A lingua somalí[4][5] (en somalí, Af-Soomaali; en árabe الصومالية) é unha lingua afroasiática, da rama oriental do grupo das linguas cuxitas. Fálase sobre todo en Somalia e en partes adxacentes de Djibuti, Etiopía e Kenya, entre outros.

Somalí
Af-Soomaali
الصومالية
Falado en: Somalia Somalia,
Etiopía Etiopía,
Djibuti Djibuti,
Quenia Kenya
Iemen,
Emiratos Árabes Unidos,
Somalilandia
Puntlandia
Total de falantes: De 10 a 18 millóns [1]
Posición: 64o [2]
Familia: Linguas afroasiáticas

 Linguas cuxitas
  Linguas cuxitas orientais
   Linguas somalís

    Somalí
Escrita: Alfabeto latino oficial desde 1972 (historicamente alfabeto árabe e escrita osmanya).[1]
Status oficial
Lingua oficial de: Somalia Somalia
Somalilandia
Puntlandia
Regulado por: Regional Somali Language Academy (RSLA)
Códigos de lingua
ISO 639-1: so
ISO 639-2: som
ISO 639-3: som
Mapa

Mapa do dominio lingüístico somalí.
Status

O somalí está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

Debido á Guerra Civil Somalí e á emigración, os falantes do idioma encóntranse espallados en multitude de países, e o seu número exacto é descoñecido, pero estímase que poida estar entre os 12 e os 18 millóns.

Clasificación da lingua

editar

O somalí é unha lingua afroasiática. O idioma máis próximo ao somalí é o oromo. Ademais posúe unha importante cantidade de palabras de orixe árabe no seu léxico. E tamén ten numerosos préstamos lingüísticos do inglés e do italiano, que entraron na época colonial.

Os estudos académicos do idioma somalí comezaron a ser publicados ao redor de 1870.[6]

Uns dos eruditos máis importantes no seu estudo son R. C. Abraham, B. W. Andrzejewski, Annarita Puglielli e John I. Saeed.[Cómpre referencia]

Falantes

editar
 
A diáspora somalí.

O somalí fálase no corno de África , sobre todo en Somalia e en Somalilandia e Puntlandia (que se separon de Somalia en 1991 e 1998 respectivamente, pero que aínda non gozan de recoñecemento internacional), países nos que é a lingua oficial (xunto co árabe), en Etiopía (especialmente no Ogadén), en Djibuti (onde a fala a maioría da súa poboación), e no leste de Kenya.

Debido á Guerra Civil Somalí e á emigración, os falantes deste idioma encóntranse repartidos en multitude de países. As comunidades somalís ao redor do mundo inclúen a países de Oriente Medio, Europa, América do Norte e Australia. O número exacto de falantes é descoñecido pero estímase que pode estar entre os 12 e os 18 millóns.[1] Porén, as estimacións en canto á cantidade de falantes varían moito.

A falta dun censo estatístico en Somalia, e a gran cantidade de expatriados, refuxiados e emigrantes fan imposíbel avaliar correctamente a cantidade de falantes de somalí. Ademais de que hai tamén cerca de medio millón de persoas que a teñen como segunda lingua.

Unha fonte estima que hai 7,78 millóns de falantes de somalí en Somalia, e máis de 4,87 millóns noutros países.[7]

Pola súa parte, a Dutch Universiteitsbibliotheek Utrecht (Biblioteca Universitaria Holandesa de Utrecht) avalía os falantes de somalí entre 10 e 15 millóns.[8]

Historia

editar

Antes do período colonial, os somalís letrados e os relixiosos escribían ou en alfabeto árabe ou simplemente transliteraban ad hoc o somalí para a escrita árabe.

Unha carta de Sayyid Mohammed Abdullah Hassan (líder relixioso e nacionalista de Somalia a un intelectual, que foi coñecida polas autoridades coloniais, estaba escrita en árabe. E o Qur'an (Corán) era ensinado en toda a Somalia, estando os nenos afeitos ao alfabeto árabe desde moi cedo.

 
Mapa de Somalia.
 
O presidente Siad Barre.

De acordo con materiais descubertos en 1940, moitas inscricións en lápidas e cartas antigas mostran que como, por exemplo o que ocorre hoxe co urdú e o persa (farsi), a lingua era escrita en alfabeto árabe. Porén, non había unha codificación padrón para ese uso e non se sabe exactamente sobre a extensión do mesmo.

Nos anos da década de 1920 houbo diversas tentativas para o establecemento dun padrón escrito para esta lingua.

Como o país estivera baixo o dominio de diversos países europeos con linguas diferentes (italiano, inglés), durante a época da transición para a independencia, foron usadas esas linguas polo goberno, en especial na educación profesional, onde o inglés parecía máis práctico.

En 1972, xa Somalia independente, o daquela presidente, Mohamed Siad Barre, decretou que o somalí fora a lingua nacional e oficial de Somalia, na súa forma padrón e co uso do alfabeto latino.

Nese ano, por exemplo, distribuíronse panfletos ao público nun partido de fútbol nun estadio de Mogadixo, definindo un padrón.

Os primeiros dicionarios comprensivos producíronse en 1976, os Qaamuus kooban ee af Soomaali ah e Qaamuuska Af-Soomaaliga. Os empregados públicos debían aprobar exames de suficiencia lingüística somalí. Nunha campaña de alfabetización rural, os estudantes das cidades foron enviados a zonas rurais para ensinar a nova escrita. Así, de acordo con diversos informes, contra 1978 a maioría dos somalís estaban alfabetizados, como resultado do máis rápido desenvolvemento de alfabetización ocorrido na historia de África.

Até a decisión de Siad Barre, o uso na escrita do somalí era unha cuestión complexa e causaba polémicas. Nunha ocasión en que o único xornal de Mogadixo, o Corriere della Somalia, que normalmente publicaba tres páxinas en italiano e unha en árabe, icluíu unha páxina en somalí escrita en caracteres latinos, houbo ruidosas protestas contra o uso dun "alfabeto infiel".

Porén, máis recentemente, co colapso do goberno central e o fin do estado de dereito en Somalia despois da Guerra Civil Somalí nos anos 90, houbo unha significativa caída no índice de alfabetización e un estancamento no desenvolvemento do idioma somalí aínda que se mantivo como lingua oficial do país e dos gobernos rexionais, como Somalilandia e Puntlandia.

Dialectos

editar

Os dialectos somalís divídense en tres grupos:

  • Norte-Central - é a base do "somali padrón".
  • Benaadir - ou somalí do litoral, falado na costa de Benadir desde Cadale até o sur de Marka, incluíndo Mogadixo e as zonas interiores máis próximas, presenta fonemas adicionais que non existen na lingua "padrón".
  • Maay - en realidade, trátase practicamente doutra lingua cos seus propios dialectos, incomprensíbeis para a maioría dos falantes do "somali padrón". É falada polos clans Digil e Mirifle (chamados tamén de Rahanweyn) que viven no sur de Somalia.
    • outras linguas deses grupos son Dabare, Garre, Tunni Central e Jiido, esta última a máis incomprensíbel de todas para os falantes de somalí. Estas linguas dos Digil e Mirifle difiren do somalí padrón por non presentaren sons farínxeos. A retroflexiva /ɖ/ é substituída por /r/ nalgúns casos.

Escrita

editar

Hai máis dunha escrita para a lingua somalí.[9]

Escrita osmanya

editar
 
Equivalencia entre os alfabetos Osmanya e Latino Somalí.

O seu alfabeto foi creado en torno a 1920 por Osman Yusuf Kenadid (en somalí, Cismaan Yuusuf Keenadiid), irmán do sultán de Obbia (Hobyo). A escrita creada por el xurdiu como resposta a unha campaña nacional para a creación dunha escrita padrón para o somalí. O seu traballo foi introduido nas escolas do sultanato, chegando a ser amplamente coñecida, bastante utilizada e cunha ampla cantidade de literatura produxida; porén, dificilmente se difundíu entre a poboación, principalmente debido á forte competentencia coa escrita árabe nas zonas rurais, nas súas varias formas, e con outros alfabetos, especialmente a forma latina.

En somalí é denomínase far soomaali (escrita somalí) ou cismaanya. Escríbese de esquerda a dereita. Son 30 caracteres, que representan con gran exatitude a fonética dos sons da lingua, e son 9 para sons vogais e 21 para sons consoantes. Presenta tamén 9 caracteres propios para algorismos máis o "cero". O nome das letras baséase no alfabeto árabe, as letras waw (𐒓) e ya (𐒕) úsanse para indicar as vogais longas uu e ii. Os tons da lingua non se representan nesa escrita. Eses tons indican número, xénero e caso gramatical.

Aínda nos anos 70 unha gran cantidade de persoas usábana para a correspondencia persoal e a contabilidade,[9] Coa chegada da escrita latina, favorecida e promovida polo goberno de Siad Barre nos anos 70, o osmanya deixou de ser corrente, entrando forte caída. Algúns libros e revistas tamén foron publicados neste alfabeto.

Escrita borama

editar

A escrita borama ou gadabuursi foi creada en 1933 polo xeque Abdurahman Sheikh Nuur, sendo usada soamente polos máis próximos do xeque en Borama, no norte de Somalia (no oeste do estado non recoéecido de Somalilandia). Por ser o seu inventor e a gran maioría dos seus falantes e do clan Gadabuursi, o alfabeto recibiu ese nome tamén (gadabuursi).

Comprende 25 caracteres con aparencia intermedia entre o alfabeto latino e o alfabeto árabe, sendo 6 vogais e 19 consoantes. Hai tamén dous conxuntos de caracteres, un para vogais e un para consoantes. Aínda que non ton amplamente coñecido como o osmanya, o borama produciu un notábel corpus literario, consistindo na maior parte de qasiida (poemas líricos, de orixe árabe).

Escrita wadaad

editar
 
Táboa de pedra somalí do século XIV, escrita en árabe.

O wadaad é a adaptación tradicional do alfabeto árabe, e existe desde o século XIII, camdo foi implantado polo xeque Yusuf al-Kowneyn para axudar no ensino do Corán e a familiarización coa lingua árabe. Aínda que varios wadaads (relixiosos somalís) e estudosos locais usaron durante séculos a escrita árabe para escribir en somalí, non foi até o século XIX cando o xeque Uways al-Barawi, do clan Tuuni favoreceu esta escrita para uso no dialecto maay, falado no sur de Somalia. O lingüista somalí Muuse Xaaji Ismaaciil Galaal introduciu radicais alteracións na expresión da pronuncia da escrita árabe e introduciu novos símbolos para vogais nos anos 50.

Escrita kaddare

editar

A escrita kaddare foi inventada polo xeque Hussein Sheikh Ahmed Kaddare en 1952. Considerábase como unha transcrición do somalí foneticamente robusta e moi precisa ortograficamente polas comisións técnicas que buscaban uuha escrita padrón para o somalí. Dúas características curiosas desta escrita son o uso de maiúsculas e minúsculas (máis ou menos como no galego), ausente nas outras escritas excepto a latina, e o feito de poder poderse escribir sen levantar a pluma ou o lapis da folla (máis ou menos como un escrita en cursiva (a man).[10]

Alfabeto latino

editar

Foi creado na década de 1960 por Shire Jama Ahmed, e pasou a ser a escrita oficial para o somalí en 1972, durante o goberno de Siad Barre. Esta escrita usa o alfabeto latino do inglés sen as letras P, V e Z. Non ha diacríticos, excepto o apóstrofo (') para representar o fonema "oclusivo glotal" (AFI:/ʔ/) (nunca é inicial). Hai tres dígrafos de consoantes: DH (AFI:/ᶑ/, /ɗ/), KH (AFI:/χ/), SH (AFI:/ʃ/). Non hai marca para os tons, nin distinción gráfica para vogais frontais ou posteriores. As vogais longas indícanse pola duplicación gráfica (por exemplo: aa é o a longo; AFI:/æ:/, /ɑ:/). As letras maiúsculas úsanse no inicio de frases e en nomes propios.

Gramática

editar

A lingua somalí é uunha lingua aglutinante, usando marcadores para o caso gramatical, xénero e número. As maiores diferenzas de características entra a lingua somalí e a maioría das linguas indoeuropeas inclúen:

  • Diversas formas para os pronomes persoais.
  • Partículas usadas para significar o "foco" dunha frase.
  • Significativo uos dos tons para indicar caso, xénero e número. O xénero muda entre a forma singular e plural.

Vocabulario

editar

O somalí ten moitas palabras orixinarias do árabe e do persa e, máis recentemente, das linguas dos colonizadores (inglés e italiano). As palabras que derivan do árabe son principalmente as de tipo relixioso (os somalís son sunitas na súa maioría), da vida pastoral e do día a día máis tradicional. Así como nas palabras de orixe árabe incorporadas ás linguas indoeuropeas, esas palabras moitas veces xa incoporan o artigo "al". Por exemplo, somalí albaabka (a porta), do árabe الباب al baab. Un gran número de neoloxismos relacionados co goberno e á educación xurdiron para expresar conceptos cando o somalí se converteu na lingua oficial de Somalia.

  1. 1,0 1,1 1,2 Somali. A language of Somalia en Languages of the World (en inglés)
  2. en ethnologue.com
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para somalí.
  5. Definición de cuxita no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  6. Praetorius, F. (1870): "Ueber die Somalisprache". Zeitschrift der Deutschen Morgenländischen Gesellschaft, Vol. XXIV, pp. 145-171.
  7. Ethnologue: Somalia Ethnologue.com.
  8. Somalia historical demographic data of the whole country Arquivado 02 de maio de 2006 en Wayback Machine. Biblioteca da Universidade de Utrecht.
  9. 9,0 9,1 Somali (af Soomaali / اَف صَومالي˜) en Omniglot (en inglés).
  10. Ian James (xullo de 2012): Kaddare alphabet for Somali (en inglés).

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
INTERN 1
todo 3