Literatura erótica

xénero literario

A literatura erótica é un xénero literario no cal os textos se relacionan, directa ou indirectamente, co erotismo e o sexo. En ocasións pódese referir tamén á literatura pornográfica se as escenas sexuais son realmente moi explícitas, aínda que normalmente segue considerándose dentro do erotismo.

VIII Les charmes de Fanny exposés ("Fanny Hill", por John Cleland)
A pornografía é a descrición pura e simple dos praceres carnais; o erotismo é a mesma descrición revalorizada, en función dunha idea do amor ou da vida social. Todo aquilo que é erótico é necesariamente pornográfico tamén. É moito máis importante distinguir entre o erótico e o obsceno. Neste caso considérase que erotismo é todo aquilo que volve a carne desexábel, que a mostra no seu esplendor ou florecemento, inspira unha impresión de saúde, de beleza, de xogo pracenteiro; mentres que a obscenidade devalúa a carne, que así se asocia coa sucidade, as imperfeccións, os chistes escatolóxicos, as palabras sucias.
Alexandrian, Historia de la literatura erótica. Barcelona: Planeta. páx. 398

Dentro deste xénero poden atoparse habitualmente novelas de ficción de contido erótico, historias curtas ou contos, poesía, obras de teatro, memorias e manuais de sexo.

Historia

editar

O erotismo e o sexo estiveron asociados á sociedade e a cultura do home desde os inicios dos tempos, e o caso da literatura non é unha excepción, aínda que a miúdo se viu sometida á censura por considerarse un tema reprobábel ou pecaminoso. Así mesmo, tamén é frecuente a alusión ao sexo ou pasaxes eróticas englobadas dentro de obras maiores, non como tema principal da obra, senón como capítulos illados que contribúen ao devir da narración ou ao desenvolvemento de personaxes. Así, por exemplo, é posíbel atopar fragmentos claramente eróticos en obras como Don Quixote da Mancha de Cervantes ou o Ulises de James Joyce, sen que por iso se considere a estas obras dentro do xénero.[1][2]

Erotismo literario na antigüidade

editar

Xa no Antigo Exipto, redactáronse tratados acerca do sexo, en ocasións meras recompilacións de posturas sexuais, por exemplo no papiro de Turín,[3] onde se detallan as variantes do acto amatorio. Aínda que pouco se conserva da época, si se salvaron algúns fragmentos, por exemplo no papiro de Leide, onde se propón a "confección dunha imaxe do amor".[4]

A literatura antiga relativa ao erotismo caracterízase principalmente pola unión entre o divino e o terreal. Son frecuentes as alusións aos deuses e os cultos á fecundidade e ao falo. As obras encádranse habitualmente en manuais de posturas sexuais, poesía e obras de teatro. Á parte de tratar a heterosexualidade, son frecuentes tamén as referencias ao sexo oral e ao lesbianismo. As hetairas, mulleres que elevan a práctica do amor á categoría de arte, foron autoras propias de tratados sobre ditas prácticas, podéndose enunciar os tratados de Astyanassa, vella servidora de Helena, de Filenis de Samos e os de Elefantis.[5] Non en poucas ocasións, o erotismo literario vai asociado á comedia ou se asocia coa sátira e a crítica social.

 
O sultán perdoando a vida a Sherezade, As mil e unha noites

Os primeiros escritos de literatura erótica remóntanse á Antiga Grecia, en torno ao ano 400 a.C., cando o dramaturgo Aristófanes escribiu a obra de teatro Lisístrata. De ao redor do ano 300 a.C. datan os obscenos poemas satíricos de Sotades, que chegaron a carrexarlle a prisión polas críticas cara á unión de Tolomeo coa súa irmá Arsinoe. Durante un tempo identificouse ata como literatura sotádica á propia literatura erótica.[6] Cara ao século II a.C. atribúese a Luciano a escritura do libro pornográfico máis antigo, Diálogo das cortesanas. É Luciano, precisamente, quen emprega por primeira vez o termo do lesbianismo para definir a homosexualidade feminina.

A Roma Antiga tamén é rica neste xénero literario, cultivado entre o século II a. C e principios do século I. A esta época pertencen os Priapeios ou Priapeia, unha serie de poemas acerca do deus Príapo. Á parte dos achegamentos ao xénero de autores como Marcial, Juvenal, Plauto, Catulo[7] e Horacio, caben destacar Ars amatoria (Arte de amar (en galego)), de Ovidio, Satiricón, de Petronio e O asno de ouro (Asinus aureus), de Apuleio, como obras máis relevantes da época.[8]

Na Antiga China, durante o período Han (ao redor do ano 200 a.C.) circularon diversos manuais didácticos sobre a práctica sexual, seguindo a fórmula literaria do diálogo entre un Emperador e os seus preceptos ou profesores sexuais.[6]

No século IV, apareceu na India o Kámasutra, o máis famoso e universal dos manuais de sexualidade. Escrito por Mal-la Naga Vatsiaiana como un texto relixioso dirixido ao pobo, a obra é un compendio de técnicas e consellos nas artes amatorias, que van desde o erotismo e a sensualidade máis sutís ata unha descrición detallada e gráfica de posturas sexuais para o acto da cópula.[9][10]

Procedente do Oriente medio musulmán é a obra medieval As mil e unha noites, do século IX, na cal trátase o tema da infidelidade.[11] Tamén de orixe musulmán é O xardín perfumado, de Cheik Nefzaoui, un manual ao estilo do Kama sutra.[4] Un segundo manual xurdiu na India aproximadamente cara ao século XV ou XVI, o Ananga Ranga, de Kalyana Malla, cunha serie de consellos para evitar a monotonía no matrimonio e impedir a separación entre home e muller.[10]

A Idade Media e o Renacemento

editar

A Idade Media foi unha época difícil para o erotismo e a sexualidade en xeral, e a literatura viuse tamén influenciada por ese feito. No século XII xorde o ideal do amor cortés,[12] baseado nun amor servizal e desinteresado que idealiza á muller amada. Algunhas obras englobadas dentro deste estilo son Lancelot de Chrétien de Troyes, Tristán e Iseu de Gottfried von Straßburg, o Roman de la Rose de Guillaume de Lorris e Jean de Meung e Vita nuova e a Divina Comedia de Dante Alighieri.[4]

A literatura erótica cobrou certa importancia en Italia coa chegada do Renacemento. Giovanni Boccaccio foi o autor do Decamerón (1353), obra que narraba as fazañas dos monxes seducindo monxas nos conventos. O libro foi prohibido en moitos países. Aínda cinco séculos despois, diversas copias do texto foron destruídas en países como Estados Unidos ou Inglaterra; entre os anos 1954 e 1958, maxistrados ingleses deron oito ordes de destrución do libro.[13] Outra obra italiana importante do século XV foi Facetiae o Facecias de Gian Francesco Poggio Bracciolini, unha colección de historias breves onde os argumentos contorna á luxuria son grandes protagonistas. Girolamo Morloni retratou os costumes sexuais de Nápoles en Novellae (1520) e Pietro Aretino cativou aos lectores con comedias e sonetos luxurioso e a obra Ragionamenti, na que ten en conta das perversións da época. Aínda en Italia, destacan tamén a figura de Antonio Beccadelli, cuxa obra de maior fama, Hermaphroditus (1425) evocaba ao erotismo da obra de Catulo e Marcial, así como dos priapeos. Esta obra non escapou tampouco á censura cristiá debido á súa obscenidade. Outros exemplos da época dentro do mesmo xénero son os poemas eróticos de Eustache Deschamps, o libro De amore de Andreas Capellanus e Os contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer.[6]

En Francia comeza tamén a notarse a influencia da literatura erótica na figura de Antoine de la Sale, ao cal pertencen as obras Le Petit Jehan de Saintré (1456), na cal unha muller viúva adoutrina a un mozo cabaleiro en todas as artes da relixión, a cortesía e a cabalería, sen deixar de lado a sedución e o amor, e Les Quinze Joyes de mariage (Os quince chistes do matrimonio), onde cunha linguaxe vívida e natural describe as miserias do matrimonio.

Un intento de imprimir material erótico provocou un escándalo cando os italianos Pietro Aretino e Marcantonio Raimondi produciron I Modi en 1524, un libro ilustrado con 16 posturas sexuais. Raimondi xa chegara a publicalo unha vez antes, e foi posteriormente encarcerado polo papa Clemente VII, destruíndose todas as copias das ilustracións. Raimondi baseou os gravados nunha serie de pinturas eróticas que Giulio Romano estaba facendo por encargo para o Palazzo Te en Mantua. Aínda que as dúas representacións eran moi similares, só Raimondi foi procesado porque os seus gravados podían ser vistos polo público. Romano non soubo destes gravados ata que Aretino foi a ver as pinturas orixinais mentres Romano estaba traballando nelas. Aretino compuxo entón dezaseis sonetos explícitos («tanto no teu coello como no teu traseiro, a miña polla farame feliz, e a ti feliz e contenta»)[14][15] para acompañar as pinturas e asegurar a excarceración de Raimondi. I Modi foi entón publicado por segunda vez, cos poemas e as ilustracións, sendo a primeira vez que se combinaban textos e imaxes eróticos, aínda que o papa requisou de novo toda as copias que puido atopar. Raimondi eludiu esta vez a prisión, pero a censura foi tan eficaz que ningunha copia orixinal foi achada nunca. O texto conservado é só unha copia dunha copia que foi descuberta 400 anos despois.[14][15] Entre os discípulos de Aretino pódese atopar a Lorenzo Veniero, autor de La puttana errante, e a Nicollo Franco, autor de La priapea, onde se burla dos usos sexuais do mestre.

Na Península Ibérica pódense destacar as cantigas de escarnho e maldizer,[6] en galego portugués e o Libro de buen amor do Arcipreste de Hita,[16][17] onde o autor narra os feitos da súa vida amorosa durante a Baixa Idade Media. Un pouco máis adiante, inmersos no Século de Ouro español, pódense citar as obras de La Celestina, onde se contan os acontecementos dunha alcaiota e La Lozana andaluza de Francisco Delicado,[16] onde se describen o mundo da prostitución na Roma renacentista. Porén, multitude de escritores dedicaron algún verso ao erotismo e a sexualidade a pesar do puritanismo reinante da época, como Quevedo ou Góngora, aínda que xeralmente son máis achegas illadas que tramas centrais.[18]

Século XVI e XVII, a liberación erótica

editar

Durante o século XVI, a herdanza medieval farase notar nunha das literaturas máis ricas de Europa, a francesa, coñecendo obras mestras do xénero como Pantagruel (1532) e La Vie très Horrificque du Grand Gargantua (1534), de Rabelais, escritos que parodian os excesos do amor sensual e o libertinaxe.[6] Neste mesmo contexto, o grupo de poetas coñecido como A Pléiade tamén aborda a poesía amorosa de carácter libidinoso. Destaca a obra Sonnets pour Hélène, de 1578, onde Pierre de Ronsard trata o tema do amor prohibido dun home de avanzada idade por unha nova doncela.[6]

Inspirada no Decamerón de Boccaccio, Margarida de Navarra escribiu o Heptaméron (1558), unha colección de 72 historias curtas que versan sobre os temas do amor, a luxuria, a infidelidade e outras materias románticas e sexuais.

 
Ilustración da obra Fanny Hill, tamén coñecida como Memoirs of a Woman of Pleasure.

No século XVII comezaron a circular numerosos exemplos de literatura pornográfica ou erótica, impresos principalmente en Ámsterdan e pasados de contrabando aos demais países europeos. Entre estes cóntanse L'Ecole des Filles, unha obra francesa impresa en 1655 que está considerada entre os comezos da pornografía de Francia. Consiste nun diálogo ilustrado entre dúas mulleres, unha moza de 16 anos e a súa curmá, e as súas discusións explícitas sobre sexo. O autor permanece anónimo ata a data, aínda que algúns sospeitosos sufriron penas de prisión pola suposta autoría da obra.[19]

Do mesmo século data a idea do Don Juan, personaxe masculino sedutor e ousado que nunca atopa satisfacción plena nas súas conquistas, razón pola cal embárcase unha e outra vez na tarefa da sedución, renunciando ao amor.

Giovanni Benedicti Sinibaldi realizou unha das primeiras incursións nas raíces da sexoloxía, coa súa obra Geneanthropeia (1669), con máis intencións que rigorosidade.

En Francia, destaca a figura de Pierre de Brantôme, o cal presentaba uns personaxes inmersos na inmoralidade máis absoluta segundo os canons da sociedade. Nos seus manuscritos non faltan descricións explícitas e amplas das partes íntimas, así como alusións á promiscuidade, o lesbianismo, o cunnilingus e ata o sadomasoquismo. Entre as súas obras, probablemente a máis obscena sexa a Vida das mulleres galantes.

En Inglaterra, o dramaturgo John Ford realizou unha controvertida incursión no incesto coa súa obra 'Tis Pity She's a Whore, tanto pola trama principal como pola forma en que o protagonista é tratado, non condenándose en ningún momento os seus actos. Doutra banda atópase a obra Sodom, ou a quintaesencia do libertinaxe, atribuída a John Wilmot Rochester, aínda que non se sabe con exactitude quen é o autor. A trama vira ao redor da preferencia sexual dun rei pola sodomía, que podería interpretarse dentro do contexto da época como unha sátira contra a permisividade do rei Carlos II de Inglaterra co catolicismo durante o seu reinado.[4]

A Ilustración, reafirmación da pornografía literaria

editar
 
Ilustración de Theresa, filósofa.

Durante a Ilustración, moitos dos librepensadores franceses empezaron a explotar a pornografía como medio de crítica e sátira social. A pornografía libertina era un comentario social subversivo dirixido a miúdo contra a Igrexa Católica e as actitudes xerais de represión sexual. O mercado destes panfletos baratos producidos en masa pronto pasou a ser a burguesía, facendo que as clases altas se preocupasen, como en Inglaterra, porque a moral das clases inferiores e os débiles mentais corromperíanse, dado que as mulleres, escravos e analfabetos eran vistos como especialmente vulnerables durante esa época.

As historias e ilustracións (vendidas nas galerías do Palais Royal, xunto cos servizos de prostitutas) eran a miúdo anticlericales, cheas de sacerdotes, monxes e monxas indecorosos, unha tradición que en Francia se prolongou ata o século XX. No período que foi ata a Revolución francesa, a pornografía usouse tamén como comentario político: María Antonieta era a miúdo obxecto de fantasías que incluían orxías, actividades lésbicas e a paternidade dos seus fillos, e circularon rumores sobre a suposta insuficiencia sexual de Lois XVI.[19][20]

 
Ilustración dunha edición holandesa da obra Justine, do Marqués de Sade, sobre 1800.

A resposta inglesa a isto foron as Memoirs of a Woman of Pleasure (máis tarde abreviadas e retituladas Fanny Hill) escritas en 1748 por John Cleland. Aínda que o texto satirizaba as convencións literarias e os costumes de moda na Inglaterra do século XVIII, foi máis escandaloso por retratar a unha muller, a narradora, gozando e ata deleitándose con actos sexuais sen consecuencias físicas ou morais graves. O texto é apenas explícito, pois Cleland escribiu o libro enteiro usando eufemismos para os actos sexuais e as partes do corpo, usando ata 50 diferentes só para aludir ao pene. Dous pequenos terremotos foron atribuídos ao libro polo bispo de Londres e Cleland foi arrestado e brevemente encarcerado, pero Fanny Hill seguiu publicándose e é un dos libros máis reimpresos en idioma inglés. Con todo, non foi legal posuír unha copia nos Estados Unidos ata 1964 e no Reino Unido ata 1970.[21]

Do mesmo xeito que sucede coas críticas e as sátiras ao goberno, en ocasións o erotismo tamén se funde coa filosofía, como demostra a obra Theresa, filósofa, atribuída ao Marqués d'Argens, onde se intercalan pasaxes cargadas de erotismo e provocación con leccións acerca de filosofía. Enmarcada dentro do que podería denominarse novela pornográfica, foi unha das obras máis difundidas na súa época en Francia.[22]

Un tema recorrente coa chegada do libertinaje ilustrado é o das orxías. Andréa de Nerciat destacou neste aspecto coas obras relacionadas Le Diable au corps e Les Aphrodites. Un feito importante acerca da obra de De Nerciat é a carencia de pretensións ideolóxicas e políticas, tratándose de relatos de puro entretemento e paixón. Esta tendencia máis adiante será a seguida nos vindieros anos. A época tamén foi berce de numerosos fetiches ou desviacións sexuais. Nicolás Edme Restif de La Bretonne, por exemplo, entre as súas obras aparece o fetichismo acerca dos pés ou os zapatos, e o Conde de Mirabeau volveu facer incursión no tema da iniciación sexual de xovenciñas en The Lifted Curtain or Laura's Education.

Durante e tras a Revolución francesa imprimíronse as famosas obras do Marqués de Sade, que a miúdo foron acompañadas por ilustracións e serviron de comentario político ou filosófico para o seu autor.[23] Porén, o Marqués marcou un fito na historia da literatura erótica e é principalmente coñecido polas súas obras no xénero. Abertamente libertino, a súa oposición a toda lei e a súa particular visión do mundo valéronlle algúns anos en prisión. Precisamente durante a súa estancia en A Bastilla, comezou a escribir a que é unha das súas obras máis importantes, Les 120 journées de Sodome (Os 120 días de Sodoma (en galego))[24] onde narra como catro adiñeirados encerrados nun castelo deciden pór en práctica, abusando da súa situación, as historias máis depravadas oídas, frecuentemente unidas a unha violencia exacerbada. Non en balde, o sadismo herda o seu nome do apelido do Marqués. Outra brillante obra do Marqués é Justine, onde narra a vida de dúas irmás orfas que escollen dous camiños moi diferentes, unha acollida ao culto relixioso e a outra entregada ao vicio e a perversión. As obras de Sade tamén contribuíron en certo xeito á transformación do xénero, pasando da crítica cara á clase política cara á crítica da sociedade en xeral.

Século XIX, puritanismo inglés e apoxeo do erotismo en Centroeuropa

editar

Cara ao século XIX xorde unha nova corrente, o Romanticismo, que idealiza a dor e o sufrimento psíquico, así como o amor pasional. Esta nova corrente lidaba a miúdo coas fronteiras entre o permisible e o prohibido, aínda sen chegar á obscenidade de épocas anteriores. Gustave Flaubert, por Madame Bovary, e Charles Baudelaire, por Les Fleurs du mal (As flores do mal (en galego)), chegaron a ser axuizados. Menos controvertidas foron outras obras clásicas do período, como Cumes Torboentos, Jane Eyre ou Anna Karenina. Este subgénero concreto terminará derivando no que se coñecerá como novela rosa.[25]

Na época vitoriana en Inglaterra, ao mesmo tempo, cobraron forza os textos eróticos cunha característica relación entre mestre e servente. Na súa literatura reflíctese en obras como Exhibition of Female Flagellants, de George Cannon ou The Meny Order of St. Bridget, de James Berttram. Con todo, as obras eran máis comunmente anónimas e de data incerta, con casos como The Lustful Turk (1828), The Way of a Man with a Maid, A Weekend Visit, The Romance of Lust (1873), The Autobiography of a Flea (1887), Beatrice, Venus in India (1889), Raped on the Railway: A True Story of a Lady who was first ravished and then flagellated on the Scotch Express (1894), Flossie, A Venus of Fifteen: By one who knew this Charming Goddess and worshipped at her shrine (1897) e My Lustful Adventures.

Pero a literatura erótica máis salvaxe tamén continuou no século XIX. O autor austríaco Leopold von Sacher-Masoch fíxose un oco na historia a partes iguais polo escándalo e o éxito xerados en Francia da súa obra Venus im Pelz (1870) (A venus das peles (en galego)), na cal senta as bases do que máis adiante se terminará coñecendo como masoquismo, en honra ao seu propio apelido, consistente en ser azoutado, facerse atar e ser humillado pola parella. Autores que seguiron o seu ronsel son Richard Brohmek e Fedor Essée, sempre coa muller vista desde un punto de dista dominante e cruel, coa figura do home dominado e submiso.

A finais de século, xorde o nome do dramaturgo Arthur Schnitzler, que proclama durante varias das súas obras a supremacía do instinto sexual sobre as convencións sociais. A súa obra máis polémica foi La ronde, un ciclo de dez pezas dramáticas dun só acto, cada unha formada por unha parella de amantes, de tal forma que un dos integrantes da parella repite en dúas escenas consecutivas, nunha especie de danza de emparellamentos sexuais. A primeiros do século XX, chegaron a venderse máis de 40.000 exemplares en Alemaña, antes de que se prohibise a obra. Os intentos de representación da mesma tamén foron obxectivo de censura e prohibicións. Outra novela erótica de grande importancia en Alemaña foi Josephine Mutzenbacher, considerada como un clásico pornográfico. Publicada anonimamente, atribúese a súa creación a Felix Salten. A historia é narrada baixo o punto de vista dunha prostituta vienesa de 50 anos, que rememora as súas escapadas sexuais entre as idades de 5 e 12 anos. O libro toca case todos os posibles tabús relativos ao sexo, como a prostitución infantil, o incesto, a homosexualidade, a violación ou as orxías. Anecdoticamente, Felix Salten é o autor do clásico infantil Bambi.

Século XX e actualidade

editar

O inglés D. H. Lawrence é o autor dun dos libros máis polémicos da primeira metade do século XX, Lady Chatterley's Lover (O amante de Lady Chatterley(en galego)) (1928), que narra o descenso ao adulterio dunha muller cun servente durante a ausencia do seu marido, destinado na primeira guerra mundial. Na obra descríbense detalladamente as relacións sexuais dos amantes, as cales simbolizan e glorifican a forza do amor, que non entende de barreiras sociais clasistas. Así mesmo, a obra foi tamén estudada como un texto anti-feminista, como un eloxio ao triunfo do falo.[6]

En España, un soado e exitoso escritor de novelas eróticas foi El Caballero Audaz. Apareceu vinculado a unha corrente de novela erótica de principios de século e logrou en vida tiradas millonarias, ao momento que, case cen anos despois, non hai problema para atopar exemplares no mercado do libro usado.

Outro autor controvertido de inicios de século é Henry Miller, coas súas obras Tropic of Cancer (Trópico de Cáncer (en galego)) (1934) e Tropic of Capricorn (Trópico de Capricornio (en galego)) (1938), prohibidas en múltiples países.[26] Miller encumbra a pornografía (entendida desde o seu significado grego orixinal, como a relación coas prostitutas), describíndoa como unha nova relixión. Emmanuelle Arsan, autor de Emmanuelle, e Dominique Aury, autora de Histoire d'O (Historia de O)(en galego), tamén inciden na mesma ensalzación do mundo da prostitución.[6]

Georges Bataille, co libro titulado Histoire de l'œil (A historia do ollo (en galego)) (1928), publicada baixo pseudónimo, explorou as sensacións e as relacións sexuais entre dous adolescentes de tendencia exhibicionista. Durante a obra afróntanse aspectos como a morte ou a tolemia, sempre relacionados cos devenires sexuais da parella protagonista. O sexo en grupo, o erotismo dos fluídos ou a unión entre relixión e sexo son outros temas tratados na obra. Unha importante característica do libro é que incluía diversas ilustracións explícitas.[27]

Anaïs Nin foi unha das primeiras representantes da literatura erótica feminina. Coñecida polos seus diarios, que contan a súa vida detallada desde os 12 anos, Nin tocou multitude de temas eróticos nas súas obras, como o incesto, o voyeurismo e o lesbianismo.

Vladimir Nabokov é principalmente coñecido por ser o autor de Lolita (1955), unha obra que tratou o espiñento tema da relación entre unha moza menor de idade e un home maduro, obsesionado polas ninfetas (nenas sexualmente desexables de entre 9 e 14 anos).[26] A obra, calificouse de pornográfica cando se publicou en Francia, foi adaptada ao cine por Stanley Kubrick en 1962 e máis tarde por Adrian Lyne en 1997. Con todo, o impacto da novela na sociedade foi enorme, transcendendo o título do libro, considerándose como un termo ligado á pedofilia.

Outros autores significativos do século XX son Guillaume Apollinaire, Louis Aragon, Jean Genet, coñecido polos seus escritos sobre homosexualidade, Pierre Louÿs, autor da parodia Manuel de civilité pour les petites filles à l'usage des maisons d'éducation (Manual de urbanidade para nenas), a poeta surrealista Joyce Mansour, Mario Vargas Llosa, con Travesuras de la niñaa mala, de sinopse similar á Cincenta, ou J.G. Ballard, autor de Crash (1973), unha novela na que se aborda a relación entre o desexo sexual e os coches, adaptada ao cine en 1996 por David Cronenberg.

Unha das obras clave da literatura erótica da segunda metade do século XX é, sen dúbida, Histoire d'O. Publicada baixo o pseudónimo de Pauline Réage, a obra foi concibida como unha serie de cartas de amor ao seu amante Jean Paulhan, admirador do traballo do Marqués de Sade. Trátase dunha historia de absoluta submisión, onde a protagonista, é iniciada nas artes sexuais a modo de escrava, sempre dispoñible para as relacións sexuais de todo tipo. Ambientada no mundo BDSM, varios termos do mesmo proveñen do libro, como Samois.[28]

A finais do século XX e principios do XXI, os libros eróticos narrados a modo de autobiografía feminina cobran certa fama. Las edades de Lulú,[26] de Almudena Grandes, a controvertida 100 colpi di spazzola prima di andare a dormire, de Melissa Panarello, que trata a sexualidade extrema durante a adolescencia,[29] ou Diario de una ninfómana (2003), de Valérie Tasso, son algúns exemplos diso.

Literatura erótica e Internet

editar
 
A chegada das novas tecnoloxías tamén supuxo un incremento da actividade da literatura erótica.

A chegada das novas tecnoloxías tamén supuxo un incremento da actividade da literatura erótica, do mesmo xeito que noutras manifestaciónes erotizadas como a fotografía ou o cine. En Internet é fácil atopar sitios web onde se recompilan relatos eróticos escritos polos usuarios, de calidade e duración variable. O anonimato facilita a escritura e difusión de textos que poderían estar inspirados na realidade ou que simplemente satisfán a imaxinación e creatividade do narrador. Polo xeral, trátase de escritos de curta duración e forte contido sexual, moi explícito, aínda que non existe unha norma ou tendencia prefixada. Abunda a temática prohibida ou desaprobada socialmente, con textos relativos a diferentes filias e argumentos inmersos en actividades como o sexo con menores, o incesto ou a submisión.

A literatura erótica tamén é moi atopada en fanfiction onde popularmente se lle coñece como lemon.

  1. Gregorio Morais (1998). "Literatura erótica y literatura amorosa". Arquivado dende o orixinal o 23-10-2008. Consultado o 29-10-2008. (en castelán)
  2. "Tertulia Erótica Literaria: Primer capítulo. - El Diván Rojo". eldivanrojo.com (en castelán). Consultado o 2021-01-28. 
  3. "El Papiro de Turín: erotismo en el Antiguo Egipto". 25-11-2007. Consultado o 31-10-2008. (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Lo Duca, Tradución de Juan José Sebreli. "Historia del erotismo" (PDF). p. 91. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28-11-2009. Consultado o 29-10-2008. 
  5. "La liberalidad griega". Arquivado dende o orixinal o 19-09-2008. Consultado o 29-10-2008. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Carlos Ceia. "Literatura erótica" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 11-10-2008. Consultado o 29-10-2008. 
  7. Karina Sacerdote. "Catulo el desvergonzado". Arquivado dende o orixinal o 08-09-2008. Consultado o 29-10-2008. 
  8. "Paseo por la Literatura erótica". 10-10-2006. Consultado o 29-10-2008. (en castelán)
  9. Carmen Márquez (12-7-2007). "Kamasutra, el arte de amar". Arquivado dende o orixinal o 22-10-2008. Consultado o 29-10-2008. (en castelán)
  10. 10,0 10,1 "Cuentos de alcoba, erotismo, lujuria y desenfreno (2) Los manuales del sexo". 10-9-2008. Consultado o 29-10-2008. (en castelán)
  11. "Cuentos de alcoba, erotismo, lujuria y desenfreno (3) Recopilaciones de cuentos licenciosos en el medievo". 10-9-2008. Consultado o 29-10-2008. 
  12. "Definicións de amor cortés" (en castelán). Consultado o 19-06-2011. 
  13. H. Mongomery Hyde (1964) A History of Pornography: 71-2
  14. 14,0 14,1 Marilyn Chambers, John Leslie, Seymore Butts (2005). Pornography: The Secret History of Civilization (DVD). Koch Vision. ISBN 1-4172-2885-7. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2010. Consultado o 19 de xuño de 2011. 
  15. 15,0 15,1 Lawner, Lynne (ed.) (1989). I Modi: The Sixteen Pleasures: An Erotic Album of the Italian Renaissance. Northwestern University Press. ISBN 0-8101-0803-8. 
  16. 16,0 16,1 "El erotismo de antaño". Republica.com (en castelán). 2006-11-29. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2022. Consultado o 2022-12-12. 
  17. "El erotismo en el Libro del Buen Amor". 8-2-2007. Consultado o 19-06-2011. (en castelán)
  18. "Entre la lírica y lo soez... lo divertido". 4-2-2008. Consultado o 19-06-2011. (en castelán)
  19. 19,0 19,1 Beck, Marianna (decembro de 2003). Libido, The Journal of Sex and Sensibility, ed. "The Roots of Western Pornography: The French Enlightenment Takes on Sex" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2007. [Ligazón morta]
  20. Beck, Marianna (febreiro de 2003). Libido, The Journal of Sex and Sensibility, ed. "The Roots of Western Pornography: The French Revolution and the Spread of Politically-Motivated Pornography" (en inglés). Consultado o 25 de xuño de 2011. 
  21. Beck, Marianna (xaneiro de 2003). Libido, The Journal of Sex and Sensibility, ed. "The Roots of Western Pornography: England Bites Back With Fanny Hill" (en inglés). Consultado o 25 de xuño de 2011. 
  22. "Theresa, filósofa". 14-10-2008. Arquivado dende o orixinal o 04-03-2016. Consultado o 29-10-2008. 
  23. Beck, Marianna (marzo de 2003). Libido, The Journal of Sex and Sensibility, ed. "The Roots of Western Pornography: The Marquis de Sade's Twisted Parody of Life" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2007. 
  24. ,"Contos de alcoba, erotismo, luxuria e desenfreo (4) Sadismo e outras perversións". 10-9-2008. Consultado o 29-10-2008. 
  25. "Cuentos de alcoba, erotismo, lujuria y desenfreno (5) De la Novela Romántica a la Novela Rosa". 10-9-2008. Consultado o 02 de xullo de 2011. 
  26. 26,0 26,1 26,2 "Cuentos de alcoba, erotismo, lujuria y desenfreno (6) Los Tabúes y el Erotismo en el Siglo XX" (en castelán). 10-9-2008. Consultado o 3 de xullo de 2011. 
  27. Miguel Sardegna. "El punto de coincidencia de la vida y de la muerte" (en castelán). Revista Axolotl. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2009. Consultado o 3 de xullo de 2011. 
  28. "La increíble historia que fundó la literatura erótica femenina" (en castelán). 27-7-2004. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2009. Consultado o 3 de xullo de 2011. 
  29. "Melissa P. Yo, pecadora" (en castelán). 2-2-2004. Consultado o 29-10-2008. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar
  NODES
chat 2
Idea 5
idea 5
INTERN 3
todo 8