións indoeuropeas celtas. Secuencias de letras como -sc- en etnónimos, sonorización da secuencia -nt- indoeuropea en -nd- e semellanzas entre teónimos lusitanos e aquitanos son algúns dos elementos que apoiarían esta afirmación.
Parece ser que a área da Aquitania e dos Pireneos foi fortemente romanizada, co que a lingua non sobreviviu na maioría do territorio (hoxe dominado por linguas romances como o gascón, o francés ou o catalán). Desde este punto de vista, o éuscaro falado en Francia (o País Vasco francés) sería unha pervivencia da extensión orixinal da lingua en época romana.
Relacións con outras linguas
editarDe novo, se se acepta a relación aquitano - éuscaro, a lingua foi emparentada con practicamente todos os grupos de linguas do planeta. Algunhas das teorías máis populares xa se comentaron no punto anterior.
A única relación que se mostra frutífera é a dos aquitanos cos vascos. Moitos dos nomes nas inscricións atopadas son ou conteñen elementos indiscutiblemente vascos:
Aquitano | Vasco | Significado |
---|---|---|
Andere, Andre- | andre | señora, dama |
Belex, -belex, -bel(e)s | beltz | negro |
Cis(s)on | gizon | home |
Nescato | neska | moza |
Sembe- | seme (<*senbe) | fillo |
Seni | sein (<*seni) | neno, irmán |
Sahar | zahar | vello |
corri | gorri | vermello |
co | ko | sufixo |
tar | tar | sufixo |
O uso destas palabras e elementos en nomes no éuscaro medieval está suficientemente documentado como para pensar nun continuo histórico entre a época prerromana e a Idade Media. Malia que algúns dos nomes aquitanos non teñen equivalente moderno, parece claro concluír que en época prerromana e romana se falaba unha forma antiga de éuscaro en Aquitania. Isto foi confirmado tras o estudo feito por Joaquín Gorrochategui en 1984: "Onomástica indígena de Aquitania". Nesta obra o autor nos indica que a área onde se falaba esta lingua era a Gascuña e a zona media de Navarra, estando a maioría do País Vasco actual ocupado en parte por linguas indoeuropea de posible ascendencia celta e en parte polo ibero.
Extensión xeográfica
editarExisten desde antigo indicios da relación entre o suroeste de Francia e os vascos. Durante a conquista romana da Galia por Xulio César, chamouse Aquitania o territorio entre o Garona e os Pireneos. Habitado por un pobo de xinetes, o propio César di que son distintos en usos, costumes e lingua dos celtas de Galia. Na Idade Media, este mesmo territorio chamouse Gascuña, nome derivado de Vasconia.
Existen indicios para pensar que a lingua aquitana tamén se falaba nos Pireneos, cara ao leste polo menos ata o Val de Arán. Indícano nomes de lugares rematados en -os, -osse, -ons, -ost e -oz, considerados de orixe aquitana.
Ao sur dos Pireneos, a situación complícase. Caristios, Várdulos e Autrigóns, que ocupaban a maior parte do que é o moderno Euskadi, son xeralmente considerados como indoeuropeos e parentes dos cántabros. Da zona de Guipúscoa case non existen textos de época romana ou posteriores, ata a Idade Media. Isto por unha banda impide saber qué lingua se falaba na zona nesa época, pero por outra podería explicar a pervivencia do éuscaro no territorio polo aparente desinterese dos romanos pola zona.
Os vascóns, que ocupaban o que é a moderna Navarra, son xeralmente considerados como vascos, aínda que a principal evidencia está no nome. En 1960 atopouse unha estela con nomes aquitanos en Lerga, o que pode reforzar a idea de que vascóns e aquitanos estaban emparentados.
Algúns autores colocan a fronteira lingüística tan ao sur como Calahorra e outros colocan en territorio aragonés falantes de aquitano. Nomes de lugares rematados en -ués/-ós son considerados provenientes do éuscaro (h)otz (frío). Isto demostraría a existencia de aquitanos ou vascos na zona norte da provincia de Huesca. Os romanos mesmo mencionan a cidade de Iliberris (moderna Elvira, na provincia de Granada), nome con interpretación vasca evidente: *ili < hiri (cidade) + berri (novo). Esta ecuación ten sido utilizada como proba da relación entre o éuscaro e o ibero, base do vascoiberismo de Humboldt e outros autores. Hoxe en día pénsase que a ecuación iri do éuscaro - Ili / Ilti do ibero é produto dun préstamo ibero no éuscaro.
Todos estes datos deben tomarse con precaución, as fronteiras lingüísticas nun territorio non teñen por que seren claras, nin a lingua falada única. En principio, ao sur dos Pireneos, non existen probas contundentes da existencia dun grupo importante de falantes de aquitano fóra das zonas mencionadas do norte de Guipúscoa e norte e centro de Navarra.
Esta idea está reforzada pola escaseza de nomes xeográficos antigos que testemuñen esta presenza. Tamén polos descubrimentos de Luigi Luca Cavalli-Sforza que dan unha fronteira xenética bastante abrupta para os vascos cara ao sur, pero difusa cara ao norte, o que podería indicar un desprazamento cara ao sur da poboación.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aquitano.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Trask, L.R. (1997) The History of Basque, Londres/Nova York ISBN 0-415-13116-2 [1]
- Michelena, L. (1954) De onomástica aquitana, en Pirineos 10, 409-458
Ligazóns externas
editar- La lengua aquitana por Jesús Rodríguez Ramos
- Prehistory and Connections with Other Languages, unha excelente páxina de Larry Trask en inglés.