O sorabo[2] (na propia lingua serbšćina) é unha lingua da familia indoeuropea que pertence ao grupo eslavo. Lingua dos antigos eslavos do río Elba estabelecidos no leste da Alemaña no século VI, fálase aínda hoxe na Lusacia/Łužica, provincia histórica situada nos actuais estados (Länder) da Saxonia e de Brandeburgo, por unhas 60.000 persoas (sorabos).

Sorabo
Serbšćina
Falado en: Alemaña
Rexións: Lusacia
Total de falantes: 60.000 a 150.000
Familia: Indoeuropea
 Balto-eslava
  Eslava
   Eslava occidental
    Alto sorabo
     Sorabo
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: hsb
ISO 639-3: hsb
SIL: WEN - Alto sorabo
WEE - Baixo sorabo
Mapa
Status

O sorabo está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

Historia

editar

Os textos máis antigos existentes en sorabo son do século XVI, mesmo habendo evidencias fragmentadas de séculos anteriores na forma de palabras, frases e sentenzas curtas en documentos latinos e alemáns. Un deses documentos é a Crónica do Bispo Thietmar de Merseburg, escrita en 1012-1018. O primeiro texto sorabo é o Xuramento de Bautzen Burghers (1532), unha forma pola cal os cidadáns de Bautzen/Budyšin xuraban lealdade ao rei e ás autoridades locais.

O primeiro libro en sorabo é un catecismo e himno en baixo sorabo de 1574; en alto sorabo o primeiro libro impreso é tamén outro catecismo traducido e publicado en 1595. Un manuscrito do Novo Testamento traducido do alemán para o sorabo por Mikławš Jakubica en 1548, está no dialecto que se falou a leste do río Neise (Nysa en polaco), na veciña Sorau (Żary en polonés).

Durante o século XVII aparecen tres gramáticas sorabas mais só unha foi impresa; tratábase da Principía linguae wendicae quam aliqui wandalican vocant de Jacobus Xaverius Ticinus, baseada no dialecto setentrional de Wittichenau/Kulow. Mais a principal esfera de actividade literaria da lingua antes do século XIX foron as igrexas, no que a tradución da Biblia tivo un papel determinante no seu desenvolvemento.

A impresión da Biblia en alto sorabo polos luteranos comeza coa aparición en 1670 da tradución impresa dos Evanxeos de Mateu e Marcos por Michał Frencel, ao que se seguiu a impresión de todo o Novo Testamento en 1706, un ano despois da morte de Frencel. Frencel escribiu no dialecto de Bautzen, un subdialecto falado ao sur desta cidade. En 1703 os Estados da Alta Lusacia estabeleceron un comité para traducir a Biblia usando unha variante literaria amplamente baseada na rexión de Bautzen/Budyšin. Esta tradución publicouse en 1728 e estabeleceu esta variante da lingua como a normativa para os luteranos. Sucesos de similar importancia foron as publicacións en baixo sorabo da tradución do Novo Testamento de Gottlieb Fabricius e da do Antigo Testamento feita por Friedrich Fryco, de 1796 en Cottbus/Chośebuz. Esas traducións estabeleceron o dialecto de Cottbus/Chośebuz como a base da lingua literaria en baixo sorabo.

A lingua normativa alto sorabo para os católicos durante o século XVII estaba baseada no dialecto de Wittichenau/Kulow. A especial influencia desta pequena cidade, situada a 7 km ao sur de Hoyerswerda/Wojerecy, débese probabelmente ao feito de que posuía unha escola de gramática da cal podían saír clérigos influentes. Nesa cidade naceu Jurij Hawštyn Swětlik (1650-1729), que entre 1688 e 1707 traduciu toda a Vulgata á lingua literaria baseada neste mesmo dialecto, mesmo nunca se publicando. Non obstante, como resultado deste traballo, publicouse o seu Vocabularium Latino-Serbicun (Bautzen, 1721), o primeiro dicionario sorabo. A mediados do século XVIII os católicos sorabos de Crostwitz/Chrósćicy pasaron a ter unha forte influencia nos círculos gobernantes da xerarquía católica e a lingua literaria para os católicos pódese estabelecer a partir de 1750 baseada no dialecto de Crostwitz/Chrósćicy.

A lingua soraba non posúe límites precisos e definidos, nin naturais nin doutra categoría. No século X a poboación de lingua soraba fixouse na rexión entre os ríos Saale (a oeste) e Bober e Queis (a leste); no norte se estendía desde onde hoxe están Berlín e Frankfurt; no sur estaba limitada por Erzgebirge e Lasitzer Gebirge. As linguas veciñas eran o polabo ao norte, o polaco a leste, o checo ao sur e o alemán a oeste. Polo tanto, o sorabo era falado nunha rexión que se estendía a leste desde o río Neise no que hoxe é territorio polonés e incluía, a oeste, as terras onde posteriormente apareceron as cidades de Halle, Leipzig (Lipsk), Zwickau e Chemnitz (Kamjenica).

No decorrer dos séculos posteriores o territorio de lingua soraba contraeuse progresivamente ata chegar ao século XIX, onde se estabelece a zona que actualmente delimita a lingua soraba, co seu límite setentrional a uns 80 km a sueste de Berlín. O límite meridional está a menos de 8 km da República Checa. A poboación rural, desde o principio do século XX foi predominantemente falante de sorabo, en canto as cidades principais da rexión (Bautzen/Budyšin, Hoyerswerda/Wojerecy, Cottbus/Chośebuz e Spremberg/Gródk) foron sempre de lingua alemá desde que se fundaron na Idade Media.

A rexión habitada polos sorabos constituíu antigamente os margraviatos (provincias fronteirizas) da Alta Lusacia e Baixa Lusacia, sendo por iso o sorabo tamén coñecido como lusaciano. En alemán o termo máis común ata a segunda guerra mundial foi wendisch, mais sorbisch tamén se usou. Despois da guerra só a forma sorbisch se usou oficialmente e agora é dominante, en canto o termo wendisch rescatouse na Baixa Lusacia a partir de 1991. O termo propio equivalente tanto no alto canto no baixo sorabo é serbski.

Moito antes do século XIX a rexión falante de sorabo convertérase nunha illa rodeada de falantes de alemán e illada do checo e do polonés. Dese século en diante a poboación falante de sorabo foi ficando progresivamente diluída pola inmigración alemá, pola emigración soraba, pola asimilación discreta promovida polo Estado comunista alemán e a tendencia duns sorabos de preferir o alemán ao sorabo. Actualmente a rexión é de lingua predominantemente alemá, o que non quer dicir que o sorabo estea morrendo; hai un enclave formado por 40 localidades a noroeste de Bautzen/Budyšin que son principalmente católicos e que forman unha comunidade pechada falante de sorabo. Este é o núcleo dunha poboación espallada de sorabo por toda a Lusacia.

Actualmente calcúlase o número oficial de falantes de sorabo en Alemaña en preto de 60.000 persoas, dos cales máis da metade son luteranos, a cuarta parte son católicos e os demais non posúen denominación confesional. Todos son bilingües en alemán.

A Constitución alemá garante e apoia os dereitos culturais dos sorabos. Existe un xornal e unhas revistas en alto sorabo (Serbske Nowiny, Rozhlad, Płomjo, Katolski Posoł, Pomhaj Bóh) e unha revista semanal en baixo sorabo e alemán (Nowy Casnik), que sobreviven grazas a subsidios estatais.

As Igrexa Católicas e Luteranas xogan un papel importante no mantemento da lingua soraba. A misa é conducida en sorabo nas parroquias católicas e os servizos luteranos tamén se realizan en sorabo, aínda que con menos frecuencia.

Hai estimacións que elevan o total de falantes de sorabo ata as 150.000 persoas.

Dialectos

editar

Como xa se mencionou nos parágrafos anteriores, existen dúas formas dialectais: o alto sorabo e o baixo sorabo, cada unha delas coa súa forma normativa literaria.

Gramática

editar

Hai tres xéneros e tres números; o dual presérvase nos substantivos, adxectivos, pronomes e verbos. A orde da oración é suxeito, verbo e predicado.

Táboa comparativa de linguas

editar
Galego Alto Sorabo Baixo Sorabo Polabo Polaco Checo Esloveno Ruso Serbio Croata Ucraíno
Home čłowjek cłowjek clawak, clôwak człowiek člověk člôvek человек (čelovék) човек (čovek) čovjek людина (ljudyna)
Noite wječor wjacor vicer wieczór večer večér вечер (véčer) вече (veče) večer вечір (večir)
Irmán bratr bratš brot brat bratr bràt брат (brat) брат (brat) brat брат (brat)
Día dźeń źeń dôn dzień den dán день (djeń) дaн (dan) dan день (deń)
Man ruka ruka ręka ręka ruka rôka рука (ruká) рука (ruka) ruka рука (ruka)
Outono nazyma nazyma prenja zaima, jisin jesień podzim jesén осень (óseń) jeсен (jesen) jesen осінь (osiń)
Neve sněh sněg sneg śnieg sníh snég снег (sneg) снег (sneg) snijeg сніг (snih)
Verán lěćo lěśe let lato léto polétje лето (léto) лето (leto) ljeto літо (lito)
Irmá sotra sotša sestra siostra sestra sêstra сестра (sestrá) сестра (sestra) sestra сестра (sestra)
Peixe ryba ryba ryba ryba ryba ríba рыба (rýba) риба (riba) riba риба (ryba)
Lume woheń wogeń widin ogień oheň ôgənj огонь (ogóń) вaтрa (vatra) vatra вогонь (vohoń)
Auga woda wóda wôda woda voda vôda вода (vodá) вода (voda) voda вода (voda)
Vento wětr wjatš wjôter wiatr vítr vétər ветер (véter) ветaр (vetar) vjetar вітер (viter)
Inverno zyma zyma zaima zima zima zíma зима (zimá) зима (zima) zima зима (zyma)
  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definición de sorabo -ba no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  NODES
Done 1
orte 4
see 1
Todos 1